Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 21 de agosto de 2014 Páx. 35994

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de xullo de 2014 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse por medio do Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, e corresponden á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicarlle á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña acordou, en asemblea xeral do 19 de maio de 2014, a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido na Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña

TÍTULO I
Natureza, personalidade e réxime xurídico. Relacións coa Administración.
Ámbito de actuación

Artigo 1. Natureza, personalidade, réxime xurídico e denominación

1. O Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña é unha corporación de dereito público amparada pola lei e recoñecida polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, que poderá adquirir a título oneroso ou lucrativo, allear, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens, contraer obrigacións e, en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, executar ou soportar calquera acción xudicial, reclamación ou recurso en todas as vías e xurisdicións, civil, penal, laboral, contencioso-administrativa, económico-administrativa e, mesmo, os recursos extraordinarios de revisión e casación no ámbito da súa competencia.

2. Rexerase polos presentes estatutos e, no non previsto neles, polo Real decreto 1294/2007, do 28 de setembro, que aproba os estatutos xerais dos colexios oficiais de axentes da propiedade inmobiliaria e do seu Consello Xeral, así como pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e pola normativa vixente en materia de colexios profesionais.

3. A estrutura interna e o funcionamento do Colexio réxese por principios democráticos, de acordo co disposto no artigo 36 da Constitución española.

4. Os acordos, decisións e recomendacións dos colexios observarán os límites da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

5. A denominación oficial da corporación é Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Provincia da Coruña.

Artigo 2. Relacións coa Administración

1. O Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña relacionarase, a través do seu presidente, no ámbito autonómico de Galicia, e no relativo ao seu réxime xurídico e aspectos institucionais e corporativos, coa consellería que en cada momento teña atribuída a competencia sobre o seu réxime xurídico, que na actualidade é a de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. En canto ao contido propio da profesión, relacionarase coas consellerías cuxas competencias, en cada momento, estean vinculadas por razón da materia, na actualidade a de Vivenda, en materia de mediación inmobiliaria, e a de Facenda, en materia de taxación tributaria de inmobles.

2. Por razón de actividades ou competencias que lles foren atribuídas conforme a Lei de colexios profesionais de Galicia, o presidente subscribirá convenios e manterá as relacións convenientes co resto de consellerías e demais institucións galegas.

3. No ámbito estatal, o presidente manterá as relacións cos ministerios e institucións que procedan conforme os estatutos xerais da profesión e demais normas xerais sobre colexios profesionais.

Artigo 3. Ámbito territorial

1. O ámbito territorial é o da provincia da Coruña e a sede do Colexio está localizada na rúa Nova, 3 e 5, piso 4º, A Coruña.

2. Calquera cambio futuro de domicilio requirirá a pertinente modificación estatutaria conforme o disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO II
Do Colexio: fins, funcións e deberes

Artigo 4. Fins

Son fins esenciais do Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña a ordenación do exercicio da profesión polos colexiados, a representación e defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios polos servizos dos seus colexiados, todo iso sen prexuízo da competencia da Administración pública en razón da relación funcionarial e, ademais, os seguintes:

a) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de axente da propiedade inmobiliaria.

b) Promover a constante mellora da calidade das prestacións profesionais dos colexiados, a través da súa formación e perfeccionamento.

c) Cooperar na mellora dos estudos que conducen á obtención do título habilitante para o acceso á colexiación.

d) Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias nos termos previstos nas leis.

Artigo 5. Funcións e deberes

Para a consecución destes fins, o Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Provincia da Coruña exercerá as funcións encomendadas pola lexislación básica do Estado, a lexislación autonómica e polo presente estatuto:

1. Son funcións deste colexio profesional, sen carácter limitativo, as seguintes:

a) Redactar, aprobar e modificar os seus estatutos e regulamentos de réxime interior.

b) Exercer a representación e defensa dos axentes da propiedade inmobiliaria colexiados no ámbito da provincia da Coruña e conforme o disposto na normativa vixente.

c) Ordenar, no ámbito das súas competencias, a actividade profesional, elaborando as normas deontolóxicas relativas á profesión.

d) Exercer o dereito de petición conforme a lei.

e) Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos, de interese para os seus colexiados.

f) Elaborar e aprobar os orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as súas contas e liquidacións.

g) Establecer e exixir as achegas económicas dos colexiados.

h) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais cando o colexiado o solicite libre e expresamente, nos casos en que o Colexio teña creados os servizos adecuados e nas condicións que se determinen nos estatutos de cada colexio.

i) Crear e manter un rexistro actualizado de colexiados en que conste, polo menos, testemuño auténtico do título académico oficial, a data de alta no Colexio, o domicilio profesional, a sinatura actualizada e cantas circunstancias afecten a súa habilitación para o exercicio profesional, así como o aseguramento que legalmente sexa exixido.

j) Crear e xestionar o Rexistro de Sociedades Profesionais, no cal deberán constar os seguintes aspectos: denominación ou razón social e domicilio da sociedade; data e recesión da escritura de constitución e notario autorizante; duración da sociedade se se constituíu por tempo determinado; a actividade ou actividades profesionais que constitúan o obxecto social; identificación dos socios profesionais e non profesionais e, en relación con aqueles, número de colexiado e colexio profesional de pertenza; e identificación das persoas que se encarguen da administración e representación, con expresión da condición de socio profesional ou non de cada unha delas.

k) Informar nos procedementos administrativos ou xudiciais en que se discutan honorarios profesionais e, en todo caso, cando sexa requirido para iso ou se prevexa a súa intervención conforme a lexislación vixente.

l) Facilitarlles aos órganos xurisdicionais e ás administracións públicas, de conformidade coas leis, a relación dos colexiados que poden ser requiridos para intervir como peritos, ou designalos directamente; a dita relación comprenderá, así mesmo, os colexiados que intervirán, logo de requirimento, en procedementos de xustiza gratuíta.

m) Propor e, de ser o caso, adoptar as medidas necesarias para evitar a intrusión profesional e a competencia desleal, exercendo respecto diso as accións legais pertinentes, a salvo do disposto no artigo 3 do Real decreto lei 4/2000, do 23 de xuño, de medidas urxentes de liberalización no sector inmobiliario e transportes.

n) Visar os traballos profesionais dos colexiados unicamente cando se solicite por petición expresa dos clientes, incluídas as administracións públicas cando actúen como tales, ou cando así o estableza a lexislación vixente.

ñ) Intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre os colexiados, logo de solicitude dos interesados. Impulsar e desenvolver a mediación, facilitando o seu acceso e administración, incluída a designación de mediadores que actúen dentro do seu ámbito garantindo a transparencia na referida designación.

o) Desempeñar funcións de arbitraxe nos conflitos que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados, entre estes e os cidadáns, e só entre estes, cando o decidan libremente; todo iso de acordo coa normativa estatal vixente en materia de arbitraxe.

p) Procurar o perfeccionamento da actividade profesional e a formación permanente dos colexiados, colaborando coas administracións públicas na mellora da súa formación.

q) Exercer a potestade disciplinaria sobre os colexiados na orde profesional e colexial nos termos previstos nesta lei, na normativa aplicable e nos seus propios estatutos.

r) Adoptar as medidas necesarias para garantir que os seus colexiados cumpran co deber de aseguramento que legalmente se exixa, sen impor un determinado contrato colectivo con entidade aseguradora.

s) Participar nos órganos consultivos das administracións públicas, cando sexa preceptivo ou estas o requiran.

t) Emitir informe sobre os proxectos normativos sobre condicións xerais do exercicio profesional ou que afecten os colexios profesionais.

u) Exercer cantas competencias administrativas se lles atribúan legalmente, así como colaborar coas administracións públicas mediante a formalización de convenios, realización de estudos ou emisión de informes.

v) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados as leis xerais e especiais, estatutos colexiais, regulamentos de réxime interior, así como os acordos adoptados polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

w) Cantas redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados. E tamén velar por que os beneficios para consumidores e usuarios que deriven das actuacións colexiais teñan o seu reflexo na memoria anual.

x) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e as sancións firmes que lles sexan impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea, nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou, todo iso de acordo co establecido na normativa vixente.

y) Elaborar criterios orientativos aos exclusivos efectos da taxación de custas por requirimento xudicial.

z) Realizar respecto do seu patrimonio, e sen exclusión, toda clase de actos de disposición, administración e gravame, formalizando para iso contratos públicos ou privados e subscribindo pólizas e operacións bancarias necesarias a esas actuacións.

za) Crear servizos para promover a realización de bens inmobles nos procedementos xudiciais, nos termos que determinen as leis e as normas de desenvolvemento.

zb) Crear servizos informativos de intranet ou calquera outro para facer chegar a todos os colexiados as ofertas de compra, venda e alugamento de inmobles que os axentes da propiedade inmobiliaria ou os particulares ofrezan co fin de facilitar operacións en colaboración.

zc) Crear páxinas web ou portais inmobiliarios en beneficio de todos os colexiados e dos clientes e consumidores en xeral.

zd) Cantas se encamiñen ao cumprimento dos fins asignados aos colexios profesionais.

ze) Aquelas que se lles atribúan por outras normas de rango legal ou regulamentario, lles sexan delegadas polas administracións públicas ou deriven de convenios de colaboración.

zf) Subscribir convenios de colaboración e/ou protocolos de actuacións coas administracións públicas para a realización de actividades e servizos de interese común.

2. Son deberes específicos de información e colaboración:

a) Dispor dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na normativa vixente, os profesionais poidan de forma gratuíta realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, así como coñecer a través da páxina web o estado de tramitación dos procedementos en que teñan a consideración de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución destes polo Colexio, e ser convocados ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias, e poder tomar coñecemento da actividade pública e privada do Colexio Profesional.

b) Ofrecerlles aos consumidores e usuarios información clara, inequívoca e gratuíta a través do portelo único prevista na normativa vixente, para o acceso ao Rexistro de Colexiados, respectando o establecido na normativa sobre protección de datos de carácter persoal, e o acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais. Tamén para que poidan coñecer as vías de reclamación e os recursos que poderán interporse en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o colexio profesional, así como os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios a que os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia e, ademais, o contido dos códigos deontolóxicos. Accederase a este servizo a través da páxina web do Colexio.

c) Elaborar unha memoria anual nos termos indicados na normativa vixente, a cal deberá facerse pública a través da páxina web no primeiro semestre de cada ano.

d) Dispor dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios nos termos previstos na lexislación vixente, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como por asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses. Este servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda, ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente ao órgano colexial competente para instruír o oportuno expediente informativo ou disciplinario, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

e) Colaborar coas universidades da Comunidade Autónoma na elaboración dos plans de estudos, sen menoscabo do principio de autonomía universitaria, e ofrecerán a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional ás novas persoas colexiadas.

f) Garantir a colaboración coa Administración da Xunta de Galicia e os seus organismos dependentes no control das situacións das persoas colexiadas que, pola súa condición de empregados públicos ao seu servizo, puidesen estar afectadas por causa de incompatibilidade para o exercicio de actividades profesionais, facilitando toda aquela información que lles sexa requirida.

O Colexio facilitaralle ao Consello Xeral e, en caso de que se constituíse, ao Consello Galego a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación no Rexistro Central de Colexiados e de Sociedades Profesionais daqueles.

TÍTULO III
Dos colexiados: proceso de colexiación, dereitos e deberes

CAPÍTULO I

Artigo 6. Colexiación

1. O acceso e exercicio á colexiación rexerase polo principio de igualdade de trato e non discriminación, en particular por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, nos termos da sección III do capítulo III do título II da Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social.

2. A inscrición no Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña é voluntaria.

3. Quen reúna as condicións xerais de aptitude e posúa a titulación exixida no Real decreto 1294/2007, do 28 de setembro, polo que se aproban os estatutos xerais dos colexios oficiais de axentes da propiedade inmobiliaria e do seu Consello Xeral, así como reúna as condicións establecidas nos presentes estatutos, terá dereito a ser admitido no Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña.

4. As persoas colexiadas en situación exercente poderán utilizar na súa actividade profesional a denominación de axente da propiedade inmobiliaria.

5. Bastará a incorporación a un só dos colexios oficiais de axentes da propiedade inmobiliaria de España, que será o do domicilio profesional único ou principal, para exercer en todo o territorio español.

6. O Colexio non poderá exixirlles ás persoas profesionais que exerzan nun territorio diferente ao de colexiación comunicación nin habilitación ningunha nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que exixan habitualmente ás súas persoas colexiadas pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non estean cubertos pola cota colexial.

7. Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponden ao Colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional, en beneficio das persoas consumidoras e usuarias, os colexios deberán utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. As sancións impostas, de ser o caso, polo colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional farán efecto en todo o territorio español.

8. Quen se inscriba no Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña terá as obrigacións e dereitos previstos nestes estatutos e nos estatutos xerais aprobados polo Real decreto 1294/2007, do 28 de setembro.

Artigo 7. Modalidades e requisitos de colexiación

1. A persoa que solicite a súa incorporación ao Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña poderá facelo en situación de exercente ou de non exercente, sen prexuízo de solicitar o pase dunha situación a outra en calquera momento posterior, de conformidade co establecido no artigo 4 do Real decreto 1294/2007, do 28 de setembro.

2. Serán colexiados exercentes aqueles que, pertencendo ao Colexio Oficial, desempeñen as actividades profesionais propias dos axentes da propiedade inmobiliaria para as cales faculte o seu título. No seu exercicio profesional poderán utilizar a denominación de axente da propiedade inmobiliaria.

3. Serán colexiados non exercentes aqueles que, pertencendo ao Colexio Oficial, non exerzan a actividade profesional. O pase á situación de non exercente privará o colexiado do uso do escudo oficial e logotipos corporativos.

4. De conformidade co establecido no Real decreto 1294/2007, do 28 de setembro, para a incorporación ao Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Provincia da Coruña requirirase acreditar, como condicións xerais de aptitude, as seguintes:

a) Ser maior de idade e non estar incurso en causa de incapacidade.

b) Estar en posesión do título de graduado, licenciado, diplomado, enxeñeiro, arquitecto, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, ou do título oficial de axente da propiedade inmobiliaria expedido polo ministerio competente.

c) Carecer de antecedentes penais que o inhabiliten para o exercicio profesional.

5. O ingreso efectivo no Colexio Oficial axustarase aos seguintes requisitos:

a) Solicitude do interesado dirixida ao presidente do Colexio, xunto coa documentación establecida na normativa vixente.

b) Aboamento da cota de colexiación fixada polo Colexio, que non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición, así como a cota patrimonial que se determine e sexa exixible a todos os colexiados.

c) Subscribir seguro individual ou adherirse ao colectivo do Colexio de responsabilidade civil para cubrir os riscos en que poida incorrer como consecuencia do exercicio profesional.

Artigo 8. Solicitudes de colexiación

1. Todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no colexio profesional poden realizarse a través do portelo único, por vía electrónica e a distancia, de conformidade co disposto na normativa vixente.

2. Para solicitar a inscrición nun colexio oficial de axentes da propiedade inmobiliaria débese presentar, xunto coa solicitude en documento normalizado, o correspondente título orixinal habilitante, de conformidade co previsto na normativa vixente, ou testemuño notarial deste e certificación académica. O xustificante da universidade de procedencia do aboamento dos dereitos de expedición do título poderá suplir a ausencia do orixinal, e quedará obrigado o colexiado á súa presentación unha vez que lle sexa expedido. Xuntarase igualmente certificación de antecedentes penais, co fin de acreditar que o solicitante non se está incurso en ningunha causa que lle impida o seu exercicio profesional como axente da propiedade inmobiliaria.

3. O solicitante deberá ademais presentar unha declaración xurada de non estar incurso en ningunha das situacións que darían lugar á denegación da colexiación e na cal deberá expresar, así mesmo, se pertenceu ou pertence a algún outro colexio en territorio español.

4. Así mesmo, deberá aboar ou acreditar aboar a cota de colexiación de entrada que teña establecida o Colexio e ter subscrito o seguro de responsabilidade civil.

5. As solicitudes de colexiación serán aprobadas pola Xunta de Goberno, que acordará no prazo máximo dun mes o que considere pertinente acerca da solicitude de inscrición. Pasado ese prazo sen contestación entenderanse aprobadas.

6. A Xunta de Goberno practicará as dilixencias e recibirá os informes que, de ser o caso, considere oportunos e notificará a resolución motivada que proceda.

7. Contra a decisión da Xunta de Goberno nesta materia poderá interporse recurso de alzada ante o Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Axentes da Propiedade Inmobiliaria de España mentres non se constitúa o Consello Galego de Colexios de Axentes da Propiedade Inmobiliaria. A resolución do recuso esgota a vía administrativa, polo que poderá ser impugnada ante a xurisdición contencioso-administrativa.

8. Admitido o solicitante no Colexio, expediráselle a tarxeta de identidade correspondente e darase conta da súa inscrición ao Consello Xeral de Colexios da Propiedade Inmobiliaria, no modelo de ficha normalizada que este estableza.

Así mesmo, abrirase un expediente no cal se constatarán os datos persoais e profesionais do solicitante que sexan necesarios, e o colexiado estará obrigado a informar ao Colexio dos cambios que se produzan neles, co obxecto de poder manter un censo debidamente actualizado.

9. Todo cidadán doutro Estado membro da Unión Europea que posúa o título de axente da propiedade inmobiliaria expedido pola autoridade competente do seu país de orixe, e sempre que fose recoñecido ou homologado polo Estado español, terá dereito a inscribirse no Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña, se cumpre os mesmos requisitos e obrigacións que os cidadáns españois.

10. Quen se inscriba no Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Provincia da Coruña terá as obrigacións e dereitos que se prevén no Estatuto xeral dos colexios oficiais de axentes da propiedade inmobiliaria e do seu Consello Xeral, e nos deste colexio.

Artigo 9. Denegación da colexiación

1. A colexiación será denegada por acordo da Xunta de Goberno nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se complementasen ou emendasen no prazo de dez días hábiles.

b) Cando sufrise algunha condena por sentenza firme dos tribunais que no momento da solicitude o inhabilite para o exercicio profesional.

c) Cando fose expulsado doutro colexio sen ser rehabilitado.

d) Cando ao formular a solicitude estea suspenso do exercicio da profesión, en virtude de corrección disciplinaria corporativa firme.

2. Obtida a rehabilitación ou desaparecidos os obstáculos que se opuxesen á colexiación, esta deberá se aceptada polo Colexio correspondente sen dilación nin escusa ningunha.

Artigo 10. Perda da condición de colexiado

1. A Xunta de Goberno acordará a perda da condición de colexiado por algunha das seguintes causas:

a) Falecemento.

b) Incapacidade física ou mental permanente que impida o exercicio da profesión xudicialmente declarada.

c) Condena firme que comporte a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión, xudicialmente declarada.

d) Sanción firme de suspensión ou de expulsión imposta ao terminar o preceptivo expediente disciplinario.

e) Renuncia ou baixa voluntaria solicitada mediante escrito presentado na Secretaría do Colexio e dirixido á Xunta de Goberno, que suporá a devolución da tarxeta de identidade colexial.

f) Impagamento de tres meses das cotas ou derramas colexiais de contido económico, ben sexan consecutivas ou alternas no prazo de seis meses, logo de tramitación do oportuno expediente disciplinario.

g) Impagamento das sancións económicas firmes impostas tras a tramitación do oportuno expediente disciplinario.

2. A perda da condición de colexiado privará este do uso do escudo oficial e logotipos corporativos.

3. A perda da condición de colexiado será acordada pola Xunta de Goberno mediante resolución motivada, que lle será debidamente notificada.

Artigo 11. Reincorporación

O axente da propiedade inmobiliaria que causa baixa no Colexio pode incorporarse de novo pero terá, no caso da letra b) do artigo 10.1 anterior, que ter desaparecido a súa incapacidade; nos casos das letras c) e d), terá que encontrarse rehabilitado para o exercicio profesional ou cumprir a sanción; no das letras f) e g), terá que ter satisfeito as obrigacións pecuniarias pendentes ata o momento da baixa.

CAPÍTULO II

Artigo 12. Dereitos dos colexiados

1. Son dereitos dos colexiados:

a) Elixir e ser elixidos para cargos directivos e postos de representación, cumprindo os requisitos exixidos pola normativa aplicable.

b) Ser informados periodicamente das actuacións colexiais, en todas as súas facetas, e de todas aquelas cuestións que poidan afectar o exercicio da profesión.

c) Coñecer os acordos adoptados polos órganos de goberno do seu Colexio.

d) Intervir, conforme as normas vixentes, na xestión económica, administrativa e institucional do Colexio respectivo e expresar libremente as súas opinións en materia e asuntos de interese profesional, respectando en todo caso a honorabilidade das persoas.

e) Realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no colexio profesional a través do portelo único, por vía electrónica e a distancia, de conformidade co disposto pola normativa vixente.

f) Exercer as accións e recursos administrativos e xudiciais pertinentes en defensa dos seus dereitos e intereses como colexiado.

g) Beneficiarse dos servizos colexiais, segundo a normativa que os regule.

h) Asistir, con voz e voto, ás asembleas xerais do seu colexio.

i) Formular queixas ante a Xunta de Goberno do seu colexio, de conformidade coa normativa establecida para cada caso e exixir a dilixente tramitación das solicitudes que se lle dirixan.

j) Exixir do seu colexio o cumprimento dos obxectivos legal e estatutariamente fixados.

k) Ser amparados polo Colexio no exercicio da súa actividade profesional.

l) Utilizar os anagramas, insignias, logotipos e distintivos propios da profesión que os identifiquen como membros do Colexio.

m) Promover a remoción dos titulares dos órganos de goberno mediante a moción de censura na forma establecida no presente estatuto.

n) Promover actuacións dos órganos de goberno por medio de iniciativas e propostas.

ñ) Crear agrupacións representativas de intereses específicos no seo do Colexio, con sometemento, en todo caso, aos seus órganos de goberno e sempre que os intereses agrupados non afecten o resto do colectivo non adscrito á agrupación de que se trate.

o) Formar parte das listas que, de ser o caso, deban remitirse aos xulgados e tribunais ou organismos administrativos ou xudiciais para o cumprimento de servizos periciais e de taxación, asumindo as directrices de funcionamento que acorde a Xunta de Goberno do Colexio.

p) As demais que resulten das normas legais e dos estatutos.

