Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Martes, 24 de decembro de 2013 Páx. 49666

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 18 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2014.

Galicia conta cunha moi ampla oferta gastronómica, de excepcional calidade, froito da transmisión de xeración en xeración do saber facer tradicional e da existencia dunhas materias primas de gran valor culinario.

Para a protección destes produtos típicos dun territorio e a súa promoción foron creadas as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas. Este sistema de protección, que en principio foi creado para os viños, tivo nas últimas dúas décadas un importante desenvolvemento en toda a Unión Europea, e actualmente acolle un gran repertorio de produtos de todo o ámbito alimentario.

Estes indicativos de calidade constitúen unha importante ferramenta no desenvolvemento rural por múltiples razóns. Por unha parte, delimitan unha zona concreta do territorio onde se pode producir e elaborar o produto acollido, coincidindo coa zona en que tradicionalmente se viña facendo, o que favorece que todo o valor engadido e a riqueza xerada quede nesa zona. Por outra parte, o seu recoñecemento impide que a denominación poida ser empregada por aqueles operadores que non teñen dereito ao seu uso, ademais de prestixiar e dar a coñecer a zona de produción, potenciando outras actividades económicas que se desenvolvan nese territorio.

Socialmente, as denominacións de calidade obrigan a ter unha organización de produtores e industrias que favorece o dinamismo da zona e potencia o traballo integrador de todo o sector. Por último cómpre sinalar que a través da elaboración destes produtos diferenciados e do uso dunha marca ou contramarca conxunta se poden facer viables producións que, polo seu escaso volume, doutro xeito terían moito máis difícil o acceso aos mercados.

En resumo, o establecemento dunha denominación de calidade nunha zona pode considerarse como unha oportunidade que se abre para dar viabilidade a certos tipos de producións agroalimentarias, permitindo o desenvolvemento ou a consolidación da agricultura e a agroindustria da zona e facilitando a xeración de riqueza e o dinamismo social nela.

En Galicia existen actualmente 29 denominacións de orixe e indicacións xeográficas no ámbito agroalimentario ás cales habería que engadir, como outro distintivo máis da produción agroalimentaria de calidade, as producións ecolóxicas certificadas na nosa comunidade autónoma. A importancia económica e social destas denominacións de calidade queda de manifesto tanto polo valor total da produción certificada, próximo aos 300 millóns de euros, como polo número de produtores implicados, preto de 30.000, e o de industrias, arredor de 900.

A política da Comunidade Autónoma respecto destes indicativos de calidade foi sempre de claro apoio, xa que son o baluarte da produción alimentaria galega. Por iso, no Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013 recolleuse unha medida, dentro do eixe 1 (competitividade agraria e forestal), destinada a financiar as actuacións de difusión do coñecemento destes produtos entre os consumidores.

As bases reguladoras das axudas convocadas nos dous últimos para a execución desta medida recolléronse na Orde desta consellería do 17 de febreiro de 2012 (DOG nº 39, do 24 de febreiro), e foron posteriormente modificadas pola Orde do 30 de xaneiro de 2013 (DOG nº 24, do 4 de febreiro). Ao estar próximo o inicio do exercicio orzamentario 2014, procede facer algunha modificación puntual das bases e proceder á convocatoria das axudas para o dito exercicio. Para unha maior seguridade xurídica e co fin de facilitar a comprensión da regulación aos posibles interesados, óptase por publicar unhas novas bases que unifiquen nun único texto a normativa que se vai aplicar, co cal tamén se facilita o seu manexo.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, vai conceder a Consellería do Medio Rural e do Mar para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, así como efectuar a convocatoria para o ano 2014.

CAPÍTULO I
Bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a
realización de actividades de información e promoción de produtos con calidade diferenciada para o período 2007-2013

Artigo 2. Definicións

1. Para os efectos desta orde, consideraranse agrupacións de produtores os consellos reguladores e as entidades asociativas sen ánimo de lucro en que participan produtores implicados nalgún programa de calidade diferenciada dos alimentos. No caso das ditas entidades asociativas, os seus asociados terán que ser maioritariamente produtores vinculados ao programa de calidade de que se trate e o obxecto social da entidade terá que incluír a realización de actividades relacionadas directamente coa información aos consumidores ou a promoción do produto de calidade a que se refira o programa.

2. Para os efectos desta orde, considerarase programa de calidade diferenciada dos alimentos aquel que se atope nalgún dos seguintes casos:

a) Programas comunitarios de calidade de produtos galegos establecidos en virtude dos seguintes regulamentos e disposicións:

– Denominacións de orixe protexidas (DOP), indicacións xeográficas protexidas (IXP) e especialidades tradicionais garantidas reguladas polo Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

– Produción agrícola ecolóxica, regulada polo Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello, do 28 de xuño de 2007, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos.

– Viños de calidade con denominación de orixe protexida ou indicación xeográfica protexida, regulados polo Regulamento (CE) nº 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro de 2007, polo que se crea a organización común de mercados agrícolas e se establecen as disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM), na súa redacción dada polo Regulamento (CE) nº 491/2009 do Consello, do 25 de maio de 2009.

b) As bebidas espirituosas con indicación xeográfica de acordo co Regulamento (CE) nº 110/2008 do Parlamento e do Consello, do 15 de xaneiro de 2008, relativo á designación, presentación, etiquetaxe e protección da indicación xeográfica de bebidas espirituosas, e a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de produtores que participen nalgún programa de calidade diferenciada de alimentos que se atopen nalgún dos casos recollidos no artigo 2.2 desta orde e que se refiran a produtos expresamente recollidos no PDR 2007/2013 de Galicia para a medida 133.

Artigo 4. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables as actividades das agrupacións de produtores relacionadas con actuacións de información e promoción cuxo fin sexa inducir o consumidor a adquirir produtos incluídos no marco de programas de calidade diferenciada dos alimentos.

2. As actividades a que se refire o número 1 anterior resaltarán as características ou as vantaxes específicas dos produtos en cuestión, especialmente a calidade, os métodos de produción específicos ou as estritas normas aplicadas para garantir o benestar dos animais e o respecto ao ambiente, vinculadas ao programa de calidade de que se trate, e poderán incluír a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos. Poderán consistir, en particular, na organización de feiras e exposicións e a participación nelas, así como actividades similares de relacións públicas e publicidade nos diversos medios de comunicación ou nos puntos de venda, de acordo co establecido no artigo seguinte.

3. Quedan excluídas da axuda as seguintes actuacións:

a) A promoción de marcas comerciais.

b) A promoción e publicidade fóra do mercado interior.

c) Aquelas actividades que induzan o consumidor a comprar un produto pola súa orixe particular, excepto nos casos dos produtos regulados polo réxime de calidade establecido polo Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, e os regulados polo Regulamento (CE) nº 1234/2009 do Consello, do 22 de outubro de 2007, modificado polo Regulamento (CE) nº 491/2009 do Consello, do 25 de marzo. Non obstante, poderá indicarse a orixe dun produto sempre que tal indicación quede subordinada á mensaxe principal.

d) As actividades de información e promoción subvencionadas ao abeiro do Regulamento (CE) nº 2826/2000 do Consello, do 19 de decembro de 2000, sobre accións de información e de promoción dos produtos agrícolas no mercado interior.

Artigo 5. Gastos subvencionables e contía das axudas

1. Considéranse subvencionables os gastos realizados, excluídos impostos recuperables, nas seguintes actividades:

a) Promoción.

Serán subvencionables os gastos relativos á realización e execución de campañas publicitarias nos distintos medios de comunicación e outras accións de promoción, como misións comerciais, misións comerciais inversas, catas comentadas, degustacións, presentacións públicas ou accións publicitarias nos puntos de venda.

Como requisito previo á súa realización, o material piloto informativo, promocional e publicitario deberá ser remitido á Consellería do Medio Rural e do Mar para verificar a súa adecuación á normativa comunitaria.

Cando as actividades teñan por obxecto a promoción dos produtos procedentes da agricultura ecolóxica ou de produtos amparados por unha denominación de orixe protexida (DOP), indicación xeográfica protexida (IXP) ou especialidade tradicional garantida (ETG), aparecerá o logotipo comunitario previsto nos correspondentes regulamentos europeos en todo o material informativo, promocional ou publicitario.

Nas actuacións realizadas, os produtos alimenticios elaborados polos integrantes da agrupación empregados nas campañas de promoción poderán ser considerados como parte da achega ao gasto correspondente ao solicitante, valorándose a prezos de orixe.

b) Feiras e exposicións.

b.1) Poderá subvencionarse a participación en feiras e exposicións do sector agrario e agroalimentario.

Cando un beneficiario pretenda solicitar axuda para asistir a distintos eventos, poderá acumulalos todos nun único expediente pero deberá presentar, xunto coa solicitude, unha memoria explicativa e un orzamento pormenorizado relativo a cada unha das feiras ou exposicións a que se refire o expediente. Terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a gastos de instalación do posto (alugamento de espazo e mobiliario, decoración, seguros etc.), traslado de produtos, actividades e material de promoción complementarios e gastos de contratación dun máximo de dous empregados para a atención do posto ou, de ser o caso, os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención dun máximo de dúas persoas por entidade solicitante. Neste último caso, a cantidade máxima subvencionada será:

– Aloxamento: importe da factura, ata un máximo de 120 €/día no territorio peninsular e 180 €/día fóra do territorio peninsular.

– Manutención: 75 €/día no territorio peninsular e 90 €/día fóra do territorio peninsular.

– Uso de vehículo particular: 0,24 € por quilómetro percorrido.

b.2) Organización.

Será tamén subvencionable a organización de feiras e exposicións relativas a produtos incluídos nalgún programa de calidade diferenciada dos alimentos.

c) Estudos e outras accións de divulgación.

Serán subvencionables os estudos de mercado relacionados directamente con campañas de promoción e os de avaliación do impacto destas sobre os consumidores e sobre a comercialización dos produtos incluídos en programas de calidade diferenciada dos alimentos.

Poderase subvencionar tamén a organización de xornadas técnicas, seminarios e congresos que teñan por obxectivo a divulgación de coñecementos científicos e técnicos sobre eses produtos entre os consumidores.

2. As axudas poderán chegar ata o 70 % do gasto subvencionable. Sen prexuízo do anterior, as axudas máximas serán as seguintes:

– Para o conxunto das accións encadradas na alínea a) Promoción, a axuda máxima será de 400.000 euros por beneficiario e ano.

– Para cada unha das accións encadradas na letra b.1) Asistencia a feiras, a axuda máxima será de 10.000 euros cando se trate dun evento realizado no territorio da Comunidade Autónoma, de 20.000 euros no resto do territorio peninsular e de 30.000 euros no caso de ser fóra do territorio peninsular.

– Para as accións encadradas na alínea b.2) Organización de feiras, a axuda non superará os 30.000 euros por acción.

– Para as accións encadradas na alínea c) Estudos e outras accións divulgativas, a axuda non superará os 18.000 euros por acción.

3. Os límites máximos de gasto subvencionable establecidos na alínea b) do número 1 deste artigo para os gastos de aloxamento, manutención e desprazamento con vehículo particular no caso de asistencia a feiras serán aplicables tamén aos gastos desta natureza que se inclúan nas restantes actuacións que esta liña de axuda abrangue.

4. De acordo co previsto no número 16 do artigo 3 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), poderán ter a consideración de subvencionables aqueles gastos anteriores á solicitude que se fixesen en concepto de adianto ou reserva para a participación nunha determinada feira ou exposición, sempre que a efectiva participación sexa con posterioridade á solicitude da axuda.

Artigo 6. Criterios de valoración

1. Na resolución das solicitudes presentadas teranse en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:

a) Peso relativo da agrupación solicitante no sector do produto de calidade de que se trate (20 puntos).

b) Incidencia potencial da actuación na comercialización do produto (10 puntos).

c) Relación custo/beneficio da actuación (10 puntos).

d) Axuste das actuacións ás demandas do mercado (10 puntos).

2. A porcentaxe de axuda que se concederá a cada expediente en función dos puntos obtidos na valoración é a que se recolle na seguinte táboa:

Equivalencia % axuda coa puntuación de acordo cos criterios de valoración do artigo 6:

Puntos

% axuda

0-15

0

16-20

50

21-30

60

>30

70

3. Se, logo de aplicados os criterios do número 1, existe empate, resolverase atendendo ás solicitudes que obteñan maior puntuación no criterio de valoración a) e, de persistir o empate, teranse en conta as puntuacións dos criterios b), c) e d) sucesivamente.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse en formulario dirixido á Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, de acordo co modelo que figura no anexo I que vai con esta orde, acompañado da documentación complementaria que se indica no número 3 deste artigo. Deberase presentar un formulario de solicitude por cada actuación que se pretenda acoller a este réxime de axudas, coa excepción prevista no artigo 5.1, alínea b.1), desta orde, relativa á participación en feiras e exposicións.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por Correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. Como documentación complementaria ao formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do obxecto do investimento, que recolla os seguintes aspectos:

– Descrición detallada das actuacións que se van desenvolver: descrición de cada unha das actividades previstas que vai a realizar o solicitante. Detallaranse e describiranse ao máximo todas e cada unha das actividades.

– Avaliación económica das súas vantaxes.

– Relación de efectivos humanos e medios materiais de que se dispón.

– Plan cronolóxico dos traballos.

b) Orzamento pormenorizado dos gastos previstos.

c) Copia do NIF do solicitante.

d) No caso de entidades asociativas, copia dos estatutos e documentación acreditativa de non ter ánimo de lucro.

e) No caso das entidades asociativas, listaxe de inscritos e certificado emitido polo secretario no cal se indique que estes participan nalgún dos programas de calidade diferenciada dos alimentos enumerados no artigo 2 desta orde.

Non será necesaria a documentación que se indica nas alíneas c), d) e e), se se xustifica que está en poder da Administración.

Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.

5. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

Para estes efectos, a presentación da solicitude de axuda supón a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Porén, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón os certificados nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 8. Instrución e resolución

1. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria a instrución do procedemento, para o cal poderá solicitar do peticionario calquera documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. O exame e a valoración das solicitudes levaraos a cabo unha comisión de valoración constituída da seguinte maneira:

Presidente: o subdirector xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria.

Vogais: dous funcionarios do Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria.

Secretario: un funcionario do dito servizo, que actuará con voz e voto.

3. A comisión de valoración, aplicando os criterios establecidos no artigo 6 desta orde, examinará as solicitudes presentadas e emitirá un informe no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada. De acordo co dito informe, a Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria elaborará a proposta de resolución e elevaraa ao órgano competente para resolver. A proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda, a contía desta e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

4. As solicitudes serán resoltas pola persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

5. A resolución de concesión indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente, indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos realizados, que será polo menos posterior en dez días á finalización da realización da actividade subvencionada segundo o calendario presentado e, en calquera caso, anterior á data límite do 10 de setembro no que se refire á anualidade do ano corrente e do 28 de febreiro para a anualidade seguinte.

Artigo 9. Tramitación do pagamento das axudas

1. Executados os investimentos, o beneficiario presentará, preferentemente nos servizos centrais ou nas xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar, e sempre destinada á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, en Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

a) Xustificantes dos gastos efectuados: facturas, cunha relación numerada delas, así como a documentación orixinal que acredite o seu pagamento. As facturas presentaranse en orixinal e marcaranse cun selo no cal se indique a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención; neste último caso indicarase a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

b) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas, para os mesmos gastos, conforme o modelo do anexo II desta orde.

c) Ademais, e xunto coa documentación relacionada nas anteriores epígrafes, os solicitantes deberán presentar con carácter xeral:

c.1) No caso de campañas de publicidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes da campaña (carteis, folletos, anuncios etc.) así como unha memoria explicativa do seu desenvolvemento, na cal se indiquen cales foron os medios finalmente empregados.

c.2) No caso de participación en feiras ou exposicións ou da súa organización: unha memoria explicativa en que se indiquen os medios materiais e humanos empregados e a especificación dos gastos realizados e a súa vinculación co evento, así como unha valoración do seu desenvolvemento.

c.3) No caso de xornadas técnicas, seminarios e congresos: unha memoria en que se inclúa un resumo dos temas expostos e das conclusións obtidas.

c.4) No caso de estudos: unha copia destes.

2. A xustificación económica dos gastos e pagamentos por entrega de bens e prestacións de servizos axustarase ao establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sen prexuízo do anterior, só se admitirá, con carácter excepcional, a xustificación do pagamento das facturas en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, sexa inferior a 1.000 euros, IVE incluído. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e cuñada polo provedor, na cal se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pagamento empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pago. Esta certificación acompañará a factura preceptiva. Porén, para gastos de escasa contía que non superen os 300 euros, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor na cal figure a expresión «recibín en metálico».

3. De acordo co previsto no artigo 27 da Lei de 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios poderán subcontratar totalmente a realización das actividades subvencionadas. Segundo o indicado no número 3 do dito artigo, cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida á subscrición por escrito dun contrato, que deberá ser autorizado previamente pola Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes. Para estes efectos, o interesado fará chegar á dita secretaría xeral unha solicitude de autorización xunto co borrador do contrato.

No caso de subcontratación, cumpriranse ademais os restantes requisitos establecidos no citado artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e en particular o relativo ás prohibicións establecidas no número 7.

4. Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda, con excepción dos relativos a aloxamento, manutención e desprazamento con vehículo propio, deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Non se considerarán subvencionables os conceptos incluídos na solicitude de axuda dos cales non se acredite o cumprimento deste requisito.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

5. De acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderanse efectuar pagamentos á conta a medida que o beneficiario xustifique a realización das accións subvencionadas. Estes pagamentos non superarán o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as cales lle foi concedida. Ademais, de acordo co recollido no número 4 do artigo 67 do citado decreto, exonéranse os beneficiarios da constitución de garantía logo da autorización do Consello da Xunta.

Sen prexuízo do anterior, de acordo co establecido na alínea b.1) do número 1 do artigo 5, relativa á participación en feiras e exposicións, os interesados poderán incluír nun único expediente de solicitude de axuda as accións correspondentes a varios eventos diferentes. Neste caso, na resolución de concesión poderase indicar que se trata de accións independentes, polo que a tramitación do seu pagamento poderá facerse tamén de xeito independente, sen que os pagamentos teñan a consideración de pagamentos á conta.

Artigo 10. Seguimento e control

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido sempre e cando non se alteren esencialmente a natureza e os obxectivos da axuda aprobada e non se produzan danos en dereitos de terceiros.

A dita solicitude de modificación deberá ser presentada antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade.

3. No caso de que na xustificación dos gastos realizados o importe xustificado sexa inferior ao aprobado, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente, sempre que non se alteren os obxectivos iniciais.

4. A Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o seguimento e control das axudas concedidas. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular, da Consellería do Medio Rural e do Mar, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, Tribunal de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

5. Seralles de aplicación ás axudas previstas nesta orde o referido a controis sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusións regulados no Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

6. Conforme o disposto no artigo 75.1.c) do Regulamento (CE) nº 1698/2005, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.

Artigo 11. Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario, existirá un incumprimento en que se aplicarán os seguintes criterios:

– Cando o beneficiario non realice nin xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda, existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

– Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas, sen prexuízo da aplicación do establecido no artigo 30 do Regulamento (UE) 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde e dos xuros de demora correspondentes, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente. Para estes efectos, os xuros de demora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

3. Sen prexuízo do establecido no número anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Cumprimento da normativa comunitaria sobre axudas públicas

As axudas reguladas por esta orde ampáranse no disposto no Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); no Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, e no Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polos que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005; no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Artigo 13. Compatibilidade

1. Estas axudas son compatibles ata unha intensidade do 70 % do gasto subvencionable con calquera outra para o mesmo fin que non teña financiamento total ou parcial do Feader ou doutros fondos da Unión Europea. Non son compatibles, porén, coas axudas reguladas polo Regulamento (CE) nº 2826/2000 do Consello, do 19 de decembro de 2000, sobre accións de información e de promoción dos produtos agrícolas no mercado interior.

2. O beneficiario ten a obriga de comunicar de inmediato ao órgano concedente calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

Artigo 14. Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader

1. As axudas que recolle esta orde están cofinanciadas con fondos da Unión Europea, a través do Feader, cunha participación do 75 %. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural e do Mar farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

2. Conforme o carácter público do financiamento da actividade subvencionada, o beneficiario estará obrigado a dar a adecuada publicidade desta circunstancia, para o cal adoptará as medidas que, en cumprimento da normativa comunitaria, se especificarán na resolución de concesión.

3. Na resolución da concesión da axuda relacionaranse, de ser o caso, as obrigas de difusión e publicidade que asume o beneficiario ao ser receptor da subvención, e en particular:

a) A procedencia do financiamento dos fondos, indicando que as accións se subvencionan en virtude dun programa cofinanciado polo Feader incluído dentro do eixe 1 Aumento da competitividade do sector agrario e forestal, medida 133 Apoio ás agrupacións de produtores en materia de desenvolvemento de actividades de información e promoción de produtos no marco de programas relativos á calidade dos alimentos, do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013 .

b) A advertencia de que os seus datos persoais serán obxecto das publicacións legalmente establecidas.

c) Os medios publicitarios que cabe adoptar, de ser o caso, para facer visible ante o público a orixe do financiamento da axuda.

Artigo 15. Réxime de recursos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición, perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben poderá ser impugnada directamente, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución é expresa.

CAPÍTULO II
Convocatoria 2014

Artigo 16. Convocatoria

Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo primeiro desta orde, as axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, para o exercicio orzamentario 2014. Nesta convocatoria poderanse atender accións de información e promoción que se realicen durante o ano 2014 e tamén aquelas que se inicien no dito ano e que finalicen, como máis tarde, o 31 de xaneiro de 2015. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 17. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 18. Financiamento das axudas

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo á partida orzamentaria 12.20.713D.781.0, código de proxecto 2011 00715, por un importe dun millón oitocentos un mil setecentos setenta e seis euros (1.801.776 €) para a anualidade 2014, e oitocentos mil euros (800.000 €) para a anualidade 2015.

2. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2014, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, e en trámite parlamentario actualmente.

3. Os importes establecidos nesta orde poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira. Publicación e tratamento de datos

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición adicional segunda. Réxime xurídico

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto no Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); no Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, e no Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polos que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005; no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase o secretario xeral de Medio Rural e Montes para aprobar as instrucións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Efectos

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file