Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Venres, 25 de abril de 2014 Páx. 18958

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da instalación eléctrica denominada Subestación O Ceao-conexión trafo 1 132/20 KV e ampliación celas 20 kV, situada no termo municipal de Lugo e promovida por Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (expediente IN407A 2014/8-2, 8145 AT).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (BEGASA), con enderezo para os efectos de notificación na rúa Isabel Torres, 25, 39011 Santander, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. A subestación eléctrica O Ceao 132/20 kV de BEGASA, situada na rúa da Factoría do polígono industrial do Ceao, no termo municipal de Lugo, componse de:

– Un sistema de 132 kV convencional de intemperie, disposto en tipoloxía de anel, cunha capacidade para 6 posicións: 2 posicións de liña (Salime e Meira); 2 posicións de transformador 132/20 kV e 50 MVA cada un (T2 e T3); 1 posición de transformador equipada, en reserva; e 1 posición de liña equipada, en reserva.

– Sistema de 20 kV de interior, coa configuración de simple barra partida en celas de interior, coas seguintes posicións: 12 posicións de liña; 2 posicións de transformación 132/20 kV; 2 posicións de servizos auxiliares; 1 posición de medida de barras; e 1 posición de acoplamento e remonte.

Segundo. O 12.2.2014 a empresa BEGASA presentou solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada subestación O Ceao-conexión trafo 1 132/20 kV e ampliación celas 20 kV; xunto co preceptivo proxecto de execución.

Segundo este proxecto de execución, o alcance da ampliación da citada subestación é o seguinte:

– Intemperie: conexión dun novo transformador de potencia 132/20 kV de 30 MVA, denominado T1 (máquina existente actualmente na instalación, polo que unicamente se procederá á súa conexión ao sistema).

– Interior: apertura de ocos no forxado do edificio para o paso dos respectivos cables cara ás celas de nova instalación; instalación de 8 novas cabinas (6 de liña, 1 de transformador e 1 de medida) de 20 kV; e cableado de novas celas, alimentación en cc e tendido FO.

Terceiro. O 17.2.2014 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización da devandita instalación eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 26.2.2014 e no Boletín Oficial da provincia do 28.2.2014.

Durante o período en que o devandito proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 17.2.2014 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución da devandita instalación eléctrica.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que resulta de aplicación conforme o disposto na disposición transitoria primeira da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e no punto 9 da Resolución do 19.2.2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo co previsto na citada lei.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, esta dirección xeral

RESOLVE:

Autorizar administrativamente a instalación eléctrica denominada subestación O Ceao-conexión trafo 1 132/20 kV e ampliación celas 20 kV, situada no termo municipal de Lugo e promovida por BEGASA.

Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora BEGASA, asinado polo enxeñeiro de minas Juan Pablo Gómez Goñi (colexiado nº 1367 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste) e visado polo Consello Superior de Colexios de Enxeñeiros de Minas con nº E0087/13-CS e data 21.11.2013, e no cal figura un orzamento de 245.492,73 euros.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, e ordes posteriores, así como demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas