Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 28 de xuño de 2013 Páx. 25264

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2013, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se convocan, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións dirixidas a familias para a adquisición de equipamentos de televisión dixital terrestre mediante recepción satelital en vivendas e edificacións situadas en zonas para revitalizar do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia para o ano 2013 (código do procedemento PR527B).

No uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2013, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións dirixidas a familias para a adquisición de equipamentos de televisión dixital terrestre mediante recepción satelital en vivendas e edificacións situadas en zonas para revitalizar do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia, de acordo coas súas bases reguladoras aprobadas mediante a Resolución do 21 de xaneiro de 2013, da Secretaría Xeral de Medios (DOG nº 19, do 28 de xaneiro).

Artigo 2. Destinatarios das subvencións

Os destinatarios das subvencións serán as familias titulares de vivendas e edificacións situadas en zonas para revitalizar do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia, de acordo co recollido no artigo 4 do anexo II das bases reguladoras das ditas axudas, aprobadas mediante Resolución do 21 de xaneiro de 2013.

Así mesmo, e segundo o sinalado no punto 2 da disposición adicional sétima da Lei 7/2009, do 3 de xullo, de medidas urxentes en materia de telecomunicacións, o servizo de televisión dixital terrestre está limitado aos cidadáns que residan en zona de sombra nas cales, unha vez concluída a transición á televisión dixital terrestre, non vaia existir cobertura do servizo de televisión dixital terrestre de ámbito estatal.

A comprobación da zona de sombra efectuarase polos mecanismos comúns á prestación deste servizo TDT-Sat e que están supervisados polos órganos competentes da Administración do Estado.

Artigo 3. Financiamento

A dotación máxima para financiar esta convocatoria no ano 2013 é de cincocentos un mil cento dez euros (501.110,00 €), con cargo á aplicación orzamentaria 04.20.461B.780.0.

Este crédito está cofinanciado nun 50 % con fondos procedentes do convenio de colaboración subscrito con data do 7 de maio de 2012, entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das actuacións incluídas nos plans de zona das súas zonas rurais.

Artigo 4. Forma de presentación e contido das solicitudes

a) Para ser beneficiario o interesado deberá presentar a súa solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que sexan seleccionadas para este réxime de axudas; a relación de entidades colaboradoras pode atoparse no enderezo da internet http://medios.xunta.es na súa epígrafe axudas; tamén pode consultarse telefonicamente no número 981 54 42 34, a través do enderezo electrónico xestión.sxm@xunta.es ou presencialmente nas dependencias da Secretaría Xeral de Medios-Edificio Administrativo San Caetano-Santiago de Compostela. As entidades colaboradoras presentarán, exclusivamente por vía telemática, o formulario de solicitude que figura como anexo IV da presente convocatoria.

Así mesmo, o solicitante deberá achegar á entidade colaboradora a documentación acreditativa da titularidade da vivenda e entregarlle debidamente asinado o anexo V, que recolle as declaracións responsables, autorizacións e consentimentos para a comprobación dos datos por parte da Secretaría Xeral de Medios.

O dito anexo V implica a autorización para comprobar a veracidade do documento nacional de identidade do interesado, salvo denegación expresa deste, nos termos previstos na Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia. Implica tamén, de ser o caso, a autorización para comprobar a veracidade dos datos do catastro ou do censo.

b) En referencia á acreditación por parte dos beneficiarios de atoparse ao día das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración Autónoma, así como coa Seguridade Social, observarase o disposto no artigo 31.7.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 11.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei, que versan sobre a exención do dito trámite no caso de axudas con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, «Transferencias de capital», destinadas a familias e institucións sen fins de lucro, cando non superen os 3.000 euros individualmente.

De acordo co exposto, no anexo V recóllese a declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

c) O representante legal da entidade presentará, para cada solicitude de axuda, a seguinte documentación:

• Anexo IV.

• Copias dixitalizadas do anexo V asinado polo beneficiario.

• Copias dixitalizadas da documentación que acredite a titularidade da vivenda.

• Copia dixitalizada do DNI do solicitante da axuda, só no caso de que o mesmo denegue a autorización á Secretaría Xeral de Medios para que efectúe a comprobación dos datos.

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Á dita sede tamén se pode acceder seleccionando o procedemento PR527B sito no enderezo da internet http://medios.xunta.es. Coa presentación da solicitude a través da sede electrónica obterase un xustificante de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

A Secretaría Xeral de Medios poderá requirir en calquera momento ás entidades colaboradoras a remisión dos formularios orixinais asinados e demais documentación presentada polos solicitantes para efectos de realizar as comprobacións que procedan.

d) Ademais, a presentación do anexo IV leva implícitas as declaracións responsables seguintes por parte da entidade colaboradora:

– Que o solicitante non dispón de cobertura do servizo público de televisión dixital terrestre mediante redes de difusión terrestres.

– Que na data da presentación da solicitude de axuda non se iniciou a execución da actuación subvencionable.

– O compromiso de custodia da documentación presentada polos solicitantes.

Artigo 5. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para que os beneficiarios presenten as solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria e permanecerá aberto ata o 30 de setembro.

No caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar por medios electrónicos a indicada circunstancia, o que levará consigo a inadmisión das solicitudes posteriores ao esgotamento do crédito.

Artigo 6. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Xestión de Medios Audiovisuais.

Revisarase a documentación presentada coa solicitude de axuda e comprobarase a súa adecuación ás bases reguladoras e á normativa de aplicación, así como as dispoñibilidades orzamentarias para atender as solicitudes.

De conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderán efectuarse ás entidades colaboradoras os oportunos requirimentos de emenda de documentación, para o que se outorgará un prazo de 10 días hábiles, coa indicación de que, se así non o fixesen, se considerará que desisten da solicitude, tras a correspondente resolución, que se lle notificará ao solicitante da axuda.

Artigo 7. Xustificación e tramitación do pagamento das axudas a través das entidades colaboradoras

A entidade colaboradora disporá do prazo de 2 meses contados desde a aprobación da solicitude de axuda para presentar a factura e demais documentación xustificativa correspondente á solicitude aprobada. En todo caso, o prazo límite de xustificación rematará o 31 de outubro de 2013, aínda que non transcorresen os dous meses desde a aprobación da solicitude.

Para o pagamento das axudas aprobadas por parte da Secretaría Xeral de Medios as entidades colaboradoras, de acordo co recollido na alínea j) do artigo 5 do anexo I e no artigo 12.c) do anexo II e das bases reguladoras, deberán presentar a seguinte documentación:

1º. Certificación da entidade colaboradora da relación de equipos de TDT-Sat instalados, indicando, para cada beneficiario:

– Código do expediente.

– Número, importe e data da factura.

– Código da solicitude de activación do receptor na plataforma TDT-Sat.

2º. Certificado asinado polo instalador de ter realizado a instalación e comprobado o correcto funcionamento por cada beneficiario.

3º. Copia da factura emitida a cada beneficiario e xustificante acreditativo do pagamento.

4º. Solicitude da entidade colaboradora do pagamento da subvención.

5º. Escrito de conformidade do beneficiario da subvención da correcta instalación do equipamento por parte da entidade colaboradora.

Artigo 8. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2013

María del Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios

missing image file
missing image file
missing image file