Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 8 de abril de 2013 Páx. 10265

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 1 de abril de 2013 pola que se designan os órganos desta consellería competentes para a tramitación das comunicacións previas ao exercicio de actividades de produción e xestión de residuos previstas pola Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

A Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, con carácter de lexislación básica estatal, introduciu diversas novidades e modificacións con respecto ao réxime precedente, incluíndo novas actividades relacionadas coa intermediación no mercado dos residuos, como a negociación ou a axencia xunto coa recollida, transporte e tratamento que xa se viñan englobando no concepto de xestión.

Co fin de facilitar o acceso á actividade das persoas prestadoras de servizos relacionados cos residuos e mesmo dos/as seus/súas produtores/as, a citada lei disgrega o réxime de intervención administrativa sobre as súas actividades distinguindo entre a autorización das instalacións de xestión, que corresponde outorgar á comunidade autónoma onde aquelas radiquen, e a autorización das persoas que realicen operacións de tratamento, que recae na comunidade autónoma onde a persoa teña o seu domicilio social, tendo eficacia en todo o territorio español. Por outra banda, a instalación, ampliación, modificación substancial ou traslado de industrias ou actividades que xeren residuos perigosos ou máis de 1.000 toneladas anuais de residuos non perigosos, xunto coas actividades de eliminación de residuos propios no lugar de produción ou de valorización de residuos non perigosos que poidan ser eximidas da obtención de autorización mediante orde ministerial, sométense a mera comunicación previa ao inicio da actividade dirixida ao órgano competente da comunidade autónoma onde estean situadas; e as actividades de recollida de residuos sen instalación asociada, transporte profesional de residuos, negociación ou axencia suxéitanse á comunicación previa ante o órgano competente da comunidade onde teñan a súa sede social.

A Lei 22/2011 sinala que as comunicacións e autorizacións previstas por ela terán validez en todo o territorio nacional e serán inscritas polas comunidades autónomas nos seus respectivos rexistros, e incorporaranse a un rexistro de produción e xestión de residuos compartido e único en todo o territorio nacional.

No ámbito autonómico galego, o Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos, e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, que debe considerarse vixente en todo o que non se opoña á lei básica estatal, designa a dirección xeral competente en materia de residuos como órgano competente para instruír e resolver os procedementos de concesión das autorizacións que el regula, e indica no seu artigo 12 que a concesión da autorización, así como a notificación previa realizada conforme o establecido neste, supón a inscrición de oficio no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia e o número de inscrición comunicáselle á persoa interesada. Porén, a dita disposición non determina expresamente o órgano ao cal correspondería tramitar as notificacións ou comunicacións previas que prevé e practicar a correspondente inscrición no Rexistro.

Igualmente, o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, atribúe a competencia para a tramitación das autorizacións de xestores e produtores de residuos á Subdirección Xeral de Residuos e Solos Contaminados adscrita á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, omitindo unha referencia á figura da comunicación ou notificación previa, polo que se fai necesario determinar a competencia para tramitalas e practicar a correspondente inscrición.

A disposición derradeira primeira do Decreto 174/2005, do 9 de xuño, e a correlativa do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, autorizan o conselleiro competente para ditar as disposicións necesarias para a súa aplicación e desenvolvemento. Na súa virtude e de acordo co disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. No ámbito territorial de Galicia atribúenselles ás xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a competencia para tramitar:

a) As comunicacións previas á instalación, ampliación, modificación substancial ou traslado de industrias ou actividades que produzan residuos nos termos exixidos pola Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

b) As comunicacións previas ao exercicio de actividades de recollida de residuos sen instalación asociada, transporte profesional de residuos, negociación e axencia, así como das actividades de eliminación ou valorización de residuos que poidan ser eximidas da obtención de autorización de xestión conforme o artigo 28 da dita Lei 22/2011.

2. A distribución territorial da dita competencia entre as distintas xefaturas territoriais aterase aos seguintes criterios:

a) Se o exercicio da actividade está asociado a instalacións físicas nunha única provincia galega, será competente a xefatura territorial en cuxo ámbito se sitúen as ditas instalacións.

b) No caso de que o exercicio da actividade estea asociado a varias instalacións situadas en distintas provincias galegas, ou no suposto de actividades sen instalación asociada, a competencia corresponderá á xefatura territorial en cuxo ámbito se encontre a sede social da titular.

3. Corresponderalle á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a competencia para tramitar as comunicacións previas asociadas a instalacións cando a persoa titular dispoña de varias instalacións situadas en distintas provincias galegas e teña a súa sede social fóra de Galicia.

4. A competencia atribuída nos anteriores puntos incluirá a facultade de requirir a emenda das eventuais deficiencias ou omisións que poidan presentar as comunicacións previas presentadas, así como a de acordar e practicar a correspondente inscrición no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do 15 de xuño de 2006 pola que se desenvolve o Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas