Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 1 de xullo de 2014 Páx. 29640

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Santiago de Compostela

ENCOMENDA de xestión do 2 de xuño de 2014 pola que se lle encarga á empresa Transformación Agraria, S.A. (Tragsa) a execución da mellora e adecuación da parcela do Xardín Botánico (etapa 1 e 2) no Campus de Santiago de Compostela.

Juan José Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), actuando en nome e representación da USC, en virtude das facultades legais que lle confiren a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei 4/2007, do 12 de abril, e os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro (DOG do 12 de febreiro),

EXPÓN:

Primeiro. O Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (TRLCSP), establece no seu artigo 3.1.c) que, para os efectos da citada lei, as universidades públicas forman parte do sector público e, no seu artigo 3.2.c), que as universidades públicas teñen a consideración de administracións públicas e, polo tanto, son poderes adxudicadores.

Segundo. O réxime xurídico de Tragsa e as súas filiais está regulado pola disposición adicional vixésimo quinta (D.A. 25ª) do TRLCSP e polo Real decreto 371/1999, do 5 de marzo, polo que se regula o réxime da empresa de Transformación Agraria, Sociedade Anónima.

De acordo co punto segundo da citada D.A. 25ª, Tragsa e as súas filiais teñen a consideración de medios instrumentais e servizos técnicos da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas e dos poderes adxudicadores dependentes delas.

Terceiro. O artigo 24.6 do TRLCSP prevé que as relacións entre Tragsa e os poderes adxudicadores, dos cales é medio propio instrumental, se regulen mediante as encomendas de xestión previstas no dito artigo.

Cuarto. Conforme o anteriormente exposto, a USC acorda encargarlle a Tragsa a execución da mellora e adecuación da parcela do Xardín Botánico (etapa 1 e 2) no Campus de Santiago de Compostela, de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Obxecto da encomenda

O obxecto da presente encomenda de xestión é a execución da mellora e adecuación da parcela do Xardín Botánico (etapa 1 e 2) no Campus de Santiago de Compostela, de acordo co proxecto redactado pola enxeñeira técnica forestal Noa González Carrera, calculado conforme as tarifas oficiais vixentes de Tragsa e demais prezos autorizados pola dirección facultativa da obra por parte da USC e que acada a cantidade de 137.133,47 euros, IVE non incluído.

Esta encomenda realízase por razóns de eficacia e por carecer a USC dos medios técnicos apropiados para levalas a cabo por si mesma.

Segunda. Actuacións que se deben desenvolver

Os traballos deberán realizarse na forma definida no proxecto das ditas obras e seguindo as ordes e instrucións da dirección facultativa da obra.

Deberá terse en conta o establecido pola Resolución do 13 de maio de 2014, de Augas de Galicia, en relación con esta obra, que se xunta como anexo a esta encomenda.

Terceira. Partida orzamentaria e distribución por anualidades

O importe da presente encomenda satisfarase con cargo á partida orzamentaria 8014 2034 62000.

Esta actuación está financiada pola Deputación Provincial da Coruña no cento por cento do seu importe.

Cuarta. Aboamento dos traballos

O aboamento dos traballos realizarase mediante certificacións mensuais emitidas polo director das obras e as correspondentes facturas emitidas pola empresa.

Quinta. Inicio das actuacións e duración de encomenda

O prazo de execución será de cinco meses que se contarán desde a aceptación da encomenda de xestión.

Sexta

Tragsa deberá colocar un cartel que sexa visible polo menos a unha distancia de 25 metros, no cal figure o anagrama da Deputación Provincial da Coruña e o importe da subvención concedida.

Sétima. Natureza da encomenda

Esta encomenda ten a natureza dos contratos e negocios xurídicos excluídos do ámbito de aplicación do TRLCSP, previstos no seu artigo 4.1.n), e rexerase polas súas propias normas, aplicando os principios do TRLCSP para resolver as dúbidas que puideren suscitarse.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2014

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela