Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Martes, 4 de marzo de 2014 Páx. 9253

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Fundación Formación e Emprego de Galicia (Forem Galicia).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Fundación Formación e Emprego de Galicia (Forem Galicia) (código 82000432011996), que se subscribiu con data do 9 de xaneiro de 2014 entre a representación empresarial e a representación dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

Acorda:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG número 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2014

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social

ANEXO
Convenio colectivo da Fundación Formación e Emprego de Galicia
(Forem Galicia) 2013-2016

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Ámbito territorial e funcional

Os acordos contidos neste convenio colectivo terán forza normativa e serán aplicables a todos os centros de traballo establecidos ou que estableza a Fundación Formación e Emprego de Galicia (Forem Galicia) ou, no seu nome, para o desenvolvemento das funcións profesionais de programación, avaliación, formación, xestión, administración e servizos xerais.

Queda excluído o persoal voluntario integrado na Forem Galicia para a realización de actividades profesionais, o cal se rexerá polas súas condicións de incorporación, que serán obxecto de regulación xeral no acordo específico da comisión de interpretación, vixilancia e estudo (CIVE) presente no convenio. Só poderán ser retribuídos polos gastos ocasionados no desenvolvemento da actividade.

Artigo 2. Ámbito persoal

Este convenio será aplicable a todos os traballadores e traballadoras vinculados á Fundación por un contrato de traballo.

Queda excluído do disposto no parágrafo anterior o persoal directivo que, pola relación de confianza e provisto de poderes, asuma a responsabilidade executiva da Fundación, dirixa e coordine o traballo ao seu cargo no ámbito de Galicia.

Artigo 3. Normativa aplicable e supletoria

Todas as materias que son obxecto de regulación neste convenio substitúen as disposicións pactadas con anterioridade. No non previsto, aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais normas legais e regulamentarias que conformen a lexislación vixente, sen que en ningún caso ningún traballador ou traballadora poida verse prexudicado.

Non obstante, todos aqueles conceptos retributivos que se viñesen percibindo e que non aparezan recollidos neste convenio respectaranse nos termos establecidos nos contratos.

Artigo 4. Vixencia e duración

Este convenio colectivo estende a súa vixencia desde o día 1 de xaneiro de 2013 ata o 31 de decembro de 2016, e prorrogarase nos termos do artigo seguinte.

Artigo 5. Prórroga, denuncia e revisión

Este convenio prorrogarase no momento do seu vencemento en todos os seus termos por períodos anuais, no caso de que non medie denuncia neste prazo de tempo.

Calquera das partes poderá denunciar o convenio cun mínimo de 30 días naturais de anticipación ao seu final; nesta denuncia fixarase a data de inicio de renegociación do novo convenio.

Aínda que exista denuncia por algunha das partes, ata a entrada en vigor do novo convenio seguirá vixente o anterior en todos os aspectos.

Artigo 6. Vinculación á totalidade

As condicións pactadas constitúen un todo orgánico e indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

Artigo 7. Comisión de interpretación, vixilancia e estudo do convenio (CIVE)

Constitúese unha comisión paritaria composta por representantes da Dirección da Fundación e por representantes dos traballadores e traballadoras da Fundación designados pola representación legal de cada unha das partes asinantes, para resolver as cuestións que deriven da interpretación ou aplicación deste convenio.

Xuntarase cada 6 meses obrigatoriamente ou a pedimento de calquera das partes mediante convocatoria expresa comunicada cun mínimo de dez días de anticipación.

Os acordos que adopte a comisión terán forza vinculante para ambas as partes. A Fundación vincúlase ao AGA (Acordo para a resolución extraxudicial de conflitos) para as diferenzas de interpretación que a comisión, eventualmente, non puider resolver.

Durante a vixencia deste convenio, a CIVE encargarase da creación de tres comisións de traballo: unha comisión paritaria de igualdade para o desenvolvemento e posta en marcha dun plan de igualdade, coa finalidade de prestar especial atención á prevención e corrección das posibles desigualdades no ámbito específico das relacións laborais; unha comisión paritaria para o estudo da aplicación do teletraballo na Fundación e unha comisión para o estudo e aprobación do sistema retributivo.

A Fundación promove o dereito á conciliación da vida persoal, familiar e laboral (coa aplicación da LO 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, así como as normativas de aplicación), e comprométese a fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes na asunción de obrigas familiares.

Capítulo II
Clasificación profesional

Artigo 8. Clasificación profesional

Os traballadores e traballadoras afectados polo presente convenio serán clasificados en atención ás súas aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación.

A clasificación realizarase en grupos profesionais, por interpretación e aplicación dos factores de valoración e polas tarefas e funcións básicas máis representativas que desenvolvan.

Os traballadores e traballadoras estarán adscritos a un dos distintos grupos profesionais encadrados dentro dunha das distintas áreas profesionais. En ningún caso a división dos grupos profesionais en áreas funcionais suporá un obstáculo á mobilidade funcional.

Os grupos profesionais corresponderanse cun ou con varios postos de traballo, que se definirán funcional e economicamente e respectarán sempre os mínimos establecidos por grupos e niveis de acordo co establecido no anexo I deste convenio:

Grupos profesionais

Postos de traballo

Grupo III: persoal formador

Formadores

Grupo II: persoal de apoio

Nivel 1: administrativos e oficiais de almacén

Nivel 2: persoal auxiliar

Grupo I: persoal técnico

Nivel 1: técnicos

Nivel 2: responsables de centro

Capítulo III
Contratación

Artigo 9. Tipos de contratación

Entenderase por cadro de traballadores e traballadoras da Fundación o conxunto de postos de traballo necesarios para o desenvolvemento das funcións de xestión técnica e administrativa dos proxectos da Fundación que poidan considerarse estables.

Cando se asinen contratos de duración determinada baixo a supervisión da representación dos traballadores e traballadoras, realizaranse atendendo aos seguintes criterios:

1. Cando se trate de substituír os traballadores e traballadoras con dereito a reserva do posto de traballo, sempre que no novo contrato se especifique o nome da persoa substituída e a causa da substitución.

2. As baixas e/ou postos de nova creación serán cubertos atendendo aos criterios expostos nos artigos 14, 15 e 16 deste convenio colectivo. A necesidade de cobertura de baixas de persoal de estrutura superior a 1 mes será valorada pola CIVE.

Durante a vixencia deste convenio, a utilización das formas de contratación previstas no artigo 11 do Estatuto dos traballadores (contratos en prácticas e para a formación), realizaranse como instrumento efectivo de formación para a inserción no mercado de traballo, tras o acordo previo coa representación sindical.

No caso do contrato en prácticas, a retribución non será inferior ao 80 % e ao 90 % do salario establecido no convenio para igual categoría e posto de traballo durante o primeiro e segundo ano de contrato respectivamente.

Excepcionalmente, para alumnos e alumnas de escolas obradoiro e similares, a modalidade contractual que se utilizará será a que establece para estes efectos a normativa vixente.

Artigo 10. Forma de contratación e períodos de proba

A contratación de traballadores e traballadoras axustarase ás normas legais xerais sobre a contratación e ás específicas que figuren neste convenio. A Fundación comprométese á utilización dos distintos modelos de contratación previstos na lei, de acordo coa finalidade e natureza de cada un dos contratos. A contratación de persoal farase sempre por escrito.

Para contratacións temporais de duración igual ou inferior ao ano, establécese un período de proba igual a 15 días naturais para os traballadores e traballadoras non titulados e de 2 meses para os titulados. Para contratos de duración superior a un ano, os períodos de proba serán de 2 meses para os non titulados e de 6 para os titulados. Así mesmo, nestas contratacións consideraranse superados os períodos de proba que correspondan cando os traballadores e traballadoras xa prestasen á Fundación servizos previos equivalentes.

Os contratos de formadores e formadoras tomarán preferentemente a forma de contrato de duración determinada por obra ou servizo. O contrato de traballo dun formador poderá ter a forma de fixo-descontinuo só cando (ver anexo II):

1. Se concerte para realizar traballos fixos e periódicos dentro do volume normal da actividade da empresa que non se repitan en datas determinadas.

2. Se concerte nos plans de formación cuxas horas de docencia sexan iguais ou superiores a 25 horas semanais e se impartan en centros propios.

3. Poderán optar aqueles docentes que traballasen na Forem máis de 20 meses nos últimos 30 meses.

Artigo 11. Cesamentos

A resolución da relación laboral comunicarase ao traballador ou traballadora cun mínimo de 15 días naturais, coa excepción dos contratos de substitución ou aqueles de obra ou servizo do persoal formador cando a súa duración non exceda os 9 meses. Por cada día de falta de aviso previo por parte da Fundación, esta aboará un día de salario bruto ao traballador ou traballadora.

Cando a extinción do contrato sexa por pedimento do traballador ou traballadora, deberá comunicarse á Fundación por escrito e cumprir os prazos seguintes:

1. No caso do persoal formador, deberase informar cunha anticipación mínima de 15 días naturais á data do cesamento.

2. No caso do resto do persoal, a anticipación mínima será de 10 días naturais.

Se non houber esta comunicación por parte do traballador ou traballadora a Dirección valorará, de acordo coa RLT, o desconto na súa liquidación dunha cantidade igual ao salario diario multiplicado polo número de días de incumprimento do aviso previo.

Artigo 12. Comunicación da contratación a comités de empresa ou delegados e delegadas de persoal

As partes comprométense a cumprir o previsto na normativa legal vixente en todo o relativo aos dereitos de información da representación dos traballadores e traballadoras en materia de contratación. A Fundación informará e acordará coa RLT o perfil aplicable aos candidatos e candidatas das vacantes e/ou postos de nova creación, do grupo profesional, nivel e da retribución salarial.

Artigo 13. Selección e contratación do persoal

A CIVE participará na elaboración dos criterios de selección e contratación do persoal que ocupe postos dos grupos I e II e asegurarase de que todos os procesos de selección se desenvolvan con criterios de profesionalidade e non discriminación, e resolverá, de ser o caso, o que proceda.

A Fundación valorará especialmente os servizos profesionais previos prestados nela e a duración daqueles nas seleccións destinadas a cubrir postos de traballo de acordo co disposto no artigo seguinte.

13.1. Persoal de proxectos e formadores: nas seleccións destinadas a cubrir postos de formadores e formadoras e para proxectos non estables, estes serán cubertos preferentemente polos traballadores e traballadoras con servizos previos na Fundación, sempre que reúnan os requisitos de calidade, capacidade e adecuación ao posto para que son requiridos, no marco da normativa de aplicación. Así mesmo, nestas contratacións consideraranse superados os períodos de proba que correspondan cando os traballadores e traballadoras xa prestasen á Fundación servizos previos equivalentes.

Os contratos dos formadores e persoal de proxectos non estables non poderán superar as horas anuais do persoal de estrutura.

13.2. Persoal auxiliar: a contratación de persoal na categoría de persoal auxiliar terá un máximo temporal de 3 meses nun ano.

Capítulo IV
Promoción no traballo

Artigo 14. Promoción do traballador e da traballadora na Fundación

A RLT será informada dos criterios de selección e contratación do persoal, para o que se reunirá a CIVE se for necesario, e asegurarase de que os procesos de selección se desenvolvan con criterios de profesionalidade e non discriminación, e resolverá, de ser o caso, o que proceda.

Antes de cubrir un posto de traballo con persoal de novo ingreso, daráselle a oportunidade de ascender aos traballadores e traballadoras con servizos previos dun ano na Fundación, mediante convocatoria restrinxida para este persoal.

A promoción ás vacantes ou aos novos postos producirase tendo en conta a formación, antigüidade, capacidade e titulación.

Artigo 15. Regulación da bolsa de traballo

Antes de cubrir un posto de traballo correspondente aos grupos profesionais I e II con persoal de novo ingreso, estes serán ofertados aos traballadores e traballadoras con servizos previos que foron afectados polo ERE 2012, así como a outros profesionais que extinguiron os seus contratos na Fundación por causas obxectivas.

O chamamento producirase para a cobertura de postos incluídos nos grupos profesionais I e II.

A promoción ás vacantes ou aos novos postos producirase tendo en conta:

– Desempeño anterior en posto traballo similar ou pertenza ao grupo profesional.

– Titulación habilitante.

– Capacidade.

– Antigüidade na empresa.

– Lugar de prestación de servizo en relación co domicilio do traballador ou traballadora.

– Prestación de servizos posteriores á extinción contractual.

– Polivalencia no posto.

Para o seguimento e control do funcionamento desta bolsa, constitúese unha comisión de seguimento presidida pola presidenta do padroado, ou persoa en quen delegue e, da que formarán parte a Dirección da Forem e os representantes legais dos traballadores, co obxecto de velar polo cumprimento do previsto nel.

Os traballadores e as traballadoras a que se fai referencia no punto anterior poderán solicitar a súa inclusión no censo de traballadores e traballadoras afectados, sempre que soliciten a inclusión no censo, no prazo e forma que determine a comisión de seguimento.

Serán excluídos da lista de recolocación aqueles traballadores e traballadoras que rexeiten por dúas veces unha oferta de emprego na Fundación sen causa xustificada.

Artigo 16. Traballos de diferente grupo

Calquera persoa da Fundación poderá realizar traballos correspondentes a un grupo inferior ou superior.

A Fundación, polo tempo mínimo imprescindible e cando así o exixan as necesidades do servizo, poderá encomendar aos seus traballadores e traballadoras o desempeño de funcións correspondentes a un grupo profesional diferente ao seu habitual por un período máximo de 4 meses, durante 1 ano, ou de 8 meses durante 2 anos. Cando as funcións se asuman por substitución temporal dun traballador ou traballadora, estes períodos poderán alongarse logo de negocialo coa RLT.

Os traballos pertencentes a un grupo superior deberán de comunicarse de forma escrita, sempre que superen un período de 10 días hábiles. Este comunicado marcará o cobramento da diferenza salarial a partir do momento en que se comecen a efectuar traballos nesa actividade superior. Esta remuneración reflectirase como un complemento salarial ligado ás funcións.

Os traballadores e traballadoras que ocupen postos dos grupos I e II, sempre que teñan a cualificación adecuada ao programa do curso que se vai impartir, poderán asumir funcións de docencia dentro das programacións da Fundación. Así mesmo, e sempre que teñan a titulación necesaria, poderán participar na elaboración, xestión e implementación de proxectos, e garantirán a cobertura das horas de dedicación a ese proxecto.

O desempeño de funcións de docencia e proxectos será voluntaria, formará parte da xornada laboral e será compensada pola diferenza entre o salario hora do traballador ou traballadora e o prezo hora do plan ou normativa de referencia.

A participación dos traballadores e traballadoras en funcións voluntarias de docencia e proxectos estará limitada a 525 horas de dedicación nun ano.

A CIVE participará na elaboración dos baremos, perfís e criterios de asignación e distribución, das funcións voluntarias de docencia e proxectos do persoal traballador dos grupos I e II.

O simple desempeño de funcións correspondentes a un grupo profesional superior nunca consolidará o salario nin a pertenza ao dito grupo. Para os efectos previstos no artigo 39 do estatuto dos traballadores, o único procedemento válido para consolidar a pertenza a un grupo superior será o ascenso no grupo ou no nivel establecido neste convenio.

Capítulo V
Xornada, calendario, horario, vacacións, permisos e excedencias

Artigo 17. Xornada laboral e horario

A xornada será de 35 horas semanais. A xornada laboral anual máxima será de 1.575 horas anuais de traballo efectivo, con carácter ordinario de luns a venres. Para o cálculo desta xornada anual utilizouse o criterio de que o ano ten 225 días de traballo efectivo. Dentro deste traballo efectivo considéranse 20 minutos de descanso diarios en xornadas superiores a catro horas.

17.1. Persoal formador: dentro da xornada máxima anterior establécese, para o persoal integrado na categoría de formador e formadora, un máximo de 35 horas lectivas semanais. Por necesidades de programación, os contratos específicos do persoal formador poderán chegar ás 40 horas lectivas de xeito excepcional. En todo caso, respectarase o recollido no artigo 22 deste convenio.

Nos contratos a tempo parcial para o devandito persoal, manterase a proporción anterior entre as horas lectivas efectivas e o resto das súas obrigas profesionais.

17.2. Cadro de persoal estable: os axustes de calendario en aplicación das 1.575 horas anuais de traballo efectivo faranse nos períodos de xornada reducida. Establécese unha xornada continuada reducida para o cadro de persoal estable durante os períodos seguintes: desde o 1 de xullo ao 31 de agosto, e do 20 de decembro ao 7 de xaneiro. No período que abranga a Semana Santa establécese xornada continuada de mañá pero con xornada longa.

Os traballadores e traballadoras do cadro de persoal con contratos inferiores ao ano deberán garantir as horas anuais de traballo efectivo proporcional ao tempo de contratación.

A xornada laboral dos venres será de mañá durante todo o ano, excepto nos casos en que a xornada habitual sexa de tarde, en que continuará así.

A finais de cada ano negociarase, entre a Dirección e os traballadores do cadro de persoal estable de cada centro e/ou área funcional, a xornada de cada centro de traballo para o seguinte ano, e poderase axustar o número de horas/día que se van realizar nos períodos de xornada longa e xornada reducida en función da actividade prevista. En todo caso, manterase nos períodos definidos como de xornada reducida un mínimo de 6 horas/día en xornada intensiva de mañá.

O horario de traballo será negociado para cada un dos centros ou áreas funcionais de traballo da Fundación, a través do seu RLT e ou coordinador da área funcional e/ou territorial.

O horario será flexible dentro de cada centro e de cada área funcional, respectando sempre unha cobertura mínima que se establecerá por negociación centro a centro e área a área. Esta flexibilidade irá ligada a un control efectivo dos horarios de traballo.

Artigo 18. Calendario

En todos os centros de traballo e tras a negociación previa coa representación legal dos traballadores e traballadoras confeccionarase, dentro dos 15 días naturais seguintes á publicación oficial do calendario laboral correspondente á Comunidade Autónoma, o calendario laboral en que se recollerán as festas retribuídas e non recuperables aprobadas no Consello de Ministros do Estado, así como as de carácter autonómico e local admitidas pola lei.

En consideración á especial significación dos días 24 e 31 do Nadal, na elaboración dos calendarios laborais ambas as datas serán días en que non se traballa e computan como días laborais para o cálculo da xornada anual de 1.575 horas de traballo efectivo, a excepción de cando coincidan en fins de semana, que non computarán (como calquera outro festivo).

Artigo 19. Vacacións

Os traballadores e as traballadoras disporán dunhas vacacións retribuídas de 23 días laborais, excluídos os sábados, domingos e festivos, que se poderán gozar dunha soa vez ou nun máximo de 3 períodos, e estudarase de maneira excepcional a posibilidade do seu gozo en máis de tres períodos. En caso de ter que recuperar horas, a solicitude de vacacións irá acompañada do correspondente calendario de recuperación das ditas horas. O gozo das vacacións non poderá exceder o 15 de xaneiro do seguinte ano natural.

No caso de coincidencia xeral nas mesmas datas, a Fundación poderá, coa participación sindical correspondente, redistribuír as vacacións. Só o traballador ou traballadora poderá decidir aprazar a totalidade ou parte delas fóra do ano natural, para o que ten que solicitar autorización á Fundación.

As vacacións anuais gozaranse sen que en ningún caso poidan ser compensadas economicamente, agás cando as circunstancias da baixa laboral do traballador ou traballadora faga imposible o seu gozo.

Os contratos do persoal formador poderán incluír, a criterio do/a traballador/a, no seu ámbito temporal o correspondente ao gozo da parte proporcional de vacacións.

A situación de incapacidade temporal derivada de enfermidade ou accidente con parte médico de baixa interromperá ou suspenderá o gozo de vacacións, polo que o persoal afectado terá dereito a que se establezan novas datas polo tempo que lle reste, cando adquira a condición de alta e sempre que sexa posible dentro do ano natural, en todo caso, sempre antes do 30 de xaneiro do seguinte ano, data a partir da cal caducarán as vacacións non gozadas.

Artigo 20. Permisos retribuídos

A aplicación dos permisos deste convenio que excedan o recollido na normativa laboral vixente non serán de aplicación nos contratos de substitución ou naqueles de obra ou servizo do persoal formador cando a súa duración non exceda os 9 meses.

20.1. Os traballadores e traballadoras da Fundación, se avisan coa anticipación posible e a xustificación posterior, terán dereito a permisos retribuídos polas seguintes causas:

– En caso de falecemento de calquera familiar ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, 4 días laborais. Cando a relación de consanguinidade sexa de segundo grao, o permiso será de 2 días laborais. Así mesmo, cando por tal motivo precise o traballador facer un desprazamento fóra da localidade de traballo que lle supoña máis de 75 quilómetros, o prazo será de 2 días laborais máis, e se o desprazamento é fóra de Galicia o prazo será de tres días laborais máis.

– En caso de enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario de calquera familiar ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, 4 días laborais (a consideración de enfermidade grave virá xustificada mediante unha certificación médica que indique que a persoa require acompañamento e/ou repouso domiciliario). Cando a relación de consanguinidade sexa de segundo grao, o permiso será de dous días laborais. Así mesmo, cando por tal motivo precise o traballador facer un desprazamento fóra da localidade de traballo que lle supoña máis de 75 quilómetros, o prazo será de 2 días laborais máis, e se o desprazamento é fóra de Galicia o prazo será de 3 días laborais máis. Este permiso poderá ser distribuído de común acordo entre empresa e traballador, e pode ser utilizado en días alternos ou continuados e non ten porque ser no momento xusto en que se produza a situación, xa que o traballador pode dispoñer dos días para o coidado do familiar con posterioridade a que se produza a intervención/hospitalización.

– Polo tempo necesario nos casos de consulta médica por acompañamento non habitual dun familiar ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, para o que deberá achegar o correspondente xustificante, de ser o caso.

20.2. Todo traballador, avisando coa anticipación mínima dunha semana (sempre que sexa posible) e xustificación posterior, terá dereito a permisos retribuídos polas seguintes causas:

– Polo sometemento a técnicas de fecundación asistida ante a infertilidade da parella, polos períodos necesarios para a consulta.

– Por asistencia a ximnasia de preparación ao parto polo tempo necesario para a asistencia ás sesións.

– Permiso por nacemento, 7 días laborais por parto da esposa ou compañeira ou no caso de adopción/acollemento. Se no parto se producir intervención cirúrxica, o permiso será de 9 días laborais. A duración indicada ampliarase no suposto de parto, adopción ou acollemento múltiple en 2 días máis por cada fillo/a a partir do segundo, ou se un deles é unha persoa con discapacidade.

– Permiso de paternidade, 20 días laborais. Cando o novo nacemento, adopción ou acollemento se produza nunha familia numerosa, cando a familia adquira a dita condición co novo nacemento, adopción ou acollemento ou cando na familia haxa unha persoa con discapacidade, o permiso será de 25 días laborais. O momento de gozo da paternidade pode ser durante o período comprendido desde a finalización do permiso por nacemento ou desde a resolución xudicial pola que se constitúe a adopción ou a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ata que finalice a suspensión por maternidade (16 semanas) ou xusto despois de finalizada esta.

– No caso de casamento dos fillos ou fillas, irmáns ou irmás ou pais, un día laboral. Así mesmo, cando por tal motivo precise o traballador facer un desprazamento fóra da localidade de traballo que lle supoña máis de 75 quilómetros, o prazo será de 2 días laborais; se o desprazamento é fóra de Galicia, o prazo será de 3 días laborais.

– Por lactación dun fillo ou filla menor de 12 meses, terán dereito a unha hora de ausencia no traballo, que elixirá o traballador ou traballadora durante a xornada laboral, ao inicio ou final da xornada ou fraccionándoa en dúas partes. Esta duración incrementarase proporcionalmente en caso de parto múltiple. O traballador ou traballadora poderá elixir se quere sumar estas horas de lactación e acumulalas ao período de maternidade, co que se engaden 22 días laborais ao permiso de maternidade. A duración indicada ampliarase no suposto de parto múltiple, no que se engadirán 35 días laborais ao permiso de maternidade. A comunicación da elección realizarase con 30 días de anticipación.

– O período legal de licenza por maternidade (parto simple) incrementarase ata as 18 semanas e chegará ás 20 semanas en caso de parto múltiple, período durante o cal a traballadora percibirá o 100 % do seu salario.

– Por mudanza de domicilio, un día laboral, e 2 días se esta se produce fóra da localidade.

– No caso de matrimonio ou inicio de convivencia equivalente, 20 días naturais.

– Os traballadores e traballadoras afectados por toxicomanía e/ou alcoholemia terán un permiso retribuído polo tempo que requira seguir o seu tratamento prescrito, sempre no caso de que non lle sexa recoñecida a IT e sempre que faga efectivo o compromiso de incorporarse a programas de deshabituación.

– Para a realización de xestións particulares, así como para o gozo de posibles pontes e permisos, establécense 6 días retribuídos ao ano, ademais dos previstos para vacacións, de libre elección polo traballador ou traballadora e previamente autorizado pola Dirección da Fundación. Dous destes días non serán recuperables e os 4 días restantes serán recuperados segundo proposta autorizada. Estes días non se poderán acumular aos períodos de vacacións. A concesión do permiso estará ligada ao normal mantemento da actividade.

Graos de consanguinidade e afinidade:

– Primeiro grao: titular, cónxuxe, nai, pai e fillo/a.

– Segundo grao: avó/a, irmán/á e neto/a.

– Terceiro grao: bisavó/a, tío/a, sobriño/a e bisneto/a.

– Cuarto grao: primo/a.

Artigo 21. Permisos non retribuídos

En casos excepcionais e por motivos xustificados, poderase solicitar permiso non retribuído por un período inferior a 4 meses. Solicitarase por parte do traballador ou traballadora con 15 días naturais de anticipación. O dito permiso será concedido ou denegado pola Fundación, despois dunha audiencia preceptiva dos e das representantes dos traballadores e traballadoras.

En caso de enfermidade grave ou dilatada dun familiar ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade dispoñerase dos días necesarios de permiso sen soldo e deberanse xustificar as ausencias ao traballo.

A redución de xornada constitúe un dereito individual dos traballadores, segundo o regula o ET, artigo 37.5 e 6; LXSS, artigo 180; Real decreto 2064/1995, artigo 66; e OM TIN/41/2009, artigo 41. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xeran este dereito polo mesmo suxeito causante, a Fundación pode delimitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

Artigo 22. Excedencias

A petición de excedencia tramitarase por escrito á Fundación co tempo necesario para resolver o que proceda, segundo establece o Estatuto dos traballadores (artigo 46).

A) Voluntaria. Todos os asalariados con contrato indefinido na Fundación poderán solicitar unha excedencia cuxa duración non pode ser inferior a 4 meses nin superior a 5 anos. Esta excedencia entenderase sempre concedida sen dereito a percibir retribución ningunha e sen que o período de excedencia compute para ningún efecto.

O dereito de excedencia só poderá volver ser gozado polo mesmo traballador ou traballadora se transcorreron 3 anos desde o final da anterior excedencia.

A petición de reingreso dará lugar ao dereito a ocupar a primeira vacante do grupo profesional que se xere, e o traballador ou traballadora conservará a súa categoría e nivel retributivo.

B) Forzosa. Pasarase á situación de excedencia forzosa, que implicará o reingreso automático no posto de traballo anterior á súa concesión, por nomeamento por cargo público (nesta designación é necesaria a publicación nun diario oficial), sindical (de ámbito provincial ou superior) ou político (de ámbito provincial e neste caso requírense procesos electorais regulados por lei).

C) Especial. Por solicitude do traballador ou traballadora, e cos mesmos efectos da excedencia forzosa, segundo o regula o ET, artigo 46.3, e dip. adc. 14º; Real decreto 1251/2001, disp. adc. 3ª; e LXSS, artigo 180.

A notificación de cesaren as causas que motivaron a concesión da excedencia forzosa deberá realizala o traballador ou traballadora á Fundación dentro dos 30 días seguintes a que se dea esta circunstancia. De non se producir esta notificación, a Fundación declarará o traballador ou traballadora en situación de excedencia voluntaria de acordo co parágrafo anterior.

Capítulo VI
Retribucións

Artigo 23. Retribucións

Os traballadores ou traballadoras serán retribuídos por todos ou algún dos seguintes conceptos: salario por categoría, complemento de posto e compensación por xornadas ou tarefas especiais.

O salario correspondente ao grupo profesional de persoal formador determinarao a Forem Galicia ou a convocatoria e resolución da axuda correspondente, en función do valor da hora lectiva efectiva determinado para cada programación. Para estes efectos, os orzamentos dos cursos serán os que recollan e marquen ese prezo por hora lectiva, e no contrato fixarase o total de retribucións que se aboará polo servizo contratado, no cal se incluirán todos os conceptos salariais.

O salario mensual dos traballadores e traballadoras que ocupen o resto de postos de traballo virá determinado polo nivel do grupo profesional e será o que figura na táboa salarial que se incorpora como anexo III.

Os atrasos que poidan corresponder como consecuencia da aplicación do establecido neste convenio aboaranse antes do 15 de xuño do ano seguinte ao da adquisición do dereito.

Artigo 24. Pagas extraordinarias

Establécense dúas pagas extraordinarias, cada unha delas correspondente a unha mensualidade de salario, no verán e no Nadal, aboables nos meses de xuño e decembro, respectivamente, entre os días 15 e 20 do mes en que comeza a aplicarse e en proporción ao tempo traballado no semestre natural inmediatamente anterior ao seu vencemento.

Para os traballadores e traballadoras do grupo III, estas pagas considéranse incluídas no mecanismo regulado no artigo 22 deste convenio.

Todo traballador e traballadora terá dereito, se así o solicita por escrito á Dirección da Fundación, a percibir as pagas extraordinarias de forma rateada.

Artigo 25. Axudas de custo

Cando por necesidade do servizo un traballador ou traballadora teña que se desprazar fóra do seu centro de traballo habitual, a Forem aboaralle os gastos que esta necesidade ocasionase.

As contías determinaranse mediante factura ou comprobante de gasto e co seguinte límite:

Quilometraxe: 0,19 €/km.

Almorzo/café: 3,29 € (*empregarase cando o aloxamento non inclúa almorzo).

Xantar: 15,35 €.

Cea: 13,16 €.

A percepción das axudas de custo por manutención non será compatible cos ingresos polo mesmo concepto ou por aqueles cuxo gasto efectivo se produza con cargo a terceiros. Estas deberán acreditarse documentalmente, salvo motivo xustificado e admitido pola Fundación.

Establécese, en concepto de «xornada partida» para os traballadores e traballadoras que desenvolvan o seu traballo en horario partido, un complemento de xornada de 10 € por cada día efectivamente traballado nese horario para o ano 2014.

Artigo 26. Horas extraordinarias

Quedan suprimidas as horas extraordinarias, salvo as que o Estatuto dos traballadores determine como de «causa de forza maior».

Artigo 27. Liquidacións

No caso do persoal non formador, facilitarase ao traballador a proposta de liquidación con 3 días de anticipación ao seu cesamento, salvo que a comunicación ou aviso previo o realice o traballador ou traballadora.

O traballador ou traballadora, se así o desexa, poderá estar asistido por unha persoa representante dos traballadores e traballadoras no acto de asinar a liquidación.

Unha vez que o asine o traballador ou traballadora, o recibo da liquidación producirá os efectos liberatorios que lle son propios.

Artigo 28. Revisión salarial anual

O salario para o ano 2013 será o recollido nas táboas retributivas do presente convenio.

A revisión salarial durante a súa vixencia queda establecida da seguinte forma:

• No exercicio 2014, manteranse as táboas salariais do exercicio 2013. En compensación, e para ese ano, permitiríase o gozo de dous (2) días de asuntos propios como non recuperables dos catro (4) días de asuntos propios recuperables regulados no presente convenio.

• Nos seguintes exercicios procederase a unha revisión salarial, sempre que o resultado do exercicio, coas contas auditadas, sexa superior a 50.000 €.

A aplicación desta actualización salarial será negociada coa CIVE e como mínimo aplicarase un incremento do 0,5 % do salario, tendo efectos desde o ano 2013.

Artigo 29. Complementos de enfermidade ou accidente

A Fundación complementará as prestacións por IT, tanto no caso de enfermidade común como de accidente, mentres o traballador ou traballadora manteña esta situación, ata o 100 % do seu salario real.

Capítulo VII
Garantías sociais

Artigo 30. Protección á maternidade no traballo

Durante o período de xestación e lactación as traballadoras poderán solicitar o cambio de posto de traballo cando a tarefa que realice poida prexudicar a saúde da nai ou do feto, sen mingua de retribución, categoría ou de dereito á reincorporación posterior ao seu posto de traballo.

Artigo 31. Vixilancia da saúde

Todos os traballadores e traballadoras da Fundación terán dereito a unha revisión médica anual, segundo os protocolos establecidos na lexislación vixente, que teña relación co posto de traballo, e faranse probas adaptadas aos factores de risco do posto de traballo. A devandita revisión incluirá a revisión xinecolóxica ou urolóxica.

A realización da revisión xinecolóxica ou urolóxica quedará paralizada durante o ano 2014 e condicionada nos seguintes exercicios á obtención de excedentes nos exercicios superiores a 50.000 € (resultado coas contas auditadas).

Artigo 32. Seguro colectivo de convenio

A Fundación concertará unha póliza de seguro que cubra os riscos de morte e invalidez por accidente laboral e enfermidade profesional, así como de responsabilidade civil para os traballadores e traballadoras mentres presten os seus servizos nela.

A indemnización será de 36.000 euros no caso de morte, o dobre no caso de invalidez (72.000 euros) e de 150.000 euros por responsabilidade civil.

Artigo 33. Anticipos de salario e préstamos

Os traballadores e traballadoras da Fundación poderán solicitar anticipos á conta do salario por un valor de ata o 75 % do neto que se vai percibir mensualmente. Nos acordos de concesión estableceranse os prazos de devolución, e asegurarase o seu reintegro completo con anterioridade ao remate, chegado o caso, do contrato.

Igualmente, poderán solicitarse préstamos. O seu réxime será idéntico ao anterior. A cantidade máxima en concepto de préstamo que poderá solicitar cada traballador e traballadora será de 1.200 € e o prazo de amortización non poderá ser superior a 20 meses.

Toda persoa asalariada poderá solicitar o anticipo de calquera das pagas extraordinarias, ata o 90 % do percibible, independentemente de que se estea gozando ou non nese momento dalgún préstamo.

Artigo 34. Formación

Establecerase un plan de formación negociado e pactado coa representación sindical que incorporará, de ser o caso, as adaptacións de xornada necesarias para a realización destes cursos e as compensacións oportunas.

Estableceranse sistemas de avaliación e control das accións formativas pactadas coa representación sindical.

Garantirase a aplicación do acordo nacional de formación sobre permisos individuais que estea vixente.

Con independencia do plan de formación da Fundación, o traballador e traballadora terá dereito á formación individual, polo que se respectarán os seguintes termos:

• Permiso retribuído polo tempo imprescindible para a asistencia a exames de titulacións oficiais ou non, relacionadas coa súa promoción profesional ou persoal. Este punto valorarase cando proceda, conxuntamente coa representación sindical. En todo caso será necesario achegar documento xustificativo.

• Adaptación e/ou redución da xornada cando a organización do traballo o permita.

• Para facilitar a realización de estudos que dean lugar a titulacións recoñecidas oficialmente ou equivalentes, a Fundación dotará dun fondo de bolsas de estudos que financiará ata un máximo do 50 % do custo de matriculación. O seu réxime axustarase ao disposto no artigo seguinte.

• Poderanse solicitar permisos non remunerados por motivos académicos, que deberán acreditarse e serán concedidos por un tempo non superior a un mes sempre que a organización do traballo o permita.

• Poderase solicitar a realización de cursos financiados mediante formación bonificada como un elemento de acceso a todos os traballadores e traballadoras da empresa, sen ningún tipo de prexuízo nas bases de cotización para os traballadores. A formación deberá estar vencellada ao posto de traballo e a dirección deberá aprobar a proposta.

Artigo 35. Concesión de bolsas de estudos

A concesión de bolsas e a determinación da súa contía, así como o estudo das reclamacións que poidan realizar os afectados pola aplicación deste regulamento, serán funcións que desempeñará exclusivamente a CIVE. A solicitude da bolsa presentarase na CIVE cun mes de anticipación ao comezo da actividade, e poden ser aceptadas se no fondo asignado para este fin quedan recursos.

A comisión xuntarase a comezos do mes de outubro para estudar as solicitudes e subliñar aquelas que sexan aceptadas.

Poderán beneficiarse destas axudas todos os traballadores e traballadoras da Fundación que conten cun mínimo de 9 meses de servizos na Fundación.

Serán custeados os estudos seguintes: ensino medio, formación profesional, universitaria, técnica e calquera outra disciplina docente que estea recoñecida oficialmente, con preferencia no ensino público; cando este ensino sexa imposible realizalo en institucións públicas, será a comisión quen valorará a oportunidade de concesión da bolsa.

Os gastos anuais debidamente xustificados que ocasione o ensino dos traballadores e traballadoras discapacitados serán especialmente atendidos, sempre que esa condición sexa recoñecida pola Seguridade Social ou por outras institucións dedicadas especialmente a iso.

O pagamento da bolsa estará suxeito á presentación de matrícula ou documento acreditativo.

A cada materia só se lle pode conceder unha bolsa dous anos consecutivos, salvo causa xustificada de forza maior.

A concesión desta bolsa de estudos quedará paralizada durante o ano 2013 e 2014 e condicionada nos seguintes exercicios á obtención de excedentes nos exercicios superiores a 50.000 € (resultado coas contas auditadas).

Artigo 36. Traballadores e traballadoras discapacitados

Entenderase por traballador ou traballadora discapacitado aquelas persoas cuxas posibilidades de integración educativa, laboral ou social se atopen diminuídas nun grao igual ou superior ao 33 %, de carácter conxénito ou non, nas súas capacidades físicas, psíquicas ou sensoriais.

A Fundación terá que empregar nas novas contratacións un número de traballadores e traballadoras discapacitados non inferior ao 2 % do cadro de persoal, entre os que se atopan inscritos como tales no correspondente rexistro de traballadores e traballadoras discapacitados da oficina de emprego.

Non poderán considerarse dentro da cota de reserva aqueles traballadores e traballadoras que adquiran unha discapacidade como consecuencia de accidente ou enfermidade profesional ou accidente e enfermidade común, que estiveran prestando os seus servizos para a Fundación.

A Fundación conservará o nivel salarial e profesional dos diminuídos que pasen a ter tal consideración despois dun accidente de traballo, enfermidade ou accidente non laboral que sobreveña despois do seu ingreso na Fundación.

Nesta circunstancia a Fundación estará obrigada a adaptar o posto de traballo ás novas condicións físicas, psíquicas ou sensoriais do traballador ou traballadora, en función da súa discapacidade.

Cando os equipos profesionais consideren que a adaptación non se pode levar a cabo daráselle ao traballador ou traballadora un posto de traballo compatible coa súa minusvalía. O traballador ou traballadora poderá optar entre que se lle pague o salario que lle corresponda ao novo posto de traballo ou que se lle manteña o que en cada momento sexa asignado á categoría e posto de traballo anterior.

Para poder concorrer ás probas de acceso a prazas reservadas para discapacitados e discapacitadas acreditaranse, mediante certificado emitido polos servizo público competente, as capacidades residuais laborais da persoa interesada, así como as adaptacións necesarias para a realización das probas de selección se iso for necesario, para garantir a equidade da súa realización.

A CIVE establecerá a relación dos postos de traballo que deban destinarse preferentemente aos discapacitados e discapacitadas e os que se lles reserven con preferencia absoluta.

Os traballadores e traballadoras discapacitados poderán realizar unha xornada de traballo inferior á que se establece neste convenio por petición da persoa interesada. A súa duración adecuarase ás súas condicións físicas, psíquicas ou sensoriais e a remuneración será proporcional ao tempo de prestación dos seus servizos.

A Fundación procurará a adecuación progresiva dos locais da Forem Galicia ás peculiaridades destes traballadores e traballadoras, para o que eliminará as barreiras arquitectónicas. Os novos locais de que se vaia dotando a Fundación observarán as medidas arquitectónicas, no acceso e na disposición interior dos espazos, que permitan o desenvolvemento autónomo dos traballadores e traballadoras discapacitados.

Capítulo VIII
Dereitos sindicais

Ambas as partes están de acordo en que os traballadores e traballadoras deben gozar dos dereitos sindicais da maneira máis ampla posible e de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 37. Representantes sindicais

Os e as representantes sindicais serán elixidos conforme a lexislación vixente.

Os e as representantes elixidos e que cesen a súa relación laboral coa Fundación seguirán sendo representantes legais na nova contratación, sempre que non fosen substituídos polos suplentes correspondentes.

Artigo 38. Delegados e delegadas de persoal

Cada un dos delegados e delegadas de persoal dispoñerán dun crédito de horas mensuais retribuído para o exercicio das súas funcións de representación, que será superior en cinco horas ao establecido no ET.

As horas sindicais legalmente establecidas poderán ser acumuladas entre os membros do comité de empresa, delegados de persoal e delegados sindicais, logo da negociación coa Dirección, para garantir a cobertura dos postos de traballo.

Os traballadores e traballadoras terán dereito a tempos retribuídos para a realización de asembleas en tempo de traballo, tras a súa comunicación previa á Fundación, ata un máximo de 16 horas anuais e co límite de catro diarias.

A Fundación informará os e as representantes dos traballadores e traballadoras da actividade e a xestión en todos os ámbitos. Para iso terán acceso á memoria de contas da Fundación e ao organigrama de persoal.

Cando se celebren eleccións sindicais na Fundación, consideraranse elixibles, segundo este convenio, todos aqueles traballadores e traballadoras maiores de 18 anos cunha antigüidade na empresa que sexa como mínimo de 3 meses.

Os membros dos comités e os delegados de persoal serán informados de todas as sancións ou amoestacións impostas, independentemente do seu grao, anteriormente a facelas efectivas. No caso de sanción grave e moi grave, será preceptivo abrir expediente contraditorio, independentemente de que o traballador ou traballadora sexa ou non representante dos traballadores e traballadoras.

Saúde laboral. Nomearanse delegados de prevención en todos os centros e a eles corresponderalles a vixilancia das normativas de saúde laboral, así como o establecemento de plans preventivos de saúde laboral. Estes delegados e delegadas dispoñerán de crédito horario suficiente para desenvolver as funcións asignadas e terán posibilidade de acceder ás accións formativas relacionadas coa súa función.

Artigo 39. Participación sindical na Fundación

En aplicación deste convenio recoñécese o dereito dos traballadores e traballadoras á participación na xestión da Fundación. Ambas as partes establecerán as condicións e órganos de goberno en que se produce esta participación.

Capítulo IX
Faltas e sancións

Artigo 40. Faltas dos traballadores e traballadoras

Considéranse faltas as accións ou omisións que supoñan incumprimento ou quebranto dos deberes laborais establecidos polas disposicións legais vixentes.

As faltas clasificaranse en leves, graves e moi graves en consideración á súa importancia, transcendencia e prexuízo.

Artigo 41. Faltas leves

Teñen a consideración de faltas leves as seguintes:

– De 2 a 4 faltas de puntualidade na asistencia ao traballo sen causa xustificada, nun período de 30 días naturais. Para estes efectos tomaranse en conta os requisitos de flexibilidade horaria que se acorden.

– Non notificar no prazo de 3 días a baixa por IT, salvo que se demostre a imposibilidade de facelo.

– Abandono inxustificado do posto de traballo.

– Non comunicar, coa anticipación debida, a falta ao traballo por causa xustificada, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo.

– Faltar ao traballo 1 día ao mes sen causa xustificada.

– Neglixencia non grave no traballo.

– Desobediencia leve a un superior.

– Descoido na conservación de locais, materiais e/ou documentos da Fundación.

– A neglixencia ou atraso inxustificado na entrega de cualificacións ou informes requiridos respecto da actividade docente que estea desenvolvendo.

– A desatención e falta de corrección no trato cos clientes e usuarios.

– A inasistencia a un curso ou reunión de carácter obrigado.

Artigo 42. Faltas graves

Son faltas graves as seguintes:

– Máis de 4 faltas de puntualidade non xustificadas nun período de 30 días naturais.

– Falta de 2 días ao traballo sen xustificación nun período dun mes.

– Simular a presenza doutro traballador ou traballadora valéndose da súa sinatura, ficha ou medio de control.

– A simulación de enfermidade ou accidente.

– A neglixencia no traballo que afecte negativamente a marcha do servizo.

– Abandonar o traballo en postos de responsabilidade que afecte negativamente a marcha do servizo.

– As cometidas contra a disciplina no traballo ou contra o respecto debido aos superiores e/ou compañeiros.

– As actuacións discriminatorias por razóns de etnia ou poboación, sexo, relixión, lingua, opinión ou calquera outra de índole persoal ou social respecto dos alumnos ou doutros traballadores e traballadoras da Fundación.

– Dar por concluída algunha clase sen causa xustificada antes da hora de terminación, ata 2 veces en 30 días.

– Non controlar a asistencia e disciplina dos alumnos.

– A utilización de ferramentas, útiles, maquinaria e, en xeral, de recursos da empresa para fins particulares ou usos alleos sen o oportuno permiso, aínda que se produzan fóra da xornada laboral.

– A realización de traballos que impliquen competencia desleal coa Fundación, aínda que teñan lugar fóra da xornada laboral, se non media autorización desta.

– A reincidencia en falta leve, dentro dun trimestre e sempre que a falta fose sancionada por escrito.

Artigo 43. Faltas moi graves

Son faltas moi graves:

– A indisciplina ou desobediencia no traballo.

– A fraude, o abuso de confianza ou deslealdade nas xestións encomendadas, incluído o uso indebido de información.

– Máis de 7 faltas de puntualidade non xustificadas nun período de 30 días naturais, máis de 15 en 180 días e máis de 25 nun período dun ano.

– Faltar ao traballo tres días sen causa xustificada durante un período dun mes.

– A embriaguez habitual e/ou toxicomanía, cando repercuta negativamente no traballo, salvo o disposto no artigo 20.

– Os malos tratos de palabra ou de obra contra os subordinados e subordinadas, compañeiros e compañeiras ou superiores, no marco da relación laboral considerándose como tales as condutas sexistas como acoso sexual e as condutas de acoso moral legalmente tipificadas. (*)

– Abandonar o traballo en postos de especial responsabilidade ante o Padroado.

– A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do traballo.

– A utilización ou difusión indebidas dos datos de carácter persoal de que se teña coñecemento ou acceso a través do traballo na Fundación.

– Furto ou roubo a traballadores ou alumnos da Fundación, ou á propia Fundación, así como inutilizar, esnaquizar ou causar desperfectos en máquinas, aparellos, instalacións, edificios e obxectos, ou a destrución de información propiedade da Fundación.

– A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre.

(*) Defínese como:

a) Acoso sexual nas relacións laborais: de conformidade co establecido no artigo 2.1-d da Directiva 54/2006, do 5 de xullo, e artigo 7 da Lei orgánica 3/2007, do 21 de marzo, considérase acoso sexual a situación en que se produce calquera comportamento verbal, non verbal ou físico, de índole sexual co propósito ou o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa, en particular cando crea un ambiente intimidatorio hostil, degradante, humillante ou ofensivo.

b) Acoso por razón de sexo: de conformidade co establecido no artigo 2.1-c da Directiva 54/2006, do 5 de xullo, e o artigo 7 da Lei orgánica 3/2007, do 21 de marzo, defínese así a situación en que se produce un comportamento, relacionado co sexo dunha persoa co propósito ou o efecto de atentar contra a dignidade da persoa, e de crear un ambiente intimidatorio, hostil, degradante, humillante ou ofensivo.

c) Acoso moral (mobbing): enténdese como tal toda conduta abusiva ou de violencia psicolóxica que se realice de forma prolongada no tempo contra unha persoa no ámbito laboral, manifestada a través de reiterados comportamentos, feitos, ordes ou palabras que teñan como finalidade desacreditar, desconsiderar ou illar co obxecto de conseguir un abandono do traballo producindo un dano progresivo e continuo na súa dignidade ou integridade psíquica. Considérase circunstancia agravante o feito de que a persoa que exerce o acoso exerza algunha forma de autoridade xerárquica na estrutura da empresa sobre a persoa acosada.

Para a prevención e tratamento de situacións de acoso, seguirase o protocolo acordado na mesa de negociación do convenio e que se xunta á acta de sinatura.

Artigo 44. Sancións

As sancións que proceda impoñer en cada caso polas faltas cometidas serán as seguintes:

Por faltas leves:

– Amoestación verbal.

– Amoestación por escrito.

Por faltas graves:

– Suspensión de emprego e soldo de 1 a 15 días.

Por faltas moi graves:

– Suspensión de emprego e soldo de 15 días a 2 meses.

– Despedimento.

Artigo 45. Prescrición

As faltas respecto aos traballadores e traballadoras prescribirán:

– As faltas leves aos 10 días.

– As faltas graves aos 20 días.

– As moi graves aos 60 días.

O prazo de prescrición iníciase desde o momento en que a Fundación teña coñecemento da falta cometida e, en todo caso, aos 6 meses de cometerse.

Todas as faltas se comunicarán por escrito ao interesado e ao seu representante legal, logo da apertura dun expediente contraditorio, que interrompe a prescrición.

Anexo I
Clasificación profesional

Os traballadores e traballadoras afectados por este convenio serán clasificados en atención ás súas aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación.

A clasificación realizarase en grupos profesionais, por interpretación e aplicación dos factores de valoración e polas tarefas e funcións básicas máis representativas que desenvolvan.

Os traballadores e traballadoras estarán adscritos a un dos distintos grupos profesionais encadrados dentro dunha das distintas áreas profesionais. En ningún caso a división dos grupos profesionais en áreas funcionais suporá un obstáculo á mobilidade funcional.

Definición dos grupos profesionais:

Os grupos profesionais agruparán unitariamente as aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación.

Grupo profesional III. Persoal formador.

É o grupo profesional correspondente ao desempeño do posto de traballo que, de acordo coas instrucións recibidas, con responsabilidade e iniciativa, e sendo responsable do bo uso que se faga dos equipos, máquinas e ferramentas da súa aula ou obradoiro durante o tempo que se impartan os cursos, desenvolve as seguintes funcións:

– Preparación e realización da selección do alumnado.

– Impartición das horas lectivas do curso.

– Preparación das clases teóricas e prácticas para acadar o nivel de calidade exixido.

– Elaboración de material didáctico complementario para o alumnado que sexa necesario.

– Asistir a cantas reunións sexa convocado.

– Facer os controis e avaliacións oportunos ao alumnado para coñecer o aproveitamento da acción formativa, e entregarlle o seu resultado á Forem Galicia.

– Recoller, completar, escanear, custodiar e entregar a documentación administrativa que corresponda.

– Confeccionar unha memoria detallada do curso.

– Colaborar na orientación ao alumnado e procurar a inserción laboral do alumnado desempregado.

– Inventariar, ordenar e embalar adecuadamente os equipos e materiais ao final da acción formativa.

– Introducir na páxina web da Forem Galicia todos aqueles datos e documentación que se indique na súa instrución técnica.

Grupo profesional II. Persoal de apoio.

É o grupo profesional correspondente ao desempeño do posto de traballo nas diferentes áreas funcionais que, baixo a dirección e coordinación dun superior xerárquico, desenvolve tarefas e procedementos no marco de procedementos preestablecidos.

Nivel 2:

Formación básica: experiencia adquirida no desempeño dunha profesión equivalente e/ou titulación de graduado escolar, certificado de escolaridade ou similar.

Neste grupo profesional incluiranse todas aquelas actividades ou tarefas que por analoxía sexan equiparables ás seguintes:

– Introdución de datos en aplicacións informáticas.

– Mecanización de documentos.

– Preparación básica de pedidos (empaquetamento e envío).

– Ordenamento do almacén.

Nivel 1:

Formación: formación acreditada de técnico de Formación Profesional ou equivalente e con experiencia profesional contrastada.

Neste grupo profesional incluiranse todas aquelas actividades ou tarefas, que por analoxía, sexan equiparables ás seguintes:

• Realización, recepción e derivación, de ser o caso, de comunicacións telefónicas.

• Atención, información e derivación, de ser o caso, do público.

• Recepción, rexistro e envío de correspondencia.

• Recepción, revisión, escaneo, clasificación e arquivamento de documentación.

• Manexo de aplicacións informáticas (propia e estándar).

• Mecanización de documentos.

• Realización de operacións de cálculo non complexo.

• Seguimento e control de procedementos administrativos.

• Elaboración de informes.

Desenvolvemento de obrigas profesionais especializadas do posto de traballo correspondente:

• Redacción de correspondencia con iniciativa propia.

• Envío de pedidos a provedores habituais homologados no sistema.

• Contraste de albarás de recepción e envío.

• Preparación de albarás e notas de cargo internas.

• Preparación de pedidos para envío ás diferentes accións formativas.

• Organización de almacén e descartes.

• Codificación de produtos para catálogo mestre definitivo.

• Limpezas e preparación de equipos.

• Revisión e inventario periódico de talleres, aulas e oficinas: detección de desaparicións, mantemento preventivo.

Grupo profesional I. Persoal técnico.

É o grupo profesional correspondente ao desempeño dos postos de traballo nas diferentes áreas funcionais e que, baixo a dirección e coordinación dun superior xerárquico, desenvolve con autonomía, iniciativa e responsabilidade funcións de xestión técnica e/ou administrativa de alto nivel.

Formación: formación acreditada mínima de grao medio universitario ou equivalente, ou unha experiencia profesional de nivel superior contrastada.

Neste grupo profesional incluiranse todas aquelas actividades ou tarefas que por analoxía sexan equiparables ás seguintes:

– Xestión e disposición dos recursos ambientais, materiais, informativos e profesionais asignados aos plans formativos, coa correspondente proposta de planificación.

– Deseño de proxectos de investigación, elaboración de materiais e/ou plans de formación.

– Seguimento da xestión da actividade formativa desenvolvida e a súa adecuación ás directrices marcadas.

– Asesoramento técnico e relacións coas organizacións clientes.

– Seguimento e resolución das incidencias xeradas.

– Coordinación e/ou dirección dos proxectos que se lle encomenden.

– Representación fundacional desde o punto de vista técnico nos ámbitos que lle asigne a Dirección.

– Coordinación e/ou dirección do persoal ao seu cargo.

– Elaboración de informes.

– Xestión documental (revisión, reclamación, escaneo, arquivamento).

– Desenvolvemento dos contidos específicos correspondentes á súa titulación profesional.

Desenvolvemento de obrigas profesionais especializadas do posto de traballo correspondente como:

Nivel 2:

• Intermediación na resolución de conflitos e incidencias nos cursos.

• Coordinación, organización e supervisión da actividade da Fundación dependente do centro de xestión.

• Realizar tarefas de intermediación entre a Dirección e os representantes dos titulares dos plans nas diferentes comarcas.

• Xestión da loxística interna que posibilite o mantemento e axeitado funcionamento do centro e dos cursos que nel se realicen.

• Xestión técnica e seguimento das diferentes accións formativas.

Nivel 1:

• Valoración técnica e selección de docentes e provedores de servizos de formación.

• Elaboración de orzamentos por accións e/ou administrativos.

• Xestión e seguimento orzamentario e/ou administrativo.

• Xustificación de proxectos.

• Elaboración dos informes de contas.

• Apoio nas auditorías contables.

• Tramitación e control de xestión laboral.

• Desenvolvemento de software interno e para terceiros.

• Seguimento e control de procesos clave e soporte da Fundación.

• Axuste de pedidos e partidas de materiais formativos.

• Negociación con provedores non formativos (compras e alugueres).

• Xestión de reparacións e garantías de equipos con SAT autorizados.

• Realización de pedidos e xestión de devolucións a provedores.

• Organización e control dos inventarios e a súa actualización.

Anexo II

Características do contrato de traballo fixo-descontinuo:

– Posto de traballo / categoría profesional: formador.

– Ámbito: supraprovincial. Galicia Norte/Galicia Sur. Radio 125 km (inclúe como mínimo dous centros da Forem).

– Centro de traballo: Centro da Forem máis próximo ao domicilio do traballador.

– Especialidade formativa: familias profesionais INCUAL. Os docentes estarán asignados a unha ou máis familias profesionais nas cualificacións para as cales cumpran o perfil e sempre que sexa aceptado polo decisor do plan.

– Salario: salario base de 91,39 € brutos diarios, incluídos todos os conceptos salariais. En función do plan e da normativa de referencia poderase complementar, segundo o artigo 22 deste convenio.

– Forma de chamamento: escrita rexistro no SPE. O chamamento realizarase con 10 días de anticipación, como mínimo, ao inicio da actividade mediante carta certificada con aviso de recepción. Nesta comunicación reflectirase a data da súa incorporación. O traballador chamado deberá responder no prazo máximo de 6 días naturais desde que recolla o aviso de recepción a través do mesmo procedemento ou ben presentándose na Forem SSCC (área de Administración). O incumprimento por parte do traballador, sen causa xustificada, de tal formalidade implicará a súa renuncia ao posto de traballo.

– Orde de chamamento: determinación da clasificación (antigüidade).

– Tipo de xornada: tempo completo, en cumprimento do artigo 15.8 do ET.

– Permuta: prevese a posibilidade de permutación con outro docente no chamamento a un curso para o cal cumpra o perfil, dentro do ámbito recollido no contrato, por mutuo acordo entre as partes.

– Determinación da duración da actividade anual: determinación do número de horas ao ano: garántese un mínimo de 300 horas anuais. Poderán realizarse horas complementarias por pacto co traballador, no momento da formalización do contrato ou mediante pacto posterior formalizado por escrito.

Tales horas complementarias distribuiraas o empresario segundo as necesidades da empresa. O traballador deberá coñecer o día e hora de realización das horas complementarias cun aviso previo de 7 días.

Este complemento de horas sería renovable anualmente e o traballador podería deixalo sen efecto se o denuncia, unha vez que se cumpra un ano desde a súa sinatura. Deberase notificar a denuncia cunha anticipación de 3 meses; no caso contrario, entenderase prorrogado por un novo período anual.

– Non incorporación ao chamamento.

No suposto de que o traballador fixo-descontinuo decidise non incorporarse ao chamamento, entenderase como baixa voluntaria e quedará extinguido sen máis trámite o seu contrato de traballo e, por tanto, a relación laboral coa Fundación.

A consideración de fixo-descontinuo non se perderá nos supostos de exercicio de cargo público, ausencia por maternidade, incapacidade temporal e polo mutuo acordo das partes:

1. Sempre que a selección do alumnado corresponda ao formador ou formadora, a relación laboral comezará o día da selección, suspenderase despois da primeira, segunda ou sucesivas seleccións e continuará dous días antes do inicio do curso.

2. Cando a distancia desde o centro da Forem onde se vaia impartir un curso ao centro de traballo da Forem do traballador sexa maior de 125 km.

3. Así como os demais supostos de suspensión de contrato de traballo previstos legalmente.

4. Se o obxecto do chamamento (impartición dun curso) quedar aprazado ou se suspender por causas alleas á Forem Galicia, a chamada quedará sen efecto.

Anexo III

Retribucións:

1. De conformidade co disposto no artigo 8 establécense para o ano 2013 as seguintes retribucións:

Grupo I: persoal técnico.

• Nivel 1. Técnico/a: 1.937,36 €.

• Nivel 2. Responsable de centro: 1.809,39 €.

Grupo II: persoal de apoio.

• Nivel 1. Administrativo/a, oficial de almacén: 1.283,88 €.

• Nivel 2. Persoal auxiliar: 1.115,05 €.

As retribucións revisaranse en función do artigo 27 deste convenio.

Ao longo da vixencia do convenio crearase unha comisión de seguimento para a análise do sistema retributivo da Fundación, que será de aplicación logo de acordo das partes. En todo caso, asegúrase durante a vixencia do convenio o nivel retributivo dos traballadoras e traballadoras recollido neste anexo.

2. Nos distintos ámbitos de xestión determinaranse os complementos de posto que se acorden. Con independencia da categoría, poderanse establecer complementos por maior responsabilidade derivados da asunción de funcións que estas levan consigo.

3. Para o persoal da categoría de formador e formadora, o salario será o que resulte de multiplicar o prezo por hora lectiva aprobado na resolución do plan correspondente, deducidos os custos empresariais.

A retribución correspondente polo total do servizo será a que figure no contrato do formador, e incluirá todos os conceptos salariais. No caso daquelas programacións que exixan unha selección previa do alumnado e esta estea asignada ao formador, o día de selección retribuirase a razón de salario mínimo interprofesional.