Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 8 de xullo de 2015 Páx. 28312

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 26 de xuño de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2015.

O Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) recolle no eixe estratéxico 2 (consolidación de grupos de referencia) unha liña de actuación específica que pretende fomentar as estratexias de cooperación «supragrupo» de investigación que permita incrementar tanto a calidade das súas actuacións en I+D como a capacidade para asumir novos retos.

Neste contexto, os grupos de investigación poden aumentar as súas oportunidades de desenvolvemento e consolidación mediante a integración en estruturas organizativas de ámbito superior ao grupo, tales como redes, consorcios, agrupacións estratéxicas ou institutos. A pertenza a este tipo de entidades favorece o acceso ao coñecemento interdisciplinar, a fontes de financiamento e a unha reputación que dificilmente podería lograr o grupo de forma individual. Estas entidades favorecen tanto a integración de capacidades dispersas como a competitividade alén do ámbito local e a satisfacción das demandas do ámbito produtivo.

Dentro da pluralidade de formas organizativas supragrupais, as agrupacións estratéxicas gozan dunha traxectoria continuada como liña de financiamento no contexto do I+D autonómico. Así, axudas destas características foron convocadas nas anualidades de 2008, 2009 e 2012, o que permitiu que varias agrupacións estratéxicas iniciasen un traballo cooperativo que, en moitos casos, rematou creando estruturas estables que superaron os límites da convocatoria propiamente ditos.

Resulta, por tanto, oportuno realizar unha nova convocatoria neste ámbito dentro do conxunto de instrumentos dirixidos a fomentar a creación dunha contorna adecuada e atractiva para o desenvolvemento da actividade científica no Sistema universitario de Galicia (SUG). Con esta medida preténdese dotar o sistema da capacidade de liderado, estabilidade e dimensión necesaria en liñas ou áreas de investigación a longo prazo centradas en áreas prioritarias para Galicia.

Complementariamente, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no SUG, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre mulleres e homes que recolle o artigo 1 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. Por iso, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o liderado das mulleres nas propostas presentadas.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procede a establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do SUG e procede á súa convocatoria para o exercicio 2015.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde establece as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso ás axudas para o desenvolvemento de agrupacións estratéxicas dentro do SUG, entendidas como novas estruturas organizativas de investigación máis eficientes mediante a integración estable dos recursos, capacidades e obxectivos dos actuais grupos de investigación. Estas agrupacións, definidas como tales pola universidade propoñente, cun nivel de agregación superior ao grupo de investigación, terán por obxecto desenvolver unha actividade colaborativa estable e planificada con obxectivos de I+D e transferencia propios.

A necesidade da agrupación quedará xustificada cando a súa actuación achegue unha contribución significativa aos seguintes obxectivos:

a) Carácter estratéxico ou singular da agrupación no contexto galego tomando en consideración o valor engadido que supón a súa creación e a contribución aos obxectivos fixados no marco da Estratexia de especialización intelixente para Galicia (RIS3).

b) Combinación das capacidades e dos recursos dos grupos de investigación coa finalidade de acadar mellores resultados científicos e tecnolóxicos.

c) Realización de investigación en colaboración e interdisciplinar de calidade estratéxica no contexto da Comunidade Autónoma.

d) Establecemento de estratexias comúns de xestión e transferencia de resultados de investigación.

e) Aproveitamento conxunto de infraestruturas, equipamento e espazos dispoñibles ou de nova creación do SUG.

f) Incorporación de novo persoal investigador en áreas que pola súa actividade científica e tecnolóxica, pola súa competencia na captación de recursos e polo seu valor estratéxico institucional así o requiran.

g) Incorporación racional e sustentable de persoal de apoio para o desenvolvemento de tarefas de xestión, comerciais, informáticas, de laboratorio ou outras similares que sexan necesarias para a realización máis eficiente da actividade investigadora.

h) Maior presenza de investigadores/as do SUG en programas de investigación e intercambio internacionais.

A axuda destinarase á elaboración dun plan estratéxico para o período 2015-2020, que incluirá os obxectivos que pretende conseguir a agrupación a curto prazo (2017) e a medio prazo (2020), e á posta en marcha e ao funcionamento ordinario da agrupación para o período 2015-2017.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das axudas desta orde as universidades do SUG e destinaranas ás súas agrupacións estratéxicas, recoñecidas como tales pola súa universidade, que cumpran conxuntamente na data de peche da convocatoria os seguintes requisitos:

1. Que a agrupación que se pretende crear inclúa, cando menos, 5 grupos de investigación do SUG ou un mínimo de 10 investigadores/as. Cada grupo, ou investigador/a, só poderá formar parte dunha solicitude. A inclusión na agrupación de grupos, persoas ou capacidades doutras universidades do SUG distintas á da universidade propoñente, así como doutros organismos públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia, será valorada positivamente. As agrupacións que se propoñan non poderán integrar grupos de investigación ou investigadores/as individuais que formasen parte das agrupacións estratéxicas financiadas con cargo a axudas para a mesma finalidade da Xunta de Galicia dos anos 2008, 2009 ou 2012.

2. Que presente un programa de actuación da agrupación con base en hipóteses viables que serán conformadas ou reformuladas durante o exercicio de planificación estratéxica e que incluirá o contido que se detalla no artigo 4 desta orde.

Artigo 3. Contía e duración

As axudas serán de aplicación por un período de 3 anualidades, mediante o pagamento dunha contía máxima de 100.000 € na primeira, de 250.000 € na segunda e de 150.000 € na terceira, para cada unha das agrupacións que se concedan con cargo a estas axudas.

As agrupacións serán sometidas aos procesos de avaliación do rendemento que se describen no artigo 14. De non superar estas avaliacións, aplicarase o establecido no artigo 13 desta orde. Aquelas agrupacións que non obteñan unha cualificación final favorable non poderán presentar solicitude de axudas deste programa nesta modalidade durante un período de dous anos.

Os importes das axudas irán destinados a financiar os seguintes conceptos, sempre que se relacionen coa actividade da agrupación:

1. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar. Inclúese o custo de persoal dedicado de xeito específico ás funcións de xestión da agrupación.

2. Pequeno equipamento inventariable e material funxible. O material funxible, de oficina ou informático, non poderá exceder o 5 % da axuda debidamente xustificada anualmente.

3. Formación dos membros da agrupación relacionada coa actividade obxecto da axuda mediante estadías curtas cunha duración mínima de quince días e máxima de tres meses. Non se considerarán neste número os/as colaboradores/as externos/as dos grupos que integran a agrupación.

4. Viaxes e axudas de custo de membros da agrupación para a actividade obxecto da axuda, sempre que a contía non exceda o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente. Non se considerarán neste número os/as colaboradores/as externos/as dos grupos que integran a agrupación.

5. Investigadores/as visitantes.

6. Organización de actividades de difusión, así como presenza en medios de comunicación.

7. Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.

8. Consultoría e asesoramento externo para deseñar e aplicar á estrutura de desenvolvemento e ao plan estratéxico da agrupación.

9. Gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría por cada agrupación que obteña financiamento.

10. Custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente exixe a universidade á agrupación solicitante, que non superarán o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente. Desa porcentaxe, 5 puntos destinaranse a financiar as subscricións de cada universidade ás publicacións electrónicas.

A Secretaría Xeral de Universidades poderá ditar instrucións específicas co fin de aclarar os conceptos subvencionables, así como a súa xustificación económica.

Para a xustificación da primeira anualidade da axuda admitiranse gastos e pagamentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2015.

Atendendo o establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co establecido no artigo 23 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 9.000 €, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten o subministren, ou salvo que o gasto se fixese con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 4. Formalización e presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) , de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

O formulario da solicitude (anexo III) estará dispoñible na dita sede electrónica da Xunta de Galicia, e os formatos da documentación sinalada nas alíneas a), b) e c) deste artigo, que deben achegarse coa solicitude, atópanse na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es .

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A solicitude, así como toda a documentación definida na alínea a) deste artigo, irá asinada pola autoridade que representa legalmente a universidade correspondente. A memoria descritiva que inclúa unha descrición actual da suma de capacidades e o programa da actuación, sinaladas nas alíneas b) e c), irá asinada polo coordinador ou coordinadora da agrupación estratéxica que executará a axuda. Toda esta documentación que acompaña a solicitude deberá fornecerse segundo os modelos dispoñibles na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es .

a) Presentación da agrupación, incluíndo: (i) nome e acrónimo, (ii) certificación da universidade propoñente dos grupos que a integran e a súa dependencia institucional (desagregando nominalmente e segundo a súa categoría profesional a totalidade de persoal que os compoñen) e/ou investigadores/as individuais que se adscriban, (iii) nomeamento dunha persoa que liderará a agrupación e que actuará como coordinadora da actividade e contacto coa Administración durante a vixencia da axuda, (iv) resumo dos obxectivos da agrupación e da xustificación da súa existencia.

b) Descrición da situación actual da suma das capacidades dos integrantes da agrupación, incluíndo para cada un dos grupos:

1º. Liñas de investigación actuais e futuras, coa visión do seu desenvolvemento a medio e longo prazo (e en relación coas prioridades de Galicia ou institucionais).

2º. Actividade investigadora (por liñas de investigación): proxectos activos. Título, fonte de financiamento, orzamento, período e investigador/a principal.

3º. Transferencia e valorización: contratos de I+D, prestación de servizos tecnolóxicos, patentes, patentes en explotación, ingresos por licenzas, creación de spin-off.

4º. Produción científica: resumo de indicadores de produción científica (número de publicacións en WOS/SCOPUS, citas recibidas, publicacións en revistas Q1 y Q2), outras publicacións destacadas.

5º. Contribucións en conferencias científicas nacionais e internacionais.

6º. Formación: participación en programas de doutoramento e máster (indicar aqueles con mención de calidade), número de teses lidas, indicando data, título, nome do/da doutor/a e nome do/da director/a.

7º. Descrición da relación existente cos outros grupos propostos para a agrupación (se é o caso): proxectos en que se colaborou, publicacións en coautoría, actividades conxuntas de formación, utilización conxunta de infraestruturas, etc.

8º. Outra información de interese: proxección internacional do grupo.

9º. Fitos destacables na historia do grupo: premios, postos das persoas integrantes do grupo en sociedades científicas, participación en comités editoriais, etc.

c) Programa de actuación da agrupación, co seguinte contido mínimo:

1º. Xustificación da razón de ser da agrupación e propósito da súa existencia e actividade para a universidade propoñente e no contexto do SUG.

2º. Estratexia da agrupación que detalle os obxectivos da agrupación e o seu interese científico e técnico, así como os mecanismos que se aplicarán para mellorar a calidade e produtividade da súa actividade investigadora, mellorar o impacto dos seus resultados de investigación sobre a contorna socioeconómica, así como para paliar os puntos febles dos grupos.

3º. Modelo de xestión:

– Organización científica e funcional da agrupación en unidades de investigación ou nos seus grupos, así como os criterios de adscrición de persoal investigador á agrupación.

– Organización de xestión da agrupación.

4º. Planificación de actividades para o período 2015-2020 atendendo a:

– Política de persoal da agrupación: deseño dos cadros de persoal referidos a investigadores/as, técnicos/as e persoal de laboratorio ou similar, e persoal de xestión, así como o establecemento dos mecanismos de incorporación deste persoal (contratación, adscrición temporal, etc.).

– Programas de doutoramento; organización de actividades de carácter científico-técnico; actividades de formación distintas do doutoramento.

– Instalacións e medios: detalle dos medios actuais que se incorporan á nova estrutura así como das instalacións e dos medios novos que serán necesarios.

– Estratexias de I+D orientadas a convocatorias públicas; estratexias ou actividades de I+D de especial relevancia orientadas a empresas.

5º. Memoria económica, indicando:

– Orzamento de execución da axuda para o período 2015-2017, desagregado por anualidades.

– Orzamento detallado para a elaboración do plan estratéxico.

– Previsión de orzamento, incluíndo os fondos que se espera captar para o período 2015-2020, valorando a capacidade da agrupación para obter recursos económicos e a súa correlación cos seus gastos.

6º. Mecanismos de avaliación:

– Indicadores definidos nos modelos de solicitude, cos seus valores de referencia iniciais e unha previsión de desenvolvemento nos anos 2016 e 2017 (final da axuda) e ata o 2020 (vixencia do plan estratéxico).

– Outros mecanismos externos de monitorización e avaliación periódica.

d) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou dos seus organismos ou sociedades (que se inclúe no anexo III).

e) Copia do DNI ou NIE da persoa representante da universidade, só no suposto de que non autorice a súa verificación no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Para isto, no anexo correspondente inclúese unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. De conformidade co artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da comunidade autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social substituirase por unha declaración responsable de cada universidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración, que se inclúe no anexo III.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía, terceiros e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a promocioncientifica.educacion@xunta.es .

Artigo 7. Tramitación

A instrución do procedemento de concesión destas axudas corresponde á Secretaría Xeral de Universidades, que comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporá a lista de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es (na parte da Secretaría Xeral de Universidades).

Estas listas estarán expostas por un período de 10 días naturais e durante este prazo as universidades solicitantes poderán formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos das persoas interesadas ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a universidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a universidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades ditará unha resolución pola que se aproban as listas definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na internet no enderezo
http://www.edu.xunta.es. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

Artigo 8. Avaliación e selección

1. A selección das agrupacións estratéxicas destinatarias das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas por un panel de avaliadores/as e pola comisión de selección. O panel poderá asignar ata un máximo de 90 puntos a cada solicitude e a comisión de selección poderá asignar ata un máximo de 10 puntos a cada solicitude.

2. Para a composición do panel de avaliadores/as, que estará formado por expertos/as de fóra do SUG, poderase contar coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e cubrirán non só as principais áreas científicas de coñecemento e actividade das agrupacións estratéxicas que se avalíen senón tamén aspectos estratéxicos, organizativos e funcionais.

3. Os criterios de avaliación das solicitudes presentadas aparecen recollidos no anexo I desta orde. Para garantir que as propostas financiadas teñan un nivel de calidade suficiente, só poderán recibir as axudas establecidas nesta convocatoria aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total igual ou superior a 50 puntos nesta fase.

4. A valoración farase chegar á comisión de selección, que elaborará para o órgano instrutor un informe que incluirá o informe de avaliación do panel, as puntuacións outorgadas pola comisión de selección e unha prelación das solicitudes en función da dispoñibilidade de recursos e os obxectivos de ordenación, consolidación e articulación que suscita esta actuación.

A comisión de selección estará constituída por sete membros:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en que delegue, que actuará como presidente/a da comisión.

b) Serán vogais da comisión:

1º. A persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

2º. Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

3º. Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais ramas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, e/ou en ámbitos de estruturas de xestión da investigación, nomeadas polo/a presidente/a da comisión de selección.

4º Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

5. Esta comisión poderá conceder ata 10 puntos a cada solicitude, tendo en conta os seguintes criterios (sinalados no anexo I):

a) Harmonización da proposta coas prioridades derivadas da Estratexia RIS3 de Galicia, que figuran no anexo II desta orde.

b) Participación de grupos de investigación dos campus periféricos, isto é, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense.

Artigo 9. Resolución

A competencia para resolver estas axudas corresponde á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución, que incluirá, para cada universidade beneficiaria, a relación de agrupacións seleccionadas co importe da axuda concedida. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada pola universidade beneficiaria no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se for o caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de 5 meses, contados desde a publicación da orde de convocatoria. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa poderá ser impugnada polas persoas interesadas mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As universidades cuxas solicitudes sexan denegadas ou desestimadas poderán recuperar a documentación presentada no prazo dun ano a partir da publicación da concesión das axudas no DOG. Pasado ese prazo, aquela documentación que non sexa recollida será destruída, agás a que for obxecto de recurso.

Artigo 10. Libramento da subvención

1. A subvención será librada á universidade solicitante a que pertenza a agrupación estratéxica, conforme a resolución de concesión e de acordo coa normativa vixente.

2. Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade beneficiaria expida, na data límite do 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a seguinte documentación:

a) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para que foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 30 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

b) Memoria explicativa do logro dos obxectivos da agrupación. Esta memoria explicativa irá asinada polo/a coordinador/a da agrupación.

c) Certificación das variacións na composición da agrupación durante a anualidade que se xustifica.

d) Informe de auditor inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre os conceptos, período de realización e pagamento dos gastos presentados nesa anualidade.

3. De conformidade co artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da comunidade autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social será substituída por unha declaración responsable de cada universidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración.

4. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

5. Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, por tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade. No caso dos custos de contratación de persoal investigador ou auxiliar, os pagamentos das nóminas e seguridade social dos meses de outubro e novembro de cada anualidade poderán presentarse como xustificantes para o cobramento da anualidade seguinte.

Artigo 11. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a universidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá comunicarllo á Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 12. Réxime de compatibilidade

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas ou subvencións, de acordo co establecido na normativa aplicable, excepto cando o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, supere o custo da actividade subvencionada. Por iso, cando a entidade beneficiaria ou a agrupación reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 13. Incumprimento, renuncias, reintegros e sancións

O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios e agrupacións estratéxicas destinatarias das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que o beneficiario ou a agrupación estratéxica renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Avaliación do rendemento

Transcorrido un ano desde a data de resolución da concesión da axuda, as universidades beneficiarias presentarán o Plan estratéxico sinalado no artigo 1 e, antes do remate da segunda anualidade, realizarase unha avaliación parcial do cumprimento dos obxectivos da agrupación así como da calidade e viabilidade do Plan estratéxico. Para este fin, a Secretaría Xeral de Universidades poderá emitir unha instrución para unha mellor definición deste procedemento se o estima oportuno. Será preciso obter unha avaliación positiva nesta fase para acceder á ultima anualidade da axuda. Ademais, realizarase unha avaliación final ao remate da terceira anualidade. Nestas avaliacións teranse en conta, entre outros criterios, os indicadores que figuran na memoria descritiva da solicitude. De non superar estas avaliacións, aplicarase o establecido no artigo 13 (incumprimentos, renuncias, reintegros e sancións) desta orde. Aquelas agrupacións que non obteñan unha cualificación final favorable non poderán presentar solicitude de axudas deste programa nesta modalidade durante un período de dous anos.

Artigo 15. Control

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

Complementariamente, e con independencia do sinalado no artigo 14, poderá solicitar de todas as universidades beneficiarias das axudas desta convocatoria documentación de seguimento sobre a evolución e actividade das agrupacións estratéxicas destinatarias das axudas, ata o remate do ano 2020, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos autonómicos, estatais e europeos con funcións de control.

Artigo 16. Dotación orzamentaria

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.40.561B.744.3 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano, coa seguinte desagregación:

2015

2016

2017

Total

Agrupacións estratéxicas

400.000,00 €

1.000.000,00 €

600.000,00 €

2.000.000,00 €

Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 50 % da subvención concedida para cada anualidade.

De acordo co artigo 65.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as universidades do SUG quedan exoneradas da constitución da garantía a que se refire o artigo 63.2 da mesma norma.

O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, de ser o caso, se concedesen, non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.

Os importes indicados corresponderán a fondos propios da comunidade autónoma. Dado que o financiamento destas axudas procede do Plan de financiamento do SUG 2011-2015, as anualidades do 2016 e 2017 integraranse no novo Plan de financiamento para os anos seguintes.

Estas axudas non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01). En todo caso, as universidades beneficiarias quedan obrigadas a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativos a actuacións de I+D+i conforme o establecido no artigo 2 do devandito marco.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda. Recursos

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Criterios de avaliación

Criterios

Puntuación máxima

A) Composición, obxectivos e liñas de investigación da agrupación. Ata un total de 30 puntos.

Capacidades e infraestruturas dos grupos que forman a agrupación:

– Coordinador da agrupación.

– Grupos que a integran e a súa dependencia institucional (valorarase a interinstitucionalidade da agrupación).

– Colaboradores/as externos en relación coa proposta: outros grupos de investigación, empresas ...

– Investigadores/as pertencentes aos grupos: sénior, titulares, posdoutorais, predoutorais, doutorandos, outros. Especificar os financiados por programas autonómicos, nacionais e internacionais.

– Técnicos/as de laboratorio e auxiliares.

– Persoal de xestión: de proxectos, internacional, transferencia.

– Composición de xénero dos grupos e persoal adscrito.

– Infraestruturas e instalacións.

10

Liñas de investigación, coa visión do seu desenvolvemento a medio ou longo prazo (e relación coas prioridades de Galicia ou institucionais)

10

Obxectivos da agrupación

10

B) Estratexia e implantación da agrupación. Ata un total de 30 puntos.

Planeamento estratéxico.

10

Plan de actuación e modelo de xestión.

10

Memoria económica desagregada para as 3 anualidades.

Orzamento detallado para a elaboración do plan estratéxico.

Previsión para o período 2015-2020 (co detalle dos recursos que se espera captar de programas ou de terceiras partes).

10

C) Actividade e resultados da investigación. Ata un total de 30 puntos.

– Proxectos activos: nacionais, internacionais, con empresas ...

– Financiamento externo correspondente a cada tipo dos proxectos anteriores.

– Vinculacións existentes: con outras institucións de investigación, con empresas, participación relevante en redes, ...

15

Resultados obtidos durante o último ano e previstos para cada un dos 3 anos próximos:

– Teses de doutoramento dirixidas e lidas.

– Publicacións (WoS/Scopus, libros, outros).

– Patentes obtidas.

– Acordos de licenza de propiedade intelectual (con importe).

– Software.

– Empresas creadas a partir dos resultados de investigación.

– Contribucións en conferencias científicas: nacionais e internacionais.

– Organización de eventos científicos: conferencias, seminarios, ...

– Recoñecementos ou premios relevantes: nacionais e internacionais.

15

D) Avaliación estratéxica da comisión de selección. Ata 10 puntos.

Harmonización da proposta coas prioridades derivadas da Estratexia RIS3 de Galicia, que figuran no anexo II desta orde.

5

Participación no equipo de investigadores dos campus periféricos, isto é, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense. Se todo o equipo pertence a un destes campus, 5 puntos; se algún membro pertence a estes campus, 1 punto.

5

Puntuación total máxima

100

ANEXO II
Liñas estratéxicas de investigación

Reto

Prioridade

Obxectivos

Xestión innovadora de recursos naturais e culturais

Valorización dos recursos do mar.

Poñer en valor os subgrupos e residuos vinculados ao mar, como os descartes da pesca ou os refugallos da industria conserveira.

Modernización da acuicultura, gandaría e sector agrario.

Modernizar a acuicultura, gandaría e sector agrario para xerar novos produtos e servizos de base tecnolóxica, principalmente a través da aplicación de coñecemento da biotecnoloxía e das TIC.

Mellora da obtención de enerxía a partir dos recursos naturais.

Diversificar o sector enerxético galego mellorando a explotación dos recursos naturais para obter enerxía, en especial a través da produción de biomasa, da enerxía undimotriz, das torres eólicas off shore e dos biocombustibles de orixe mariña.

Modernización do sector turístico e das industrias culturais a través das TIC, así como novas metodoloxías de estudo no ámbito da cultura.

Para lograr un posicionamento competitivo a nivel europeo establécese o obxectivo de modernizar o sector do turismo e das industrias culturais a través das TIC así como a aplicación de novas metodoloxías e fórmulas innovadoras nos estudos culturais.

O modelo industrial da Galicia do futuro

Diversificación dos sectores industriais tractores.

A diversificación da actividade dos sectores industriais que exercen un papel tractor na economía galega, implementando medidas que fomenten un cambio de orientación nas empresas –maioritariamente pemes de capacidade tecnolóxica media-baixa– para favorecer modelos de negocio baseados na innovación e na tecnoloxía.

Mellora da competitividade industrial.

Potenciar a competitividade do sector industrial galego mediante a innovación nos procesos produtivos.

Impulso da economía do coñecemento.

Impulsar e fortalecer un sector tecnolóxico baseado na economía do coñecemento para reforzar a súa capacidade de tracción sobre o resto dos sectores estratéxicos galegos.

Novo modelo de vida saudable

Envellecemento activo.

Converter Galicia na rexión líder do sur de Europa na aplicación de novas tecnoloxías no ámbito do envellecemento activo e da autonomía persoal, en especial para beneficio das persoas de idade afectadas por algunha discapacidade.

Prevención, diagnose e tratamento de enfermidades.

Continuar a facer de Galicia un referente na vangarda da prevención, diagnose e tratamento de enfermidades.

Alimentación saudable e segura.

A diversificación do sector alimentario para facer de Galicia un referente internacional da innovación en nutrición e en seguranza alimentaria como chaves para unha vida saudable.