En cumprimento do ordenado no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental, e nos artigos 12 e 15 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei da avaliación ambiental,
RESOLVO:
Dar publicidade, mediante a presente resolución, á declaración de impacto ambiental formulada con data do 23.7.2012, pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, relativa ao proxecto de urbanización da APR A-3-37 Tomás Paredes 1, no concello de Vigo (Pontevedra), promovido pola mercantil Fegaunión, S.A. (clave 2010/0155), mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e que se transcribe literalmente no anexo.
Vigo, 14 de xaneiro de 2014
Mª Carmen Silva Rego
Vicepresidenta da Xerencia Municipal de Urbanismo, Planeamento e Xestión
José Riesgo Boluda
Secretario da Xerencia Municipal de Urbanismo, Planeamento e Xestión
ANEXO
Declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 23 de xullo de 2012, relativa ao proxecto de urbanización da APR A-3-37 Tomás Paredes 1, no concello de Vigo (Pontevedra), promovido por Fegaunión, S.A. (clave 2010/0155)
Antecedentes
O Concello de Vigo iniciou o procedemento de aprobación do proxecto de urbanización do AOD A-3-37 Tomás Paredes 1, delimitado e ordenado no Plan xeral de ordenación municipal de Vigo, que abrangue unha superficie de solo urbano non consolidado de algo máis que 12.600 m².
O proxecto considerouse sometido á avaliación de impacto ambiental ao estar recollido no grupo 7.b (proxectos de urbanizacións, incluída a construción de centros comerciais) do anexo II do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, tendo en conta:
• Que o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Vigo non foi sometido á tramitación ambiental estratéxica prevista no artigo 7 da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente por resolución da antiga Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, do que deriva que o proxecto agora presentado non foi sometido a ningún tipo de avaliación ambiental.
• E a proximidade da zona do proxecto a áreas habitadas, así como o potencial impacto paisaxístico que vai causar o proxecto de urbanización.
No anexo I desta declaración resúmense as características básicas do proxecto e do medio recollidas no estudo de impacto ambiental presentado polo promotor no marco do trámite de avaliación ambiental e no anexo II un plano que permite localizar o proxecto.
Para adoptar esta decisión, esta secretaría xeral efectuou as consultas previas previstas no artigo 17.2 da citada norma. A relación de organismos consultados, onde se indica cun X aqueles dos que se recibiu resposta, é a seguinte:
|
Organismo |
Resposta |
|
Dirección Xeral do Patrimonio Cultural |
X |
|
Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe |
X |
|
Concello de Vigo |
X |
|
Federación Ecoloxista Galego |
- |
|
Sociedade Galega de Historia Natural |
- |
Unha vez finalizado o dito período de consultas, determinouse que cumpría someter o proxecto ao trámite de avaliación de impacto ambiental, o cal se lle notificou ao Concello de Vigo, indicándolle asemade o alcance do estudo de impacto ambiental e trasladando as contestacións recibidas ás consultas previas.
Mediante o Anuncio do 3 de maio de 2012, da Concellería de Urbanismo, Cascos Históricos e Grandes Proxectos do Concello de Vigo, publicado no DOG nº 84, do 3 de maio de 2012, someteuse á información pública o estudo de impacto ambiental e o proxecto técnico de urbanización da AOD APR A-3-37 Tomás Paredes 1.
Con data do 4 de xullo de 2012 recíbese na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o expediente tramitado polo Concello de Vigo que inclúe, ademais do estudo de impacto ambiental e do proxecto técnico, os informes emitidos pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, por Augas de Galicia, pola antiga Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe (hoxe Instituto de Estudos Xeográficos) e o certificado do propio Concello de Vigo en que fan constar que durante o período de exposición ao público non se presentou ningún escrito de alegacións.
Unha vez realizada a tramitación ambiental, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, como órgano ambiental e no exercicio das competencias que lle atribúe o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, formula, para os únicos efectos ambientais, a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao proxecto de urbanización AOD APR A-3-37 Tomás Paredes 1, no concello de Vigo (Pontevedra), promovido por Fegaunión, S.A.
Declaración de impacto ambiental
Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto de urbanización é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.
Ademais do obrigado cumprimento desas condicións, de manifestarse calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicións adicionais ás anteriores.
As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá a solicitude e achegará a documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración.
1. Ámbito da declaración.
Esta declaración refírese exclusivamente ao proxecto de urbanización da AOD APR A-3-37 Tomás Paredes 1, para transformar o solo en edificable. O ámbito de actuación localízase no noroeste de Vigo, no solo delimitado polas rúas Tomás Paredes e Pardaíña.
2. Protección da atmosfera.
1. Observarase o disposto no Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, así como, de ser o caso, o estipulado nas ordenanzas municipais ao respecto.
2. As obras executaranse, salvo excepcións plenamente xustificadas, en período diúrno.
3. A maquinaria empregada nas obras cumprirá coa normativa de emisións que lle sexa de aplicación e deberá dispor de documentación acreditativa ao respecto.
4. Levarase a cabo un mantemento periódico da maquinaria empregada nas obras, tanto para asegurar o cumprimento dos niveis de emisión de gases e ruído, como para que non se produzan perdas de hidrocarburos e aceites.
5. Co fin de evitar a xeración de po e de non afectar as vías fóra da zona de actuación, procederase ao lavado de rodas dos camións á saída da zona de obra.
3. Protección das augas.
1. Non se afectarán, ou terán que ser respostas na súa totalidade, as instalacións ou os servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro previsto pola lexislación hidráulica que se atope na área de influencia do proxecto e se vexa afectado por este. En todo caso, deberán solicitarse os pertinentes permisos para actuacións relacionadas coas ditas redes.
2. A auga de abastecemento para os traballadores deberá ser apta para o consumo humano segundo o establecido no Real decreto 140/2003, do 7 de febreiro, polo que se establecen os criterios sanitarios da calidade de auga de consumo humano.
3. Tendo en conta que na zona non existen correntes naturais, o único impacto sobre a calidade das augas pode producirse por arrastres a través da rede de pluviais, polo que, mentres duren os movementos de terras, acondicionarase na parte baixa unha balsa de decantación.
4. Aplicaranse sistemas de drenaxe sustentable que limiten a escorredura e permitan a infiltración da auga ao terreo de xeito natural, como pode ser a condución das augas pluviais ás zonas verdes previstas no terreo que se vai urbanizar.
4. Protección do solo.
1. Tomaranse as medidas de seguridade necesarias para evitar verteduras accidentais dos tanques de almacenamento de produtos como aceites, graxas e carburantes de motores.
2. Unha vez rematadas as obras, procederase á limpeza e restauración das superficies afectadas.
3. No caso de deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido á execución do proxecto, deberá restituírse aos niveis previos ao inicio da obra.
4. Previamente á realización de tarefas de mantemento e reparación da maquinaria de obra non apta para circular por estrada, deberanse dispor na zona os medios necesarios para evitar a chegada de verteduras accidentais ao solo e facilitar a súa recollida. No caso de maquinaria apta para esta circulación, estas tarefas deberán realizarse en talleres autorizados.
5. Xestión de residuos.
1. Adoptaranse as medidas técnicas e economicamente viables para reducir a cantidade de residuos xerados.
2. Todos os residuos que se xeren como consecuencia do desenvolvemento das obras deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente e primará a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.
3. Adoptaranse as medidas oportunas co obxecto de que os residuos se almacenen ata o seu envío a xestor final autorizado, en condicións adecuadas de hixiene, seguridade e segregación, e garantirase en todo caso que se impida calquera afección ao ambiente. Con este fin adecuaranse zonas específicas para a instalación dos distintos tipos de colectores.
4. Deberá cumprirse en todo momento co establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.
5. Antes do inicio das obras, habilitaranse zonas específicas para a instalación de distintos tipos de colectores en que se fará o abasto e almacenamento dos distintos residuos, en condicións adecuadas de seguridade e hixiene, ata o seu envío a xestor final autorizado.
6. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra e non poderán quedar restos de materiais, lixo ou entullos nin no lugar de actuación nin nas súas proximidades.
7. Na xestión da biomasa vexetal prevalecerá a súa valorización e evitarase no posible a queima destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización.
8. Finalizadas as obras, dotarase a zona con contedores que permitan unha separación adecuada e xestión de residuos.
6. Protección do patrimonio cultural.
As obras proxectadas realizaranse nunha zona que, segundo consta na documentación da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, non afecta nin directamente nin o ámbito de ningún elemento do patrimonio cultural.
Non obstante, no caso de que no transcurso das obras se produza algún achado, deberán establecerse as medidas protectoras e/ou correctoras, de acordo co estipulado no Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Vigo.
7. Integración paisaxística.
1. Deberán empregarse técnicas gráficas de representación e simulación visual (modelizacións 3D, montaxes fotográficas, etcétera), tendo en conta o carácter visual da paisaxe obxecto do estudo. Recoméndase que o estudo de impacto e integración paisaxística se complete coas recreacións ou modelizacións da nova vía e das medidas de integración paisaxística previstas.
2. Recoméndase tamén facer unha descrición detallada das medidas de integración paisaxística que se pretenden levar a cabo, da consolidación das árbores que existen e do plan de limpeza que se pretende levar a cabo.
3. Estableceranse as medidas correctoras necesarias co fin de minimizar a contaminación lumínica e minorar o consumo enerxético e estudarase a posibilidade de empregar enerxías renovables.
4. Na medida do posible manteranse os pés arbóreos de carácter singular que se atopan na superficie de afección ou, no caso de non resultar posible o seu mantemento no ámbito de actuación, tentarase realizar o seu transplante a algunha zona verde do contorno do proxecto.
8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
1. Desenvolverase e levarase a cabo un programa de vixilancia ambiental co obxecto de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e nas condicións desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ambiental ou nas condicións da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.
2. Para tal fin, deberán incorporarse os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos da presente declaración. Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Teranse en conta, tamén, as seguintes consideracións:
a) Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente DIA, o promotor deberá designar un/s responsable/s do seu control e notificaranlle o seu nomeamento ao órgano substantivo, que llo comunicará ao órgano ambiental.
b) As tomas de mostras e/ou as medicións deberán ser representativas e, polo tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.
c) As tomas de mostras, medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.
d) Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis poderán ser revisados con base nos resultados obtidos.
3. No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo e proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo porá este feito en coñecemento da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
4. Os informes do programa de vixilancia e seguimento ambiental serán presentados polo promotor perante o órgano substantivo, ao cal lle corresponde o seguimento e a vixilancia do cumprimento das condicións da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión –se é o caso– do responsable do control do seguimento ambiental.
Un exemplar en soporte dixital de todos os informes deberá ser remitido ao órgano ambiental para a súa constancia no expediente.
9. Outras condicións.
1. Calquera cambio que se pretenda introducir no proxecto respecto do recollido na presente DIA deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e, no caso de que poida producir efectos significativos sobre o ambiente, deberá ser notificado previamente a esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que o avaliará, decidirá sobre a súa aceptación e comunicará, de ser o caso, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.
2. O órgano ambiental deberá ser informado, a través do órgano substantivo, de calquera cambio de titularidade que se produza na instalación.
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2012. Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
ANEXO I
Características básicas do proxecto e do medio
O ámbito de actuación sitúase no noroeste do municipio de Vigo, no solo delimitado basicamente polas rúas Tomás Paredes e Pardaíña. O predio afectado ten un acceso pola rúa Tomás Paredes (vértice noreste), que corresponde ao seu uso anterior, cando nela existía un edificio destinado a residencia dunha comunidade relixiosa dedicada a usos asistenciais.
A dita parcela ten forma sensiblemente rectangular cun saínte, de forma trapezoidal, no seu vértice suroeste. Ese solo será atravesado por unha vía de nova creación que enlazará a rúa Pardaíña ao oeste coa rúa Tomás Paredes ao leste, o cal dará continuidade á rúa Marín.
A construción da calzada cos diferentes sistemas e instalacións constitúe o núcleo central na execución do proxecto. Esa vía ocupará unha banda de 16 m ao longo do lindeiro sur da parcela.
Para a execución desta vía cómpre axustar as rasantes do terreo, polo que está previsto realizar movementos de terras, muros de contención e recheos. De feito, o eixe viario presenta unha rasante máis elevada que o espazo axardinado, polo que para resolver a transición dunha superficie a outra se crea un noiro ao pé da vía. No resto da parcela as actuacións limítanse fundamentalmente á limpeza, retirada do actual enreixado que forma o cerramento e supresión de sebes que acompañan o dito enreixado, co fin de dar permeabilidade ao espazo desde toda a súa cara leste.
Unha vez acadada a superficie final da vía, construirase a zona de rodadura para aparcamentos e tráfico, as beirarrúas cos rebaixes para pasos de peóns, habilitaranse escavas nas bandas de aparcamento a ambos os lados da calzada para plantación de árbores e colocaranse os compoñentes de mobiliario urbano e axentes para a recollida de residuos, así como a sinalización horizontal e vertical.
A rede de saneamento deséñase seguindo o trazado da vía e a súa pendente adaptarase á da nova vía e será separativa, evacuando de xeito diferenciado as augas pluviais, de rego e do subsolo das augas residuais. Tamén está prevista a instalación das redes de media e baixa tensión, de semaforización, de telecomunicacións e de gas.
A unidade desenvolveuse en virtude dun convenio urbanístico subscrito pola propiedade, Fegaunión, e representantes municipais. Neste convenio formalízase a achega dun espazo verde de 1.500 m², con fronte á rúa Tomás Paredes e á vía en proxecto, ao leste da unidade, e a incorporación doutro espazo verde, de 389 m², ao oeste da parcela e con fronte á nova vía e á rúa Pardaíña.
A zona verde de 1.500 m² coincide co espazo vexetado que tiña diante o centro da comunidade relixiosa que existía na parcela e que contén especies como sebe de tulla, eucaliptos, salgueiros choróns, magnolios, abetos, azaleas e loureiro; que se conservarán no proceso de urbanización.
O resto da parcela ten uso residencial colectivo, dividido en dúas parcelas, unha destinada a vivenda protexida de iniciativa privada e outra destinada a vivenda libre.
Tendo en conta o anterior, o proxecto prevé as seguintes superficies:
• Superficie total: 12.666 m².
• Sistemas locais existentes: 1.155 m².
• Cuarteirón 1, C1:
– Parcela P1: zona verde 1.500 m².
– Parcela P2 norte: vivendas de protección 1.220 m².
– Parcela P2 sur: vivendas de protección 780 m².
– Parcela P3: vivendas libres 4.695 m².
• Cuarteirón 2, C2:
– Parcela P1: zona verde 389 m².
• Cesións:
– Vía 1: novo vieiro 2.851 m².
– Vía 2: rúa Pardaíña 76 m².
ANEXO II
Plano de localización
