Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 27 de novembro de 2015 Páx. 44900

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Xesgalicia, SGEIC, S.A.U.

ANUNCIO da convocatoria dun posto de persoal directivo vacante para a súa cobertura (director/a financeiro/a e de control).

O Consello de Administración de Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Inversión de Tipo Cerrado, S.A.U., en relación coa contratación dunha persoa para dar cobertura ao posto de director/a financeiro/a e de control, adoptou os seguintes

ACORDOS:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I deste anuncio. O director/a financeiro/a e de control depende orgánica e funcionalmente do/a director/a xeral.

Segundo. Aprobar as bases polas cales se rexerá o proceso de selección que se inclúen no anexo II.

Para participar nesta convocatoria os/as candidatos/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2015

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral de Xesgalicia, SGEIC, S.A.U.

ANEXO I

Denominación do posto: director/a financeiro/a e de control.

Dependencia: Xesgalicia, SGEIC, S.A.U.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: concurso (persoal directivo, ao abeiro do artigo 110 da Lei 16/2010, do 17 de decembro).

Directivo do grupo 3, nivel 2.

Tipo de persoal: persoal directivo (relación laboral de carácter especial: persoal de alta dirección).

ANEXO II

Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto de director/a financeiro/a e de control de Xesgalicia, SGEIC, S.A.U.

1. Obxecto da convocatoria.

Esta convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de director/a financeiro/a e de control de Xesgalicia, SGEIC, S.A.U. (en diante Xesgalicia).

2. Vínculo.

O vínculo da persoa seleccionada formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O/a director/a estará suxeito/a ao réxime de incompatibilidades de acordo co establecido no artigo 2.1.h) da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

3. Funcións do/a director/a.

Son funcións propias do/a director/a financeiro/a e de control, sen carácter exhaustivo, as seguintes:

• Exercicio das facultades de representación e actuación que lle sexan outorgadas.

• Dirección da área financeira no relativo a procesos de contabilidade, planificación financeira e tesouraría.

• Responsable da elaboración e presentación dos estados financeiros anuais e intermedios, así como das obrigas tributarias, tanto da sociedade xestora como das entidades de capital risco por ela xestionadas.

• Responsable de auditoría interna da entidade.

• Control e seguimento do orzamento anual, análise das posibles desviacións e proposta de medidas correctoras.

• Mantemento do sistema de reporting aos órganos internos e organismos externos.

• Soporte e asesoramento ás demais áreas dentro da entidade en materias relacionadas coas súas funcións e dentro da súa categoría.

4. Requisitos dos/as aspirantes.

Os/as aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

a) Ter a nacionalidade española ou ter a nacionalidade doutro Estado sempre que se cumpran os requisitos do artigo 57 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, respecto do acceso ao emprego público de nacionais doutros estados.

b) Posuír a capacidade funcional para o correcto desempeño das tarefas do posto.

c) Ter feitos os dezaseis anos.

d) Non ter sido separado do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin estar en situación de inhabilitación absoluta ou especial para emprego ou cargos públicos por resolución xudicial, para exercer funcións similares ás que desempeñaba en que fora separado ou inhabilitado. No caso de ser nacional doutro Estado, deberase acreditar tamén non encontrarse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, e nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

f) Estar en posesión dunha titulación superior universitaria de licenciatura ou grao en Economía, Empresariais ou Administración e Dirección de Empresas. No caso de equivalencia ou homologación deberá xustificarse con certificado expedido polo organismo competente para establecela.

Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato.

5. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no Rexistro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela (A Coruña), das 9.00 ás 14.00 horas, ou nas oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste caso deberá remitirse, por fax ao número 981 58 06 58 e por correo electrónico ao enderezo xesgalicia@xesgalicia.org, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, unha copia da solicitude rexistrada.

A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.

Os/as aspirantes deberán presentar, xunto coa solicitude, os seguintes documentos:

1. Copia do DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, só no caso de non autorizar a súa consulta.

2. Un orixinal, copia cotexada ou copia co código electrónico de autenticidade (código CEA) do informe de vida laboral ou do certificado de aboamento de cotas ao réxime de autónomos cando se alegan servizos profesionais por conta propia.

O domicilio que figure na solicitude considerarase como o único válido para os efectos das notificacións e serán responsabilidade do/a aspirante tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

O prazo para a presentación de solicitudes será de quince (15) días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

6. Admisión de aspirantes.

Tras a finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación publicarase na páxina web de Xesgalicia e no taboleiro de anuncios situado na entrada do edificio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a composición, o lugar, a data e a hora do comezo das actuacións do tribunal de selección.

O tribunal de selección examinará as solicitudes e, de ser o caso, requirirá a súa emenda, que deberá acreditarse no prazo de 3 días hábiles. Finalizado o prazo de emenda, ditarase resolución en que se aproben as listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as, con indicación das causas de exclusión.

As listas provisionais publicaranse na páxina web de Xesgalicia e no taboleiro de anuncios situado na entrada do edificio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

As persoas interesadas disporán dun prazo de tres (3) días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución en que se aproban as listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web de Xesgalicia e no taboleiro de anuncios situado na entrada do edificio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Esta sociedade, en cumprimento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, custodiará e tratará a documentación recibida de xeito confidencial e unicamente co obxecto de valorar as candidaturas presentadas, non se almacenará por ningunha vía, ficheiro ou medio nin será cedida, en todo ou en parte, a terceiras persoas ou entidades.

7. Tribunal de selección.

O tribunal de selección será nomeado polo Consello de Administración de Xesgalicia e será constituído unha vez que se publique na web de Xesgalicia a relación definitiva de aspirantes.

O tribunal estará constituído por tres membros, que deberán posuír unha titulación académica de igual ou superior nivel á solicitada como requisito aos aspirantes, e estará composto por:

1 presidente.

1 secretario.

1 vogal.

Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010.

Correspóndenlle ao tribunal as funcións relativas á cualificación dos aspirantes e a adopción, en xeral, de cantas medidas sexan precisas para o desenvolvemento correcto das probas selectivas e a resolución de incidencias, polo que non poderá disolverse ata a correspondente sinatura do contrato do aspirante que resulte seleccionado/a.

Así mesmo, o tribunal deberá resolver todas as dúbidas que puidesen xurdir, así como as situacións derivadas daqueles casos non recollidos nesta convocatoria, e axustarase, en todo momento, á normativa de aplicación.

O tribunal de selección deberá contar coa presenza de todos os membros. Os acordos do tribunal adoptaranse por maioría simple de votos, e o/a presidente, en caso de empate, terá voto de calidade.

De cada xuntanza, o/a secretario/a do tribunal levantará unha acta onde recolla os membros presentes, o lugar e data, o resultado das probas e cantos detalles sexan necesarios para acreditar o contido da sesión.

O tribunal terá a súa sede, para os efectos de notificación e incidencias en Xesgalicia, Sociedad Gestora de Entidades de Inversión Colectiva de Tipo Cerrado, S.A.U., San Lázaro, s/n (edificio Igape), 15703 Santiago de Compostela, onde se atenderán cantas cuestións sexan formuladas en relación co proceso selectivo.

O tribunal poderá solicitar o asesoramento de especialistas nas materias obxecto das probas desta convocatoria, que terán voz pero non voto.

8. Procedemento selectivo.

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección será efectuada polo procedemento de concurso, que constará de dúas fases, e consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos/as aspirantes, que se puntuarán de acordo co seguinte baremo, cuxa puntuación máxima é de 100 puntos.

• 1ª fase: baremación dos méritos alegados.

A primeira fase consistirá na valoración dos méritos alegados polos/as aspirantes na súa declaración responsable, que se puntuarán de acordo co seguinte baremo, cuxa puntuación máxima será de 55 puntos conforme a seguinte distribución:

1.1. Formación. Puntuación máxima de 20 puntos.

Por formación valoraranse os cursos, másters ou posgraos, todos eles impartidos por centros oficiais de titularidade pública ou privada e relacionados coas tarefas relacionadas coas funcións do posto que se vai cubrir, ata un máximo de 20 puntos, coa seguinte baremación:

Duración (D)

Puntuación

D ≥ 1.000 horas

14

500 ≤ D < 1.000 horas

10

200 ≤ D < 500 horas

6

50 ≤ D < 200 horas

2

D < 50

0

A inscrición no ROAC ou a realización de cursos de doutoramento relacionados coa función financeira valoraranse como máster ou posgrao de entre 500 e 1.000 horas.

1.2. Experiencia. Corresponde a esta parte a puntuación máxima de 30 puntos.

Valorarase o tempo de experiencia en postos con tarefas relacionadas coas funcións do posto que se vai cubrir.

Outorgaranse 0,3 puntos por mes de experiencia acreditada.

1.3. Formación acreditada en coñecemento de inglés. Corresponde a esta parte a puntuación máxima de 5 puntos.

Dado que o inglés é o idioma estranxeiro do que máis termos empregará o/a candidato/a seleccionado/a no seu traballo diario e aquel en que xorden as principais novidades tanto no ámbito financeiro en xeral como máis especificamente na contorna do capital risco e o investimento en novas empresas, debido á tradición e importancia destas entidades nos países anglosaxóns, valoraranse os coñecementos que o candidato teña deste idioma en función das certificacións de nivel de inglés presentadas, segundo a seguinte baremación:

 

1 punto

2 puntos

3 puntos

4 puntos

5 puntos

Escola oficial de idiomas

N. básico:
2º curso

N. intermedio:
2º curso

N. avanzado:
2º curso

 

 

U. Cambridge

KET

PET

FCE

CAE

CPE

TOEFL (EEUU)

 

45-60/133-170/450-497

61-79/173-
210/500-547

80-120/213-247/550-597

-/250-300/600-677

IELTS, British Council

3.0

3.5/4.0/4.5

5.0/5.5/6.0

6.5/7.0

7.5+

Trinity College, London

T. Grades 3, 4

T. Grades 5, 6

T. Grades 7, 8, 9

T. Grades 10, 11

T. Grade 12

A valoración será a correspondente á certificación que outorgue unha maior puntuación, sen que en ningún caso sexan acumulativas.

1.4. Para acceder á 2ª fase do procedemento selectivo, o/a candidato/a deberá obter cando menos unha puntuación agregada de 33 puntos na fase 1ª. Calquera candidato/a cunha puntuación inferior á sinalada será excluído/a do procedemento de selección.

A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web de Xesgalicia e no taboleiro de anuncios situado na entrada do edificio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). As persoas interesadas disporán dun prazo de tres (3) días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución mediante a que se aproba a lista coas puntuacións definitivas da fase 1ª. Esta resolución farase pública na páxina web de Xesgalicia e no taboleiro de anuncios situado na entrada do edificio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

• 2ª fase: exposición da presentación das contas anuais e entrevista.

Os/as candidatos/as que superen a primeira fase do procedemento selectivo serán convocados para que nun prazo máximo de sete (7) días hábiles desde a publicación da lista coas baremacións definitivas da primeira fase presenten a seguinte documentación:

1. Presentación sobre as contas anuais de Xesgalicia, SGEIC, S.A.U. e das entidades Sodiga Galicia, S.C.R., S.A. (sociedade de capital risco) e Xes-Innova, F.C.R. (fondo de capital risco) por ela xestionadas. As persoas aspirantes deberán presentar un documento que conteña unha presentación en power point (ou formato similar) das últimas contas anuais aprobadas de Xesgalicia e das entidades de capital risco por ela xestionadas anteriormente citadas, en soporte papel e en formato electrónico, tendo en conta que o tempo de exposición posterior non poderá superar os 15 minutos. O documento deberá seguir, como mínimo, os contidos expresados no anexo IV.

2. Así mesmo, deberá presentar copia cotexada do título universitario exixido ou certificación académica que acredite ter realizados os estudos para a obtención do título ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do título académico. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

3. Presentar a documentación acreditativa dos méritos relacionados na declaración responsable para a súa valoración (cursos, máster, doutoramento...) mediante a presentación de fotocopia cotexada dos títulos ou certificados correspondentes á especialización, doutoramento, máster ou posgrao nos ámbitos establecidos, así como ás actividades formativas.

No seu caso, a inscrición no ROAC acreditarase mediante a presentación de fotocopia cotexada da correspondente resolución do Instituto de Contabilidad y Auditoría de Cuentas.

O coñecemento de idiomas xustificarase mediante a presentación de fotocopia cotexada dos correspondentes certificados ou documentos acreditativos.

A experiencia profesional xustificarase, ademais de coa documentación presentada xunto coa solicitude, con calquera outro documento que permita acreditar a experiencia reflectida na declaración responsable, tales como contratos de traballo por conta allea ou propia, acta de toma de posesión de cargos públicos ou funcionario público, certificado de tarefas, etc.

Unha vez presentada a documentación anteriormente citada, o tribunal examinará a súa coherencia coa declaración responsable. De existir algunha discrepancia, o tribunal requirirá os/as interesados/as para que, nun prazo de tres (3) días hábiles, emenden ou completen a documentación requirida. De non presentar a documentación requirida, ou de non acreditar a coherencia coa declaración responsable, o aspirante quedará excluído do proceso.

A relación provisional de aspirantes admitidos/as á fase 2ª publicarase na páxina web de Xesgalicia e no taboleiro de anuncios situado na entrada do edificio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). As persoas interesadas disporán dun prazo de tres (3) días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución mediante a cal se aproba a relación definitiva de aspirantes admitidos/as á fase 2ª. Esta resolución farase pública na páxina web de Xesgalicia e no taboleiro de anuncios situado na entrada do edificio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

A segunda fase do proceso selectivo consistirá na exposición do traballo sobre as contas anuais de Xesgalicia e a realización dunha entrevista persoal, que se puntuarán de acordo co seguinte baremo, cuxa puntuación máxima será de 45 puntos conforme a seguinte distribución:

2.1. Exposición da presentación das contas anuais aprobadas de Xesgalicia SGEIC, S.A.U. e das entidades Sodiga Galicia, S.C.R., S.A. (sociedade de capital risco) Xes-Innova, F.C.R. (fondo de capital risco) por ela xestionadas.

Os/as aspirantes deberán facer unha exposición oral do documento presentado, cunha duración máxima de 15 minutos. Os candidatos deberán asistir, así mesmo, cos documentos e follas de traballo (en formato electrónico) que serviron de base para a elaboración da presentación. Tras o tempo de exposición, o tribunal de selección formulará cantas cuestións considere oportunas.

A puntuación máxima correspondente a esta proba é de 35 puntos, e o tribunal empregará os seguintes criterios de valoración:

– Comprensión do negocio de Xesgalicia, da composición da súa carteira e dos seus criterios de valoración: ata 5 puntos.

– Nivel de coñecemento sobre a materia obxecto de exposición: ata 5 puntos.

– Valoración das conclusións: ata 5 puntos.

– Capacidade para comunicar conceptos e conclusións, eficacia e claridade na exposición, capacidade crítica e de síntese: ata 5 puntos.

– Calidade do documento de presentación en termos de claridade, contido e estrutura: ata 5 puntos.

– Capacidade de resposta adecuada ás cuestións formuladas: ata 5 puntos.

– Durante a quenda de preguntas da exposición do traballo formularase algunha cuestión en inglés que o/a candidato/a deberá responder no dito idioma: ata 5 puntos.

A data e o lugar establecidos para a exposición e defensa das presentacións serán publicados no taboleiro de anuncios situado na entrada do edificio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e na web de Xesgalicia con dous (2) días hábiles, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

2.2. Entrevista persoal.

A entrevista terá unha duración máxima de trinta (30) minutos e terá carácter persoal, e será entrevistado/a cada candidato/a polo tribunal de xeito individual ao resto de candidatos/as.

A entrevista ten por finalidade obter un mellor coñecemento do/a candidato/a, grazas á comunicación directa que a entrevista proporciona. Ademais a entrevista permite ao candidato presentarse ante a organización, argumentar a súa experiencia e ter a oportunidade de resolver dúbidas respecto ao posto de traballo a que está a aspirar.

A entrevista terá lugar a continuación da exposición referida no punto anterior e será cualificada segundo a valía dos/as candidatos/as, de 0 a 10 puntos.

9. Cualificación e lista de persoas seleccionadas.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das fases.

No caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obteña maior puntuación na parte de exposición da presentación.

De persistir o empate, resolverase a favor do/a aspirante que obtivese a maior puntuación na parte de experiencia laboral. Se aínda así persiste o empate, resolverase polo tribunal a favor do/a aspirante que obtivese a maior puntuación na entrevista persoal.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o tribunal publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios situado na entrada do edificio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a lista provisional das puntuacións obtidas polos aspirantes con indicación do/a candidato/a seleccionado/a. Concederase un prazo de tres (3) días hábiles desde a publicación para presentar alegacións. Unha vez resoltas, de ser o caso, as alegacións presentadas, o tribunal emitirá a proposta de lista definitiva de puntuacións obtidas polos/as aspirantes con indicación do/a candidato/a seleccionado/a. O tribunal elevará esta proposta ao órgano competente da entidade, que ditará resolución pola cal se aprobe a lista definitiva de puntuacións obtidas polos aspirantes, con indicación do/a candidato/a seleccionado/a e o seu nomeamento.

A lista definitiva de aspirantes, ordenados de maior a menor puntuación, conformará a lista de agarda. No caso de renuncia ou non achega da documentación requirida por parte do/a aspirante seleccionado/a, cubrirase o posto co/a aspirante seguinte da lista de agarda. De igual xeito procederase no caso de non superación do período de proba por parte do/a aspirante.

De non se presentar solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de ser considerado que ningún dos/as candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución do tribunal de selección de Xesgalicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

10. Formalización do contrato.

A incorporación ao posto de traballo efectuarase dentro dos quince (15) días naturais seguintes ao requirimento formal por parte de Xesgalicia.

missing image file
missing image file

ANEXO IV

Contido da presentación sobre as contas anuais

Os candidatos exporán, cunha duración máxima de 15 minutos, a súa valoración sobre as últimas contas anuais das seguintes tres entidades:

– Sociedade xestora: Xesgalicia, SGEIC, S.A.U.

– Sociedade de capital risco: Sodiga Galicia, S.C.R., S.A.

– Fondo de capital risco: Xes-Innova, F.C.R.

Propóñense a modo de índice os seguintes contidos mínimos para a exposición dos/as candidatos/as acerca de cada unha das tres entidades:

• Análise das últimas contas anuais da sociedade/fondo:

– Análise patrimonial da estrutura do balance de situación, fondo de manobra e a súa evolución.

– Análise estática e dinámica da conta de resultados da sociedade/fondo.

– Análise dos principais indicadores de liquidez, solvencia e rendibilidade da sociedade/fondo.

– Para o caso da sociedade xestora, entidades xestionadas e análise das comisións percibidas.

– Para o caso das entidades de capital risco, criterios de valoración e análise e evolución da carteira de investimentos.

• Conclusións:

– Valoración económico-financeira da evolución e situación actual da sociedade/fondo.

– Propostas de mellora a futuro.