A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ordena un sistema integral de formación profesional, cualificacións e acreditación que poida responder con eficacia e transparencia ás demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas.
A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, na súa alínea terceira do artigo único, introduce a alínea 10 no artigo 3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e crea os ciclos de formación profesional básica, con indicación de que serán de oferta obrigatoria e carácter gratuíto.
Así mesmo, na alínea trinta e tres e seguintes da Lei orgánica 8/2013, modifícase a Lei orgánica 2/2006, incluíndo os ciclos formativos dentro da formación profesional do sistema educativo como medida para facilitar a permanencia dos alumnos e as alumnas no sistema educativo e ofrecerlles maiores posibilidades para o seu desenvolvemento persoal e profesional.
O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, establece a estrutura, a organización e a regulamentación xeral da formación profesional do sistema educativo e as directrices que deben cumprir os currículos dos ciclos formativos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e autoriza a persoa titular da consellería con competencias en materia de educación para ditar as disposicións que sexan necesarias para a execución e o desenvolvemento do disposto nel.
Por Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 14 de agosto de 2014, publicada no Diario Oficial de Galicia do día 26, autorizouse a oferta de ciclos de formación profesional básica, para o curso 2014/15. Resulta necesario modificar esta orde de xeito parcial no relativo aos ciclos e programas formativos relacionados nos seus anexos V e VI.
Na súa virtude, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPÓN:
Artigo único
Modificar a Orde do 14 de agosto pola que se regula o acceso e a admisión aos ciclos formativos de formación profesional básica e se autoriza a súa oferta para o curso 2014/15, aumentando a oferta de ciclos e programas formativos nos centros que se relaciona nos anexos I e II desta orde.
Estas ensinanzas serán cofinanciadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e o Fondo Social Europeo, no marco do Programa operativo de emprego, formación e educación.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución
Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, e a Secretaría Xeral Técnica para adoptaren as medidas precisas para a execución desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2014
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO I
Oferta de ciclos formativos de formación profesional básica
para o curso 2014/15 na modalidade de formación profesional dual
Concello |
Código |
Centro |
Código |
Ciclo |
Arteixo |
15023314 |
IES de Sabón |
BADG01 |
Servizos administrativos |
BELE01 |
Electricidade e electrónica |
ANEXO II
Oferta de programas formativos de formación profesional básica
para o curso 2014/15
Concello |
Código |
Centro |
Código |
Programa formativo |
Pontevedra |
36017201 |
CEE Príncipe Felipe |
BAGA51 |
PFB de Xardinaría e viveirismo |