Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Mércores, 28 de outubro de 2015 Páx. 41459

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 27 de outubro de 2015 pola que se designan as persoas que asumirán a presidencia das comisións de asistencia xurídica gratuíta.

O Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, aprobado polo Decreto 269/2008, do 6 novembro, establece no seu artigo 5 que as comisións de asistencia xurídica gratuíta estarán integradas, entre outros membros, por unha persoa pertencente ao Ministerio Fiscal. Por outra banda, este mesmo precepto dispón que a persoa titular da consellería competente en materia de xustiza procederá a nomear, mediante orde, entre as persoas integrantes da comisión o/a seu/súa presidente/a e a persoa que o/a substitúa. Esta designación, ata o momento actual, veu recaendo nas persoas pertencentes ao Ministerio Fiscal que integran as distintas comisións.

Tras a entrada en vigor da Lei 42/2015, do 5 de outubro, que reforma o artigo 10.2 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, os membros do Ministerio Fiscal xa non figuran na norma estatal como integrantes das comisións de asistencia xurídica gratuíta. A Fiscalía Xeral do Estado, mediante comunicación do 22 de outubro de 2015, interpretou que tras a modificación da lei «deben considerarse tacitamente derrogadas as previsións dos decretos autonómicos que regulan as comisións de asistencia xurídica gratuíta na medida en que consideren o fiscal integrante delas».

Por iso é necesario proceder á designación dos membros que a partir de agora asumirán a presidencia e das persoas que os substitúan.

De acordo co disposto no artigo 10.2 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, modificado pola Lei 42/2015, do 5 de outubro, o órgano competente da Comunidade Autónoma determinará cales dos seus integrantes desempeñarán a presidencia e a secretaría. O artigo 5 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, aprobado polo Decreto 269/2008, do 6 novembro, atribúe esta competencia á persoa titular da consellería con competencias en materia de xustiza.

Na súa virtude, no uso das facultades que me confiren os preceptos citados,

DISPOÑO:

1. A presidencia das comisións de asistencia xurídica gratuíta corresponderá ao letrado ou letrada da Xunta de Galicia designado/a ou que designe a Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral como membro titular da comisión. A suplencia será exercida polo vogal letrado ou letrada que fose designado ou se designe para formar parte da comisión coa condición de suplente.

2. As designacións producirán efectos desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza