Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 1 de xullo de 2014 Páx. 29516

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 10 de xuño de 2014 pola que se establecen os prezos privados que percibirá a Axencia Galega de Innovación polos servizos prestados polo Centro de Innovación e Servizos do Deseño e a Tecnoloxía e o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional segunda autorizou a creación da Axencia Galega de Innovación.

A Axencia Galega de Innovación, axencia pública, das definidas no artigo 74.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, desempeña o seu labor como ente público ao cal se lle encomenda a realización de actividades en réxime de descentralización funcional e xestión por obxectivos para o cumprimento dos programas específicos correspondentes a políticas públicas da Xunta de Galicia.

A finalidade da Axencia Galega de Innovación é apoiar e impulsar o crecemento e a competitividade das empresas galegas, fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas.

O Decreto 134/2013, do 1 de agosto, polo que se procede á reorganización das entidades instrumentais adscritas á Consellería de Economía e Industria con competencias en materia de innovación e se modifica a estrutura orgánica da dita consellería, autoriza a extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia (en diante a Fundación) e a subrogación da Axencia Galega de Innovación (en diante, Gain) nos bens, dereitos e obrigas da dita fundación en materia de innovación.

A Orde da Consellería de Economía e Industria do 26 de decembro de 2013 adopta as medidas necesarias para a execución do preceptivo acordo de extinción, acordado polo Padroado da Fundación con data dese mesmo día, o cal fixa como data de efectividade do traspaso do persoal, bens, dereitos e obrigas o 1 de xaneiro de 2014.

A Fundación xestionaba dous centros tecnolóxicos que pasan a formar parte, xunto con ela, da Gain, que son: o Centro de Innovación e Servizos do Deseño e a Tecnoloxía e o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia.

O Centro de Innovación e Servizos do Deseño e a Tecnoloxía, presta servizos tecnolóxicos a empresas de diferentes sectores como o da automoción, naval, audiovisual, enerxético e tamén participa en diversos proxectos de I+D+i a nivel rexional, nacional e europeo; proxectos e servizos baseados no emprego de software e ferramentas de realidade virtual e aumentada, robótica, visión artificial e aplicacións de software a procesos de control industriais.

O Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia ofrece, xunto co desenvolvemento de proxectos de I+D+i, servizos tecnolóxicos avanzados tanto a profesionais como ás empresas do sector. Estes servizos están orientados basicamente cara ao control de calidade de materiais e produtos, á reenxeñaría de procesos e ao asesoramento sobre construción en madeira.

É de interese xeral para a sociedade e para a empresa e industria, en particular, que a Axencia Galega de Innovación, a través do Centro de Innovación e Servizos do Deseño e a Tecnoloxía e do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia, que contan coa capacidade humana, recursos e experiencia, continúe as súas actividades no ámbito do dereito privado coa realización de actividades tecnolóxicas, de innovación, de investigación e de formación, dos cales a industria e a empresa galega pode aproveitarse no beneficio de toda a sociedade galega.

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos pola prestación de servizos ou pola realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestándose tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados.

Así mesmo, o artigo 51 da dita lei establece que os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, e publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

A través da presente orde fíxase a contraprestación económica que deben realizar os usuarios á Axencia Galega de Innovación polos servizos prestados polo Centro de Innovación e Servizos do Deseño e a Tecnoloxía e polo Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia.

En consecuencia, logo do informe favorable da Consellería de Facenda e de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1998 e pola Lei 2/2007,

DISPOÑO:

Artigo 1

Primeiro. Os prezos privados exixibles pola Axencia Galega de Innovación referentes aos servizos prestados ou á realización de actividades polo Centro de Innovación e Servizos do Deseño e a Tecnoloxía e polo Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia, no ámbito do asesoramento tecnolóxico, da innovación, da investigación e da formación, son os que figuran no anexo desta orde.

Segundo. Os referidos prezos entenderanse, se é o caso, engadindo o correspondente IVE.

Artigo 2

Os prezos regulados nesta orde actualizaranse o 1 de xaneiro de cada ano, na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para o conxunto nacional total (IPC, base 2011), no mes de outubro anterior, calculado polo Instituto Nacional de Estatística. Os prezos así actualizados deberán facerse públicos mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3

A presente orde adecuarase:

1. Ao Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e dos prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 29 de xuño de 1994 pola que se regula o procedemento de recadación voluntaria das taxas e dos prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2014

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO

Tarifas da Axencia Galega de Innovación referentes aos servizos prestados polo Centro de Innovación e Servizos do Deseño e a Tecnoloxía e polo Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia, no ámbito do asesoramento tecnolóxico, da innovación, da investigación e da formación.

Os prezos privados aplicables á hora de traballo do persoal do Centro de Innovación e Servizos do Deseño e a Tecnoloxía e do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia serán os seguintes, diferenciándoos por categorías profesionais:

Prezo/hora do persoal técnico: 75 €/hora.

Prezo/hora para uso de instalacións:

Salón de actos: 290 €/día ou fracción.

Salas de formación e técnicas: 50 €/día ou fracción.

Outros prezos:

Alugamento de espazo exterior para outras infraestruturas tecnolóxicas: 61,55 € mes/m2.

Estes prezos, no caso que proceda, incrementaranse co IVE e demais impostos legais que corresponda aplicar.

Outros custos que repercutirán no solicitante:

1. Os custos pola realización de viaxes, gastos de transporte, axudas de custos, manutención e aloxamento do persoal da Axencia desprazado para a prestación do servizo, que lle serán facturados ao solicitante a razón das cantidades e conceptos seguintes:

– Custo por quilometraxe: 0,19 €/km.

– Custo da manutención completa: 28,21 €/día.

– Aloxamento: 48,92 €/día.

2. Os materiais, produtos consumibles e equipamentos específicos necesarios para a prestación do servizo, cando sexa a Axencia Galega de Innovación quen os proporcione, así como as asistencias externas, facturaranse polo seu prezo e polos gastos que orixinen.