Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Venres, 30 de outubro de 2015 Páx. 41961

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2015 pola que se convoca o Curso de especialización sobre ferramentas básicas para a resolución do conflito.

De conformidade co establecido na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, a EGAP convoca o Curso de especialización sobre ferramentas básicas para a resolución do conflito.

1. Obxectivos.

Iniciar os alumnos no proceso de mediación, analizando as habilidades que deban adquirir para o tratamento dos conflitos.

2. Contido.

Neste curso trataranse, entre outros, os seguintes temas:

– Comunicación e control de emocións.

– Coñecemento do conflito: identificación, dinámica dos conflitos, estilos de resolución.

– Mediación.

3. Número de prazas.

Número de prazas: 50.

4. Destinatarios.

Persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia, tanto autonómico como local e de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, profesionais do dereito e interesados en xeral.

5. Criterios de inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/

A orde de admisión virá determinada pola data de presentación das solicitudes.

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 12 de novembro, ás 12.00 horas.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 e 981 54 62 39.

6. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, As Fontiñas, Santiago de Compostela.

Terá unha duración de 30 horas e desenvolverase os días 16, 17, 23, 24, 25, 26, 27 e 30 de novembro, e 1 e 2 de decembro, das 17.00 ás 20.00 horas. Os contidos impartiranse mediante una metodoloxía teórico-práctica, procurando a máxima aplicabilidade dos coñecementos adquiridos.

7. Renuncia, asistencia e puntualidade.

7.1. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un «formulario de renuncia» (http://egap.xunta.es/formulariosrecursos), que se enviará cuberto ao enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.es, ou ao fax 981 54 63 30, ademais do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten, e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

7.2. A asistencia e a puntualidade.

Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade. Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios. As faltas de asistencia:

– Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais.

– Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.

8. Certificado de aproveitamento.

O alumnado realizará unha proba escrita ao finalizar o curso, que será avaliada polo profesorado e cualificada, en función do resultado obtido, como apto, non apto ou apto con mención, o que constará expresamente no certificado de aproveitamento. Para obter este certificado será ademais necesario que o alumnado teña unha asistencia igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas.

9. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o número de solicitudes non xustifica a súa realización.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública