Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 8 de abril de 2013 Páx. 10268

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 56/2013, do 21 de marzo, de aprobación definitiva da modificación puntual número 15 das normas subsidiarias municipais do Concello de Vilanova de Arousa, no lugar de Currás, parroquia de Caleiro.

1. O Concello de Vilanova de Arousa remite a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. O Concello de Vilanova de Arousa dispón, na actualidade vixentes, dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente con data do 14.3.1997.

3. Consta decisión da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 11.5.2012 sobre a non necesidade de sometemento desta modificación puntual ao procedemento integrado de avaliación ambiental estratéxica.

4. Con data do 18.7.2012 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial da modificación.

5. A presente modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 23.7.2012. Foi sometida a información pública con anuncios nos xornais Diario de Arousa e Faro de Vigo do 9.10.2012, e no DOG do 6.8.2012, e notificada aos concellos limítrofes.

6. Constan informes municipais, técnico do 30.5.2012, e xurídico do 7.6.2012.

7. O Concello de Vilanova de Arousa solicitou os informes sectoriais dos seguintes organismo e entidades:

– Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, con data do 15.6.2012, sobre o outorgamento da concesión de ocupación do DPMT para a legalización de toma de auga e desaugadoiro para fábrica de conservas e mariscos. E informe do 28.9.2012 ao abeiro do establecido nos artigos 112.a) e 117.2 da Lei 22/1988, de costas.

– Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da CMATI, informe do 27.8.2012, para os efectos do artigo 117.1 da Lei de costas.

– Subministradora Espina y Delfín, informe sobre suficiencia de servizos e instalacións municipais, do 25.9.2012.

– Augas de Galicia, informe do 3.10.2012.

– Secretaría de Estado de Telecomunicacións do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, informe do 6.2.2013.

8. A modificación puntual foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno de Vilanova de Arousa o 12.12.2012.

9. A Comisión Superior de Urbanismo, na súa sesión do 6.3.2013, emitiu informe favorable sobre a modificación puntual, conforme o previsto no artigo 95.2 e 95.4 da LOUG.

10. A modificación puntual ten por obxecto reclasificar como solo urbanizable un ámbito de 12.912 m2 clasificado polas normas subsidiarias maioritariamente como solo rústico de protección de costas, e o resto como solo de núcleo rural.

11. O proxecto formúlase ao abeiro da disposición transitoria décimo terceira da LOUG, relativa a asentamentos xurdidos á marxe do planeamento, nos termos da Lei 2/2010, de medidas urxentes de modificación da LOUG, afectando o ámbito antropizado onde se atopan xa implantadas as instalacións da fábrica de Conservas Dardo.

12. Respecto da xustificación do interese público da actuación exixida no artigo 94.1 da LOUG, estímase que a implantación de usos produtivos necesarios é unha das razóns que poden fundamentar a modificación do planeamento. Neste caso, a delimitación do sector de solo urbanizable para dotación de solo industrial ao concello permitirá amparar o desenvolvemento de actividades económicas que revitalicen o tecido produtivo.

13. Respecto do cumprimento do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral, a súa aplicación á modificación puntual realízase segundo o establecido no seu artigo 97. O artigo 46 do POL indica os usos e actividades admisibles nos solos rústicos e, no seu punto 3.b), establece como admisibles os usos admitidos pola lexislación de costas para a protección, restauración e utilización do dominio público marítimo-terrestre.

Por tanto, estes usos considéranse permitidos na área de mellora ambiental e paisaxística en que se atopa o ámbito desta modificación puntual e tal e como se indica no artigo 55 do POL, sempre en atención ás determinacións da Lei 22/1988.

14. De conformidade co disposto no artigo 95.4 da LOUG, a competencia para a aprobación definitiva das modificacións de planeamento que teñan por obxecto a reclasificación de solo rústico de especial protección correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, logo de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo que, como se recolle anteriormente, foi emitido na súa sesión do 6 de marzo deste ano.

Visto canto antecede, de acordo co disposto nos artigos 85.7 e 95.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia; e no artigo 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 6.3.2013, así como por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de marzo de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias municipais de Vilanova de Arousa, no lugar de Currás, parroquia de Caleiro, para os efectos do previsto no artigo 95.2 e 95.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Disposición derradeira

Recursos: segundo o disposto no artigo 85.11 da citada Lei 9/2002, contra este decreto non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra el poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, vinte e un de marzo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas