Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 30 de xuño de 2014 Páx. 29394

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2014 sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios.

I

O artigo 82 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) determina as competencias do reitor, o cal, como máxima autoridade académica e de representación de aquela, desempeña a súa dirección, goberno e xestión, así como o desenvolvemento das liñas de actuación aprobadas polos órganos colexiados.

Esa amplitude de atribucións ao reitor fai necesario que sexan delegadas estas funcións noutros órganos universitarios, principalmente nos vicerreitores e vicerreitoras, os cales deben asumir, en primeira instancia, as decisións e asinar os actos administrativos nas materias da súa competencia, coas excepcións pertinentes, e sen prexuízo do dereito do titular das competencias de avocalas en calquera momento.

II

A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común regula a delegación de competencias no seu artigo 13 e establece que os órganos das distintas administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración. O punto segundo deste artigo determina as prohibicións de delegación, así como a imposibilidade de delegar competencias que xa se posúan por delegación.

III

Logo da elección do reitor e o seu nomeamento polo Decreto 62/2014, do 28 de maio, establécese, por Resolución do 9 de xuño de 2014, a estrutura de goberno coa denominación das vicerreitorías.

Por todo o anterior, esta reitoría, no uso das atribucións conferidas polos artigos 20 da Lei orgánica de universidades e 85 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela,

RESOLVE:

I. Delegación de competencias en favor dos/as vicerreitores/as e vicerreitores/as.

Primeiro. Queda delegada nos/as vicerreitores/as da universidade, dentro do ámbito da actividade que a cada un deles se lle encomende, a facultade de resolver os expedientes e asuntos con competencia atribuída ao reitor, a de asinaren os documentos necesarios para o efecto, así como a coordinación e dirección dos servizos da súa competencia.

Segundo. Esta delegación abrangue tanto os actos administrativos de simple xestión ou trámite como os definitivos que poñan fin aos procedementos administrativos.

Terceiro. Os/as vicerreitores/as poderán realizar todo tipo de actos de xestión, de comunicación e de trámite en materias propias da súa vicerreitoría.

Cuarto. Así mesmo, delégase nos vicerreitores e vicerreitoras a competencia dos seguintes actos:

a) Vicerreitoría de Investigación e Innovación:

1. A promoción, dirección e avaliación da produción científica e das actividades de I+D+i da Universidade de Santiago de Compostela, impulsando a excelencia e a mellora da calidade da investigación.

2. A promoción e a dirección de iniciativas e programas de seguimento da produción científica, ademais da dirección dos procesos de valorización dos resultados de investigación e de transferencia de coñecemento.

3. A planificación, coordinación e desenvolvemento das infraestruturas e servizos científico-técnicos de apoio á produción científica e á investigación.

4. O apoio e a promoción dunha organización eficiente, competitiva e sustentable de grupos de investigación, unidades científico-tecnolóxicas ou redes de investigadores.

5. A definición, dirección e seguimento dos procesos de rexistro, protección, promoción e comercialización de resultados I+D+i, así como o impulso e apoio á creación de empresas con base en resultados de investigación.

6. A proposta e formalización de actividades realizadas ao abeiro do artigo 83 da LOU, aprobadas pola Comisión de Actividades e Servizos de I+D de acordo co Regulamento aprobado polo Consello de Goberno da USC do 20 de xuño de 2005, así como a resolución das reclamacións.

7. A proposta de contratación de persoal investigador ou de apoio á investigación contratado con cargo ás actividades de I+D+i, logo de informe da Secretaría Xeral.

8. A concesión dos permisos e licenzas do persoal investigador en formación.

9. O nomeamento do persoal de administración e servizos colaborador nos proxectos I+D.

10. A autorización de pagamentos dos complementos retributivos establecidos na normativa vixente ao persoal docente e investigador, pola súa participación en actividades e proxectos de I+D+i.

11. A formalización de pólizas de seguro de investigadores en formación.

12. A representación legal da universidade nas solicitudes e xestión de proxectos e outras axudas de investigación, calquera que sexa a institución convocante.

13. A elaboración dos informes necesarios para concorrer a convocatorias de axudas doutros organismos, así como a conformidade nos informes de seguimento e informes finais dos proxectos e accións de investigación con cargo a financiamento externo.

14. A autorización da participación de investigadores da USC en concursos públicos ou licitación de entidades públicas.

b) Vicerreitoría de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador:

1. A convocatoria de prazas de persoal docente contratado.

2. O nomeamento dos tribunais de persoal docente contratado así como a apreciación de causas que impidan a actuación dos membros, coa excepción dos supostos de abstención e recusación.

3. A aprobación de listas definitivas e provisorias de persoal docente funcionario e contratado.

4. A presidencia da comisión de revisión.

5. O nomeamento de profesorado interino e contratado, así como o asinamento dos seus contratos.

6. A concesión de permisos e licenzas do persoal docente non delegadas aos/ás decanos/as, directores/as de centros ou directores/as de departamentos.

7. A concesión de permisos e licenzas dos/das decanos/as e directores/as de centros con independencia da súa duración.

8. Todos os actos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación do persoal docente.

9. A proposta e informe sobre autorización ou recoñecemento de compatibilidade do persoal docente cando lle corresponda a súa resolución ao reitor.

10. A comunicación de resolucións reitorais en materia de persoal docente.

11. O recoñecemento e a comunicación da concesión do complemento específico singular por méritos docentes e a comunicación dos complementos autonómicos.

12. Todos aqueles actos relativos a situacións administrativas do persoal docente que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios, así como a reorganización docente que implique cambio de campus (Compostela-Lugo) do persoal docente universitario.

13. A xestión e aprobación do Plan docente anual (PDA) dos centros e do Plan de ordenación docente (POD) dos departamentos, así como o Plan de traballo anual (PTA) do persoal docente e investigador.

14. A resolución de reclamacións en materia de confección do POD, PDA e PTA.

15. A coordinación e dirección da avaliación docente ao profesorado.

16. A convocatoria e resolución das bolsas de monitores de clases prácticas.

17. A dirección da negociación en convenios colectivos e outros pactos legalmente formalizados que afectan o persoal docente e investigador.

c) Vicerreitoría de Oferta Docente e Innovación Educativa:

1. A coordinación dos procesos de elaboración, modificación e implantación dos plans de estudos de grao e posgrao, e da oferta de formación continua.

2. A sinatura de convenios para a realización de prácticas en empresas ou institucións dos/as alumnos/as, tramitados pola Universidade de Santiago de Compostela, ou a través do seu Consello Social.

3. A dirección e coordinación dos procesos para a elaboración das guías docentes no marco do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

4. As propostas de elaboración das normas ou documentos sobre adaptacións e recoñecementos e a aprobación das táboas de recoñecementos.

5. A coordinación do Centro de Posgrao.

6. A dirección e xestión do cuarto ciclo universitario, sen prexuízo da colaboración do/a vicerreitor/a de servizos universitarios do Campus de Lugo.

7. A coordinación do Centro de Linguas Modernas.

8. A coordinación do CeTA.

9. A convocatoria dos cursos de verán, así como a súa acreditación.

10. A sinatura dos diplomas e acreditacións dos cursos de formación continua e posgrao.

11. A representación da universidade nos procesos selectivos de bolsas doutros organismos destinados a estudantes de posgrao.

12. A coordinación das cátedras institucionais.

d) Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social:

1. A presidencia do xurado nas bolsas da convocatoria anticipada, xeral e de mobilidade do MEC.

2. A representación da universidade nos procesos selectivos de bolsas compensatorias da Xunta de Galicia e doutras bolsas de similares características destinadas a estudantes, agás terceiro ciclo e posgrao.

3. A representación da universidade nos procesos selectivos das bolsas destinadas á comunidade universitaria non atribuídos especificamente a outras vicerreitorías.

4. A convocatoria e resolución doutras bolsas convocadas por esta vicerreitoría.

5. A convocatoria e resolución das axudas e subvencións de prezos públicos da Universidade de Santiago de Compostela para todos os seus estudantes de títulos oficiais.

6. A coordinación do Servizo Universitario de Residencias (SUR), así como as convocatorias e resolucións relativas ao proceso de selección para o aloxamento no SUR e as resolucións de reclamacións.

7. A convocatoria e resolucións de bolsas de colaboración do SUR.

8. A dirección das accións do patrimonio histórico e cultural.

9. A dirección dos servizos de apoio ao emprendemento e ao emprego.

10. A coordinación e dirección do Servizo de Participación e Integración Universitaria.

11. A coordinación e dirección da Área de Cultura.

12. A coordinación e dirección da Oficina de Igualdade de Xénero.

13. A coordinación e dirección da Oficina de Desenvolvemento Sostible.

14. A coordinación e dirección do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.

15. A coordinación da Escola Infantil Breogán, así como a resolución das reclamacións en materia de admisión.

16. A coordinación das cafetarías e comedores universitarios.

17. A coordinación e dirección da Área de Deportes e as relacións coa Fundación USC Deportiva.

18. A coordinación das accións relacionadas co asociacionismo estudiantil.

19. O seguro escolar.

e) Vicerreitoría de Comunicación e Coordinación:

1. A coordinación dos servizos de comunicación e coordinación da universidade.

2. A coordinación das accións de márketing.

3. A dirección da organización dos datos e estatísticas.

4. A organización e dirección da divulgación científica.

5. A dirección dos programas de coordinación entre os distintos servizos da universidade.

6. A dirección dos plans estratéxicos.

7. O desenvolvemento dos programas de calidade.

8. A dirección da Memoria de Responsabilidade Social.

f) Vicerreitoría de Internacionalización:

1. A planificación e coordinación da internacionalización docente, investigadora e de reputación na Universidade de Santiago de Compostela.

2. A coordinación das relacións internacionais, así como a xestión de convenios con outras administracións, universidades ou institucións estranxeiras, sexan públicas ou privadas.

3. A planificación e promoción do Campus Vida como campus de proxección internacional, así como das estruturas futuras que melloren a proxección internacional dos grupos de investigación e oferta docente.

4. A planificación e promoción nas convocatorias internacionais de investigación.

5. A planificación e promoción de programas de intercambio.

6. A convocatoria de axudas para mobilidade de estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos.

7. A convocatoria de axudas pre e posdoutorais para estudantes estranxeiros e as que correspondan para docentes estranxeiros invitados en programas de doutoramento.

8. A representación da Universidade de Santiago de Compostela nos procesos selectivos das bolsas relacionadas coa mobilidade de estudantes, docentes e investigadores.

9. A convocatoria de cursos internacionais, así como a súa acreditación.

g) Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo:

1. A representación ordinaria da universidade no Campus de Lugo en ausencia do reitor.

2. A coordinación do Campus de Lugo en materia de promoción, dinamización, infraestruturas, titulacións, investigación, docencia, tecnoloxías da información e comunicación e xestión administrativa.

3. A coordinación e o desenvolvemento do plano estratéxico do Campus de Lugo (Campus Terra).

4. A coordinación dos procedementos respecto do profesorado que, segundo o POD anual, teña a totalidade ou a maioría da súa docencia no Campus de Lugo, en colaboración co/coa vicerreitor/a de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador.

5. A concesión de permisos e licenzas do persoal docente e investigador con docencia no Campus e Lugo  non delegada aos/ás decanos/as e directores/as de centro, en coordinación co/coa vicerreitor/a de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador.

6. A dirección  da proposta anual do Plan docente anual (PDA) dos centros e do Plan de ordenación docente (POD) dos departamentos con relación ás titulacións que se imparten no Campus de Lugo, así como do Plan de traballo anual (PTA) para o persoal docente e investigador que imparte docencia en dito campus, en coordinación co/coa vicerreitor/a de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador.

7. Así mesmo, son competencias do/a vicerreitor/a de Coordinación do Campus de Lugo, no marco dos orzamentos descentralizados e dos procedementos de contratación xeral establecidos pola Universidade de Santiago de Compostela:

a) A sinatura, logo do procedemento que cumpra aplicar en cada caso, dos contratos administrativos, calquera que sexa o seu obxecto, que afecten exclusivamente o Campus de Lugo e non sexan xestionados de xeito centralizado para toda a universidade, se se trata de:

– Contratos menores.

– Contratos que se adxudiquen por procedemento negociado sen publicidade por razón da contía, que non requiren proposta de adxudicación efectuada pola mesa de contratación da Universidade de Santiago de Compostela.

b) A sinatura dos contratos privados ata un importe máximo de 30.000 euros, nos mesmos termos que os contratos administrativos citados no punto anterior.

8. A coordinación, o impulso e o desenvolvemento do Campus de Lugo en materia de infraestruturas, sen prexuízo de que os actos executivos derivados da súa actuación correspondan ao reitor ou á Área de Xerencia.

9. A coordinación dos procesos de elaboración, modificación e implantación dos planos de estudos de grao e posgrao, así como da oferta de formación continua no Campus de Lugo co/coa vicerreitor/a de Oferta Docente e Innovación Educativa.

10. A colaboración na xestión dos estudos de cuarto ciclo no Campus de Lugo, sen prexuízo das competencias do/a vicerreitor/a de Oferta Docente e Innovación Educativa.

h) Vicerreitoría de Servizos Universitarios do Campus de Lugo:

1. A coordinación do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

2. A coordinación de servizos á comunidade universitaria no Campus de Lugo, en particular a Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay, as axudas para a escolarización dos nenos e nenas menores de tres anos, as áreas de Autoemprego e Orientación Laboral, de Deportes e de Cultura, e o Servizo de Participación e Integración Universitaria, en colaboración co/coa vicerreitor/a de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social.

3. A coordinación no Campus de Lugo do Centro de Linguas Modernas e do CeTA, en colaboración co/coa vicerreitor/a de Oferta Docente e Innovación Educativa.

4. A coordinación da Área de Tecnoloxía da Información e das Comunicación, en colaboración co/coa vicerreitor/a de Comunicación e Coordinación.

5. A coordinación dos programas de intercambio nacional e internacional que afecten o Campus de Lugo, en colaboración co/coa vicerreitor/a de Internacionalización.

6. As relacións coas asociacións estudiantís do Campus de Lugo.

i) Vicerreitoría de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo:

1. A coordinación dos servizos e as infraestruturas para o desenvolvemento científico e tecnolóxico do Campus de Lugo.

2. A representación legal da universidade nas solicitudes de proxectos e outras axudas de investigación, independentemente da institución convocante, que sexan solicitados por profesores, estudantes, bolseiros ou calquera outro persoal que desenvolva a súa actividade no Campus de Lugo, agás no caso dunha tramitación unificada.

3. A representación da universidade nas fundacións, clústers, redes e asociacións que polo seu perfil e actividade teñan relación co Campus de Lugo.

4. A conformidade dos informes anuais e finais dos proxectos de investigación que se desenvolvan en exclusiva no Campus de Lugo.

5. A supervisión dos institutos, centros propios de investigación, estacións científicas, plataformas tecnolóxicas, bibliotecas universitarias ou calquera outra estrutura de investigación xestionada desde o Campus de Lugo, en colaboración co/coa vicerreitor/a de Investigación e Innovación.

6. A coordinación dos procesos de elaboración, modificación e implantación dos programas de doutoramento no Campus de Lugo, en colaboración co/coa vicerreitor/a de Investigación e Innovación.

II. Delegación en favor do/a secretario/a xeral.

Quinto. Delégase no/a secretario/a xeral:

1. A sinatura dos certificados supletorios dos títulos académicos.

2. A certificación de actos presuntos.

3. A resolución de peticións de carácter xeral que non sexan competencia propia ou delegada doutros órganos universitarios.

4. A sinatura das resolucións motivadas que se diten autorizando ou denegando a rectificación das actas académicas.

5. As competencias relacionadas coas actas académicas.

6. A certificación e a acreditación de acordos universitarios e dos órganos colexiados xerais da Universidade de Santiago de Compostela, agás o Consello Social.

7. As resolucións de peticións, reclamacións ou recursos en materia de xestión académica para as que non estea delegada a sinatura noutros órganos ou unidades administrativas.

8. A resolución de solicitudes de equivalencia de titulacións obtidas no estranxeiro para realizar estudos de grao e posgrao.

9. As resolucións relativas ao apoio titorial extraordinario.

10. O desenvolvemento das políticas de protección de datos no seo da Universidade de Santiago de Compostela, así como a coordinación e unificación de criterios nas actuacións dos responsables dos diferentes ficheiros de protección de datos de carácter persoal no marco da normativa aplicable.

11. A secretaría da Comisión Electoral.

Sexto. En caso de ausencia, enfermidade ou outra causa legal que determine a imposibilidade de actuar do/a secretario/a xeral, este será substituído automaticamente polo/a secretario/a xeral adxunto/a.

III. Delegación en favor dos/das xefes/as de unidades administrativas en materia de permisos do persoal de administración e servizos.

Sétimo. Delégase nos/as xefes/as das distintas unidades administrativas a concesión de permisos e licenzas ao PAS nos seguintes casos:

1. Por falecemento, por accidente ou enfermidade grave dun familiar.

2. Por traslado de domicilio.

3. Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou representación do persoal e deberes inescusables de carácter público ou persoal, polo tempo indispensable.

4. Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais.

5. Permisos por asuntos propios, atendendo sempre ás necesidades do servizo.

Oitavo. Os/as xefes/as de unidades terán a obriga de informar sobre os permisos concedidos sempre que así o requira a Xerencia.

Noveno. As restantes solicitudes de obtención de permisos ou licenzas, retribuídas ou non, deberán formularse ante a Xerencia, cunha antelación mínima de quince (15) días á da data do seu comezo, co obxecto de que poidan ser resoltas en tempo e forma. Exceptúanse aquelas que se poidan producir por circunstancias imprevisibles que se acrediten, que se tramitarán por un procedemento de urxencia. En todo caso, a concesión do permiso será requisito necesario para que o solicitante se poida ausentar do seu posto de traballo.

A concesión de permisos debe solicitarse mediante os modelos oficiais establecidos para o efecto.

IV. Delegación en favor dos/as decanos/as directores/as de centros en materia de permisos do persoal docente e investigador.

Décimo. Os/as decanos/as e directores/as de centros poderán concederlle ao persoal docente e investigador licenzas por estudos ou investigación de ata sete días hábiles, conforme o procedemento establecido.

V. Delegación en favor  do/da xefe/a do Servizo de Xestión Académica e dos/das xefes/as de unidades de Xestión Académica.

Décimo primeiro. Delégase no/na xefe/a do Servizo de Xestión Académica as seguintes competencias:

1. A sinatura dos seguintes actos de xestión na tramitación dos procedementos que teña encomendados:

– Os escritos a que fai referencia o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

– Os trámites que teñan que efectuar as persoas interesadas, conforme o artigo 76 desta lei.

– O pedimento de informes que teñan carácter preceptivo e os facultativos cando o determina unha disposición administrativa de carácter xeral, ou se xulguen necesarios para a resolución do procedemento, de conformidade cos artigos 82 e 83 da citada lei.

