Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 9 de abril de 2014 Páx. 15867

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2014 pola que se fai pública a convocatoria para a incorporación de novos centros educativos á Rede de centros plurilingües de Galicia para o curso 2014/15.

A Orde do 12 de maio de 2011, DOG do 20 de maio, regula os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia e establece o procedemento de incorporación de novos centros á Rede de centros plurilingües de Galicia.

Na sección quinta da citada orde descríbese o procedemento de incorporación á Rede: solicitude e documentación, lugar e prazo de presentación e selección dos novos centros.

Ademais, na disposición derradeira primeira autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para realizar as sucesivas convocatorias anuais de incorporación dos centros educativos á Rede de centros plurilingües de Galicia, así como de ampliación do programa nos centros xa autorizados.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto realizar a convocatoria para o curso 2014/15 de incorporación dos centros educativos de educación primaria e de educación secundaria sostidos con fondos públicos á Rede de centros plurilingües de Galicia.

Artigo 2. Solicitude e documentación

1. Os centros que decidan formar parte da Rede de centros plurilingües deberán presentar a súa solicitude, xunto coa seguinte documentación:

a) Proxecto de desenvolvemento do programa plurilingüe en cada un dos cursos da etapa para a que se propoña, con indicación do curso ou cursos de aplicación no curso 2014/15 e planificación da extensión na etapa nos seguintes anos académicos.

b) Relación de áreas ou materias que se impartirán en lingua estranxeira, con indicación desta.

c) Información relativa á experiencia en plans e/ou programas relacionados coas linguas estranxeiras en que participou o centro.

d) Certificación da aprobación do proxecto polo consello escolar, oído o claustro de profesores e profesoras.

e) Relación do profesorado con destino definitivo no centro, ou profesorado contratado no caso dos centros concertados, que impartirá docencia, xunto coa titulación que acredite a súa competencia lingüística.

2. A inspección educativa informará a solicitude a través da xefatura territorial correspondente.

Artigo 3. Forma de presentación, lugar e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Estas solicitudes deberán dirixirse á xefatura territorial correspondente, xunto coa documentación expresada no artigo 2, que a trasladará, co informe da Inspección Educativa, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 30 de abril de 2014.

Artigo 4. Selección dos centros

1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizará a selección dos proxectos, mediante unha comisión que estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue, e que tamén estará integrada polas persoas titulares da Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, así como dous asesores ou asesoras técnicas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, un dos cales realizará as funcións de secretaría.

2. A valoración das solicitudes presentadas realizarase considerando a viabilidade do proxecto. Para iso terase en conta a experiencia previa do centro, o cadro de persoal de profesorado dispoñible coa cualificación requirida para desenvolver o programa en toda a etapa (con especial mención ao profesorado especialista en idioma estranxeiro) e os recursos existentes no centro, así como o número de unidades e de alumnado.

3. A comisión de selección elevaralle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da convocatoria. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de seis meses, desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A resolución definitiva será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non considerar oportuna a interposición do citado recurso poderán formular directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 5. Seguimento e avaliación

1. Os centros plurilingües establecerán na súa programación xeral anual os mecanismos de seguimento e avaliación do programa plurilingüe que permitan valorar os resultados obtidos e establecer, cando cumpra, propostas de mellora, que deberán reflectirse na memoria final de cada curso.

2. Correspóndelle á Inspección Educativa supervisar o proceso de implantación e desenvolvemento do programa nos centros plurilingües, prestándolle especial atención á práctica docente, así como propor medidas de mellora.

3. A persoa coordinadora do programa, coa participación do profesorado implicado no programa, deberá elaborar unha memoria ao remate do curso escolar para a súa integración na memoria anual do centro. A Inspección Educativa achegará, antes do 5 de xullo de cada curso escolar, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a memoria do programa co seu informe.

4. Ao remate de cada etapa educativa, co fin de verificar o grao de dominio da lingua estranxeira, levarase a cabo a avaliación do alumnado participante no programa plurilingüe, seguindo o procedemento que determine a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 6. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2014

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file