Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 14 de maio de 2013 Páx. 15886

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 24 abril de 2013 sobre delegación de competencias da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria.

Mediante o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, establécese a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria e intégrase nela a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

A actividade administrativa da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas supón unha concentración de funcións arredor do seu titular, que exerce as relativas á planificación e ordenación mineira, ao fomento mineiro e á inspección e seguridade mineira a través da Subdirección Xeral de Recursos Minerais, segundo o artigo 37 do Decreto 324/2009.

Dado o volume desta actividade administrativa concorrente, así mesmo, con outras funcións concentradas arredor do titular da dirección xeral, faise aconsellable recorrer á delegación dalgunhas das súas funcións nas xefaturas territoriais, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe. Por isto, facendo uso das facultades que me confire o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións de xeral aplicación,

Dispoño:

Artigo 1

Delégase nas xefaturas territoriais, no seu ámbito provincial, as funcións da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas en materia de planificación e ordenación mineira relativas ao estudo, instrución e elaboración da proposta de resolución, nos procedementos de outorgamento dos dereitos mineiros, autorización das súas modificacións, transmisións, renovacións ou prórrogas e declaración da súa caducidade.

Artigo 2

As propostas de resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación de competencias conferida por esta orde farán constar expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e data da súa publicación no DOG, e consideraranse ditadas polo órgano que delega.

Artigo 3

As xefaturas territoriais darán conta trimestralmente á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e, en calquera caso, cando esta así o requira, dos expedientes tramitados conforme a presente orde de delegación de competencias.

Artigo 4

O titular da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas poderá avocar, en calquera momento, o exercicio das competencias delegadas nesta orde e non poderán ser obxecto de delegación as materias reguladas no artigo 13.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición adicional única

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditará cantas instrucións se consideren necesarias para homoxeneizar criterios de tramitación, no ámbito da presente delegación de competencias, para as catro xefaturas territoriais.

Disposición transitoria

Os expedientes administrativos iniciados e non resoltos na data de entrada en vigor desta delegación de competencias terán que ser remitidos, xunto cunha relación detallada destes, no prazo máximo dun mes contado desde esa data, á correspondente xefatura territorial (en función da provincia afectada) para continuar a súa tramitación conforme o disposto na presente orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas