Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 2016 Páx. 6354

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 4 de febreiro de 2016 pola que se clasifica de interese asistencial a Fundación Educativa e Social Dignidade.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Educativa e Social Dignidade, con domicilio na rúa Perpetuo Socorro, 44, 4º esquerda, da cidade de Lugo.

Feitos:

1. Fernando Pérez Lozano, presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Educativa e Social Dignidade foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo o 30 de outubro de 2015, ante o notario Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias, co número de protocolo 2.692, pola Asociación Dignidad Lugo, que actúa representada polo seu presidente, Fernando Pérez Lozano.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– A protección da infancia, menores, inmigrantes e terceira idade, de acordo co previsto na lexislación autonómica, estatal e internacional aplicable;

– A prevención no ámbito da drogadición e a delincuencia xuvenil, de menores e mozos en xeral;

– Emprender centros, servizos e programas destinadas á atención, tratamento e reinserción de presos e ex-reclusos;

– Desenvolver centros, programas e pisos tutelados, orientados a conseguir unha maior participación da muller na sociedade, así como para procurar a atención e reinserción de mulleres en dificultade social;

– Promover a xestión e desenvolvemento de centros e programas destinados á atención e inserción lingüística e sociolaboral dos inmigrantes;

– Promover a igualdade nos ámbitos social e laboral entre o home e a muller;

– Promover a xestión e o desenvolvemento de centros e programas destinados á atención, tratamento, prevención e reinserción de drogodependentes e ex-toxicómanos;

– Emprender servizos e actuacións de cooperación para o desenvolvemento e a solidariedade en países en vías de desenvolvemento, ou colaborar con organizacións dedicadas a estes servizos.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Fernando Pérez Lozano como presidente, Marcos Zapata Figueiras como vicepresidente, Ana Isabel Pérez Lozano como secretaria e Rosa Ana Alvariño Méndez como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Educativa e Social Dignidade, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Política Social.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de sutonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 1 de febreiro de 2016.

DISPOÑO:

Clasificar de interese asistencial a Fundación Educativa e Social Dignidade, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderase interpor previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza