Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 11 de novembro de 2013 Páx. 43852

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, sobre integración no réxime estatutario de determinado persoal ao servizo das institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia.

Tras a asunción por parte da Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servizos do Instituto Nacional da Saúde no ano 1991, a Administración sanitaria galega, logo de acordo na mesa sectorial de negociación, promoveu procesos de integración voluntaria no réxime estatutario, mediante sucesivas normas, de todos os colectivos de persoal das institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia.

Entre as ditas normas cómpre destacar o Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia (desenvolvido no que se refire á integración polas ordes do 30 de maio e 23 de xullo de 1996); o Decreto 447/1996, do 26 de decembro, polo que se establecen as bases para a homologación e integración funcional do persoal transferido á Xunta de Galicia dos centros sanitarios das corporacións locais, de persoal pertencente ao Servizo Galego de Saúde con vínculo xurídico funcionarial dos corpos e escalas da Administración especial sanitaria e corpos xerais e doutro persoal con vínculo laboral fixo; o Decreto 256/2006, do 28 de decembro, polo que se regula o procedemento de xerarquización do persoal estatutario especialista de cota do Servizo Galego de Saúde, e o Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

Estes procesos de integración no réxime estatutario foron complementados, tamén co consenso da mesa sectorial, por outras medidas normativas que impulsaron a integración funcional nas unidades e servizos de atención primaria de colectivos que mantiñan antigos modelos retributivos e de prestación, coa súa conseguinte incorporación á actividade da unidade ou servizo en termos de xornada, horario e participación na actividade asistencial e prestacional.

Como fundamento destas medidas de integración figuran sucesivos mandatos do lexislador dirixidos a homoxeneizar baixo o réxime estatutario as relacións de emprego do persoal das institucións sanitarias públicas: disposición adicional quinta da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde; artigo 112 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia (anteriormente, disposición transitoria quinta da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servizo Galego de Saúde, e artigo 56 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia).

Recentemente, a normativa estatal, coas modificacións realizadas no Estatuto marco polo artigo 10 do Real decreto lei 16/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do Sistema nacional de saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións, impulsou a extinción nas institucións sanitarias das relacións de emprego funcionariais e do sistema retributivo e de prestación de cota e zona. Con esa finalidade dispón que ao longo deste ano 2013 as comunidades autónomas establezan os oportunos procedementos de integración.

Atendendo á normativa propia anteriormente relacionada, na Comunidade Autónoma de Galicia xa existen os correspondentes procedementos de integración, aplicables tanto ao persoal que presta servizos no ámbito da atención primaria da saúde como no da atención especializada.

En consecuencia, para dar cumprimento ao mandato da normativa estatal resulta suficiente con realizar unha simple remisión á normativa vixente para o persoal funcionario do ámbito da atención primaria, e proceder á apertura dun novo prazo para que o persoal con vínculo funcionarial dos centros de atención especializada opte pola súa integración consonte o réxime xa establecido no Decreto 447/1996.

Malia o dito, existe un colectivo funcionarial do ámbito da atención primaria que, como excepción, non dispón dunha oferta de integración. Trátase do persoal da clase de matronas titulares, que está afectado, xunto a outro persoal de enfermaría obstétrico-xinecolóxica, pola previsión de reestruturación contida na disposición transitoria cuarta do Decreto 200/1993. Para atender a esta peculiar situación, a presente resolución prevé un réxime transitorio cun procedemento específico para a integración do citado colectivo en prazas de matrona de área.

Respecto ás consecuencias que poden derivar para o persoal funcionario da non integración, a presente resolución acolle a interpretación realizada pola Comisión Bilateral de Cooperación Administración do Estado-Administración da Comunidade Autónoma do País Vasco (BOE do 6 de marzo), no sentido de que o persoal que non opte voluntariamente pola integración pode permanecer no seu posto, nas condicións actuais, máis alá do 31 de decembro de 2013. Desta forma permítese tamén a pervivencia, tras esa data, da modalidade retributiva e de prestación de cota e zona; modalidade esta que, ademais, figura incorporada ao noso ordenamento xurídico propio coas previsións que os sucesivos decretos de integración realizan á garantía do réxime xurídico e retributivo, a dos dereitos individuais e económicos adquiridos, do persoal non integrado.

En último termo, esta resolución, cuxo obxecto primordial é a integración no réxime estatutario de determinado persoal funcionario, constitúe o instrumento axeitado para fomentar neste momento a homoxeneización, baixo o réxime estatutario vixente, das relacións de emprego doutros colectivos de persoal das institucións sanitarias públicas, como é o caso do persoal laboral. Por iso se impulsan ofertas de integración para todos os colectivos non integrados no réxime actual, retributivo e de prestación, propio do persoal estatutario.

Así, co fin de habilitar os correspondentes procedementos de integración e homoxeneizar as relacións de emprego, esta dirección xeral, tras a súa negociación na mesa sectorial, e coa aprobación das organizacións sindicais representadas nela, dita a seguinte

RESOLUCIÓN:

1. Persoal afectado pola disposición adicional décimo sexta e a disposición transitoria terceira da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, na redacción dada polo artigo 10 do Real decreto lei 16/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do Sistema nacional de saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións.

1.1. O persoal funcionario ou estatutario fixo incluído nalgún dos colectivos relacionados na disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, poderá optar pola súa integración no réxime estatutario e no réxime retributivo regulado polo Decreto 226/1996, do 25 de abril, de conformidade co réxime e procedemento permanente de integración actualmente vixente, configurado pola propia disposición transitoria citada e polas ordes da Consellería de Sanidade do 30 de maio e do 23 de xullo de 1996.

1.2. Antes do 31 de decembro de 2013 realizarase unha nova oferta de integración no réxime estatutario dirixida ao persoal funcionario dos centros de atención especializada, consonte as bases que establece o Decreto 447/1996, do 26 de decembro.

1.3. O persoal estatutario fixo especialista de cota poderá integrarse na categoría de facultativo especialista de área de conformidade co réxime e o procedemento de integración regulados no capítulo II do Decreto 256/2006, do 28 de decembro.

1.4. Ao persoal que non opte pola integración, nos procesos previstos nos puntos anteriores, respectaráselle o réxime xurídico e retributivo e conservará os seus dereitos individuais e económicos adquiridos, e permanecerá na súa actual situación, nos termos previstos en cada caso na normativa reguladora da súa oferta de integración.

Nestes supostos e de conformidade co número 2 da disposición adicional décimo sexta da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco, na redacción dada polo artigo 10.4 do Real decreto lei 16/2012, do 20 de abril, a adscrición a órganos administrativos que non pertenzan ás institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia do persoal funcionario sanitario que non se integre no réxime estatutario, realizarase conforme os procesos de mobilidade que poidan articularse para tal fin, cando existan vacantes do mesmo corpo ou escala –ou, de ser o caso, grupo de titulación– noutras unidades administrativas.

No momento en que formalicen os mencionados procesos de mobilidade, o persoal funcionario sanitario incluído no ámbito de aplicación do artigo 10.4 do Real decreto lei 16/2012 –persoal funcionario dos servizos sanitarios locais e persoal funcionario sanitario incluído no ámbito do Decreto 447/1996, do 26 de decembro– poderá manifestar ademais a súa opción de integrarse no réxime estatutario.

2. Procedementos de integración de persoal laboral fixo.

Antes do 31 de decembro de 2013 tramitarase unha nova oferta de integración no réxime estatutario dirixida ao persoal laboral fixo dos centros de atención especializada, consonte as bases que establece o Decreto 447/1996, do 26 de decembro; así como ao persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

3. Réxime transitorio.

Mentres non se procede á reestruturación das prazas de enfermaría obstétrico-xinecolóxica, o persoal funcionario das clases de matronas titulares e o persoal do colectivo de matronas de zona poderá integrarse voluntariamente en prazas de matrona de área, de acordo co procedemento que para tales efectos se estableza.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2013

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos