Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 26 de setembro de 2014 Páx. 42367

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 11 de setembro de 2014 pola que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade da Coruña.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, considera os consellos sociais como órganos de participación da sociedade galega nas universidades que impulsan a colaboración entre estas e aquela mediante a satisfacción polas universidades das necesidades do seu ámbito, contribuíndo eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia e á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria.

O artigo 75.1.a) da mencionada Lei 6/2013, en consonancia co establecido no artigo 85 da mesma lei, establece que o Consello Social é competente para elaborar o regulamento de organización e funcionamento interno, así como as súas modificacións, e elevalo á consellería competente en materia de universidades para a súa aprobación e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na disposición transitoria sétima da mencionada lei determina que os consellos sociais das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia adaptarán e elevarán á consideración e aprobación da consellería competente en materia de universidades, no prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, o seu regulamento de organización e funcionamento interno.

O Consello Social da Universidade da Coruña presentou ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a proposta do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social, aprobada polo pleno do Consello Social na súa sesión do 24 de xullo de 2014, unha vez obtido o informe de legalidade da Asesoría Xurídica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Na súa virtude, de acordo co disposto no citado artigo 75.1.a) e no artigo 85 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, e elevada a consideración e aprobación desta consellería de acordo coa disposición transitoria sétima, e cumpridos todos os trámites preceptivos,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade da Coruña coa redacción que figura no anexo desta orde.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade da Coruña, aprobado por Resolución do 11 de novembro de 2005 e publicado no Diario Oficial de Galicia do 30 de novembro.

Disposición derradeira única

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social
da Universidade da Coruña

Capítulo I
Natureza e funcións do Consello Social

Artigo 1. Natureza do Consello Social

1. O Consello Social da Universidade da Coruña é o órgano de participación da sociedade galega na universidade e impulsa a colaboración entre esta e aquela mediante a satisfacción pola universidade das necesidades do seu ámbito, contribuíndo eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico, científico e cultural en Galicia.

2. Corresponde ao Consello Social a supervisión das actividades de carácter económico da universidade e do rendemento dos seus servizos e promover o logro da excelencia na docencia e na investigación universitarias e na súa transferencia á sociedade.

3. O Consello Social da Universidade da Coruña configúrase, segundo o disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 2. Funcións do Consello Social

1. No exercicio das súas funcións, o Consello Social fomentará a mellora da calidade do servizo público de educación superior universitaria e a interrelación da universidade coa sociedade, impulsando a obtención por aquela dos recursos necesarios para procurar a súa suficiencia económica e financeira, de maneira que poida contribuír eficazmente ao desenvolvemento económico, social e cultural do seu ámbito.

2. As relacións entre o Consello Social e os demais órganos colexiados e unipersoais da universidade rexeranse, no exercicio das súas respectivas atribucións, polos principios de coordinación, colaboración e lealdade á institución universitaria. Para o mellor desenvolvemento das súas funcións, o Consello Social poderá promover acordos cos consellos sociais das universidades do Sistema universitario de Galicia ou doutras comunidades autónomas.

Artigo 3. Competencias de proposta, designación e aprobación

1. No ámbito da súa propia organización e funcionamento, corresponden ao Consello Social as seguintes competencias:

a) Elaborar o seu regulamento de organización e funcionamento, así como as súas modificacións, e elevalo á consellería competente en materia de universidades da Xunta de Galicia para a súa aprobación.

b) Propoñer o cesamento dalgún dos seus membros á autoridade, entidade ou institución que o designase, logo de declaración da súa situación de incompatibilidade ou incumprimento grave ou reiterado das súas obrigas.

c) Aprobar o seu código interno de conduta, así como aqueloutros documentos internos que orienten as súas pautas xerais de actuación e prevexan, no exercicio das súas competencias, compromisos de bo goberno e boa administración.

d) Acordar a constitución de comisións temporais.

e) Designar, de entre os membros pertencentes á representación social, os seus representantes nas entidades e nas institucións que corresponda. Corresponderalle designar, en particular, os membros que o representen no Consello de Goberno da universidade, de conformidade co previsto na Lei orgánica 6/2011, do 21 de decembro, de universidades.

2. No ámbito das relacións entre a universidade e a sociedade, corresponden ao Consello Social as seguintes competencias:

a) Aprobar un plan anual de actuacións destinado a promover as relacións entre a universidade e o seu ámbito cultural, profesional, económico e social.

b) Aprobar, con carácter anual, unha memoria das súas actividades, que remitirá ao Parlamento de Galicia e á consellería competente en materia de universidades.

3. No ámbito económico, financeiro e patrimonial, corresponden ao Consello Social as seguintes competencias:

a) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a programación plurianual da universidade, así como realizar o seu seguimento. Para tal efecto, a Reitoría informará o Consello Social sobre o seu grao de realización con periodicidade semestral.

b) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, o orzamento da universidade e coñecer as contas das entidades públicas ou privadas dependentes dela.

c) Aprobar, con carácter previo á súa rendición ante o órgano de fiscalización da Comunidade Autónoma, as contas anuais da universidade e das entidades dependentes dela, calquera que for a forma xurídica que adoptaren, podendo acordar de xeito motivado a realización de auditorías externas.

d) Proceder, en caso de liquidación do orzamento con remanente de tesouraría negativo, a reducir o gasto no novo orzamento por contía igual ao déficit producido, nos termos establecidos pola lexislación estatal vixente.

e) Fixar os prezos das ensinanzas propias, dos cursos de especialización e das demais actividades autorizadas pola universidade.

f) Aprobar as propostas de operacións de endebedamento da universidade, con carácter previo á súa remisión á Xunta de Galicia para a súa autorización.

g) Acordar, por proposta do Consello de Goberno da universidade, a asignación singular e individual dos complementos retributivos adicionais que puideren corresponder aos membros do persoal docente e investigador da universidade, por concorreren méritos docentes, investigadores e de xestión. Esta asignación deberá efectuarse dentro dos límites fixados pola Xunta de Galicia, logo de seren valorados os méritos pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

O Consello Social poderá solicitar un informe aos centros a que pertenza ou está adscrito o profesorado afectado por tales acordos, co fin de motivar a súa decisión.

h) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, os regulamentos internos que regulan a xestión contractual e patrimonial da universidade.

i) Aprobar, con carácter previo á súa realización, os actos de disposición sobre bens inmobles e mobles de extraordinario valor da universidade e a desafectación dos seus bens de dominio público. Para tal efecto, o Consello Social recibirá necesariamente, antes do final do primeiro trimestre de cada ano, unha copia do inventario dos bens que integran o patrimonio da universidade actualizado con data do 31 de decembro do ano anterior. No inventario deberá constar o valor dos bens incluídos neste e detallaranse aqueles bens que se consideren de extraordinario valor.

j) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a aceptación pola universidade de herdanzas, doazóns ou legados.

k) Aprobar a creación, modificación substancial ou extinción das sociedades, fundacións ou outras entidades en cuxo capital ou fondo patrimonial participe a universidade, calquera que for a forma xurídica que adopten, así como a súa integración nestas.

4. No ámbito da supervisión de actividades universitarias, corresponden ao Consello Social as seguintes competencias:

a) Acordar co reitor ou reitora, nos termos que están previstos na Lei orgánica 6/2011, do 21 de decembro, de universidades, o nomeamento ou cesamento do xerente da universidade.

b) Aprobar as normas que regulen o progreso e permanencia na universidade das estudantes e dos estudantes de acordo coas características dos respectivos estudos.

Artigo 4. Competencias de supervisión e informe

1. No ámbito da súa propia organización e funcionamento, corresponde ao Consello Social a competencia de informar a Xunta de Galicia sobre o réxime de retribucións ou indemnizacións dos seus membros, conforme o disposto na normativa vixente.

2. No ámbito económico, financeiro e patrimonial, corresponden ao Consello Social as seguintes competencias:

a) Supervisar as actividades de carácter económico da universidade.

b) Ser informado trimestralmente do estado de execución do orzamento. Este informe presentarao a Xerencia da universidade ou a persoa en quen delegue ou, se é o caso, a Vicerreitoría competente.

c) Informar en materia de prezos públicos dos estudos universitarios oficiais, dentro dos límites que estableza a Conferencia Xeral de Política Universitaria.

d) Informar sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos da universidade, así como das súas modificacións.

e) Informar, con carácter previo á súa formalización, sobre os convenios colectivos do persoal contratado.

f) Ser informado dos contratos ou convenios en que a universidade sexa parte e daqueloutros que se subscriban ao abeiro do artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

g) Informar sobre a creación ou adscrición de colexios maiores e residencias universitarias.

h) Velar para que, con carácter previo á aprobación das contas anuais da universidade, se faga a auditoría correspondente, sen prexuízo das competencias da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

3. No ámbito da supervisión de actividades universitarias, corresponden ao Consello Social as seguintes competencias:

a) Supervisar o rendemento e calidade dos servizos universitarios, formulando, se é o caso, suxestións e propostas ao Consello de Goberno da universidade orientadas a promover a excelencia do ensino, da investigación, da xestión e dos servizos.

b) Solicitar, se é o caso, e unha vez oído o Consello de Goberno, a realización de inspeccións e informes por parte das administracións públicas sobre os servizos que presta a universidade, especialmente sobre os de ensino, investigación, xestión e servizos.

c) Supervisar o cumprimento dos principios de publicidade, mérito e capacidade na política de bolsas, axudas, exencións e créditos ao estudo e á investigación que outorgue a universidade con cargo aos seus orzamentos ordinarios.

d) Informar, con carácter previo á súa proposta á Xunta de Galicia, sobre os acordos do Consello de Goberno relativos á implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, así como á creación, modificación e supresión de centros, institutos universitarios de investigación ou entidades similares, calquera que for a súa denominación.

e) Informar, con carácter previo á proposta que se remita á Xunta de Galicia, sobre os acordos do Consello de Goberno relativos á adscrición ou desadscrición á universidade de centros docentes, de titularidade pública ou privada, para impartir, mediante a aprobación do convenio correspondente, ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. Así mesmo, informará, nos mesmos termos, da adscrición ou desadscrición de institutos ou centros universitarios de investigación de carácter público ou privado.

f) Propoñer a creación e supresión de centros dependentes da universidade sitos no estranxeiro que impartan ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

Artigo 5. Competencias de promoción e impulso

Corresponden ao Consello Social as seguintes competencias de promoción e impulso:

a) Promover o coñecemento mutuo entre a universidade e a sociedade favorecendo e organizando eventos que difundan o labor universitario.

b) Fomentar a colaboración da sociedade no financiamento do ensino e da investigación na universidade, contribuíndo á captación de recursos económicos externos e ao mecenado da universidade por parte de persoas físicas e entidades.

c) Realizar, por si ou mediante terceiros, estudos sobre materias da súa competencia e, en particular, sobre a adecuación da oferta de titulacións e do contido dos plans de estudo da universidade ás necesidades sociais, sobre o rendemento académico do alumnado e a inserción laboral das persoas tituladas universitarias, sobre a investigación desenvolvida na universidade e a transferencia á sociedade dos resultados desta e sobre calquera outra cuestión proposta pola consellería competente en materia de universidades, de acordo coas funcións propias deste órgano.

d) Impulsar aquelas actuacións que permitan un maior achegamento do estudantado universitario ás demandas do mercado laboral e, en especial, a sinatura de convenios entre a universidade e outras entidades, públicas e privadas, orientadas a completar a formación do alumnado e das persoas tituladas da universidade e a facilitar a súa vinculación co mundo empresarial.

e) Estimular a actividade investigadora da universidade, especialmente no relativo á súa vinculación cos sectores produtivos, apoiando os proxectos de I+D+i compartidos entre universidade, empresas e tecido social, así como as políticas de transferencia e difusión dos resultados obtidos nas investigacións universitarias.

f) Fomentar o emprendemento no ámbito da comunidade universitaria a través de iniciativas e accións de colaboración entre a universidade e as empresas.

g) Promover a implantación da responsabilidade social na universidade, en canto ferramenta clave para fortalecer o compromiso da universidade coa sociedade e co seu ámbito económico e social.

h) Favorecer as actividades orientadas a completar a formación científica, cultural e humanística do alumnado e das persoas tituladas da universidade.

i) Outorgar, se é o caso, axudas, premios, distincións e recoñecementos no ámbito das súas funcións.

Artigo 6. Outras funcións

O Consello Social desenvolverá, ademais, aquelas funcións que, de acordo coa súa natureza, lle foren atribuídas polos estatutos ou por outra normativa interna da universidade e polo resto da normativa vixente.

Artigo 7. Relacións de cooperación

1. No exercicio das súas funcións, o Consello Social, a través do presidente ou presidenta, poderá solicitar a colaboración de persoas físicas e xurídicas, pertencentes ou non ao ámbito universitario, así como solicitar información a todos os órganos da universidade, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación.

2. No ámbito das súas competencias, o Consello Social poderá manter relacións de colaboración con outras institucións e con organismos estatais ou estranxeiros.

3. Así mesmo, poderá establecer canles de colaboración e encontro cos demais consellos sociais do Sistema universitario de Galicia para buscaren posturas e estratexias conxuntas coa finalidade de que as universidades, anualmente, poidan colaborar e adoptar solucións coordinadas, entre outros, nos temas seguintes:

a) Réxime de permanencia do alumnado.

b) Mobilidade do persoal docente, alumnado e persoal de administración e servizos.

c) Bolsas e axudas ao estudo.

d) Outros temas que sexan competencia dos consellos sociais.

CAPÍTULO II
Membros do Consello Social

Artigo 8. Composición do Consello Social, duración do mandato dos seus membros e réxime de nomeamento, incompatibilidades, cesamento e substitución

A composición do Consello Social, a duración do mandato, así como o réxime de nomeamento, de incompatibilidades, de cesamento e substitución dos seus membros será o establecido no capítulo II do título IV da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 9. Dereitos e deberes dos membros do Consello Social

1. Os membros do Consello Social desenvolverán as súas funcións velando polos intereses xerais da institución universitaria. Desempeñarán os seus cargos persoalmente, sen prexuízo do previsto no artigo 10 deste regulamento.

2. No exercicio das súas funcións, os membros do Consello Social terán os dereitos e deberes recoñecidos pola normativa sobre órganos colexiados, pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e por este regulamento.

3. Son dereitos dos membros do Consello Social:

a) Recibir a convocatoria cunha anticipación suficiente, adecuada á natureza e características dos asuntos que se vaian tratar, que inclúa a orde do día e a información necesaria para a preparación das sesións.

b) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.

c) Percibir as indemnizacións por razón de servizo que lles poidan corresponder segundo o previsto na normativa vixente.

4. Son deberes dos membros do Consello Social:

a) Asistir ás sesións dos órganos colexiados do Consello Social. A falta de asistencia en máis de tres ocasións seguidas a estas sesións sen xusta causa debidamente acreditada considerarase incumprimento grave.

b) Colaborar no desenvolvemento das tarefas en que lles corresponda participar por razón do seu cargo.

c) Dar a coñecer ao Consello Social calquera información que poida resultar de interese para o exercicio das súas funcións.

d) Gardar segredo sobre as deliberacións internas, así como sobre as materias e actuacións que expresamente se declaren reservadas.

e) Cumprir en todo momento a normativa en materia de incompatibilidades.

f) Observar un comportamento respectuoso durante as reunións dos órganos colexiados, evitando alterar o seu desenvolvemento normal.

g) Absterse de condutas ou comportamentos que puideren menoscabar o prestixio do labor desenvolvido polo Consello Social.

Artigo 10. Delegación de voto

1. As persoas que ocupen as vogalías do Consello Social desempeñarán os seus cargos persoalmente. Malia o anterior, poderán delegar o seu voto noutro membro do Consello Social para unha reunión concreta.

2. A delegación deberá formalizarse por escrito, que deberá designar nominativamente o membro en quen se delegue o voto. O escrito deberá conter, expresamente, a instrución concreta de voto para cada un dos puntos da orde do día. En caso de que non se indique instrución sobre algún punto, entenderase que a persoa delegante opta pola abstención.

3. O escrito de delegación deberá notificarse á Secretaría do Consello Social cunha anticipación mínima de vinte e catro horas á realización da reunión, agás en casos de urxencia motivada.

Artigo 11. Proposta de remoción de membros

1. O incumprimento grave ou reiterado por parte dun vogal do Consello Social dos deberes establecidos neste regulamento determinará a adopción polo Pleno dunha proposta de remoción do vogal que incumprise os devanditos deberes. A proposta presentarase ante a institución, entidade ou organismo que efectuase a súa designación ou, de ser o caso, elección.

2. O procedemento iniciarase por acordo da Comisión Executiva. No devandito acordo especificarase a causa ou causas concretas que determinen o incumprimento dos deberes que corresponden aos membros do Consello Social. Outorgarase un trámite de audiencia ao interesado co fin de que poida formular as alegacións e achegar as probas que considere oportunas.

3. Tras recibir as alegacións a que se refire a alínea anterior, ou transcorrer o termo da audiencia sen que as devanditas alegacións se presentasen, a Comisión Executiva elevará as actuacións ao Pleno co fin de que adopte o acordo que proceda. O acordo incluirá unha proposta razoada de cesamento dirixida á autoridade, entidade ou institución que designase o membro do Consello Social ou ordenará, se é o caso, o arquivamento do procedemento.

CAPÍTULO III
Organización do Consello Social

Artigo 12. Órganos do Consello Social

O Consello Social estruturarase en órganos colexiados e órganos unipersoais.

a) Son órganos colexiados:

– O Pleno.

– A Comisión Executiva.

– A Comisión Permanente de Asuntos Económicos, Financeiros e Patrimoniais.

– A Comisión Permanente de Supervisión das Actividades Universitarias e Calidade dos Servizos.

– As comisións temporais que se determinen constituír.

b) Son órganos unipersoais:

– A Presidencia.

– A Vicepresidencia, se é o caso, ou vicepresidencias, se houber máis dunha.

– A Secretaría.

Artigo 13. O Pleno do Consello Social

1. O Pleno, integrado por todos os membros do Consello Social, é o máximo órgano de goberno e de deliberación.

2. Correspóndenlle as competencias que a lexislación vixente e este regulamento atribúen ao Consello Social, sen prexuízo das delegacións que poida conferir nalgún dos seus órganos e do disposto neste regulamento para as comisións.

3. Son indelegables as competencias sinaladas nos artigos 3.1. a), 3.1.b), 3.1.d), 3.2.b), 3.3.a), 3.3.b), 3.3.c), 3.3.d), 3.3.f), 3.3.h), 3.3.i), 4.3.e) e 4.3.f).

Artigo 14. A Comisión Executiva

1. De conformidade co previsto no artigo 83.2 da Lei 6/2013, do Sistema universitario de Galicia, corresponde á Comisión Executiva a dirección ordinaria do Consello Social e, no exercicio desta competencia e con observancia do previsto neste regulamento, en especial no que se refire ás competencias indelegables do Pleno, poderá adoptar os acordos que requira a xestión ordinaria da actividade do Consello Social. Coñecerá, ademais, aqueles asuntos ou materias que foren obxecto de delegación expresa por parte do Pleno do Consello Social.

2. O Pleno será informado de todas as decisións adoptadas pola Comisión Executiva e poderá avocar para si o coñecemento de calquera asunto que estea sendo examinado por esta comisión.

3. A Comisión Executiva estará integrada polos seguintes membros:

– O presidente ou presidenta do Consello Social, que a preside ou, pola súa delegación, un vicepresidente.

– O reitor ou reitora da universidade.

– O secretario ou secretaria xeral da universidade.

– Oito vogais elixidos polo Pleno, por instancia do presidente ou presidenta, de entre os representantes dos intereses sociais no Consello Social.

– Un vogal elixido polo Pleno, por instancia do presidente ou presidenta, de entre os representantes do Consello de Goberno no Consello Social, por acordo destes ou, de non existir, por proposta do presidente ou presidenta.

– O secretario ou secretaria do Consello Social, que actuará como secretario desta. Se o secretario ou secretaria non for membro do Consello Social actuará con voz pero sen voto.

Artigo 15. Comisións permanentes e temporais

1. Comisión Permanente de Asuntos Económicos, Financeiros e Patrimoniais.

a) Corresponde á Comisión Permanente de Asuntos Económicos, Financeiros e Patrimoniais a función de estudar, deliberar e realizar propostas ao Pleno ou á Comisión Executiva relativas ás materias de carácter económico, financeiro e patrimonial previstas nos artigos 3.3 e 4.2 deste regulamento. Esta comisión coñecerá, ademais, sobre todos aqueles asuntos que lle sexan encomendados polo Pleno.

b) A Comisión Permanente de Asuntos Económicos, Financeiros e Patrimoniais estará integrada polos seguintes membros:

– O presidente ou presidenta do Consello Social, que a preside ou, pola súa delegación, un vicepresidente.

– O xerente da universidade.

– Seis vogais elixidos polo Pleno, por instancia do presidente ou presidenta, de entre os representantes dos intereses sociais no Consello Social.

– O ou a representante do persoal de administración e servizos no Consello Social.

– Un vogal elixido polo Pleno, por instancia do presidente ou presidenta, de entre os restantes representantes do Consello de Goberno no Consello Social, por acordo destes ou, de non existir, por proposta do presidente ou presidenta.

– O secretario ou secretaria do Consello Social, que actuará como secretario da Comisión. Se o secretario ou secretaria non for membro do Consello Social, actuará con voz pero sen voto.

2. Comisión Permanente de Supervisión das Actividades Universitarias e Calidade dos Servizos.

a) Corresponde á Comisión Permanente de Supervisión das Actividades Universitarias e Calidade dos Servizos a función de estudar, deliberar e realizar propostas ao Pleno ou á Comisión Executiva sobre materias relativas á supervisión das actividades universitarias previstas nos artigos 3.2, 3.4.b), 4.3 e 5 deste regulamento. Esta comisión tamén coñecerá todos aqueles asuntos que lle foren encomendados polo Pleno.

b) A Comisión Permanente de Supervisión das Actividades Universitarias e Calidade dos Servizos estará integrada polos seguintes membros:

– O presidente ou presidenta do Consello Social, que a preside ou, pola súa delegación, un vicepresidente.

– A persoa titular da Secretaría Xeral da universidade.

– Seis vogais elixidos polo Pleno, por instancia do presidente ou presidenta, de entre os representantes dos intereses sociais no Consello Social.

– O representante ou a representante do colectivo de estudantes que forma parte do Consello Social.

– Un vogal elixido polo Pleno, por instancia do presidente ou presidenta, de entre os restantes representantes do Consello de Goberno no Consello Social, por acordo destes ou, de non existir, por proposta do presidente ou presidenta.

– O secretario ou secretaria do Consello Social que actuará como secretario da comisión. Se o secretario ou secretaria non for membro do Consello Social, actuará con voz pero sen voto.

3. Comisións temporais.

a) O Pleno poderá constituír comisións de carácter temporal para estudar, deliberar e facer propostas ao Pleno ou á Comisión Executiva sobre materias cuxo coñecemento non corresponda ás comisións permanentes previstas neste regulamento.

b) As comisións temporais estarán integradas polos seguintes membros:

– O presidente ou presidenta do Consello Social, que as preside ou, pola súa delegación, un vicepresidente.

– Seis vogais elixidos polo Pleno, por instancia do presidente ou presidenta, de entre os representantes dos intereses sociais no Consello Social.

– Dous vogais elixidos polo Pleno, por proposta do presidente ou presidenta, de entre os membros natos do Consello Social, ou de entre os representantes do Consello de Goberno no Consello Social, por acordo deles ou, de non existir, por proposta do presidente ou presidenta.

– O secretario ou secretaria do Consello Social, que actuará como secretario da comisión. Se o secretario ou secretaria non for membro do Consello Social, actuará con voz pero sen voto.

c) Estas comisións disolveranse unha vez que finalice a encomenda que motivou a súa creación ou cando a persoa titular da Presidencia o considere oportuno.

4. Todas as comisións mencionadas nos números 1, 2, e 3 deste artigo gozarán de capacidade decisoria naqueles asuntos de que coñezan por delegación do Pleno.

5. O Pleno será informado de todas as decisións que se adopten en calquera das citadas comisións.

6. O Pleno poderá, en todo momento, avocar para si ou para a Comisión Executiva o coñecemento de calquera asunto que se estea a examinar en calquera das comisións permanentes ou temporais do Consello Social.

7. As comisións determinarán as súas normas de funcionamento interno, que deberán axustarse no posible ás establecidas con carácter xeral para o Pleno.

Artigo 16. A Presidencia do Consello Social

1. De conformidade co previsto no artigo 83.1 da Lei 6/2013, do Sistema universitario de Galicia, o presidente ou presidenta do Consello Social será designado ou designada pola Presidencia da Xunta de Galicia, entre personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral e social non pertencentes á comunidade universitaria, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de universidades, logo de escoitar o reitor ou reitora da universidade.

2. Exerce no Pleno e en todas as comisións as competencias propias da presidencia dun órgano colexiado, con voto de calidade en caso de empate, e as que lle outorguen a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, este regulamento e a normativa vixente. Exercerá, en particular, as seguintes funcións:

a) Exercer a representación do órgano.

b) Garantir o cumprimento das funcións e das competencias do Consello Social.

c) Acordar a convocatoria e fixar a orde do día das sesións do Pleno e das comisións.

d) Presidir as reunións do Pleno, da Comisión Executiva e das comisións permanentes e temporais, sen prexuízo do previsto no artigo seguinte, moderar os seus debates e ordenar as intervencións, concedendo, denegando e mesmo retirando o uso da palabra cando proceda chamar á cuestión e á orde e suspender as sesións por causas xustificadas.

e) Coordinar a actividade dos vogais e dos distintos órganos do Consello Social.

f) Velar polo cumprimento dos acordos que adopte o Consello Social.

g) Designar e remover a persoa titular da Secretaría do Consello Social.

h) Presentar mocións, dentro do ámbito das funcións do Consello Social, para seren debatidas no seu seo.

i) Invitar o Pleno ou as comisións, con voz pero sen voto, membros da comunidade universitaria ou outras persoas expertas de acordo coa natureza dos asuntos que se traten.

j) Solicitar ás autoridades académicas, ás administracións públicas ou a calquera outra entidade pública ou privada, os informes, estudos e ditames que se consideren oportunos para o bo funcionamento do Consello Social.

k) Dirixir o funcionamento dos servizos do Consello Social e a execución do seu orzamento.

l) Exercer cantas outras funcións resulten precisas para o bo funcionamento do Consello Social.

Artigo 17. A Vicepresidencia do Consello Social

1. O presidente ou presidenta do Consello Social poderá designar un ou máis vicepresidentes ou vicepresidentas, sinalando neste caso a súa orde de prelación, entre os vogais representantes dos intereses sociais, os que substituirán o presidente ou presidenta cando así o dispoña e en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal.

2. A persoa titular da Vicepresidencia asumirá, ademais, as funcións que a persoa titular da Presidencia poida delegar nela e incluirá, se é o caso, a Presidencia das sesións da Comisión Executiva e das comisións permanentes e temporais.

3. De non haber vicepresidencias, a persoa titular da Presidencia do Consello Social será suplida polo vogal representante dos intereses sociais de maior antigüidade no órgano. De existiren dous ou máis representantes dos intereses sociais coa mesma antigüidade, o presidente ou presidenta será suplido polo de maior idade.

Artigo 18. A Secretaría do Consello Social

1. A persoa titular da Secretaría do Consello Social será designada e cesada por decisión do presidente ou presidenta do Consello Social. Se a designación recaer nunha persoa que non for membro do Consello Social, actuará con voz pero sen voto.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa titular da Secretaría será substituída polo vogal que designar o presidente ou presidenta do Consello Social.

3. O secretario ou secretaria exerce no Pleno e nas comisións as competencias propias da secretaría dun órgano colexiado, así como aqueloutras que lle encomenda a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, este regulamento e a restante normativa vixente. Exercerá, en particular, as seguintes funcións:

a) Dirixir e organizar os servizos administrativos propios do Consello Social, sen prexuízo da superior autoridade da persoa titular da Presidencia.

b) Preparar as reunións do Pleno e das comisións e tramitar as convocatorias e notificacións.

c) Asistir ás sesións do Pleno e das comisións do Consello Social e redactar as actas correspondentes, dar fe dos seus acordos, custodiar os libros de actas das sesións e expedir, co visto e prace da persoa titular da Presidencia, as certificacións dos seus acordos, así como a súa notificación.

d) Dirixir o rexistro do Consello Social e custodiar os expedientes e arquivos.

e) Executar o orzamento do Consello Social baixo a dirección da persoa titular da Presidencia.

f) Preparar o proxecto da memoria de actividades do Consello Social para a súa aprobación polo Pleno e remisión posterior ao Parlamento de Galicia e á consellería competente en materia universitaria.

g) Comunicar á persoa titular da Reitoría da universidade os acordos adoptados polo Consello Social para a súa execución.

h) Calquera outra función que lle for encomendada pola persoa titular da Presidencia do Consello Social para o funcionamento adecuado deste órgano.

CAPÍTULO IV
Funcionamento do Consello Social

Artigo 19. Funcionamento do Consello Social

1. O Consello Social funciona en Pleno e en comisións.

2. O Pleno exerce todas as competencias que ten recoñecidas o Consello Social, sen prexuízo do previsto neste regulamento para as comisións.

3. As comisións exercerán as funcións previstas neste regulamento.

Artigo 20. Sesións do Consello Social

1. As sesións do Pleno e das comisións poderán ser ordinarias e extraordinarias.

2. O Pleno reunirase en sesión ordinaria, para o despacho de asuntos da súa competencia, un mínimo de catro veces ao ano, unha vez por trimestre. As comisións reuniranse sempre que as convoque a persoa titular da Presidencia.

3. Procederá, en todo caso, a convocatoria de sesión extraordinaria do Pleno, en asuntos da súa competencia, só para tratar un ou varios asuntos de natureza complementaria, cando así o acorde o presidente ou presidenta, cando o solicite a maioría dos vogais ou por proposta do reitor ou reitora. Esta solicitude formalizarase mediante escrito dirixido ao presidente ou presidenta do Consello Social e deberá detallar o tema ou temas que se pretenda que sexan tratados. A persoa titular da Presidencia convocará o Pleno no prazo máximo de sete días hábiles desde a recepción da solicitude.

4. O presidente ou presidenta ordenará a convocatoria das sesións ordinarias mediante comunicación por escrito, ou por calquera outro medio telemático que asegure a autenticidade, confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e conservación da información. A comunicación dirixirase a todos os membros cunha anticipación mínima de sete días naturais á sesión correspondente do Pleno e/ou das comisións, agás que, por motivos de urxencia ou de gravidade, non sexa posible cumprir con este prazo. De concorreren estes motivos, o prazo de convocatoria será, como mínimo, de corenta e oito horas.

5. O Consello Social poderá constituírse e adoptar acordos utilizando medios electrónicos, respectando o previsto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o réxime de convocatorias e adopción de acordos previsto no presente regulamento.

Os membros do Consello Social poderán ser validamente convocados para que a sesión se realice en varios lugares simultaneamente, sempre que os medios técnicos permitan o desenvolvemento normal da sesión e o respecto dos dereitos dos membros.

6. Da orde do día:

a) Xunto coa convocatoria da sesión ordinaria, deberá serlles notificada aos membros do Consello Social a orde do día, que será fixada pola persoa titular da Presidencia tendo en conta as suxestións, se é o caso, dos membros do Consello Social.

b) A convocatoria e a provisión da información necesaria para a preparación das sesións ordinarias e extraordinarias realizaranse preferentemente mediante o uso de medios electrónicos que faciliten a accesibilidade e a inmediatez das comunicacións.

7. O quórum para a válida constitución dos órganos colexiados do Consello Social será da metade dos membros do órgano, presentes ou representados, con dereito a voto.

8. Das decisións:

a) As decisións dos órganos colexiados do Consello Social serán adoptadas por maioría simple dos membros presentes ou representados na sesión, agás nos supostos en que se exixir maioría absoluta.

b) A aprobación por maioría simple esixe que, da contaxe dos votos efectuados, resulten máis votos a favor que votos en contra.

c) A aprobación por maioría absoluta exixe o voto favorable da metade máis un da totalidade dos membros do órgano.

d) Exixirase maioría absoluta para adoptar as seguintes decisións:

– Aprobar a programación plurianual da universidade.

– Aprobar o orzamento da universidade.

– Aprobar as contas anuais da universidade.

– Aprobar as propostas de operacións de endebedamento.

– Aprobar e modificar o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social.

9. Das votacións:

a) Os acordos poderán ser adoptados en votación pública ou secreta. A persoa titular da Presidencia, por iniciativa propia ou por petición dalgún dos vogais, decidirá, se é o caso, que a votación se realice de forma secreta atendendo á natureza dos asuntos que cumpra tratar. A proposta de remoción regulada no artigo 11 deste regulamento adoptarase, en todo caso, mediante votación secreta.

b) Deberán absterse de votar e de deliberar aqueles membros do Consello Social cando neles concorreren algúns dos motivos de abstención previstos no artigo 28.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

10. Non poderá ser deliberado ou acordado ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do Consello Social e por instancia do presidente ou presidenta sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 21. Réxime xurídico das decisións do Consello Social

1. As decisións que adopte o Pleno no exercicio das súas funcións e as comisións, por delegación deste, adoptarán a forma de acordos. Estes acordos esgotan a vía administrativa e son impugnables directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo da interposición previa dun recurso potestativo de reposición.

2. As decisións que adopte a Comisión Executiva no exercicio das súas competencias propias de xestión ordinaria poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o Pleno do Consello Social, nos termos que establece a lexislación básica de procedemento administrativo.

3. Corresponde ao Pleno a revisión de oficio dos seus acordos nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O Consello Social poderá solicitar a asistencia da Asesoría Xurídica da universidade, para os efectos de que informe sobre os recursos presentados contra os seus actos e asuma, se é o caso, a súa defensa ante os tribunais de xustiza.

4. Os acordos que adopte o Consello Social terán executividade inmediata, consonte o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

5. A execución dos acordos adoptados polo Consello Social corresponde á persoa titular da Reitoría da universidade. Para tal efecto, a Secretaría do Consello Social notificaralle os devanditos acordos.

6. Os acordos do Consello Social que deban ser elevados aos órganos da Comunidade Autónoma de Galicia tramitaranse a través da consellería competente en materia universitaria.

CAPÍTULO V
Medios persoais e materiais do Consello Social

Artigo 22. Dos medios persoais e materiais ao servizo do Consello Social

1. O Consello Social terá a súa sede e localización física na propia universidade. As sesións dos órganos colexiados do Consello Social realizaranse preferentemente nas instalacións da universidade, sen prexuízo de que, excepcionalmente, poidan constituírse validamente en distinto lugar, cando iso resultar necesario ou oportuno. A universidade proporcionará ao Consello Social os locais, medios e servizos que foren necesarios para o seu funcionamento adecuado.

2. O Consello Social terá independencia organizativa. Disporá dos recursos humanos necesarios, baixo a dependencia funcional da persoa titular da Secretaría do Consello Social, sen prexuízo da superior autoridade da persoa titular da Presidencia.

3. Os postos de traballo serán cubertos por funcionarias ou funcionarios de carreira ou laborais fixos incluídos na relación de postos de traballo da universidade. Conforme a normativa vixente, poderán tamén realizarse as contratacións laborais temporais que foren necesarias.

A selección e a adscrición do persoal serán realizadas polos procedementos que estableza a lexislación vixente da función pública e a normativa específica da universidade. A persoa titular da Presidencia do Consello Social proporá os nomeamentos para os postos de libre designación. A persoa titular da Secretaría formará parte das comisións ou dos tribunais que se constitúan para os procesos de selección ou de provisión de prazas, postos ou contratacións temporais do Consello Social.

CAPÍTULO VI
Do réxime económico do Consello Social

Artigo 23. Do orzamento

1. O Consello Social terá independencia para a xestión dos seus recursos económicos. Xestionará a súa partida orzamentaria específica, que figurará dentro dos orzamentos da universidade, e garantirase, en todo caso, a suficiencia dos recursos asignados para o cumprimento das súas funcións.

2. A persoa titular da Presidencia, asistida pola Comisión Permanente de Asuntos Económicos, Financeiros e Patrimoniais, elaborará anualmente unha proposta de orzamento que garantirá a suficiencia dos recursos asignados para o cumprimento das súas funcións. Esta proposta deberá ser aprobada polo Pleno para os efectos de integrala no proxecto de orzamentos xerais da universidade.

3. Dentro das dispoñibilidades orzamentarias do Consello Social, as fases de xestión dos seus créditos (autorización de gasto, disposición de gasto, recoñecemento de obrigas e propostas de pagamento) corresponden:

a) Á persoa titular da Secretaría do Consello Social, para os expedientes que non superen a contía de 5.000 euros.

b) Á persoa titular da Presidencia do Consello Social, para os expedientes que superen a contía de 5.000 euros, sen prexuízo de ser oída previamente na Comisión Executiva, cando se trate de expedientes de contratación pública cuxa contía sexa superior aos 50.000 euros.

Artigo 24. Dos recursos económicos

Os recursos económicos do Consello Social estarán constituídos por:

a) As dotacións económicas nominativas que se prevexan a favor dos consellos sociais nos instrumentos autonómicos de financiamento das universidades do Sistema universitario de Galicia.

b) As consignacións previstas nos orzamentos da universidade.

c) As subvencións e achegas voluntarias de persoas, entidades ou institucións tanto públicas como privadas.

d) Calquera outro que puider atribuírselle conforme a normativa vixente.

CAPÍTULO VII
Reforma do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social

Artigo 25. Da reforma

1. A iniciativa para a reforma deste regulamento pode ser adoptada pola persoa titular da Presidencia do Consello Social ou mediante proposta razoada e asinada por, polo menos, dez vogais con dereito a voto.

2. As propostas de reforma do regulamento deberán estar debidamente articuladas e motivadas. Unha vez recibidas, serán debatidas e sometidas a votación para seren consideradas polo Pleno.

3. A aprobación da proposta de reforma require maioría absoluta.

4. A reforma do regulamento someterase ao previsto na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no referente á súa aprobación pola consellería competente en materia de universidades e á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Este regulamento deberá ser integrado e interpretado no marco do disposto nos Estatutos da Universidade da Coruña e das normas legais e regulamentarias do ensino universitario, así como do resto do ordenamento xurídico que lle for aplicable.

Disposición adicional segunda

Habilítase a persoa titular da Presidencia do Consello Social para adoptar as resolucións e realizar cantas actuacións resultaren precisas para desenvolver e executar o disposto neste regulamento.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade da Coruña, aprobado por este órgano na sesión do día 21 de xullo de 2005 (DOG núm. 230, do 30 de novembro).

Disposición derradeira única

Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.