Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 23 de decembro de 2015 Páx. 47963

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 183/2015, do 10 de decembro, polo que se aproba o convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A. polo que se regula a bonificación da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57).

A Xunta de Galicia é titular das autoestradas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), que teñen o seu percorrido dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A explotación das ditas autoestradas corresponde a Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A., en virtude do contrato de concesión administrativa para a construción, conservación e explotación das autoestradas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), segundo o Decreto 23/1995, do 20 de xaneiro.

O Plan de mobilidade e orientación viaria estratéxica (Plan Move), elaborado co obxectivo de ordenar e xerarquizar a rede autonómica de estradas, coordinar as iniciativas das distintas administracións, completar as comunicacións de Galicia co seu contorno, mellorar a accesibilidade ás cidades, aos espazos urbanos principais e ás grandes áreas industriais e loxísticas, integrando a seguridade viaria como criterio básico desde o propio deseño da infraestrutura, pretende facilitar a mobilidade da poboación, e favorecer un tránsito fluído, eficaz e seguro de persoas e mercadorías na Comunidade Autónoma.

As accións previstas no Plan Move suporán un impulso á actividade económica para contrarrestar os efectos da crise e incrementar a produtividade e competitividade da economía galega.

Neste marco, considérase conveniente adoptar medidas que teñan por obxecto reducir o importe das peaxes polo uso das autoestradas. Polo que, a Xunta de Galicia, en consideración á situación económica e en atención ao interese xeral, conclúe a necesidade de formalizar xunto coa sociedade concesionaria un convenio que ten por obxecto regular, baixo criterios de equidade, bonificacións da peaxe por uso frecuente que beneficien os usuarios.

Este decreto apróbase ao abeiro do artigo 210 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, aplicable á concesión das autoestradas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), e contou coa audiencia e conformidade da sociedade concesionaria.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, co informe da Consellería de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de decembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación do convenio

Apróbase o convenio que se recolle no anexo para a regulación da bonificación da peaxe nas autoestradas AG-55 e AG-57.

Artigo 2. Réxime xurídico da concesión

O réxime xurídico da concesión de que é titular Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A. será o vixente, coas modificacións que se conteñen no convenio que se aproba e se incorpora como anexo.

Disposición derradeira. Efectividade

Este decreto producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de decembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

ANEXO
Convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A. polo que se regula a bonificación da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57)

Reunidos:

Dunha parte, Ethel Vázquez Mourelle, presidenta da Axencia Galega de Infraestruturas, facultada para a formalización deste convenio polo Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas.

E doutra, Andrés Muntaner Pedrosa, en nome e representación de Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A., que está facultado para a formalización do presente convenio en virtude do acordo do Consello de Administración adoptado na súa xuntanza do día 2 de decembro de 2015.

Ambas as dúas partes recoñécense reciprocamente a súa capacidade para realizar este convenio e

Manifestan:

I

A Xunta de Galicia ten atribuídas competencias sobre as estradas cuxo itinerario se desenvolva integramente no seu territorio, en virtude do artigo 27.8 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, Estatuto de autonomía de Galicia.

Entre outras, a Xunta de Galicia é titular das autoestradas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), que teñen o seu percorrido dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

II

A explotación destas autoestradas corresponde a Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A. (a sociedade concesionaria) en virtude da concesión administrativa para a construción, conservación e explotación das autoestradas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), adxudicada á súa promotora polo Decreto 23/1995, do 20 de xaneiro.

O contrato de concesión réxese polos pregos que regulan a súa adxudicación, pola Lei 8/1972, do 10 de maio, de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, e o Decreto 215/1973, do 25 de xaneiro, polo que se aproba o prego de cláusulas xerais para a construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, e demais normas do dereito administrativo.

III

A planificación que está a levar a cabo a Xunta de Galicia en materia de estradas ten como obxectivos ordenar e xerarquizar a rede autonómica de estradas, coordinar as iniciativas das distintas administracións, completar as comunicacións de Galicia co seu contorno, mellorar a accesibilidade ás cidades, aos espazos urbanos principais e ás grandes áreas industriais e loxísticas, integrando a seguridade viaria como criterio básico desde o propio deseño da infraestrutura, pretende facilitar a mobilidade da poboación, favorecendo un tránsito fluído, eficaz e seguro de persoas e mercadorías na Comunidade Autónoma.

Neste marco, considérase conveniente seguir adoptando medidas que teñan por obxecto bonificar o importe das peaxes polo uso das autoestradas.

IV

Con data do 14 de abril de 2010 foi asinado un convenio entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A. polo que se regula a bonificación da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57).

En virtude do exposto, as partes, dentro do espírito de colaboración que preside as relacións da Administración concedente e a sociedade concesionaria,

ACORDAN:

Cláusula 1. Obxecto

O obxecto do presente convenio é fixar as bases para a colaboración entre a Xunta de Galicia e a sociedade concesionaria na aplicación de bonificacións selectivas das peaxes vixentes nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57), e o pagamento pola Xunta de Galicia á sociedade concesionaria dos importes que deriven desta medida.

Cláusula 2. Definicións

Para os efectos do disposto neste convenio:

a) Enténdese por OBE (On Board Equipment), un TAG ou transpondedor, é dicir, un dispositivo electrónico situado no interior do vehículo, que contén os datos do titular do medio de pagamento e que dialoga cos equipos da peaxe da autoestrada para concluír a operación precisa en cada momento, e que cumpre cos requisitos do Real decreto 94/2006, do 3 de febreiro, polo que se regula a interoperabilidade dos sistemas de telepeaxe instalados nas estradas estatais.

b) Enténdese por traxecto de ida e volta entre dous enlaces da autoestrada o que ten igual orixe e destino; isto é, cando o vehículo entra na autoestrada por un enlace A e sae da autoestrada por un enlace B, entra de novo na autoestrada polo enlace B e sae da autoestrada polo enlace A, sendo A e B dous enlaces calquera da autoestrada.

c) Enténdese que o traxecto ten lugar no mesmo día cando o vehículo realiza o traxecto de ida e o de volta entre as cero e as vinte e catro horas do mesmo día natural.

d) Enténdese que o termo «vehículos» incluirá os vehículos de todas as categorías I, II e III, recollidas no contrato concesional, isto é, lixeiros, pesados I e pesados II.

e) Enténdese como «importe da peaxe» o importe total que ten que pagar o usuario (IVE incluído, o tipo impositivo que estea vixente en cada momento de acordo coa normativa aplicable) antes da aplicación da bonificación obxecto deste convenio.

Cláusula 3. Requisitos

A aplicación da bonificación da peaxe estará condicionada ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que se trate do mesmo vehículo que realice o traxecto ou traxectos de ida e volta no mesmo día.

b) Que o vehículo utilice como sistema de pagamento un sistema de peaxe dinámico ou telepeaxe, con OBE que sexa interoperable.

c) Para estes efectos entenderase como día hábil calquera día excluídos os domingos, os días festivos no territorio da Comunidade Autónoma e os días festivos de ámbito nacional.

Cláusula 4. Bonificación da peaxe

Nos casos en que proceda, o importe que a concesionaria cobrará aos usuarios será o que resulte de aplicar, no importe das peaxes vixentes, a bonificación seguinte:

a) Cando se realice con cargo a un OBE un traxecto con ida e volta entre dous enlaces da autoestrada no mesmo día, a sociedade concesionaria aplicará no traxecto de volta unha bonificación do 25 por cento sobre o importe da peaxe en vigor.

b) Cando co mesmo OBE se realice un segundo, ou ulterior traxecto, con ida e volta entre dous enlaces da autoestrada, no mesmo día, a sociedade concesionaria aplicará no segundo e ulteriores traxectos de volta, unha bonificación do 50 por cento sobre o importe da peaxe en vigor.

Cláusula 5. Importe que ten que pagar a Administración

1. Importe da compensación que hai que pagar.

Para levar a efecto a bonificación regulada no presente convenio, a Administración aboará á sociedade concesionaria, o importe diferencial entre os ingresos da peaxe que obtería se non se practicasen as bonificacións reguladas na cláusula 4 e os ingresos realmente obtidos.

O importe da compensación que ten que pagar a Administración á sociedade concesionaria, pola aplicación dos descontos obxecto deste convenio, determinaranse conforme á seguinte fórmula:

Importe que hai que pagar:

Onde:

i: son os itinerarios de cada unha das autoestradas.

Ti: son as viaxes de ida e volta no mesmo día cuxa orixe e destino son os mesmos puntos de entrada e saída (definidos na cláusula 2.b do presente convenio).

Pi: é o importe da peaxe correspondente a cada un dos traxectos.

ti: son os segundos e ulteriores viaxes de ida e volta no mesmo día cuxa orixe e destino son os mesmos puntos de entrada e saída (definidos na cláusula 2.b do presente convenio).

2. Itinerarios.

a) Os itinerarios existentes actualmente na autoestrada AG-55 son:

A Coruña-Arteixo;

Arteixo-Paiosaco;

Arteixo-A Laracha;

Arteixo-Carballo;

Paiosaco-A Laracha;

Paiosaco-Carballo;

A Laracha-Carballo.

b) Os itinerarios existente actualmente na autoestrada AG-57 son:

Puxeiros-Vincios;

Puxeiros-Gondomar;

Puxeiros-Nigrán;

Puxeiros-A Ramallosa;

Puxeiros-Baiona;

Vincios-Gondomar;

Vincios-Nigrán;

Vincios-A Ramallosa;

Vincios-Baiona;

Nigrán-A Ramallosa;

Nigrán-Baiona;

A Ramallosa-Baiona.

3. Importes anuais máximos.

Considerando que a Administración debe actuar dentro dos límites que impón a normativa orzamentaria, establécense como límites de pagamento anuais máximos os seguintes importes da compensación:

Anualidade

Importe (€)

2016

520.000,00

2017

570.000,00

2018

610.000,00

2019

660.000,00

A Administración entende que a superación, se é o caso, dos anteriores límites pode deberse á existencia de tráfico inducido pola medida regulada no presente convenio ou a outras circunstancias da explotación, e sen prexuízo de que a sociedade concesionaria continúe aplicando as bonificacións establecidas na cláusula 4 ata rematar o ano natural, a Administración acordará coa sociedade concesionaria a imputación do custo por continuar coa aplicación da medida.

4. Consignación orzamentaria.

A Xunta de Galicia aboará o importe da compensación con cargo á partida orzamentaria 08.A1.512B.4700 (código de proxecto 2010 00340), de acordo coa seguinte distribución:

Anualidade

Importe (€)

2016

520.000,00

2017

570.000,00

2018

610.000,00

2019

660.000,00

Dado que se trata da tramitación anticipada dun expediente de gasto, de acordo coa Orde do 11.2.1998, modificada polas ordes do 27.11.2000 e do 25.11.2001, o gasto queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio de 2016.

Cláusula 6. Procedemento de pagamento

1. Devindicación.

O dereito da sociedade concesionaria ao aboamento do importe definido na cláusula 5.1 entenderase devindicado mensualmente, o último día de cada mes.

2. Procedemento de liquidación.

A sociedade concesionaria remitirá á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, dentro dos quince primeiros días seguintes ao mes da devindicación, a súa solicitude de pagamento mensual e achegará a seguinte documentación:

a) Liquidación mensual.

b) Información sobre o número, a data e o tipo de traxectos beneficiarios do desconto no mes precedente, o importe desagregado por traxectos e o importe total dos descontos aplicados.

3. Aprobación da liquidación.

Unha vez recibida a liquidación mensual e información complementaria, a Axencia Galega de Infraestruturas comprobará o seu contido e que este se axusta á xustificación establecida no punto 2.c) da cláusula sétima.

A Xunta de Galicia deberá notificar á sociedade concesionaria a aprobación ou o rexeitamento da solicitude de pagamento no prazo de 30 días naturais desde a súa recepción. O incumprimento deste prazo non se poderá entender en ningún caso como aprobación da liquidación.

Para os efectos do disposto nesta cláusula, a Xunta de Galicia realizará as comprobacións que considere oportunas.

A Xunta de Galicia poderá aprobar só parte do importe da solicitude de pagamento e deixar outra parte pendente se considera que algunha das circunstancias que dan dereito ao desconto, ou a aplicación pola sociedade concesionaria do desconto aos usuarios, non están suficientemente acreditadas, e debe motivar tal rexeitamento.

4. Pagamento dos importes pola Administración.

A Administración procederá a aboar a liquidación mensual dentro dos sesenta días seguintes á data en que se entende devindicada.

O importe aboado pola Administración considerarase como prezo para os efectos do IVE. A liquidación mensual non deberá incluír o IVE.

A Xunta de Galicia entende que a bonificación cumpre os requisitos para ser considerada unha subvención vinculada ao prezo, polo que os importes percibidos pola sociedade concesionaria en virtude deste convenio se integrarán na base impoñible do imposto sobre o valor engadido, e a sociedade concesionaria repercutirá o dito imposto integramente aos usuarios.

5. Xuros de demora.

Se a Xunta de Galicia non fai efectivo á sociedade concesionaria o pagamento do importe da compensación no prazo dos sesenta días desde a recepción da liquidación mensual, a sociedade concesionaria terá dereito ao aboamento dos correspondentes xuros de demora sobre a cantidade debida, contado desde o vencemento do dito prazo de sesenta días, ao tipo do xuro legal do diñeiro, sempre que reclame previamente e por escrito o cumprimento da obriga.

6. Liquidación anual por reaxuste.

No primeiro semestre de cada ano natural efectuarase a liquidación anual por reaxuste correspondente ao exercicio anterior.

A Xunta de Galicia efectuará unha análise da aplicación dos descontos ao longo do ano natural anterior segundo a información sobre tránsitos e facturación, achegada pola sociedade concesionaria e a entidade financeira.

A dita comprobación terá como obxecto corrixir irregularidades ou pagamentos que a Xunta de Galicia non considere debidamente acreditados.

Cláusula 7. Información sobre tránsitos e pagamentos

1. Entidade financeira.

Para os efectos deste contrato, enténdese por entidade financeira aquela que realiza a xestión do cobramento do sistema de Vía T nas autoestradas AG-55 e AG-57 (a modo informativo, a entidade financeira actual é NCG, S.A., en virtude do acordo coa sociedade concesionaria do 15 de setembro de 2014).

2. Autorización.

A sociedade concesionaria obrígase a autorizar á entidade financeira encargada da xestión do cobramento do sistema de Vía T ou a que, se é o caso, a substitúa para que transmita de forma directa á Xunta de Galicia a seguinte información:

a) O reconto dos tránsitos realizados con dereito á bonificación da peaxe.

b) A xustificación da aplicación por parte da sociedade concesionaria da bonificación no importe da peaxe.

c) Certificado acreditativo dos ingresos mensuais efectuados a favor da sociedade concesionaria.

3. Información ordinaria.

A entidade financeira transmitirá mensualmente, dentro da primeira quincena de cada mes, de forma informatizada e en documento executable, á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, un resumo diario e mensual da dita información correspondente ao mes precedente, co seu importe correspondente.

4. Información adicional.

Así mesmo, a sociedade concesionaria facilitará á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia calquera información adicional que esta considere oportuna en relación coa aplicación da medida obxecto do presente convenio e coa verificación dos sistemas.

Cláusula 8. Datos de carácter persoal

1. A aplicación deste convenio levarase a cabo de forma que o tratamento dos datos persoais necesarios para a súa aplicación se faga conforme as normas de protección das liberdades e dereitos fundamentais das persoas, incluída a súa vida privada e, en particular, de conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. Igualmente, será de obrigado cumprimento, na súa aplicación específica ao servizo de telepeaxe, o que dispoñen, a ese respecto, a Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións, e a Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos á sociedade da información e de comercio electrónico.

Cláusula 9. Prevención da fraude

1. Xeral.

As partes comprométense a procurar unha correcta utilización da medida por parte dos usuarios, respectuosa e acorde coa finalidade pretendida pola Xunta de Galicia, e a evitar a súa aplicación fraudulenta.

2. Condutas fraudulentas.

En particular, non será de aplicación a medida de bonificación da peaxe cando poidan acreditarse calquera dos aspectos recollidos nos puntos seguintes:

a) No caso de que un vehículo realice o traxecto de ida e ceda o OBE a un segundo vehículo que realice o traxecto de volta, e se beneficie da bonificación do 25 por cento no traxecto de volta.

b) No caso de que un vehículo realice un traxecto de ida e volta con dereito a bonificación e ceda o OBE a outro(s) vehículo(s), que realicen un novo ou ulteriores traxectos de ida e volta con dereito á bonificación do 50 por cento no traxecto de volta.

c) Aqueloutros supostos que a Administración defina no futuro e notifique á sociedade concesionaria como actuacións fraudulentas en relación coa aplicación da medida regulada no presente convenio.

Serán responsables da conduta fraudulenta os que a realicen e os que presten a súa colaboración.

3. Persecución da fraude.

O disposto na presente cláusula enténdese sen prexuízo do dereito que corresponda á Administración para perseguir e sancionar as condutas fraudulentas en relación coa aplicación da peaxe, de conformidade coa lexislación vixente.

Cláusula 10. Regulación da medida

A sociedade concesionaria incorporará a medida recollida no presente convenio aos regulamentos do servizo da AG-55 e da AG-57, logo da aprobación do seu texto pola Axencia Galega de Infraestruturas.

Cláusula 11. Publicidade

A sociedade concesionaria deberá realizar actuacións de difusión da medida de bonificación da peaxe de forma que chegue ao coñecemento dos usuarios.

Cláusula 12. Equilibrio económico

As partes entenden que o pagamento da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia do importe regulado na cláusula 5.1.a) é suficiente para cubrir a perda de ingresos directos do usuario que lle ocasiona a aplicación da bonificación á sociedade concesionaria, así como calquera gasto que derive do cumprimento do presente convenio.

Cláusula 13. Prazo de vixencia

1. O presente convenio aplicarase desde o momento da entrada en vigor do decreto polo que se aprobe e permanecerá en vigor ata a súa extinción o 31 de decembro de 2019. Este prazo poderá ser prorrogado por acordo das partes mediante a subscrición da pertinente addenda.

2. A sociedade concesionaria deberá presentar á Administración a proposta de modificación dos regulamentos do servizo para a aplicación da bonificación no prazo de quince días desde a entrada en vigor do convenio.

3. Unha vez que se produza a extinción do convenio, a Xunta de Galicia non estará obrigada a efectuar o pagamento previsto na cláusula 5. De forma correlativa, a sociedade concesionaria tampouco estará obrigada a aplicar a bonificación prevista na cláusula 4.

Cláusula 14. Suspensión e resolución

A Administración poderá suspender a aplicación ou acordar a resolución do presente convenio en calquera momento se se alteran os motivos tidos en conta para o establecemento da bonificación ou concorren causas obxectivas que dalgún modo o xustificasen. A suspensión da aplicación ou acordo de resolución deberá notificarse por escrito cunha antelación mínima de tres meses á data da súa efectividade e con expresión dos seus motivos ou causas.

Serán causas de extinción deste convenio:

• O non cumprimento do seu obxecto.

• A inviabilidade da realización das actuacións descritas neste convenio por causas non imputables ás partes.

• O incumprimento de carácter total ou parcial de calquera das cláusulas do convenio. Entenderase por incumprimento parcial aquel que implica en maior ou menor grao a non consecución dos fins propios do convenio ou que impida de xeito directo ou indirecto as actuacións previstas nel.

• Renuncia por causas de interese público, por instancia de calquera das partes.

Cada unha das situacións descritas por si soas é causa suficiente de rescisión do convenio.

Cláusula 15. Réxime xurídico

O presente convenio rexerase polo disposto nas súas cláusulas, polas normas que regulan o contrato de concesión subscrito entre a Xunta de Galicia e Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A. o 11 de setembro de 1995, pola Lei 8/1972, do 10 de maio, de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, e polo Decreto 215/1973, do 25 de xaneiro, polo que se aproba o prego de cláusulas xerais para a construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión, e demais normas do dereito administrativo.

Cláusula 16. Cláusula de xurisdición

A xurisdición contencioso-administrativa será a competente para entender de calquera litixio, discrepancia, cuestión ou reclamación que xurda entre as partes relacionado coa interpretación e execución do presente convenio.

Cláusula 17. Comisión de seguimento

Para o seguimento e desenvolvemento do presente convenio constituirase unha comisión de seguimento e control, composta por dous vogais, un en representación da Xunta de Galicia, por proposta da Axencia Galega de Infraestruturas, e un en representación de Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A.

A comisión de seguimento e control estará presidida polo representante da Xunta de Galicia.

Ás reunións poderán asistir, como asesores, os técnicos que se xulgue conveniente.

A comisión reunirase ao longo da vixencia do convenio en sesión ordinaria unha vez ao ano e extraordinaria sempre que o requira o asunto que se vaia tratar, por solicitude dunha das partes.

E para que así conste, as partes asinan o presente convenio, en tres exemplares e para un único efecto, en Santiago de Compostela o 11 de decembro de 2015.

Ethel Mª Vázquez Mourelle Andrés Muntaner Pedrosa
Presidenta da Axencia Galega Autoestradas de Galicia,
de Infraestruturas Autopistas de Galicia,
Concesionaria de la Xunta de
Galicia, S.A.

missing image file