Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Mércores, 22 de maio de 2013 Páx. 17790

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 3 de maio de 2013 pola que se acorda a cesión en propiedade dun surtidor de gasóleo, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Confraría de Pescadores de Lira.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, dispón que esta é o órgano da administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde desenvolver as competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións de profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión de bens mobles da comunidade autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, quedando obrigado o cesionario a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.

Por outra parte, a Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que actúan como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

O día 15 de febreiro de 2013, a Confraría de Pescadores de Lira solicitou a cesión en propiedade dun surtidor de gasóleo situado no porto pesqueiro de Lira-Carnota (A Coruña).

A referida confraría destinará o surtidor de gasóleo a fins de utilidade pública ou interese social e, de xeito especial, a prestar o servizo de subministración de carburante ás embarcacións no porto pesqueiro de Lira. Polo tanto, cómpre cederlle en propiedade o ben moble antes indicado.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29, do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade á Confraría de Pescadores de Lira dun surtidor de gasóleo para subministración de carburante a embarcacións, situado no porto pesqueiro de Lira-Carnota (A Coruña).

Identificación do ben cedido:

Fabricante: Medición y Transporte.

Marca: CETIL.

Modelo: M7-250.

Nº de serie: 107274.

Caudal máximo en l/min: 250.

Caudal mínimo en l/min: 38.

Subministración mínima en litros: 38.

Presión de funcionamento en bares: 5.

Ano de adquisición: decembro 2000.

Nº de expediente: 2000-12-1126.

Artigo 2

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, o ben cedido destinarao a entidade cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial a prestar o servizo de subministración de carburantes ás embarcacións no porto pesqueiro de Lira.

b) Coa cesión outórgaselle á Confraría de Pescadores de Lira a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Tanto se o ben cedido non se aplicase aos fins sinalados como se se descoidase ou se utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá a Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrise.

e) A entidade cesionaria realizará todos os trámites necesarios para o cambio de titularidade do ben cedido no rexistro marítimo da capitanía marítima correspondente, e serán pola súa conta todos os gastos que estes trámites orixinen.

Artigo 3

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario en quen delegue, e nela deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 4

Corresponde á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación da embarcación citada no artigo 1 ao fin para o cal é cedida. Para isto poderá adoptar cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2013

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar