Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 31 de decembro de 2013 Páx. 53201

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 18 de decembro de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se publica a Resolución do 9 de decembro de 2013 que actualiza trece (13) autorizacións ambientais integradas, de conformidade co disposto na Lei 5/2013, do 11 de xuño, pola que se modifican a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

De conformidade coa disposición transitoria primeira da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, o órgano competente para o outorgamento das autorizacións ambientais integradas realizará as actuacións necesarias para a actualización das autorizacións para a súa adecuación á Directiva 2010/75/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de novembro, sobre emisións industriais, con anterioridade ao 7 de xaneiro de 2014; procederá á publicación delas no boletín oficial correspondente e deixará constancia da súa adaptación á Directiva 2010/75/CE, do 24 de novembro.

Atendendo ao anteriormente exposto, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve publicar a seguinte resolución de actualización que afecta trece (13) autorizacións ambientais integradas.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2013

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

Resolución do 9 de decembro de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se actualizan trece (13) autorizacións ambientais integradas, de conformidade co disposto na Lei 5/2013, do 11 de xuño, pola que se modifican a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

Antecedentes de feito:

Primeiro. As instalacións referidas no anexo I desta resolución contan con autorización ambiental integrada.

Segundo. O 12.6.2013 foi publicada no Boletín Oficial del Estado (núm. 140) a Lei 5/2013, do 11 de xuño, pola que se modifican a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

Terceiro. Esta lei incorpora diferentes medidas, entre outras, a obriga de actualizar, antes do 7 de xaneiro de 2014, aquelas autorizacións ambientais integradas que no momento da entrada en vigor da norma non conteñan as prescricións explícitas recollidas nesa lei.

Cuarto. De acordo co punto 2 da disposición transitoria primeira da Lei 16/2002, do 1 de xullo, considéranse actualizadas as autorizacións ambientais integradas actualmente en vigor que conteñan prescricións explícitas relativas a:

– Incidentes e accidentes.

– Incumprimento das condicións das autorizacións ambientais integradas.

– No caso de xeración de residuos, a aplicación da xerarquía de residuos establecida no artigo 4.1.b).

– Se é o caso, o informe mencionado no artigo 12.1.f) desta lei, que deberá ser tido en conta para o peche da instalación.

– As medidas que se tomarán en condicións de funcionamento diferentes ás normais.

– De ser o caso, os requisitos de control sobre solo e augas subterráneas.

– Cando se trate dunha instalación de incineración ou coincineración:

• Os residuos que trate a instalación relacionados segundo a lista europea de residuos.

• Os valores límite de emisión que regulamentariamente se determinen para este tipo de instalacións.

Quinto. Co obxecto de lle dar cumprimento á alínea f) do número 1 do artigo 12, procedeuse a realizar unha análise tanto do contido das autorizacións ambientais integradas como de toda a información dispoñible en materia de solos e augas subterráneas en relación con esas instalacións, e considérase que esta é suficiente.

Sexto. Por outra banda, unha vez revisado o contido das autorizacións ambientais integradas, conclúese que procede incorporarlles as condicións que se recollen no anexo II desta resolución.

Sétimo. Así mesmo, procede darlle cumprimento ao disposto no artigo 1.19 da Lei 5/2013, do 11 de xuño, que elimina o antigo artigo 25 dedicado á renovación da autorización ambiental integrada.

Oitavo. De conformidade co artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, notificóuselle aos titulares o contido da proposta da presente resolución para que puidesen presentar os documentos e xustificacións que considerasen pertinentes no prazo establecido. Os titulares non formularon alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A disposición transitoria primeira da Lei 5/2013, do 11 de xuño, pola que se modifican a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, e a Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, establece que o órgano competente para o outorgamento das autorizacións ambientais integradas levará a cabo as actuacións necesarias para actualización das autorizacións para a súa adecuación á Directiva 2010/75/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de novembro, sobre emisións industriais, con anterioridade ao 7 de xaneiro de 2014.

Segundo. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental é o órgano competente para a tramitación e o seguimento das autorizacións ambientais integradas, de conformidade co disposto no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Habida conta do anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Actualizar as autorizacións ambientais integradas relacionadas no anexo I incorporándolles as condicións recollidas no anexo II desta resolución. No caso de producirse contradición co contido da autorización ambiental integrada, prevalecerá o disposto no devandito anexo II.

As condicións desta autorización revisaranse nun prazo de catro (4) anos a partir da publicación das conclusións relativas ás mellores técnicas dispoñibles, en canto á súa principal actividade e, no seu defecto, cando os avances nas mellores técnicas dispoñibles permitan unha redución significativa das emisións, salvo que se produzan antes do prazo indicado modificacións substanciais que obriguen a súa modificación ou que se incorra nalgún dos supostos de revisión de oficio recollidos no artigo 25 da Lei 16/2002, do 1 de xullo.

Segundo. Eliminar os puntos da resolución referentes ao prazo de vixencia e ás condicións de revisión de oficio das resolución de autorización ambiental integrada das instalacións referidas no anexo I.

As referencias ao articulado da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, na súa anterior versión, enténdense adaptadas ao actual articulado da dita lei.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2013. Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

1. Unidade de produción térmica e vertedoiro de residuos non perigosos localizados no termo municipal das Pontes de García Rodríguez, provincia da Coruña, con número de rexistro 2005/0479_AIA/IPPC_025, a favor de Endesa Generación, S.A.

2. Vertedoiro de residuos non perigosos derivado da mellora do Plan de restauración do espazo natural Canteira Miramontes, no termo municipal de Santiago de Compostela, provincia da Coruña, con número de rexistro 2006/0104_AIA/IPPC_030, a favor Edafología y Restauración del Entorno Gallego, S.L. (Eyrega).

3. Centro de tratamento de residuos industriais (CTRIG) no termo municipal das Somozas, provincia da Coruña, con número de rexistro 2006/0261_NAA/IPPC_052, a favor de Sociedad Gallega de Residuos Industriales, S.A. (Sogarisa).

4. Depósito de residuos non perigosos no polígono empresarial das Pedrerías, no termo municipal da Rúa, provincia de Ourense, con número de rexistro 2007/0236_AIA/IPPC_132, a favor do Concello da Rúa.

5. Complexo xestor de residuos inertes e non perigosos no termo municipal das Somozas, provincia da Coruña, con número de rexistro 2006/0156_NAA/IPPC_164, a favor de Xilo Galicia, S.L. (Xiloga).

6. Complexo ambiental de tratamento de residuos sólidos e asimilables a urbanos da Mancomunidade de Concellos Serra da Barbanza, no termo municipal de Lousame, provincia da Coruña, con número de rexistro 2006/0116_NAA/IPPC_177, a favor de Fomento de Construcciones y Contratas, S.A. (FCC).

7. Planta de tratamento e vertedoiro de residuos de construción e demolición en Nostián, no termo municipal da Coruña, provincia da Coruña, con número de rexistro 2006/0161_NAA/IPPC_174, a favor de Contenedores de La Coruña, S.L.

8. Vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa e do Complexo Ambiental de Cerceda, no termo municipal de Cerceda, provincia da Coruña, con número de rexistro 2006/0327_AIA/IPPC_179, a favor de Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama).

9. Vertedoiro de residuos de construción e demolición e non perigosos no lugar de Murada no termo municipal de Forcarei, provincia de Pontevedra, con número de rexistro 2008/0105_AIA/IPPC_204, a favor da UTE Cota 17-Alquiler MYC Norte-Sur, S.L.

10. Depósito de residuos de construción e demolición no termo municipal de Silleda, provincia de Pontevedra, con número de rexistro 2007/0008_NAA/IPPC_217, a favor de Explotación Minera de Campomarzo, S.A.

11. Vertedoiro de residuos non perigosos de Camposa Gallosa, no termo municipal de Cerceda, provincia da Coruña, con número de rexistro 2008/0266_AIA/IPPC_229, a favor de Recoge Galicia de Gestión, S.L.

12. Instalacións de xestión de residuos non perigosos, no termo municipal de Cerceda, provincia da Coruña, con número de rexistro 2006/0346_AIA/IPPC_231, a favor de Daorje Medioambiente, S.A.U.

13. Planta de tratamento e vertedoiro de residuos de construción e demolición na comarca da Limia, no termo municipal de Xinzo de Limia, provincia de Ourense, con número de rexistro 2010-IPPC-1023-256, a favor da Deputación Provincial de Ourense.

ANEXO II

Incidentes e accidentes:

– O titular procederá inmediatamente á determinación da orixe do problema e adoptará as medidas necesarias para que quede garantida a protección do ambiente e a saúde das persoas ante calquera incidente ou accidente que se produza na instalación. Dentro destas medidas considerarase, no caso de ser necesario, a suspensión da actividade.

– Se esta situación deriva nun incumprimento das condicións impostas na autorización ambiental integrada e/ou puider ter repercusións sobre a saúde das persoas ou o ambiente, o titular procederá a comunicala á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e ao órgano de bacía (neste último caso se o incidente/accidente puider afectar o dominio público), sen menoscabo das comunicacións que deban realizarse a outros organismos afectados.

– No prazo máximo de sete (7) días tras a comunicación, o titular deberá remitirlles aos referidos órganos un informe en que figuren como mínimo:

• As causas do incidente.

• A hora en que se produciu e a súa duración.

• As características das emisións producidas, no caso de existiren.

• As medidas adoptadas tanto para corrixir a situación como para prever novos incidentes.

• A hora e a forma en que se comunicou o suceso aos distintos organismos.

Incumprimento das condicións das autorizacións ambientais integradas:

– O incumprimento das condicións recollidas nesta resolución suporá a adopción das medidas de disciplina ambiental recollidas no título IV da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, sen prexuízo do establecido na lexislación sectorial, que seguirá sendo aplicable.

Aplicación da xerarquía de residuos establecida no artigo 8 da Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados:

– Priorizarase en todo momento a prevención na xeración de residuos, así como a preparación para a súa reutilización e reciclaxe. No caso de xeración de residuos cuxa reutilización ou reciclaxe non sexa posible, estes destinaranse a outro tipo de valorización, evitando a súa eliminación sempre que sexa posible.

Condicións de funcionamento diferentes das normais:

– En caso de fugas e fallos de funcionamento na instalación, observarase o disposto na epígrafe de incidentes e accidentes deste anexo.

– A instalación deberá determinar cales son os seus períodos de arranque e parada. Contará ademais cun rexistro (físico ou dixital), adecuadamente protexido contra danos ou contra modificacións non autorizadas e á disposición da Administración, no cal se anotarán:

• Os criterios técnicos e/ou os parámetros en que se basea a determinación destes períodos.

• A data e a súa duración.

– O titular deberá comunicarlle á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental calquera parada temporal da actividade que poida afectar o cumprimento normal das condicións establecidas ao longo desta resolución. Así mesmo deberá comunicar, no momento de producirse, o seu reinicio.

Condicións para o cesamento definitivo da actividade:

– Antes do inicio, ben de calquera acción de adecuación do recinto industrial ou ben do seu desmantelamento, o titular deberá comunicar o cesamento da actividade e informar da data prevista para o peche.

A citada comunicación deberá vir acompañada dunha memoria na cal se especifiquen as actuacións que o titular vai levar a cabo en relación co cesamento da actividade e de cara a evitar calquera risco de contaminación. Concretamente, en relación coa protección do solo e das augas subterráneas, observarase o disposto no artigo 22 bis da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, tendo en conta se a instalación dispón de informe base ou non.

– Esta memoria será obxecto de avaliación por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e cumprirá un informe favorable para a súa execución.

– De concluírse que existe un risco para a saúde humana ou o ambiente, tomaranse as medidas necesarias destinadas a retirar, controlar, conter ou reducir as substancias perigosas relevantes, para que, tendo en conta o uso actual ou futuro do lugar, non se cree o dito risco.

– No caso do cesamento definitivo da actividade de eliminación en vertedoiro, ese titular terá que proceder á clausura del segundo o disposto na epígrafe de clausura do vertedoiro, incluída dentro da autorización ambiental integrada.