Vista a solicitude para o outorgamento da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que a seguir se detallan:
Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.
Domicilio social: avenida de Arteixo, 171, A Coruña.
Denominación: LMT, CTI e RBT Pena-Pedreira.
Situación: concello de Santiso.
Características técnicas:
– Liña eléctrica de media tensión aérea, a 15/20 kV, de 979 metros de lonxitude, en condutor LA-56, coa orixe en apoio existente da LMT ao CT Penaposta e final no CT proxectado.
– Centro de transformación aéreo, tipo intemperie, de 100 kVA de potencia e relación de transformación 15/0,400,23 kV, que se instalará en Pena Pedreira.
– Rede de baixa tensión aérea, con orixe no novo CT Pena Pedreira, de 1.187 metros de lonxitude, en condutor tipo RZ.
– Rede de baixa tensión soterrada, coa orixe na nova RBT aérea proxectada, de 305 metros de lonxitude, en condutor tipo XZ1.
Resultan os seguintes feitos:
Primeiro. O 2.6.2009 Juan Ramón Guijarro Castro, en nome e representación da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. solicitou a autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución dunha instalación de distribución eléctrica coa finalidade de mellorar a calidade da subministración de enerxía eléctrica nos lugares da Pedreira, A Pena, Eirexe, O Barral e Penaposta, concello de Santiso.
Segundo. A solicitude incluía unha relación de bens e dereitos afectados polo proxecto e, en concreto, unha relación dos bens e dereitos para os cales non había mutuo acordo cos seus propietarios e para os cales se pedía a aplicación da lexislación sobre expropiación forzosa.
Terceiro. Por acordo do 17 de xuño de 2009 do entón Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, someteuse a solicitude ao trámite de información pública establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante a publicación no DOG núm. 140, do 20.7.2009, no BOP núm. 154, do 9.7.2009 e o xornal La Voz de Galicia do 3.9.2009. Tamén foi exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Santiso desde o día 7.10.2009 ata o 30.10.2009. Do mesmo xeito, procedeuse á notificación individual aos propietarios de bens e dereitos afectados, agás os titulares dos predios números 2 e 3, que, por resultaren descoñecidos, comunicarase ao Ministerio Fiscal no momento oportuno do procedemento.
Cuarto. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, deuse traslado ás distintas administracións, organismos ou, se for o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral dunha separata do proxecto na parte que a instalación puider afectar bens e dereitos ao seu cargo, que conteña as características da instalación e a documentación cartográfica correspondiente.
Remitiuse unha separata aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Cultura e Turismo) e Concello de Santiso. Durante o prazo establecido regulamentariamente non se recibiu contestación da Consellería de Cultura e Turismo, polo que se entenderon como aprobadas, no que respecta a este organismo, as especificacións técnicas propostas pola empresa.
No que respecta ao Concello de Santiso recibiuse como resposta un informe do 31.8.2009, no cal se manifesta: «... comunícolle que debido a que os veciños afectados pola construción “LMT, CT, RBT Pena-Pedreira”, que son, ademais, os propios usuarios das obras que se van realizar, presentaron escritos neste concello e na Consellería de Economía e Industria
expoñendo e motivando a súa desconformidade por non consideraren necesaria a realización da referida obra, por todo o exposto, desde este concello manifestamos a nosa oposición, apoiando deste xeito a postura dos nosos veciños».
Deste informe deuse traslado a Unión Fenosa Distribución, S.A. que, mediante escrito con data do 15.9.2009, fai as seguintes indicacións:
Dá por reproducido o contido da resposta feita con data do 6 de agosto de 2009 con motivo das alegacións presentadas polo Concello de Santiso no trámite de información pública.
Manifesta Unión Fenosa Distribución, S.A. que a oposición do Concello á execución da obra proxectada baseándose no seu interese de apoiar os veciños afectados non pode ser considerado un condicionado técnico ao proxecto nos termos recollidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, de tal xeito que a empresa distribuidora entende que a oposición do Concello responde ao prexuízo que se puider ocasionar sobe as propiedades particulares afectadas. A este respecto, considera que os dereitos dos afectados están a ser respectados e que se cumpre o estipulado no capítulo V do Real decreto 1955/2000, no cal se regula o proceder nas solicitudes de declaración de utilidade pública de instalacións de distribución de enerxía eléctrica.
No caso de que o proxecto acade a declaración de utilidade pública, será o Xurado de Expropiación de Galicia o encargado de valorar os prexuízos ou perda do patrimonio que se puideren xerar sobre os predios afectados, e establecerá o prezo xusto conforme a lexislación aplicable.
O proxecto cumpre coa normativa que lle é de aplicación, sen que o Concello propoña outra solución ou alternativa para a súa avaliación.
Destas manifestacións deuse traslado ao Concello de Santiso con data do 22.9.2009, e recibiuse contestación deste con data 30.9.2009, en que sinala o seguinte:
«A oposición manifestada polo Concello de Santiso á construción das obras de referencia non vén dada só polos prexuízos que se producen nas propiedades particulares afectadas por elas, senón que vén dada porque os usuarios do servizo de electricidade subministrado por Unión-Fenosa e afectados pola realización da obra non consideran necesario que esta se leve a cabo.
Dado o sentir xeneralizado dos cidadáns de que non é precisa a construción da liña en cuestión, estima este Concello que non debería ser declarada de interese público... entendemos que sería de interese xeral que a empresa subministradora de enerxía contactase co Concello antes de tomar estas decisións porque a institución municipal é a que representa os veciños no que se refire aos servicios que estes necesitan e a forma de suministrárllelos.
Por todo o exposto, o Concello de Santiso mantén a súa postura en contra da realización das obras pretendidas pola eléctrica Unión-Fenosa».
Quinto. Durante o período de información pública recibíronse as seguintes alegacións:
A) Acompañando un oficio de data 10.7.2009, o Concello de Santiso achega un anexo asinado por once (11) veciños das parroquias de Belmil e Santiso, todos eles notificados de xeito individual por estaren incluídos na relación de propietarios de bens e dereitos afectados, agás Pilar Agra Carril, no cal mostran a súa desconformidade coa construción da liña eléctrica en cuestión, con base no seguinte:
«A maioría dos asinantes tamén seríamos beneficiarios da construción da infraestrutura e non consideramos necesaria a súa realización, aínda que recoñecemos que a sección das liñas de abastecemento actuales son de moi pouca sección.
Non entendemos por qué Unión-Fenosa ten tanto interese en estragar as nosas propiedades cando non é preciso facelo, polo que nos oporemos rotundamente á realización da obra».
Destas alegacións deuse traslado a Unión Fenosa Distribución, S.A. con data 24.7.2009, que, mediante escrito do 6.8.2009, manifesta o seguinte:
O que se pretende coas instalacións proxectadas é mellorar a calidade da subministración eléctrica nos lugares da Pedreira, A Pena, Eirexe, O Vilar, O Barral e Penaposta.
Non é intención de Unión Fenosa Distribución, S.A. “estragar” propiedade ningunha xa que sempre se pretende reducir ao mínimo o prexuízo ocasionado, aclarando que o trazado do primeiro treito de 462 metros (ata o apoio nº 4) adaptouse aos vieiros existentes, polo que a maior parte da afectación se produce sobre os ditos vieiros e que o deseño comprendido entre o apoio nº 4 e os 90 metros anteriores ao centro de transformación responde á inexistencia de camiños públicos ou lindeiros aliñados, así como á intención de evitar zonas arborizadas, solo delimitado pola normativa urbanística e solo de núcleo rural no lugar de Pedreira, que permitisen optar por outro trazado.
Engade Unión Fenosa Distribución, S.A. que o trazado recollido no proxecto é a solución considerada como óptima polo seu autor, no intento de acadar a mellor opción para o conxunto das instalacións, sempre de conformidade coa regulamentación técnica e administrativa e sen que existan limitacións nin prohibicións que impidan o establecemento da servidume de paso sobre os terreos incluídos na RBDA.
Lembra Unión Fenosa Distribución, S.A. que o establecemento da servidume de paso aérea non impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar nel, deixando a salvo a dita servidume e sempre que sexa autorizado pola Administración competente. Do mesmo xeito, nas leiras particulares poderanse seguir realizando actividades pecuarias ou de cultivo, coa única restrición relativa á plantación de árbores a menor distancia da establecida nos regulamentos.
Por último, Unión Fenosa Distribución, S.A. remítese, no caso de que o proxecto sexa autorizado e declarado de utilidade pública, ao Xurado de Expropiación de Galicia para valorar o prexuízo que se puidera cometer nos diferentes predios establecendo o prezo xusto de conformidade coa lexislación que sexa de aplicación, e finaliza a súa contestación solicitando a desestimación das alegacións presentadas.
B) José Manuel Piñeiro González, en nome de Sinforosa Mejuto Santalla polas leiras nº 14 e nº 17 e, en nome de Manuel Roibás, polas leiras nº 16 e nº 18, con data 20.7.2009, formula as seguintes alegacións:
«Primeira. O trazado deseñado pola Consellería para o paso das liñas de media e baixa tensión que afecta as parcelas descritas 14, 16, 17 e 18 vai causar na súa instalación como consecuencia das servidumes e afeccións derivadas dunha rede desta natureza, importantes prexuízos aos meus patrocinados, xa que deste modo impide o seu aproveitamento para o fin a que están destinadas, que é o de forraxe e pastoreo para unha explotación gandeira de vacún superior a 40 cabezas.
Segunda. O meu mandante non pretende derivar a terceiros a afectación da instalación, pero cre ter dereito a que a instalación se faga, en termos de lugar, ao menor dano. É dicir, que se intente diminuír ao máximo posible a afección sobre a parcela sen que iso deba supoñer pola situación e lonxitude do tendido maior custo.
Terceira. Para os efectos oportunos, e para conseguir o aquí proposto, debería intentarse o mutuo acordo no trazado non só de forma planimétrica, senón no seu levantamento sobre o terreo. Para iso, cremos imprescindible que se nos proporcione un plano de situación do tendido desde a súa orixe ata o centro de transformación, de tal maneira que podamos detallar con carácter previo a súa futura situación sen traslado de maiores cargas a terceiros».
Remata José Manuel Piñeiro González a súa argumentación, solicitando que «… se proceda á modificación puntual do trazado, ao menor dano, en relación cos terreos da miña representada, logo de entrega do plano de situación do tendido desde a súa orixe ata o centro de transformación».
Con data do 29.7.2009 deuse traslado destas alegacións a Unión Fenosa Distribución, S.A., que dá resposta o 6.8.2009 expondo o seguinte:
Referíndose ao uso agrícola ou gandeiro actual nas parcelas afectadas, Unión Fenosa Distribución, S.A. remítese ao artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, para dicir que os usos actuais se poderán seguir realizando sen limitación ou restrición ningunha, en canto que se interrompa a servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica que se pretende establecer, xa que a servidume de paso aérea non impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar nel, deixando a salvo dita servidume e sempre que sexa autorizado pola Administración competente. Do mesmo xeito, nas leiras particulares poderanse seguir realizando actividades pecuarias ou de cultivo, coa única restrición relativa á plantación de árbores a menor distancia da establecida nos regulamentos.
Engade Unión Fenosa Distribución, S.A. que o trazado recollido no proxecto é a solución considerada como óptima polo seu autor, no intento de acadar a mellor opción para o conxunto das instalacións, sempre de conformidade coa regulamentacións técnica e administrativa e sen que existan limitacións nin prohibicións que impidan o establecemento da servidume de paso sobre os terreos incluídos na RBDA, e aclara que o trazado do primeiro treito de 462 metros (ata o apoio nº 4) adaptouse aos vieiros existentes, polo que maior parte da afectación se produce sobre os ditos vieiros e que o deseño comprendido entre o apoio nº 4 e os 90 metros anteriores ao centro de transformación responde á inexistencia de camiños públicos ou lindeiros aliñados, así como á intención de evitar zonas arborizadas, solo delimitado pola normativa urbanística e solo de núcleo rural no lugar de Pedreira, que permitisen optar por outro trazado. Deste xeito, respecto da modificación do trazado que se solicita nas alegacións presentadas, manifesta Unión Fenosa Distribución, S.A. que a dita variación suporía trasladar as afeccións orixinais a outras propiedades inicialmente non incluídas no expediente, argumentando o acordo acadado cos propietarios de vinte e unha (21) das vinte e seis (26) leiras inicialmente afectadas e que deron a súa conformidade para a construción da infraestrutura proxectada.
Respecto do plano requirido nas alegacións, Unión Fenosa Distribución, S.A. ponse á disposición dos afectados a través do seu Departamento de Tramitacións, e finaliza a súa contestación solicitando a desestimación das alegacións presentadas.
Sexto. O persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial, unha vez avaliada a documentación que consta no expediente, a tramitación seguida e as alegacións presentadas, emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, coas seguintes consideracións:
Na súa condición de xestor da rede de distribución definida, entre outros, nos artigos 9 e 39 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, corresponde a Unión Fenosa Distribución, S.A. o deseño e a planificación das súas redes de distribución, logo de avaliar, entre outras cuestións, as obrigas de adecuar a subministración de enerxía eléctrica ás necesidades dos consumidores e cumprir cos parámetros de calidade que se recollen na normativa, todo iso sempre de conformidade cos procedementos regulamentarios e, se é o caso, considerando os condicionados técnicos que puideren impoñer as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral.
Segundo o artigo 52.1 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.
O artigo 140 (utilidade pública), do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que ten por obxecto desenvolver o marco normativo en que se teñen que desenvolver as actividades relacionadas co sector eléctrico, baixo o modelo establecido na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, dispón:
De acordo co artigo 52.1 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.
A dita declaración de utilidade pública esténdese aos efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e das súas localizacións cando por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais nelas.
Para o recoñecemento en concreto da utilidade públicas destas instalacións, será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bes e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.
O artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, establece que:
«A declaración de utilidade pública levará implícita, en todo caso, a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisicións dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa».
Para determinar con exactitude a parte dos predios afectados, as súas titularidades, a cuantificación das afeccións ou os cultivos existentes, de conformidade có artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, «no momento do levantamento da acta faranse constar todas as manifestacións e datos que presenten uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, ou valor daqueles ou os determinantes da rápida ocupación».
O artigo 161 (limitacións á constitución da servidume de paso), do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, estipula:
Non poderá impoñerse servidume de paso para as liñas de alta tensión sobre edificios, os seus patios, currais, centros escolares, campos deportivos, xardíns e hortos, tamén pechados, anexos a vivendas que existen ao tempo de iniciarse o expediente de solicitude de declaración de utilidade pública, sempre que a extensión dos hortos e xardíns sexa inferior á media hectárea.
Tampouco poderá impoñerse servidume de paso para as liñas de alta tensión sobre calquera tipo de propiedades particulares, sempre que se cumpran as condicións seguintes:
Que a liña poida instalarse sobre terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimonial do Estado, da comunidade autónoma, das provincias ou dos concellos, ou seguindo lindeiros de fincas de propiedade privada.
Que a variación do trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura ao 10 % da parte da liña afectada pola variación que, segundo o proxecto, transcorra pola propiedade do solicitante da dita variación.
Que tecnicamente a variación sexa posible.
A indicada posibilidade técnica será apreciada polo órgano que tramita o expediente, logo de informe das administracións ou organismos públicos a que pertenzan ou estean adscritos os bens que resulten afectados pola variante e, se for o caso, con audiencia dos propietarios particulares interesados.
En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o seu custo sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 24 de xullo); a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE núm. 285, do 28 de novembro); o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, que establece os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro) e o Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.
Segundo. No presente expediente cumpríronse os trámites sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Terceiro. A autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións obxecto deste expediente, cumpren coa normativa vixente, isto é: a Lei 54/1997, do 27 de novembro; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación (BOE núm. 288, do 1 de decembro); o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias (BOE núm. 68, do 19 de marzo); e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).
Cuarto. Á vista das alegacións formuladas e das contestacións achegadas pola empresa solicitante, cómpre facer unhas consideracións previas de carácter xeral:
1) As manifestacións e datos que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, así como a medición e descrición exacta das superficies e bens afectados, faranse constar no levantamento da acta previa á ocupación, momento para o cal os interesados afectados serán oportunamente convocados mediante notificación. Este acto desenvolverase de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
2) De conformidade co disposto no número 1.5 da instrución técnica complementaria ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose, en todo caso, ás prescricións que nesta instrución se establecen. É dicir, o trazado da liña será o elixido polo autor do proxecto, sempre que cumpra os requisitos xerais e de seguranza que establece o propio Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e non infrinxa as limitacións e prohibicións que para a constitución de servidumes de paso de liñas aéreas establecen o artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, e o artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.
3) Polo que respecta á valoración dos terreos e bens afectados, para o caso de que as partes non acaden un acordo previo, a determinación do prezo xusto corresponde ao Xurado de Expropiación de Galicia, de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e tamén no capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.
Quinto. Respecto das alegacións presentadas por José Manuel Piñeiro González, en nome de Sinforosa Mejuto Santalla polas leiras nº 14 e nº 17 e, en nome de Manuel Roibás, polas leiras nº 16 e nº 18, cómpre informar que:
O trazado da instalación non é realizado pola Consellería de Economía e Industria, senón por Unión Fenosa Distribución, S.A. na súa condición de xestor da rede de distribución e no ámbito das competencia que lle outorga a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.
Efectivamente, no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, determínase que os usos actuais se poderán seguir realizando sen limitación ou restrición ningunha, en tanto que non se interrompa a servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica que se pretende establecer, xa que a servidume de paso aérea non impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar nel, deixando a salvo a dita servidume e sempre que sexa autorizado pola Administración competente. Do mesmo xeito, nas leiras particulares poderanse seguir realizando actividades pecuarias ou de cultivo, coa única restrición relativa á plantación de árbores a menor distancia da establecida nos regulamentos. No mesmo senso se pronuncia o artigo 162 do Real decreto 1955/2000 do 1 de decembro.
Segundo o artigo 150 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento o solicitante da declaración de utilidade pública poderá concertar libremente cos titulares dos necesarios bens e dereitos a adquisición deles por mutuo acordo. Este acordo, no momento de declararse a utilidade pública da instalación, adquirirá a natureza e efectos previstos no artigo 24 da Lei de expropiación forzosa, e causará, por tanto, a correspondente conclusión do expediente expropiatorio. Nestes supostos, o beneficiario da declaración de utilidade pública poderá, se for o caso, solicitar da autoridade competente a aplicación do mecanismo establecido no artigo 59 do Regulamento de expropiación forzosa.
De conformidade co disposto no número 1.5 da instrución técnica complementaria ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose, en todo caso, ás prescricións que nesta instrución se establecen. É dicir, o trazado da liña será o escollido polo autor do proxecto, sempre que cumpra os requisitos xerais e de seguranza que establece o propio Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e non infrinxa as limitacións e prohibicións que para a constitución de servidumes de paso de liñas aéreas se establecen no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, e no artigo 161 do Real Decreto 1995/2000, do 1 de decembro.
Por todo o exposto, enténdese que a modificación solicitada por José Manuel Piñeiro González, en nome de Sinforosa Mejuto Santalla polas leiras nº 14 e nº 17 e, en nome de Manuel Roibás, polas leiras nº 16 e nº 18 debe ser desestimada, xa que non se propón unha solución alternativa para que poida ser avaliada e suporía, en primeiro termo, alterar o trazado proposto pola empresa distribuidora sobre o cal xa hai acordos coa maioría dos afectados (21 de 26) e, en segundo termo, suporía crear novas afeccións non previstas.
Non obstante o anterior, no momento do levantamento das actas previas, poderá expoñer calquera argumentación na defensa dos intereses dos seus representados.
Respecto das manifestacións do Concello de Santiso cómpre indicar o seguinte:
Respecto da non necesidade de execución da instalación, é importante sinalar o persoal técnico desta xefatura territorial emitiu un informe con data do 2 de xuño de 2010 no cal se conclúe que «a rede de baixa tensión avaliada non cumpre cos parámetros de calidade de tensión, establecidos na norma UNE EN 50160», o cal xustificaría, segundo o criterio deste Servizo de Enerxía e Minas, a necesidade de execución da infraestrutura proxectada, a cal ten por obxecto a mellora da calidade da subministración eléctrica.
O Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que é competente para autorizar o Consello da Xunta de Galicia cando o peticionario e mais a Administración, organismo ou empresa de servizo público ou de servizos de interese xeral afectada que emitiu o condicionado manteñan a discrepancia «canto ás condicións técnicas establecidas nel» e o órgano competente para autorizar a instalación eléctrica non acepte as ditas condicións técnicas.
O criterio seguido pola Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas en casos similares a este é o de considerar que non procede a elevación do expediente ao Consello da Xunta de Galicia, xa que nos documentos remitidos polo Concello de Santiso non se establece ningunha condición técnica, nin fai referencia a ningunha normativa en que sustente a súa oposición á execución do proxecto.
Con base no anterior, estímase que non procede elevar ao Consello da Xunta a autorización do expediente, e que por tanto, esta xefatura territorial e competente para resolver.
De acordo co anterior, e no exercicio das competencias atribuídas,
RESOLVO:
Autorizar, aprobar o proxecto de execución e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as partes ás que figuran no proxecto e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano contado a partir da data de ocupación dos terreos.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
A Coruña, 19 de maio de 2014
Por vacante (artigo 30.3 do Decreto 110/2013; DOG núm. 140, do 24 de xullo)
Isidoro Martínez Arca
Xefe do Servizo de Administración Industrial