Artigo 13. Deberes dos colexiados

1. Son deberes dos colexiados:

a) Realizar as súas actuacións profesionais con dilixencia, eficacia, ética, deontoloxía e reserva.

b) Respectar e velar polo íntegro cumprimento do ordenamento xurídico que afecte as súas funcións profesionais.

c) Asistir ás asembleas xerais, plenos, xuntas de goberno, comisións e demais sesións para as cales sexa convocado e desempeñar celosamente os cargos para os cales fose elixido, coa eficacia que estes requiran.

d) Comunicar ao Colexio os cambios referentes ao seu domicilio profesional, así como calquera outra circunstancia que expresamente se sinale e que sexa relevante para a súa actividade profesional, e facilitar os datos que lles sexan solicitados aos servizos de inspección que, de ser o caso, teña establecidos o Colexio, salvo que se trate de informacións estritamente reservadas.

e) Comunicarlle á Xunta de Goberno do Colexio os actos contrarios ao ordenamento xurídico de que teña noticia, e achegar cantos datos e información lle sexan solicitados, comparecer ante cantos órganos xudiciais ou administrativos sexa requirido para ratificar as súas denuncias e, en xeral, comunicar cantas incidencias ou anomalías poida atopar ou ter noticia no exercicio da profesión.

f) Colaborar coa Xunta de Goberno do Colexio, consello de ámbito autonómico, Pleno do Consello Xeral, Consello Reitor e demais órganos reitores da profesión e con organismos públicos e entidades privadas de protección ao consumidor na emisión de informes, ditames e estudos sobre aspectos relacionados coa súa actividade profesional.

g) Satisfacer, dentro dos prazos fixados para iso, as cotas, derramas e demais cantidades que deban ser satisfeitas en virtude da normativa profesional ou dos acordos dos órganos reitores competentes.

h) Ter cubertos mediante un seguro os riscos de responsabilidade civil en que poida incorrer como consecuencia do exercicio profesional.

i) Actuar con toda lealdade e dilixencia respecto dos seus clientes, considerándose obrigado a protexer os intereses deles.

j) Contribuír a unha respectuosa convivencia no seo do Colexio e absterse de realizar manifestacións que impliquen un deliberado desprestixio deste.

k) Prestar a colaboración necesaria para mellorar os vínculos coas entidades e administracións afíns.

l) Participar nas actividades colexiais, procurando a mellora dos servizos e a boa imaxe do Colexio cara á sociedade.

m) Prestar a debida confidencialidade nas actuacións profesionais que o requiran.

n) As demais que resulten das normas legais e dos estatutos xerais da profesión vixentes en cada momento.

o) Velará polo cumprimento da lexislación sobre vivenda de protección oficial ou equivalente, de modo que o prezo da vivenda non supere o marcado polos módulos aprobados pola normativa vixente no acto da transmisión.

p) Informar aos consumidores e usuarios sobre o desenvolvemento da súa actividade profesional.

CAPÍTULO III

Artigo 14. Exercicio da actividade profesional a través de sociedades profesionais

1. O exercicio da actividade profesional de axente da propiedade inmobiliaria poderá levarse a cabo, nos termos previstos legalmente, a través de sociedades profesionais constituídas conforme dispón a Lei 2/2007, do 15 de marzo, inscritas no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio que corresponda ao seu domicilio, e con plena sometemento á normativa legal vixente, aos presentes estatutos e ao réxime deontolóxico e disciplinario propio dos axentes da propiedade inmobiliaria.

2. Sen prexuízo da responsabilidade persoal do socio ou socios profesionais colexiados polas faltas en que puidesen ter incorrido, a sociedade profesional tamén poderá ser sancionada nos termos establecidos no réxime disciplinario.

3. Poderán ser socios profesionais unicamente as persoas físicas que reúnan os requisitos exixidos para o exercicio da actividade profesional que constitúe o obxecto social e que a exerzan no seu seo ou, de ser o caso, sociedades profesionais que, debidamente inscritas no Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Provincia da Coruña, participen noutra sociedade profesional.

4. Non poderán ser socios profesionais as persoas en que concorra causa de incompatibilidade para o exercicio da profesión de axente da propiedade inmobiliaria, nin aquelas que estean inhabilitadas para o dito exercicio en virtude de resolución xudicial ou corporativa.

5. Os dereitos e obrigacións inherentes á actividade profesional desenvolvida polos socios profesionais imputaranse á sociedade profesional. Das débedas sociais que deriven dos actos profesionais propiamente ditos responderán solidariamente a sociedade e os profesionais, socios ou non, que actúen, e seranlles de aplicación as regras xerais sobre a responsabilidade contractual ou extracontractual que correspondan.

Artigo 15. Dereitos no exercicio de actividade profesional desenvolvido a través de sociedade profesional

1. Desde o momento da súa inscrición no rexistro correspondente, o exercicio da actividade profesional de axente da propiedade inmobiliaria a través de sociedades profesionais dará lugar aos seguintes dereitos:

a) Exercer a actividade profesional que constitúa o seu obxecto social nos termos legal e estatutariamente establecidos.

b) Obter certificacións acreditativas sobre os feitos e circunstancias dos actos propios da actividade profesional desenvolvidos pola sociedade.

Artigo 16. Deberes no exercicio de actividade profesional desenvolvido a través de sociedade profesional

1. O exercicio de actividades profesionais a través de sociedade profesional supón os seguintes deberes:

a) Cumprir estritamente, no exercicio da actividade que constitúe o seu obxecto social, co disposto nas leis de colexios profesionais, Lei de sociedades profesionais e os presentes estatutos.

b) A sociedade e os seus socios teñen o deber de comunicar ao Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio calquera modificación de administradores ou do contrato social.

c) Estar ao día no pagamento de calquera tipo de cota fixa, extraordinaria e/ou variable, derrama ou cantidade acordada pola Asemblea Xeral.

d) Non cooperar nin intervir, directa ou indirectamente, en actividades profesionais que resulten incompatibles ou ilegais nin prestar apoio a ningún feito que tenda a desvirtuar o rigor e prestixio da actividade profesional de axente da propiedade inmobiliaria.

e) Ter cuberta, mediante seguro, a responsabilidade civil da sociedade no exercicio da actividade ou actividades que constitúen o seu obxecto social.

TÍTULO IV
Órganos de representación do Colexio

CAPÍTULO I

Artigo 17. Órganos colexiais

Os órganos de representación, desenvolvemento regulamentario, control, goberno, xestión e administración do Colexio son: a Asemblea Xeral, a Xunta de Goberno e o presidente.

CAPÍTULO II

Artigo 18. Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral é o órgano plenario de desenvolvemento regulamentario e control da xestión da Xunta de Goberno. A Asemblea Xeral, como órgano soberano, democrático e asociativo do Colexio está constituída por todos os colexiados exercentes e non exercentes e adoptará os seus acordos polo principio de maioría de votos.

2. Nas votacións que se leven a cabo na Asemblea Xeral os colexiados exercentes e non exercentes terán un voto. Os seus acordos e resolucións obrigan a todos os colexiados, inclusive os que votasen en contra, se abstivesen ou estivesen ausentes.

3. Corresponde á Asemblea Xeral:

a) A aprobación e reforma dos estatutos e do código deontolóxico por proposta da Xunta de Goberno.

b) A aprobación do orzamento, das contas anuais do Colexio e da xestión da Xunta de Goberno.

c) Coñecer e decidir sobre todos aqueles asuntos en que, pola súa especial relevancia, así o acorde a maioría dos colexiados asistentes á Asemblea Xeral, así como calquera outra facultade que lle atribúan os presentes estatutos.

d) Designar auditores das contas do Colexio Oficial.

e) Aprobar as contas das cotas colexiais, fianzas, derramas e demais achegas.

4. As asembleas xerais poderán ter carácter ordinario ou extraordinario. En todo caso, convocaranse mediante comunicación por correo ordinario, vía telemática ou calquera outro medio que garanta a debida constancia da súa recepción ou coñecemento polos colexiados. A dita comunicación deberá remitirse cunha antelación mínima de sete días respecto da data da súa realización. A convocatoria incluirá o lugar, a data e a hora da reunión, así como a orde do día e cantos datos de interese considere necesarios a Xunta de Goberno para o seu adecuado desenvolvemento.

5. Con carácter xeral, a Asemblea Xeral, sexa ordinaria ou extraordinaria, quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando na hora fixada para a súa realización estean presentes a metade máis un dos colexiados. Para o caso de non alcanzarse esta porcentaxe, convocarase sempre a segunda convocatoria, que quedará fixada media hora máis tarde que a primeira, e quedará validamente constituída calquera que sexa o número de colexiados asistentes.

6. Deberán estar presentes o presidente e o secretario ou persoas que os substitúan.

7. Os antecedentes dos asuntos que se van tratar deberán estar á disposición dos colexiados na Secretaría do Colexio polo menos con 48 horas de antelación á data de realización da asemblea.

8. Sen prexuízo da deliberación que puidese levarse a cabo, queda expresamente prohibido adoptar acordos respecto de asuntos que non figuren na orde do día.

Artigo 19. Participación e representación na Asemblea Xeral

Todos os colexiados teñen o dereito de asistir, persoalmente, con voz e voto ás asembleas xerais, e admitirase a delegación ou representación por escrito a favor doutro colexiado, salvo nos casos de mocións de censura e cambios de estatutos, en que a asistencia será persoal e indelegable.

Artigo 20. Funcionamento da Asemblea Xeral

1. As reunións da Asemblea Xeral serán presididas polo presidente do Colexio, acompañado polo secretario e os membros da Xunta de Goberno que deban intervir nos asuntos da orde do día que se van tratar.

2. O presidente ten a función de moderar os debates, concedendo ou retirando o uso da palabra, e ordenar as votacións.

3. Actuará como secretario da Asemblea Xeral o que o sexa da Xunta de Goberno do Colexio ou, pola súa ausencia, o que por maioría dos presentes se acorde no acto, quen levantará acta co visto e prace do presidente, que se exporá na sede do Colexio no prazo máximo de 7 días e durante os 15 días naturais seguintes, transcorridos os cales, sen que se presentase oposición dalgún colexiado, se entenderá aprobada. Se houber oposición por colexiados que non superen en número o 30 % dos asistentes, a acta deberá aprobarse na seguinte asemblea. Se houbese oposición polos colexiados que superen o 50 % dos asistentes convocarase, de inmediato, nova asemblea para debater os motivos de oposición e o secretario levantará a acta do que aconteza e do seu resultado.

4. Os acordos adoptaranse por maioría simple entre os votos emitidos. Con todo, exixirase unha maioría de dous terzos dos votos emitidos cando se trate da modificación dos presentes estatutos, venda de inmobles, segregación, fusión, absorción ou disolución do Colexio, ou censura da Xunta de Goberno. A proposta poderá partir da Xunta de Goberno ou dun número de colexiados que represente, polo menos, o trinta por cento do censo colexial, e debaterase e votarase en Asemblea Xeral extraordinaria convocada para o efecto como único punto da orde do día.

Artigo 21. Sesións ordinarias

A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario por convocatoria da Xunta de Goberno, polo menos, unha vez ao ano, antes do 31 de marzo, en cuxa orde do día se incluirá a discusión, balance e memoria da xestión da Xunta de Goberno do exercicio anterior, así como do orzamento do exercicio seguinte. A memoria anual de actividades e xestión económica do exercicio anterior, a que se refire o artigo 11.2 da Lei 2/1974, de colexios profesionais, farase pública na paxina web do Colexio Oficial no primeiro semestre de cada ano, e facilitarase ao Consello Xeral a información necesaria para que este poida elaborar a súa memoria actual.

Artigo 22. Sesións extraordinarias

A Asemblea Xeral reunirase con carácter extraordinario:

a) Por iniciativa do presidente, ou da maioría da Xunta de Goberno, cando se considere necesario para o funcionamento do Colexio.

b) Por petición dun número de colexiados que, en todo caso, deberá ser superior ao 20 % do censo, porcentaxe que se elevará ao 30 % cando se promova a modificación dos estatutos. Neste suposto, a petición dirixirase á Xunta de Goberno incluíndo as cuestións que se van tratar, que non poderá conter cuestións xa tratadas na correspondente asemblea ordinaria.

Artigo 23. Réxime das votacións

1. As votacións nas asembleas xerais faranse ordinariamente a man alzada, pero serán nominais (públicas ou secretas) cando o pida a maioría dos colexiados asistentes ou así o decida o presidente. Serán secretas, en todo caso, cando a votación se refira a asuntos persoais.

2. Na votación ordinaria, unha vez contados os presentes, pedirá a Presidencia, en primeiro lugar, que os que estean a favor o manifesten alzando a man; despois, que o fagan os que estean en contra. Nun e noutro caso procederase ao reconto, e a diferenza da suma de ambas co total de asistentes computarase como abstencións.

3. Na votación nominal iranse nomeando os colexiados e cada un emitirá en voz audible o seu voto, e farase simultaneamente o cómputo.

4. Na votación secreta nomearase cada un dos asistentes, depositarase seguidamente a papeleta co voto que cada un entregue e farase ao final o escrutinio.

5. O cómputo ou escrutinio dos votos farao o presidente, asistido do secretario.

6. No caso de empate, tras unha quenda de intervencións, procederase ao voto secreto. Se o empate persiste convocarase nova xunta de forma urxente.

CAPÍTULO III

Artigo 24. Órgano de dirección: composición da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é o órgano democraticamente elixido para levar a cabo a dirección executiva e a representación do Colexio e estará constituída por un presidente, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e un vogal por cada cincuenta colexiados ou fracción, cun máximo de dez membros da Xunta.

2. A designación dos seus membros efectúase mediante sufraxio universal, libre, directo e secreto. O voto exercerase persoalmente ou por correo postal certificado de acordo coas normas que para garantir a súa autenticidade se establecen nos presentes estatutos.

3. Os membros da Xunta de Goberno deberán ser colexiados e estar en exercicio durante todo o tempo en que se manteñan no cargo, e poderán ser designados dous dos vogais colexiados sen exercicio.

4. Para acceder ao cargo de presidente será necesaria unha antigüidade mínima de oito anos ininterrompidos con carácter de exercente e no propio Colexio respectivo, ou ser con anterioridade presidente no mesmo ou outro colexio e ser colexiado en exercicio. O vicepresidente, o secretario e o resto da Xunta deberán ter unha antigüidade mínima como colexiados exercentes de catro anos, no momento de convocarse as eleccións para cubrir os ditos cargos, no período de tempo inmediatamente anterior á dita convocatoria.

Artigo 25. Competencias

1. Son competencias da Xunta de Goberno.

a) Acordar a admisión de colexiados con sometemento ao establecido nas leis e nos presentes estatutos.

b) Representar o Colexio ante as distintas administracións, entidades públicas ou privadas, así como en calquera clase de actos e contratos que se celebren.

c) Contratar laboralmente ou mediante contrato de prestación de servizos o persoal e profesionais ao servizo do Colexio.

d) Subscribir convenios de colaboración con calquera tipo de Administración, entidades públicas ou privadas, en cumprimento dos fins colexiais.

e) Organizar, dirixir e inspeccionar a marcha do Colexio, e aprobar as normativas internas necesarias para o correcto funcionamento dos servizos.

f) Proporlle á Asemblea Xeral o importe dos ingresos colexiais e das fianzas, e decidir a devindicación e forma de pagamento das cotas colexiais e de calquera outra obrigación económica dos colexiados, adoptando as medidas necesarias para o cumprimento destas obrigacións.

g) Elaborar o orzamento anual e executalo, contabilizando cada un dos pagamentos ou ingresos de acordo coa normativa contable que sexa de aplicación.

h) Nomear as persoas que representen o Colexio no consello autonómico da profesión e noutras organizacións profesionais ou administrativas de calquera tipo.

i) Comprar e vender para o Colexio toda clase de bens mobles; para os inmobles requirirase autorización da Asemblea Xeral. Abrir ou pechar contas bancarias en nome do Colexio, dispor ou aplicar fondos, depositar ou retirar valores, prestar avais e levantalos en favor do Colexio, e realizar cantas operacións bancarias, mercantís ou civís considere oportunas.

j) Defender os intereses do Colexio e da profesión en xuízo e fóra del, e outorgar poderes para preitos, a través do presidente, en favor de avogados e procuradores.

k) Exercer a potestade sancionadora respecto dos membros do Colexio que non desempeñen cargos na súa Xunta de Goberno.

l) Tramitar consultas e elaborar informes ou ditames, por petición de terceiros interesados, da Administración pública, do poder xudicial ou por iniciativa propia.

m) Velar polo desenvolvemento formativo e profesional dos colexiados.

n) Velar polo cumprimento das disposicións legais e éticas nas intervencións profesionais dos seus membros, moi particularmente polo respecto aos dereitos de consumidores e usuarios, así como a normativa aplicable en materia de vivendas de calquera tipo, coadxuvando coa Administración pública na correcta execución da política de vivenda que en cada momento fixen os poderes públicos.

ñ) Elaborar criterios orientativos de honorarios para os exclusivos efectos da taxación do servizo prestado polos colexiados en peticións xudiciais, xura de contas e, de ser o caso, asistencia xurídica gratuíta.

o) Colaborar coa Administración pública cando esta o solicite e proporlle a esta cantas iniciativas considere de interese xeral en materia de vivenda e urbanismo, ou de interese particular para o desenvolvemento profesional dos colexiados.

p) Aprobar o seu propio regulamento de funcionamento e o dos servizos do Colexio.

q) Acordar a baixa colexial por non pagamentos de cotas ou outros motivos fixados nos presentes estatutos.

r) Marcar as directrices e deberes que os colexiados deban cumprir na súa función pericial ou de taxación ante os xulgados e tribunais ou administracións públicas.

s) Organizarse, para o cumprimento dos seus fins, mediante a creación de comisións de traballo e de repartición de asuntos.

t) Aprobar os regulamentos que resulten necesarios para o cumprimento dos fins do Colexio e para a regulación das materias que sexan de interese para os colexiados.

u) Organizar os cursos e plans de estudos que foren necesarios para unha adecuada formación e perfeccionamento de coñecementos e técnicas dos colexiados, así como para o acceso á profesión.

v) Nomear por cooptación os substitutos dos membros da Xunta de Goberno que causen baixa por causa distinta ao cumprimento do seu mandato.

x) Cantas outras funcións deba desenvolver o Colexio e non correspondan á Asemblea Xeral.

2. Corresponden tamén á Xunta de Goberno:

1. O impulso do procedemento de aprobación e reforma dos estatutos.

2. A proposta ao órgano plenario dos asuntos que lle competan.

3. A elaboración do orzamento e as contas do Colexio.

4. O asesoramento e apoio técnico á Asemblea Xeral.

5. Calquera outra función que lle atribúan os presentes estatutos.

Artigo 26. Sesións

1. A Xunta de Goberno reunirase por convocatoria do presidente, por iniciativa propia, por petición do secretario ou de, polo menos, unha quinta parte dos seus membros. En todo caso, reunirase, como mínimo, unha vez cada dous meses.

2. As convocatorias efectuaranse cunha antelación mínima de cinco días, salvo que por circunstancias de recoñecida urxencia, debidamente razoadas, se deba proceder á súa realización inmediata. No entanto, deberá efectuarse a convocatoria con polo menos 48 horas de antelación. Na convocatoria expresarase a orde do día, sen que poidan tomarse acordos sobre materias non incluídas nesta salvo que, estando presentes a totalidade dos membros da Xunta, fose declarada a urxencia do asunto por unanimidade. Sen prexuízo do anterior, a Xunta poderá fixar por acordo sesións para días concretos no calendario anual que se aprobe.

3. A Xunta de Goberno quedará validamente constituída cando asista a maioría dos seus membros, persoalmente ou por representación doutro membro da propia Xunta de Goberno.

4. O secretario levantará a acta das sesións que deberá ser aprobada pola Xunta de Goberno como primeiro punto da orde do día da seguinte convocatoria.

5. Os acordos adoptaranse por maioría simple. En caso de empate, o voto do presidente computará dobre.

6. A Xunta de Goberno poderá invitar, nalgún punto das súas sesións, en calidade de asesores sen voto, as persoas cuxa asistencia considerar conveniente.

Artigo 27. Do cesamento dos membros da Xunta de Goberno

1. Os membros da Xunta de Goberno cesarán no desempeño do cargo polas seguintes causas:

a) Cumprimento do período para o cal fosen elixidos. Neste suposto, continuarase exercendo o cargo de maneira interina ata o nomeamento de quen deba substituílos.

b) Falecemento.

c) Perda de condición de colexiado exercente dos membros da Xunta, excluíndo os dous vogais non exercentes.

d) Inhabilitación.

e) A non asistencia, sen causa xustificada, a tres xuntas consecutivas ou seis alternas no transcurso de dous anos.

f) Calquera outra establecida nos presentes estatutos.

2. As vacantes que se produzan na Xunta de Goberno por causa distinta da renovación regulamentaria serán cubertas nos trinta días seguintes á data en que se produzan, e deberá a Xunta de Goberno adoptar as medidas pertinentes para que non se interrompa o bo servizo do Colexio. O axente designado pola Xunta de Goberno ocupará o cargo ata que lle corresponda cesar a quen produza a vacante.

3. No entanto, nos casos de vacante da Presidencia estarase ao disposto no artigo 29.

CAPÍTULO IV

Artigo 28. Atribucións do presidente

1. Correspóndelle ao presidente a representación do Colexio, así como o impulso e supervisión de todos os asuntos que afectan a vida colexial.

2. En particular, son funcións do presidente:

a) Representar o Colexio ante as administracións públicas, ante outros organismos profesionais ou de calquera tipo, calquera persoa física ou xurídica e ante a opinión pública en xeral.

b) Representar o Colexio en calquera procedemento administrativo ou xudicial e, de ser o caso, outorgar os correspondentes poderes para o exercicio das accións xudiciais pertinentes de calquera tipo e ante calquera xurisdición, e especialmente para o exercicio de accións penais.

c) Asinar, en nome do Colexio, cantos contratos públicos ou privados o obriguen.

d) Executar ou facer executar os acordos adoptados pola Xunta de Goberno e a Asemblea Xeral.

e) Convocar e presidir as reunións da Xunta de Goberno, fixar a orde do día e resolver os empates co seu voto de calidade.

f) Convocar e presidir as reunións da Asemblea Xeral, ordenar e retirar o uso da palabra, con facultades para facer saír da sala a quen non garde a debida compostura ou insista en tratar cuestións alleas aos fins do Colexio ou os puntos da orde do día da sesión; poderase levantar ou dar por concluída a reunión en caso de desorde, altercado ou desobediencia.

g) Cumprir e facer cumprir os estatutos xerais, o deste Colexio e os regulamentos de réxime interior e cantas disposicións e normas sexan procedentes.

h) Asinar todas as comunicacións, actas e documentos relativos ao Colexio.

i) Ordenar pagamentos e cobramentos, conforme os orzamentos, abrir contas correntes, de aforro e facer imposicións en caixas de aforro e calquera entidade bancaria ou de crédito legalmente recoñecidos.

j) Dispor todo o conveniente para a boa marcha do Colexio, adoptando por si aquelas medidas que pola súa urxencia non sexa posible someter á Xunta de Goberno, e dar conta a esta na súa primeira reunión.

k) Executar os acordos da Xunta de Goberno e Asemblea Xeral e todos aqueles que expresamente lle encomenden os órganos reitores colexiais ou superiores e sempre dentro da súa competencia legal.

Artigo 29. Atribucións do vicepresidente

Correspóndelle ao vicepresidente substituír o presidente en todas as súas funcións en caso de ausencia, enfermidade, imposibilidade, cesamento ou dimisión deste. Nos supostos de cesamento ou dimisión exercerá tales funcións ata as próximas eleccións da Xunta de Goberno, salvo que esta acorde por maioría absoluta dos seus membros a convocatoria de eleccións anticipadas, que terán lugar, neste caso excepcional, e calquera que fose a data de cesamento ou dimisión, o 1 de xaneiro do ano seguinte. Neste caso a nova xunta elixida exercerá as súas funcións durante o resto de tempo que lle correspondeu facelo á xunta saínte.

Artigo 30. Atribucións do secretario

1. Correspóndelle ao secretario:

a) Actuar como secretario nas reunións da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, levantar a acta do que nelas se delibere e decida, que asinará xuntamente co presidente, e emitir certificacións dos acordos adoptados sempre que o sexan para fins acordes aos intereses da profesión.

b) Custodiar os libros de actas.

c) Comunicar aos colexiados os acordos que adopten os órganos colexiais.

d) Emitir certificacións sobre os documentos e circunstancias que consten na Secretaría e arquivos colexiais, levando para o efecto un arquivo sobre as certificacións emitidas, co visto e prace do presidente.

e) Realizar informes sobre todas as cuestións que, séndolle coñecidas e referentes á vida colexial e á profesión en si, coadxuven na toma de decisións da Xunta, sen prexuízo da distribución de asuntos no seu seo.

f) Cursar a correspondencia oficial.

g) Coidar de toda a documentación e arquivo e da fiel execución dos acordos.

h) Organizar a marcha administrativa do Colexio, de conformidade coas directrices da Xunta de Goberno e ordes do presidente.

i) Exercer as demais funcións que lle encomenda este estatuto e os regulamentos de réxime interior do Colexio e calquera outra que lle asigne a Xunta de Goberno.

2. En caso de falecemento, ausencia, enfermidade, cesamento, dimisión ou imposibilidade do secretario, realizará as súas funcións o vogal de maior antigüidade como colexiado que non desempeñe outro cargo na Xunta de Goberno do Colexio. En caso de falecemento, cesamento ou dimisión deberá nomearse outro que o substitúa na xunta directiva inmediatamente posterior á que se faga efectiva ou se teña constancia dalgunha das anteriores circunstancias, cuxa designación correrá a cargo da Xunta de Goberno.

Artigo 31. Atribucións do tesoureiro

a) Custodiar os fondos económicos do Colexio, dando a estes o destino regulamentario que a Xunta de Goberno acorde.

b) Asinar, logo de orde do presidente ou de quen legalmente o substitúa, as retiradas e transferencias de fondos.

c) Supervisar os ingresos e pagos que realice o Colexio, asegurando unha adecuada orde destes.

d) Ter depositados os fondos nalgunha caixa de aforros ou entidade bancaria.

e) Expedir xustificantes de cobramento.

f) Prover o cobramento das cotas e das demais obrigacións económicas dos membros do Colexio e instar o cobramento das cantidades que deben percibirse de terceiros.

g) Organizar e asegurar o mantemento da contabilidade do Colexio e das obrigacións tributarias ou de calquera tipo que deban facerse ante a Administración tributaria.

Artigo 32. Atribucións dos vogais

1. Auxiliar os titulares dos restantes cargos da Xunta de Goberno.

2. Asistir en quenda cos restantes vogais, ao domicilio social do Colexio, para atender o despacho dos asuntos que o requiran.

3. Desempeñar cantas funcións lle confira o presidente ou a Xunta de Goberno, así como participar nas comisións para as cales fosen designados, e dirixir nela as áreas creadas desde a Xunta para fins específicos e determinados.

CAPÍTULO V
Réxime electoral

Artigo 33. Convocatoria de eleccións

1. A Xunta de Goberno acordará, en sesión extraordinaria, a convocatoria de eleccións para a renovación dos seus membros.

2. A convocatoria deberá ser remitida a todos os colexiados e publicada nalgún dos diarios de maior circulación da Coruña cunha antelación mínima de dous meses á data de celebración das eleccións, que deberán ter lugar nos quince primeiros días do mes de decembro do ano en que expire o mandato da Xunta de Goberno.

3. A convocatoria deberá especificar o seguinte:

4. Lugar, data e hora da celebración do acto electoral.

5. Composición da Xunta Electoral.

6. Data de exposición do censo de colexiados exercentes e non exercentes con dereito a voto.

7. Prazo para a presentación de reclamacións contra o censo, que deberán ser resoltas noutro de tres días.

8. Data para a presentación de candidaturas no prazo de dez días hábiles seguintes ao da terminación do prazo para reclamar ou, de ser o caso, de resolver, previsto no número anterior.

9. Prazo para a impugnación de candidaturas, durante os cinco días hábiles seguintes ao de terminación do previsto para a presentación destas.

10. Data da proclamación de candidaturas.

Artigo 34. Membros electores, elixibles e tipo de elección

1. Serán electores todos os colexiados que, no día da convocatoria electoral, non estean sancionados con suspensión dos seus dereitos colexiais e se encontren ao día das súas obrigacións económicas co Colexio.

2. Serán elixibles todos aqueles colexiados que, de acordo co previsto no parágrafo anterior, poden ser electores.

3. Os membros da Xunta de Goberno serán elixidos por todos os colexiados a través de sufraxio universal, libre, directo e secreto. Non se admite a delegación de voto. O voto dos colexiados en exercicio computarase con valor dobre ao dos colexiados non exercentes.

Artigo 35. Periodicidade das eleccións

1. Os cargos da Xunta de Goberno elixiranse cada catro anos mediante elección que deberá ter lugar obrigatoriamente dentro do último trimestre do ano en que corresponda a súa elección.

2. Os candidatos que resulten elixidos tomarán posesión en sesión da Xunta de Goberno, que deberá ter lugar antes do prazo do mes de xaneiro seguinte, e, pola súa vez, deberá preparar en prazo a Asemblea Xeral do ano en que toman posesión do cargo.

Artigo 36. Necesidade de convocatoria de eleccións

A Xunta de Goberno acordará a convocatoria de eleccións nos seguintes casos:

1. Cando corresponda o seu renovación, no prazo legal previsto.

2. Cando nos casos de vacante da Presidencia acorde a Xunta de Goberno a celebración de eleccións anticipadas.

Artigo 37. Acordo de convocatoria de eleccións

1. O acordo de convocatoria de eleccións, adoptado pola Xunta de Goberno, notificarase ao día seguinte da súa adopción, por correo urxente, electronicamente ou por calquera outro medio que acredite a súa recepción, individualmente a todos os colexiados, e publicarase nun diario de gran circulación da provincia da Coruña se o número de colexiados exercentes excedese os cen.

Artigo 38. Formación e composición da mesa electoral

1. Inmediatamente logo da adopción de acordo de convocatoria de eleccións levarase a cabo a constitución da mesa electoral.

2. A mesa electoral estará composta por cinco membros e poderán ser elixidos outros tantos suplentes.

Formarán a mesa electoral os tres membros colexiados exercentes de máis antigüidade e os dous membros colexiados exercentes de menor antigüidade.

O colexiado máis antigo exercerá de presidente e o de menor antigüidade de secretario.

Todos serán chamados, inmediatamente, pola Xunta de Goberno para que no prazo de sete días desde a adopción do acordo se levante a acta de constitución da mesa, que deberá ser asinado polos seus membros e polo presidente e secretario do Colexio ou por aqueles que fagan as veces deles.

Desde o levantamento do acta constitutiva entenderase que os membros da mesa electoral tomaron posesión dos seus cargos e actuarán con total independencia e sen a intervención do presidente e secretario do Colexio.

3. A mesa electoral é o máximo órgano decisorio sobre o procedemento electoral e decidirá sobre as reclamacións, peticións e escritos do proceso electoral.

As súas decisións deberán constar en actas expedidas para o efecto e contra elas poderase interpor recurso de alzada ante o Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Axentes da Propiedade Inmobiliaria de España mentres non se constitúa o Consello Galego de Colexios de Axentes da Propiedade Inmobiliaria, sen prexuízo de que, unha vez esgotada a vía administrativa, poidan ser impugnadas ante a xurisdición contencioso- administrativa.

Artigo 39. Presentación de candidaturas

1. As candidaturas para formar parte da Xunta de Goberno presentaranse na Secretaría do Colexio, en dous exemplares, un quedará no Colexio e outro devolverase ao seu presentador selado co xustificante de recepción do Colexio.

2. O prazo para a presentación de candidaturas será de dez días desde que se proceda á notificación individual do acordo de convocatoria de eleccións, con independencia da súa recepción ou, de ser o caso, de sete días desde a publicación do anuncio en prensa.

Artigo 40. Modalidade de candidaturas

1. As candidaturas presentaranse en listas pechadas e bloqueadas do número de membros que conformen a Xunta de Goberno –cun máximo de dez membros– dos cales o primeiro nome será o proposto como presidente, e os restantes, vogais. Unha vez elixida a lista, os nomeados designarán de entre eles os cargos de vicepresidente, secretario e tesoureiro.

Artigo 41. Proclamación de candidaturas

1. O día seguinte hábil en que finalice o prazo de presentación de candidaturas a mesa electoral fará proclamación das candidaturas presentadas ou acordará motivadamente a inadmisión dalgunha delas.

2. As candidaturas admitidas e as rexeitadas, con expresión dos seus motivos, publicaranse no taboleiro de anuncios do Colexio, con indicación da orde da súa presentación.

Tras a dita publicación abrirase un prazo de tres días hábiles para a presentación de alegacións contra o acto de proclamación provisional de candidaturas.

3. Concluído o prazo de impugnación, a mesa electoral disporá de dous días hábiles para resolver as alegacións presentadas e proclamar as candidaturas definitivamente aceptadas, que serán igualmente publicadas no taboleiro de anuncios do Colexio.

4. Contra o acordo da mesa electoral de proclamación definitiva de candidaturas poderá recorrerse en alzada ante o Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Axentes da Propiedade Inmobiliaria de España mentres non se constitúa o Consello Galego de Colexios de Axentes da Propiedade Inmobiliaria, sen que a interposición do recurso suspenda o proceso electoral e o seu resultado.

Artigo 42. Campaña electoral

1. O período de campaña electoral fixarao a mesa electoral, sen que poida ter unha duración inferior a 7 días nin superior a 12, e iniciarase o día seguinte ao da proclamación definitiva de candidaturas.

2. Finalizado o período de campaña electoral, abrirase o período de reflexión durante un prazo de 3 días, transcorrido o cal, e no primeiro día hábil seguinte, terá lugar a votación.

Artigo 43. A papeleta

A papeleta terá o formato fixado previamente pola Xunta de Goberno e será de único formato e cor para os colexiados exercentes e non exercentes.

Artigo 44. Proceso de votación

1. A mesa electoral, para o día da votación, deberá preparar as urnas, supervisar as papeletas e levar a cabo as actuacións necesarias para que a votación se desenvolva coa normalidade que garanta o segredo do voto e facilite o seu exercicio por correo postal certificado.

2. A votación iniciarase na sede do Colexio á hora normal de apertura deste e levarase a cabo ininterrompidamente ata a hora que determine a mesa electoral, e como mínimo ata as catorce horas. En todo momento deberán estar presentes polo menos tres membros, titulares ou suplentes da mesa electoral.

3. Os votantes achegaranse ás urnas identificándose co seu documento nacional de identidade, pasaporte ou acreditación oficial equivalente, e entregarán o sobre coas papeletas ou papeleta a quen presida a mesa, que a introducirá na urna logo de comprobación da inclusión do votante na listaxe de electores.

4. O voto é persoal e indelegable.

Para facilitar o voto por correo postal certificado, unha vez proclamadas as candidaturas, a Xunta Electoral remitirá a todos os electores:

a) Un xogo de cada candidatura presentada e proclamada.

b) Un sobre de votación, no cal o elector deberá incluír a candidatura por que opte.

c) Un sobre de retorno, no cal o elector deberá incluír o sobre de votación e unha fotocopia dalgún dos documentos de identidade admitidos pola lexislación electoral xeral.

O sobre de retorno deberá ser remitido por correo postal certificado, con antelación suficiente para que o reciba a Xunta Electoral antes de pecharse o acto da votación. A omisión da certificación postal dará lugar á nulidade do voto.

Os votos remitidos por correo postal certificado serán custodiados, baixo a súa responsabilidade, polo secretario da Xunta Electoral.

O elector estampará a súa sinatura na solapa do sobre de retorno, para evitar a manipulación do seu contido. Non se admitirán sobres sen a sinatura do remitente no lugar indicado.

O colexiado que remita o seu voto por correo postal certificado non poderá votar persoalmente. No caso de que o voto persoal se efectue antes da recepción do voto por correo, este quedará anulado.

O incumprimento de calquera destas formalidades invalidará o voto.

a) O prazo para a recepción do voto por correo postal certificado fíxase ata o momento da finalización da votación.

b) Os votos por correo postal certificado introduciranse na urna en último lugar, unha vez que se constate que cumpren todos os requisitos establecidos para iso.

c) No acta correspondente indicarase como incidencia a existencia dos votos por correo postal certificado non introducidos na urna por non cumpriren os requisitos legais, sen que se cite o votante.

Artigo 45. Nulidade de voto

1. Serán nulas as papeletas que teñan algún tipo de riscadura, máis vogais que prazas elixibles ou calquera outra irregularidade que non se axuste estritamente a estas normas.

2. Poderán presentarse papeletas en branco.

Artigo 46. Interventores

1. Os candidatos poderán nomear un interventor que presencie o proceso de votación.

Os interventores deberán ser colexiados e un mesmo candidato poderá facerse representar por varios interventores sucesivamente.

2. Os candidatos entregarán ao presidente da mesa electoral antes do inicio da votación a lista dos colexiados que actuarán en calidade de interventores.

3. En ningún momento poderá estar presente na votación máis dun interventor por candidatura.

Artigo 47. Escrutinio

1. Terminada a votación, o presidente da mesa electoral abrirá as urnas e procederá ao cómputo dos votos.

2. Ao finalizar o escrutinio, o presidente da mesa electoral proclamará a lista compoñente da nova Xunta de Goberno.

Artigo 48. Reclamacións

1. Os resultados da votación, que se darán a coñecer no mesmo día, faranse públicos no seguinte día hábil no taboleiro de anuncio do Colexio e poderá recorrerse contra eles en reposición ante a mesa electoral nos tres días hábiles seguinte á publicación daquela, transcorrido os cales, ou resolta as reclamacións presentadas, se procederá á publicación dos resultados definitivos da elección.

2. Contra o acordo cos resultados definitivos da mesa electoral poderase interpor recurso de alzada ante Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Axentes da Propiedade Inmobiliaria de España mentres non se constitúa o Consello Galego de Colexios de Axentes da Propiedade Inmobiliaria.

Artigo 49. Candidatura única

1. Se se presentou unha soa lista e non se presentaron impugnacións nin reclamacións contra ela dentro dos prazos establecidos, a dita lista será proclamada vencedora.

CAPÍTULO VI

Artigo 50. Moción de censura

1. Os colexiados que se estean en exercicio poderán propor moción de censura contra a Xunta de Goberno conforme as seguintes normas:

A moción presentarase por escrito asinado por polo menos o vinte e cinco por cento dos colexiados e facendo constar nel as razóns que xustifiquen e os colexiados elixibles que se propoñen para a totalidade da Xunta de Goberno, en lista pechada do número de membros que compoñen aquela e dous suplentes –cun máximo de dez membros e dous suplentes–, dos cales o primeiro da lista será proposto como presidente.

Os colexiados que asinen unha moción de censura ou sexan propostos nela como candidatos non poderán asinar outras no resto do mandato.

Xuntarase ao escrito, en que constará o nome e número de colexiado de cada un dos que apoien a moción e a aceptación dos propostos para cada cargo fotocopia do documento nacional de identidade ou do carné de colexiado de cada un dos asinantes e dos candidatos propostos.

2. Presentada a moción segundo os requisitos expresados, deberá convocarse asemblea xeral extraordinaria de colexiados para a súa realización dentro dos trinta días hábiles seguintes á presentación, e non computará como hábil para ese efecto o mes de agosto.

3. Na asemblea xeral extraordinaria correspondente, que terá como único punto do día o debate da moción, intervirán en primeiro lugar o candidato a presidente; seguidamente abrirase un debate con tres quendas a favor e tres en contra, con duración máxima cada unha delas de dez minutos e durante o cal poderán facer o uso da palabra en calquera momento os membros da Xunta de Goberno.

Concluído o debate, fará uso da palabra o candidato a presidente; seguidamente pechará a deliberación o presidente do Colexio.

4. A continuación procederase a someter a votación a moción de censura, que quedará aprobada se obtén un número de votos igual ao previsto para estes casos nos presentes estatutos.

5. De prosperar a moción de censura, a Xunta de Goberno cesará automaticamente nas súas funcións e a elixida tomará posesión polo resto do mandato da censurada.

CAPÍTULO VII

Artigo 51. Elección de cargos e creación de comisións dentro da Xunta de Goberno

1. Na primeira reunión da nova Xunta de Goberno serán elixidos polos seus membros e entre os vogais elixidos os cargos de vicepresidente, secretario e tesoureiro.

2. En calquera momento a Xunta de Goberno poderá crear comisións ou áreas de traballo sobre materias específicas e para fins determinados a cargo de calquera dos seus membros.

CAPÍTULO VIII

Artigo 52. Da execución dos acordos e libros de actas

1. Os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno serán inmediatamente executivos, salvo que na súa adopción se sometesen a termo ou condición.

2. Os acordos da Xunta de Goberno tomaranse conforme dispón o artigo 26.

3. No Colexio levaranse obrigatoriamente dous libros de actas, que poderán ser de follas móbiles, onde se transcribirán separadamente as correspondentes á Asemblea Xeral e á Xunta de Goberno.

4. As actas conterán, como mínimo, a data, hora, relación de asistentes, orde do día e acordos adoptados, así como calquera outra circunstancia de interese; deberán ser asinadas polo secretario, co visto e prace do presidente, ou por quen desempeñe as funcións destes nas sesións correspondentes; e estarán á disposición dos membros da Xunta de Goberno que desexen examinalas e dos demais colexiados que o soliciten por escrito ao secretario, expresando o interese e motivo da súa solicitude. O secretario dará resposta no prazo dunha semana fixando o modo en que se poñan de manifesto as actas das cales se poderá solicitar a certificación dos aspectos que se consideren oportunos.

5. Os membros da Xunta de Goberno serán responsables dos acordos tomados aínda que non estivesen presentes na reunión en que se adopten, excepto cando quede constancia expresa do seu voto en contra, que no suposto de ausencia, e sempre que estiver xustificada por criterio dos membros presentes, deberá manifestarse ao tempo da súa aprobación na seguinte sesión da Xunta de Goberno.

TÍTULO V
Réxime económico do Colexio e outras obrigacións formais

CAPÍTULO I

Artigo 53. Recursos colexiais

1. O Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña terá plena autonomía financeira no ámbito económico e patrimonial. Deberá contar con recursos propios para atender os seus fins e quedarán obrigados todos os colexiados a atender o seu sostemento.

2. Serán recursos do Colexio os seguintes:

a) Cotas de incorporación ao Colexio. A cota de inscrición ou colexiación non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición.

b) Cota patrimonial.

c) Cotas ordinarias.

d) Cotas extraordinarias.

e) Achegas para sostemento de servizos colexiais.

f) Os dereitos de certificación, visado ou recoñecemento e legalización de sinaturas dos colexiados.

g) Cargos por servizos individualmente prestados a algún colexiado.

h) Ingresos derivados de convenios de colaboración.

i) Subvencións e axudas públicas.

j) Os donativos, subvencións, herdanzas ou legados e cantos ingresos poidan procurarse.

k) Ingresos financeiros.

l) Os procedentes do patrimonio colexial e das publicacións.

m) Os ingresos derivados das sancións económicas que se impoñan.

n) Calquera outro que poida ser aprobado na Xunta de Goberno.

3. A recadación dos recursos económicos é competencia da Xunta de Goberno.

CAPÍTULO II

Artigo 54. Do orzamento

1. O exercicio económico do Colexio axustarase ao réxime de orzamento anual e coincidirá co ano natural con independencia dos posibles cambios da Xunta de Goberno.

2. O orzamento será elaborado pola Xunta de Goberno conforme os principios de eficacia, equidade e economía, e incluirá a totalidade de ingresos e gastos previstos.

3. Cando o orzamento non estivese aprobado o primeiro día do exercicio económico en que debe rexer, entenderase automaticamente prorrogado o do exercicio anterior en canto non sexa aprobado aquel, aumentado no IPC correspondente ao ano anterior.

4. Si houbese necesidade de modificar os orzamentos requirirase a súa autorización en asemblea xeral extraordinaria.

Artigo 55. Pagamento de gastos

1. Os gastos do Colexio serán exclusivamente os incluídos no orzamento, sen que poida efectuarse ningún pagamento non previsto, salvo razóns de urxencia debidamente motivada e logo de acordo da Xunta de Goberno.

2. Este acordo deberá ser ratificado na próxima asemblea xeral que se realice.

Artigo 56. Facultades da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno decidirá sobre a forma de pagamento das cotas ordinarias, a súa devindicación e demais circunstancias.

Artigo 57. Herdanzas, legados, doazóns e liberalidades

A Xunta de Goberno está facultada para a aceptación de herdanzas, legados, doazóns ou outras liberalidades, aínda que se requirirá informe previo da Asesoría Xurídica do Colexio á dita Xunta de Goberno sobre finalidade, destino, condicións, modos ou outras limitacións, que deberá constar no acta correspondente.

Artigo 58. Patrimonio colexial

1. O patrimonio do Colexio non é exixible polos colexiados de forma individual, salvo no suposto de acordo de extinción ou disolución, nese caso só poderá percibir cada colexiado cantidades produto da liquidación correspondente en proporción ás cotas pagadas nos cinco últimos anos de colexiación.

Artigo 59. Obrigación contable

1. O Colexio levará a cabo a contabilidade axustada ao Plan xeral contable e ás súas necesidades, coa documentación necesaria de conformidade coa lexislación vixente en cada momento.

2. A documentación contable deberá conservarse un mínimo de dez anos e non poderá ser destruída aquela que conteña datos significativos para o coñecemento da vida e historia colexial.

3. O tesoureiro colaborará coa Xunta de Goberno no cumprimento por esta das funcións que ten encomendadas nesta materia.

Artigo 60. Outras obrigacións formais

1. Con independencia dos libros e arquivos de que sexa responsable no seu mantemento o secretario do Colexio, a súa Secretaría levará un libro de colexiados e arquivo de ficheiro para cada un, e outro de rexistro de entrada e saída de documentos.

TÍTULO VI
Da aprobación ou modificación dos estatutos

Articulo 61. Competencia e procedemento

1. A aprobación ou modificación dos estatutos do Colexio é competencia da asemblea xeral extraordinaria, por proposta da Xunta de Goberno ou dun número de colexiados non inferior a dous terzos do censo electoral.

2. A convocatoria da asemblea xeral extraordinaria corresponderá á Xunta de Goberno, cunha antelación non inferior a trinta días naturais á súa celebración. Coa convocatoria farase pública a proposta de estatutos ou de modificación destes.

3. A asemblea xeral extraordinaria quedará validamente constituída en primeira convocatoria se concorre a metade máis un do censo colexial con dereito a voto. Se non se alcanza o dito quórum poderá constituírse en segunda convocatoria sen que sexa exixido quórum especial ningún. A asemblea xeral extraordinaria poderá desenvolverse nunha ou máis sesións para deliberación e noutra para votación.

4. Para a aprobación ou modificación de estatutos exixirase maioría de dous terzos dos presentes.

5. Unha vez aprobados os estatutos ou a súa modificación pola asemblea xeral extraordinaria, someteranse aos trámites legalmente exixidos para a súa entrada en vigor.

TÍTULO VII
Da fusión, segregación, disolución e liquidación do Colexio

Artigo 62. Da fusión e segregación

1. O acordo de fusión deberá adoptarse en asemblea xeral extraordinaria convocada para o efecto pola Xunta de Goberno ou por petición dun número de colexiados que represente, polo menos, a metade do censo colexial, e requirirá a maioría establecida no artigo 20 dos presentes estatutos.

2. A segregación co obxecto de constituír outro colexio será aprobada cos mesmos requisitos establecidos nos parágrafos anteriores.

3. Unha vez adoptados os ditos acordos, procederase á presentación de solicitude e posteriores trámites administrativos ante a consellería con competencia en materia de réxime xurídico de colexios profesionais segundo o disposto na normativa autonómica sobre colexios profesionais.

Artigo 63. Da disolución

1. O acordo de disolución do Colexio deberá adoptarse necesariamente en asemblea xeral extraordinaria, por proposta da Xunta de Goberno e coas maiorías previstas no artigo 20 dos presentes estatutos.

2. Posteriormente seguiranse os trámites establecidos na normativa autonómica.

Artigo 64. Liquidación e extinción

1. En caso de disolución do Colexio, a Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora, sometendo á Asemblea Xeral a proposta de destino dos bens sobrantes, unha vez satisfeitas as obrigacións pendentes. A liquidación deberase levar a efecto no prazo de seis meses, prorrogable, de ser o caso, por tres meses máis.

2. O Colexio conservará a súa personalidade xurídica e seguirá en funcionamento ata a execución do acordo de liquidación, momento en que quedará extinguido e perde a súa personalidade xurídica, de conformidade co disposto no artigo 1708 do Código civil.

Artigo 65. Revogación

En calquera momento, antes da repartición do haber social, poderá acordarse en asemblea xeral, convocada pola Xunta de Goberno de oficio, ou tras solicitude motivada de polo menos un trinta por cento de colexiados exercentes, revogar a decisión de disolución, mediante acordo que deberá adoptarse coas mesmas maiorías e cos mesmos requisitos que o de disolución.

TÍTULO VIII
Réxime disciplinario

CAPÍTULO I

Artigo 66. Principios disciplinarios básicos

1. Os axentes da propiedade inmobiliaria que infrinxan os seus deberes colexiais ou os regulados por estes estatutos serán sancionados disciplinariamente, con independencia de calquera outra responsabilidade civil, penal ou administrativa en que poidan incorrer.

2. Igualmente, as persoas que ocupen cargos directivos no Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Provincia da Coruña serán susceptibles de ser sancionados disciplinariamente.

3. O réxime disciplinario dos axentes da propiedade inmobiliaria colexiados rexerase polos principios de legalidade, tipicidade, contradición, non indefensión e presunción de inocencia.

Artigo 67. Exercicio da potestade disciplinaria

1. Non se poderán impor sancións disciplinarias senón en virtude de expediente instruído para o efecto, logo de audiencia do interesado.

2. O exercicio da potestade disciplinaria respecto dos colexiados corresponde á Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Provincia da Coruña.

3. O axuizamento e potestade disciplinaria, en relación cos membros da Xunta de Goberno do Colexio, corresponderalle ao Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Axentes da Propiedade Inmobiliaria de España mentres non se constitúa o Consello Galego de Colexios de Axentes da Propiedade Inmobiliaria.

4. O Colexio Oficial dará conta inmediata ao Consello Xeral de todas as sancións que impoñan que leven aparellada a suspensión no exercicio profesional, con remisión dun extracto do expediente. O Consello Xeral levará un rexistro de sancións de ámbito estatal no cal se recollerán todas as que impoñan os colexios oficiais.

Artigo 68. Competencias sancionadoras do Colexio Oficial

1. O Colexio sancionará disciplinariamente todas as accións e omisións dos colexiados que infrinxan os estatutos xerais e particulares, os regulamentos de réxime interior, as normas deontolóxicas ou calquera outra norma colexial.

2. Os axentes da propiedade inmobiliaria que exerzan a súa actividade principal no ámbito doutro colexio quedarán sometidos á potestade disciplinaria do Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña polas actuacións que realicen no seu ámbito territorial, o que se levará a efecto de acordo coa normativa de colexios profesionais existente.

CAPÍTULO II

Artigo 69. Clasificación das infraccións

As infraccións cometidas polos axentes da propiedade inmobiliaria colexiados clasificaranse en leves, graves e moi graves.

Artigo 70. Infraccións

1. Terá a consideración de infracción leve:

a) Non observar as normas establecidas para a boa orde e desenvolvemento do Colexio.

b) Toda demora ou neglixencia leve do colexiado no desempeño das súas actividades ou deberes profesionais.

c) O incumprimento de calquera deber como colexiado, sempre que non constitúa infracción grave ou moi grave.

d) Calquera outra cualificada como leve nos estatutos xerais da profesión vixentes en cada momento.

2. Terán a consideración de infraccións graves as seguintes:

a) O incumprimento das obrigacións que respecto dos colexiados se establecen na Lei 11/2001 do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e, de ser o caso, nos presentes estatutos.

b) O incumprimento dos deberes profesionais cando cause prexuízo a quen solicitase ou concertase a actuación profesional, ou resulte menoscabo na consideración pública da profesión.

c) O incumprimento dos acordos dos órganos colexiais e a desobediencia ás súas ordes ou mandatos.

d) O encubrimento de actos de intrusión profesional ou de actuacións profesionais que vulneren as normas deontolóxicas da profesión, que causen prexuízo ás persoas que solicitasen ou concertasen os seus servizos profesionais ou que incorren en competencia desleal.

e) A ofensa grave á dignidade doutros profesionais, das persoas que formen parte dos órganos de goberno do Colexio, así como das institucións con quen se relacionen como consecuencia do seu exercicio profesional.

f) A agresión física ou moral grave a outros colexiados, persoal do Colexio ou terceiros con ocasión do exercicio da profesión.

g) Os actos ilícitos que impidan ou alteren o normal funcionamento do Colexio ou dos seus órganos.

h) A comisión de, polo menos, cinco infraccións leves, no prazo de dous anos.

i) As condutas que comporten sanción administrativa en resolución firme por infracción de disposicións en materia tributaria ou outras previstas na lexislación especial que resulte aplicable ao sector inmobiliario, sempre que a dita infracción estea directamente relacionada co exercicio da súa profesión e non constitúan infraccións moi graves.

j) O incumprimento do deber de aseguramento, tanto por falta de contratación como por resolución da póliza de seguro voluntario por non pagamento das súas cotas.

k) O incumprimento das directrices requiridas pola Xunta de Goberno no exercicio de funcións periciais ou de taxación, ou a actuación pouco dilixente no cumprimento dos deberes impostos por leis rituais da Administración de xustiza, ou deberes formais e de fondo na emisión dos seus traballos periciais ou de taxación, cando conste formalmente no Colexio a queixa dos interesados ou dos propios xulgados ou tribunais.

l) Incumprir o deber de comunicación ao Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio de calquera modificación de socios e administradores, ou do contrato social das sociedades profesionais inscritas.

m) Calquera outra cualificada como grave nos estatutos xerais da profesión vixentes en cada momento.

3. Terán a consideración de infraccións moi graves as seguintes:

a) O incumprimento dos deberes profesionais cando resulte prexuízo grave para quen solicite ou concerte a actuación do colexiado.

b) A vulneración do segredo profesional.

c) O exercicio da profesión estando incurso en causa de inhabilitación profesional, en causa de incompatibilidade ou en prohibición de calquera tipo.

d) A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, con ocasión da actividade profesional.

e) A comisión de, polo menos, dúas infraccións graves no prazo de dous anos.

f) As condutas que comporten sanción administrativa en resolución firme por infracción grave de disposicións en materia tributaria ou outras previstas na lexislación especial que resulte aplicable ao sector inmobiliario, sempre que a dita infracción estea directamente relacionada co exercicio da súa profesión.

g) Violar o segredo da correspondencia ou o contido de documentos reservados á Xunta de Goberno.

h) Calquera outra cualificada como moi grave nos estatutos xerais da profesión vixentes en cada momento.

Artigo 71. Sancións

1. As sancións que poderán imporse pola comisión de infraccións leves serán as seguintes:

a) Amoestación privada.

b) Multa de 30 euros a 300 euros.

c) Calquera outra sanción que poida imporse pola comisión de infraccións leves nos estatutos xerais da profesión vixentes en cada momento.

2. As sancións que poderán imporse pola comisión de infraccións graves serán as seguintes:

a) Multa de 300,01 euros a 3.000 euros.

b) Suspensión na condición de colexiado por un período máximo de seis meses.

c) Calquera outra sanción que poida imporse pola comisión de infraccións graves nos estatutos xerais da profesión vixentes en cada momento.

3. As sancións que poderán imporse pola comisión de infraccións moi graves serán as seguintes:

a) Suspensión na condición de colexiado por un período superior a seis meses e inferior a dous anos, que levará aparellada a de inhabilitación para ocupar cargos directivos polo tempo que dure aquela.

b) Privación definitiva da condición de colexiado, con expulsión do Colexio.

c) Calquera outra sanción que poida imporse pola comisión de infraccións moi graves nos estatutos xerais da profesión vixentes en cada momento.

4. A sanción procedente en cada caso graduarase tendo en conta as circunstancias do feito e do infractor. A reiteración permitirá a imposición da sanción no seu límite máximo.

5. A sanción de inhabilitación ou suspensión da condición de colexiado impedirá o exercicio da profesión como axente da propiedade inmobiliaria durante o tempo da súa duración. O Colexio poderá adoptar as medidas oportunas para asegurar o cumprimento da sanción.

6. Os importes das multas previstos por este artigo revisaranse de conformidade co procedemento de modificación estatutaria.

Artigo 72. Prescrición de infraccións e sancións

1. As infraccións leves prescriben aos seis meses, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contar desde o día en que a infracción se cometeu. A prescrición das infraccións interromperase no momento en que, con coñecemento do interesado, se acorde a iniciación do procedemento sancionador, e o prazo volverá contar se o expediente sancionador permanecese paralizado durante máis de tres meses por causa non imputable ao colexiado suxeito ao procedemento.

3. As sancións impostas pola comisión de infraccións leves prescriben ao ano, pola comisión de infraccións graves aos dous anos e pola comisión de infraccións moi graves aos tres anos.

4. O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola cal se impón a sanción. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ao infractor.

Artigo 73. Extinción da responsabilidade disciplinaria

1. A responsabilidade disciplinaria extinguirase:

a) Por morte do colexiado ou declaración de falecemento.

b) Por cumprimento da sanción imposta.

c) Por prescrición da falta.

d) Por prescrición da sanción.

e) Por pagamento das cotas ou derramas non pagadas, nos supostos das infraccións referidas nas letras e) e f) do número 3 do artigo 41 do Real decreto 1294/2007, do 28 de setembro.

2. Se durante a tramitación do expediente sancionador se producise a morte ou declaración de falecemento do colexiado imputado, declararase o dito expediente extinguido e ordenarase o arquivamento das actuacións.

CAPÍTULO III

Artigo 74. Suspensión provisional

1. O axente da propiedade inmobiliaria colexiado poderá ser suspendido provisionalmente nos seus dereitos como colexiado se lle segue expediente disciplinario por posible comisión de infracción moi grave e tal medida a adoptou expresamente o órgano competente por proposta do instrutor.

2. A suspensión provisional na condición de colexiado non poderá durar máis de seis meses.

Artigo 75. Procedemento sancionador

1. O procedemento sancionador rexerase polos principios que inspiran a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, tendo presente o establecido na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O acordo de incoación do expediente deberá ser adoptado pola Xunta de Goberno, que poderá actuar de oficio ou por instancia de parte. O dito acordo fixará os feitos constitutivos dunha posible infracción, a cualificación provisional destes, a sanción impoñible e a designación do correspondente instrutor, que deberá ser un membro do órgano competente para resolver. O instrutor, que poderá estar asistido dun secretario, non poderá intervir na votación da proposta de resolución.

3. Instruído o procedemento e antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ao interesado, o cal nun prazo non inferior a 10 días nin superior a 15 poderá alegar e presentar os documentos e xustificacións que considere pertinentes. Poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polo interesado durante a instrución do expediente.

4. O prazo máximo en que deberá notificarse a resolución expresa non poderá exceder os seis meses, e entenderase suficiente a notificación que conteña o texto íntegro da resolución, así como o intento de notificación debidamente acreditado.

5. A Xunta de Goberno do Colexio actuará en materia disciplinaria cun mínimo de asistencia de dous terzos dos seus membros.

6. As multas que, como sancións disciplinarias, se impoñan aos colexiados expedientados, unha vez que sexan firmes, de finalizar coa imposición dunha sanción o expediente, así como os gastos que, de ser o caso, ocasionase a práctica de probas, de conformidade co previsto no artigo 81.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, deberán ser aboados por aqueles no prazo máximo de quince días desde a notificación da firmeza da sanción. Transcorrido o dito prazo sen verificarse o aboamento, a Xunta de Goberno executará as ditas cantidades con cargo á fianza que, de ser o caso, fose constituída.

7. Impagamento de cotas ou outras cargas económicas. O procedemento seguirá tamén as canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

CAPÍTULO IV

Artigo 76. Recursos

1. Contra os acordos de sanción da Xunta de Goberno pódese recorrer en alzada ante o Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Axentes da Propiedade Inmobiliaria de España mentres non se constitúa o Consello Galego de Colexios de Axentes da Propiedade Inmobiliaria no prazo dun mes desde o seu notificación aos interesados, de acordo co previsto no artigo 31 a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e artigo 36 do Real decreto 1294/2007, do 28 de setembro.

2. En caso de normas ou acordos de natureza deontolóxica, contenciosos electorais, admisión ou denegación de colexiacións e sancións que consistan en suspensión do exercicio profesional ou expulsión do colexio, poderá formar parte do expediente administrativo o informe do Consello Xeral, cando este non sexa o órgano competente para resolver, sempre que o solicite o órgano a quen corresponda tal competencia, para garantir en todo o territorio nacional unha uniformidade nas resolucións cuxo obxecto sexa a igualdade de trato dos profesionais colexiados e a igualdade de prestación do exercicio profesional fronte aos cidadáns en xeral.

Artigo 77. Execución

As resolucións que se diten nos expedientes sancionadores serán executivas cando poñan fin á vía administrativa, unha vez ditada resolución do recurso de alzada, se se interpuxese, ou transcorrido o prazo para a súa interposición se esta non se produciu.

TÍTULO IX
Do Rexistro Colexial de Sociedades Profesionais

Artigo 78. Creación do Rexistro de Sociedades Profesionais

1. Créase o Rexistro de Sociedades Profesionais coa finalidade de incorporar a el aquelas sociedades profesionais que, nos termos previstos na legalidade vixente sobre a materia, se constitúan para o exercicio en común da actividade profesional propia de axente da propiedade inmobiliaria.

2. A inscrición no Rexistro de Sociedades do Colexio é obrigatoria para todas as sociedades profesionais domiciliadas no ámbito territorial do Colexio e require a inscrición previa no Rexistro Mercantil.

Artigo 79. Da constitución de sociedades e da inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais

1. Os colexiados que realicen o exercicio en común da actividade profesional de mediación inmobiliaria coa denominación profesional de axente da propiedade inmobiliaria na provincia da Coruña, en calquera das súas modalidades e especializacións legalmente establecidas, para a que están facultados en virtude da súa titulación, e nos termos establecidos pola legalidade vixente na materia e nos presentes estatutos, poderán constituír para o desenvolvemento da actividade unha sociedade profesional que, se ten o seu domicilio no ámbito territorial do Colexio, deberá, en todo caso, estar debidamente formalizada en escritura pública e inscrita no Rexistro Mercantil e no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio.

2. Para a práctica da inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio será necesario achegar copia autorizada da escritura debidamente inscrita no Rexistro Mercantil e acreditar a contratación dun seguro que cubra a responsabilidade da sociedade profesional no exercicio da actividade ou actividades que constitúan o seu obxecto social, tal e como exixe o artigo.11.3 da Lei 2/2007, do 15 de marzo.

3. A inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio conterá os aspectos seguintes:

a) Denominación ou razón social e domicilio da sociedade.

b) Data e recensión identificativa da escritura pública de constitución e notario autorizante, e duración da sociedade, se se constituíu por tempo determinado.

c) A actividade ou actividades profesionais que constitúan o obxecto social.

d) Identificación dos socios profesionais e non profesionais e, en relación con aqueles, número de colexiado e colexio profesional de pertenza.

e) Identificación das persoas que se encarguen da administración e representación, con expresión da condición de socio profesional ou non de cada unha delas.

4. Serán, así mesmo, inscritos no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio os cambios de socios e administradores ou calquera modificación do contrato social das sociedades profesionais inscritas que puidesen producirse, logo de modificación, de ser o caso, da escritura pública e inscrición no rexistro mercantil correspondente.

5. O Colexio remitirá, coa periodicidade que legalmente se determine, ao Ministerio de Xustiza, á consellería competente en materia de colexios profesionais, ao Consello Galego de Colexios Oficiais de Axentes da Propiedade Inmobiliaria, cando se constitúa, e ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Axentes da Propiedade Inmobiliaria, a información correspondente ás inscricións practicadas no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio.

TÍTULO X
Tribunal de Arbitraxe

Artigo. 80. Competencia e composición do Tribunal de Arbitraxe

1. O Tribunal de Arbitraxe é o órgano competente para dirimir de forma vinculante os conflitos entre aqueles colexiados que se sometan voluntariamente á súa xurisdición. O seu funcionamento adecuarase ao disposto na normativa de desenvolvemento que aprobe a Xunta de Goberno e, na súa falta, ao establecido pola lexislación xeral de arbitraxe.

2. O Tribunal de Arbitraxe estará composto por un presidente e dous vogais, asistidos por un secretario.

3. A Xunta de Goberno designará de entre os seus vogais, para cada caso, o presidente do Tribunal de Arbitraxe. Este nomeamento non poderá recaer en quen ostente a presidencia dunha comisión delegada a que afecte o asunto sometido ao Tribunal.

4. Os vogais do Tribunal de Arbitraxe serán designados pola Xunta de Goberno de entre os colexiados que se ofreceron para ese efecto.

Disposicións adicionais. Réxime de emblemas, honores e distincións

Primeira

Son emblemas privativos dos axentes da propiedade inmobiliaria colexiados e dos seus colexios oficiais:

1. O escudo oficial coas adaptacións legais vixentes destinadas a adecuarse á orde constitucional, aprobado pola Orde do ministro da Vivenda do 16 de decembro de 1958.

2. O logotipo profesional será o formado polo acrónimo API, en cor azul, precedido por catro barras vermellas inclinadas á dereita sobre a letra «A».

Segunda

1. O uso de distincións corporativas polos membros das xuntas de goberno dos colexios e do Consello Reitor axustarase, coas adaptacións legais vixentes destinadas a adecuarse á orde constitucional, ao establecido na Orde do ministro da Vivenda do 16 de decembro de 1958, pola que se regula a identificación dos axentes da propiedade inmobiliaria, sen prexuízo dos acordos que poidan adoptar os respectivos colexios, os consellos autonómicos ou o Pleno do Consello Xeral no ámbito das distincións corporativas e da súa creación, outorgamento e uso.

2. A Xunta de Goberno do Colexio poderá acordar, con relación a persoas ou institucións determinadas cando o beneficio que proporcionen á profesión ou á sociedade en xeral queira ser recoñecido coas distincións e títulos que se determinen, a institucionalización da distinción creada nun suposto determinado.

Disposición transitoria

Os procedementos que estean en tramitación no momento da entrada en vigor dos presentes estatutos continuarán esta conforme o procedemento aplicable no tempo da súa iniciación.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados, en todo o seu contido, cantos acordos de réxime interior e disposicións de rango inferior se opoñan ao presente estatuto, así como calquera outra norma que se opoña ás súas disposicións.

Disposición derradeira primeira. Réxime supletorio administrativo

Nos termos establecidos na Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia e nos estatutos xerais de colexios de axentes da propiedade inmobiliaria e do seu Consello Xeral, a lexislación de réxime xurídico e do procedemento administrativo común será de aplicación supletoria respecto das actuacións corporativas que revistan natureza administrativa.

Disposición derradeira segunda. Réxime supletorio electoral

A lexislación orgánica de réxime electoral xeral será de aplicación supletoria respecto do procedemento electoral regulado nestes estatutos na medida en que os seus preceptos correspondan aos principios xerais da regulación dos estatutos xerais dos axentes da propiedade inmobiliaria e dos presentes estatutos.

Disposición derradeira terceira. Habilitación regulamentaria

Habilítase a Xunta de Goberno para o desenvolvemento e aplicación dos presentes estatutos a través dos correspondentes regulamentos de réxime interior.