– A aceptación da desistencia ou da renuncia da solicitude de matrícula dos alumnos e alumnas.

– A realización dos trámites que establece o artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, relativos á caducidade dos procedementos de matrícula ordinaria.

– Calquera outro acto de xestión que, pola natureza do procedemento, sexa necesario adoptar en virtude da competencia verbal do artigo 55 da Lei 30/1992.

2. A sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos:

– As solicitudes, en materia de xestión académica, non delegadas nos xefes das unidades de Xestión Académica.

– As solicitudes, en materia de xestión académica, presentadas fóra dos prazos establecidos na normativa.

– A resolución das anulacións de matrícula, que non estea delegada nos xefes das unidades.

– A resolución das admisións para continuar estudos en titulacións con límite de prazas.

– As resolucións de validacións parciais de estudos estranxeiros.

VI. Delegación en favor dos/as xefes/as de unidades de Xestión Académica.

Décimo segundo. Delégase nos/as xefes/as de unidades de Xestión Académica a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos:

– A admisión de alumnos e alumnas en titulacións sen límite de prazas.

– As anulacións de matrícula por falta de pagamento.

– As validacións e adaptacións, agás as validacións de estudos estranxeiros.

– As autorizacións de simultaneidade de estudos.

– Pedimento de informes preceptivos e os facultativos cando os requira unha disposición administrativa de carácter xeral ou se xulguen necesarios para a resolución do procedemento; os escritos a que fai referencia o artigo 71 da LRXAP-PAC; calquera acto de trámite ou instrución dos procedementos que sexan competencia da respectiva unidade, así como as resolucións de inadmisión a trámite ou declarativas de desistencias ou renuncias.

Décimo terceiro. Os actos ditados en virtude desta delegación non poderán exceder os límites desta delegación e declararanse, en caso contrario, nulos de pleno dereito.

Cando se diten actos e resolucións en uso da delegación de atribucións contidas nesta resolución, farase constar así expresamente e consideraranse como ditadas pola autoridade reitoral.

Décimo cuarto. Exceptúanse da delegación outorgada nos puntos anteriores e, por tanto, continúan a ser competencias do reitor:

1. Os asuntos que se refiren ás relacións cos órganos e institucións da Administración do Estado e da Administración autonómica galega, agás os de mero trámite.

2. Os que teñen relación co Consello Social, Claustro Universitario e Consello de Goberno.

3. Os actos que supoñan o exercicio da excepcionalidade da súa eficacia retroactiva, establecida no artigo 57.3 da LRXAP-PAC.

4. Os actos sancionadores e os referidos ao exercicio da potestade disciplinaria.

5. Os que dean lugar á adopción de resolucións reitorais de carácter xeral.

6. A resolución dos incidentes de abstención e recusación.

7. A supervisión da aplicación da imaxe corporativa da Universidade de Santiago de Compostela.

8. A sinatura dos convenios que non estean comprendidos nas competencias delegadas nos/as vicerreitores/as.

Disposición adicional primeira

En ningún caso poderán delegarse as competencias delegadas nesta resolución, sen prexuízo da posibilidade de delegación expresa de sinatura ou de realización das encomendas de xestión que se consideren pertinentes.

Disposición adicional segunda

En calquera momento o reitor pode avocar para si o coñecemento e resolución de cantos asuntos considere oportunos en relación coas atribucións delegadas.

Disposición adicional terceira

En caso de ausencia ou enfermidade, o reitor será substituído polo/a vicerreitor/a que designe mediante resolución ditada para o efecto. Ante imposibilidade de ditar a resolución reitoral, substituirao o/a vicerreitor/a que figure no primeiro posto da resolución reitoral pola que se nomea os/as vicerreitores/as e, ante a imposibilidade deste/a, o seguinte e así sucesivamente.

Disposición derrogatoria

Esta resolución derroga a Resolución do 1 de agosto de 2011 sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios, agás no referido ás competencias da Xerencia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2014

Juan M. Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela