Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 3 de maio de 2016 Páx. 16335

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da denominación de orixe Ribeiro.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro solicitou a modificación do prego de condicións relativo a esta denominación de orixe protexida. Tras diversas modificacións sobre a proposta inicial por mor das suxestións realizadas desde a Administración, o Pleno do Consello Regulador, en sesión do pasado día 30 de marzo, aprobou o texto definitivo da modificación, para a súa tramitación de conformidade co establecido na normativa europea, estatal e autonómica.

A solicitude de modificación afecta diversos aspectos do prego de condicións e do documento único que serviron de base para a súa inscrición no rexistro europeo, e debe someterse a un proceso preliminar de publicidade para eventuais oposicións a nivel do Estado membro antes da súa tramitación aos servizos da Comisión Europea. Así o recolle o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios, que establece que os procedementos nacionais de oposición deben garantir unha publicación adecuada da solicitude e fixar un prazo mínimo de dous meses desde a data da publicación durante o cal, calquera persoa física ou xurídica que teña un interese lexítimo e resida ou estea establecida no seu territorio poida impugnar a modificación proposta presentando unha declaración debidamente motivada.

A normativa estatal reguladora desta materia é o Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, modificado polo Real decreto 149/2014, do 7 de marzo. De acordo co artigo 8.6 desta disposición, unha vez comprobado que a solicitude cumpre os requisitos establecidos na normativa reguladora, debe darse publicidade desta mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, para o inicio do prazo de presentación de eventuais oposicións. A publicación deberá incluír o enderezo da páxina web oficial onde se atoparán o novo prego de condicións e o documento único. Para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas cuxo ámbito abrangue máis dunha comunidade autónoma e que, polo tanto, son da competencia da Administración xeral do Estado, o dito real decreto fixou un período de oposición de dous meses, pero non fixou prazo para as de ámbito autonómico, por seren competencia das comunidades autónomas.

Por último, a normativa reguladora da materia no ámbito autonómico é o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Este decreto establece un procedemento para a publicidade e oposición no relativo a solicitudes de inscrición de novas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas, e tamén para as modificacións dos pregos de condicións das existentes, pero limitado aos produtos alimentarios, xa que no momento da súa aprobación, para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas vitivinícolas aínda non era de aplicación a normativa europea que exixe este trámite. O período para a presentación de oposicións que establece no caso das ditas denominacións de orixe e indicacións xeográficas do ámbito alimentario é de dous meses.

De acordo co artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten a competencia exclusiva, en colaboración co Estado, en materia de denominacións de orixe. As ditas competencias, para os produtos de orixe agraria, son exercidas pola Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, de acordo co que se establece no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da dita consellería.

Por todo o anterior, cumpridos os preceptivos trámites regulamentarios e vistas a disposicións citadas,

RESOLVO:

Ter por comprobada a documentación e continuar o procedemento de tramitación da solicitude de modificación do prego de condicións da denominación de orixe protexida Ribeiro, e dar publicidade á dita solicitude mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia do documento único onde se recolle o resumo dos datos do prego de condicións. O dito documento único, que figura como anexo I desta resolución, inclúe un vínculo á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atopa o texto íntegro do dito prego de condicións, no cal figuran sinalados os cambios respecto da versión vixente. A xustificación dos cambios que se pretenden realizar inclúese como anexo II desta resolución.

Tamén se dará publicidade da solicitude mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado, que incluirá os vínculos á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atopará o contido do prego de condicións e do documento único.

Desde o día seguinte ao da publicación máis tardía de ambas iniciarase o cómputo dun prazo de dous meses para que calquera persoa, física ou xurídica, que estea establecida ou resida legalmente en España, cuxos lexítimos intereses considere afectados, poida opoñerse ao rexistro da dita modificación mediante a correspondente declaración de oposición, dirixida á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural (Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante a Consellería do Medio Rural, de conformidade co previsto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

ANEXO I
Denominación de orixe protexida (DOP) Ribeiro

Documento único

1. Nome e tipo.

a) Denominación que debe rexistrarse: Ribeiro.

b) Tipo de indicación xeográfica: denominación de orixe protexida.

2. Categorías de produtos vitícolas.

1. Viño.

5. Viño espumoso de calidade.

15. Viño de uvas pasificadas.

3. Descrición dos viños.

a) Categoría viño.

a.1) Viño branco (Ribeiro branco).

• Breve descrición textual:

– Fase visual: transparente con tonalidades que varían do amarelo pálido ao amarelo dourado e reflexos que varían desde tonalidades verdes a tonalidades douradas.

– Fase olfactiva: olores limpos e francos coa presenza dalgún dos seguintes descritores: froitas maduras e froitas frescas, flores, meles, herbas aromáticas, vexetais e balsámicos.

– Fase gustativa: frescos, equilibrados e aromática retronasal sen defectos.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico total mínimo (en % vol.): 9,5.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol.): 9,5.

– Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro): 13,33.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 200.

a.2) Viño branco (Ribeiro castes branco).

• Breve descrición textual:

– Fase visual: transparente con tonalidades que varían do amarelo pálido ao amarelo dourado e reflexos que varían desde tonalidades verdes a tonalidades douradas.

– Fase olfactiva: olores limpos e francos coa presenza dalgún dos seguintes descritores: froitas maduras e froitas frescas, flores, meles, herbas aromáticas, vexetais e balsámicos, cunha maior complexidade que os da categoría Ribeiro branco e intensidades medias-altas.

– Fase gustativa: frescos, equilibrados e aromática retronasal sen defectos; cunha maior estrutura, volume, sapidez, extracto e persistencia que os da categoría Ribeiro branco.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico total mínimo (en % vol): 11.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol): 11.

– Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro): 13,33.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 200.

a.3) Viño branco (Ribeiro barrica branco).

• Breve descrición textual:

– Fase visual: transparente con tonalidades que varían do amarelo pálido ao amarelo dourado e reflexos que varían desde tonalidades verdes a tonalidades douradas.

– Fase olfactiva: complexos aromaticamente con olores limpos e francos, con equilibrio na achega aromática da madeira, de intensidade media a alta e coa presenza dalgúns dos seguintes descritores: froitas maduras, froitas frescas, froitos secos, flores, meles, confeituras, herbas aromáticas, vexetais, balsámicos, especiados, tostados e empireumáticos.

– Fase gustativa: frescos, equilibrados e intensos, sápidos e con extracto, de boa estrutura e volume, aromática retronasal sen defectos e alta persistencia.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico total mínimo (en % vol.): 12.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol.): 12.

– Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro): 13,33.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 200.

a.4) Viño tinto (Ribeiro tinto).

• Breve descrición textual:

– Fase visual: transparente e de capa media a alta, con tonalidades que varían do vermello violáceo ao vermello cereixa e reflexos que varían desde tonalidades violetas a tonalidades tella.

– Fase olfactiva: olores limpos e francos coa presenza dalgún dos seguintes descritores: froitas vermellas e negras, maduras e frescas, flores, herbas aromáticas, lácteos, vexetais e balsámicos.

– Fase gustativa: frescos, equilibrados, con estrutura tánica media a alta e aromática retronasal sen defectos.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico total mínimo (en % vol.): 9,5.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol.): 9,5.

– Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro): 13,33.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 150.

a.5) Viño tinto (Ribeiro castes tinto).

• Breve descrición textual:

– Fase visual: transparente e de capa media a alta, con tonalidades que varían do vermello violáceo ao vermello cereixa e reflexos que varían desde tonalidades violetas a tonalidades tella.

– Fase olfactiva: olores limpos e francos coa presenza dalgún dos seguintes descritores: froitas vermellas e negras, maduras e frescas, flores, herbas aromáticas, lácteos, vexetais e balsámicos. Con maior complexidade que os da categoría Ribeiro tinto e con intensidades medias-altas.

– Fase gustativa: frescos, equilibrados, con estrutura tánica media a alta e aromática retronasal sen defectos. Con maior finura tánica, volume, sapidez, extracto e persistencia que os da categoría Ribeiro tinto.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico total mínimo (en % vol.): 11.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol.): 11.

– Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro): 13,33.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 150.

a.6) Viño tinto (Ribeiro barrica tinto).

• Breve descrición textual:

– Fase visual: transparente e de capa media a alta, con tonalidades que varían do vermello violáceo ao vermello cereixa e reflexos que varían desde tonalidades violetas a tonalidades tella.

– Fase olfactiva: complexos aromaticamente con olores limpos e francos, con equilibrio na achega aromática da madeira, de intensidade media a alta e coa presenza dalgún dos seguintes descritores: froitas vermellas e negras maduras e frescas, froitos secos, flores, confeituras, herbas aromáticas, vexetais, lácteos, balsámicos, especiados, tostados, torrefactos e empireumáticos.

– Fase gustativa: frescos, equilibrados e intensos, sápidos e con extracto, de boa estrutura e volume, aromática retronasal sen defectos, e alta persistencia.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico total mínimo (en % vol.): 12.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol.): 12.

– Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 4.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro): 13,33.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 200.

b) Categoría viño espumoso de calidade.

• Breve descrición textual:

– Fase visual: transparente con burbulla fina e persistente de tonalidades que varían do amarelo pálido ao amarelo dourado (espumosos brancos), e do rosa framboesa ao rosa alaranxado (espumosos rosados); e reflexos que varían desde tonalidades verdes a tonalidades douradas (espumosos brancos), e tonalidades violáceas a tonalidades laranxas (espumosos rosados).

– Fase olfactiva: complexos aromaticamente con olores limpos e francos, de intensidade media a alta, coa presenza dalgún dos seguintes descritores: froitas maduras, froitas frescas, froitos secos, fermento, faragulla de pan, bolaría, flores, meles, confeituras, herbas aromáticas, vexetais, balsámicos, especiados e tostados.

– Fase gustativa: frescos, equilibrados e intensos, sápidos e con extracto, de media a alta estrutura e volume, con burbulla fina, persistente, agradable, fundente e cremosa, aromática retronasal sen defectos, persistencia media a alta.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico total mínimo (en % vol.): 10.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol.): 10.

– Acidez total mínima (en gramos/litro expresado en ácido tartárico): 5.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro): 16,66.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos/litro): 185.

c) Categoría viño de uvas pasificadas (Ribeiro tostado).

• Breve descrición textual:

– Fase visual: transparente, con tonalidades que varían do amarelo ámbar ao caoba e reflexos que varían desde tonalidades douradas a tonalidades castaño. No caso dos tintos poden aparecer tons avermellados.

– Fase olfactiva: complexos aromaticamente, con olores limpos e francos de intensidade media a alta coa presenza dalgún dos seguintes descritores: froitas maduras, froitas pasificadas, froitas confeitadas, froitos secos, meles, flores, herbas aromáticas, especiados, balsámicos, tostados, torrefactos, empireumáticos e madeiras nobres.

– Fase gustativa: doces e equilibrados, con moderado frescor, intensos, volume alto e sensación graxa, con extracto e moi sápidos, aromática retronasal sen defectos, de intensidade alta e longa persistencia.

• Características analíticas xerais:

– Grao alcohólico volumétrico total mínimo (en % vol.): 20,6.

– Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol.): 13.

– Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro): 35.

– Contido máximo total de anhídrido sulfuroso (en miligramos por litro): 250.

4. Prácticas vitivinícolas.

a) Prácticas enolóxicas esenciais.

a.1) Prácticas enolóxicas específicas.

– Viños brancos e tintos: o rendemento de extracción non será superior a 72 l de viño por cada 100 kg de uva tanto para os viños das categorías Ribeiro castes e Ribeiro barrica como para os viños espumosos de calidade. Para o resto dos viños, excepto os de uvas pasificadas, o máximo será de 74 litros de viño por cada 100 kg de uva.

– Os viños Ribeiro castes deberán estar elaborados exclusivamente con variedades preferentes. Teñen a dita consideración as seguintes: brancellao, albariño, treixadura, torrontés, sousón, mencía, loureiro branco (loureira), godello, ferrón, lado, caíño tinto, caíño longo, caíño bravo e caíño branco.

– Os viños Ribeiro barrica estarán elaborados exclusivamente con variedades preferentes e nalgún momento da súa elaboración deberán estar contidos en barrica dun volume máximo de 600 litros.

– Os viños espumosos estarán elaborados polo «método tradicional» e exclusivamente con variedades preferentes.

– Viños tostados: elaboraranse con uvas das variedades preferentes. A pasificación realizarase en locais cubertos, durante un mínimo de 3 meses. O mosto deberá ter un contido mínimo de azucres de 350 g/l e o rendemento de extracción non superará os 40 l de viño por cada 100 kg de uvas pasas. Someterase a proceso de maduración en cubas de carballo ou de cerdeira por un tempo mínimo de 6 meses. Pasará un proceso de maduración en botella non inferior a 3 meses.

a.2) Prácticas culturais.

– As novas plantacións terán unha densidade mínima de 3.000 cepas por hectárea. A poda anual realizarase en guyot, cordón, vaso alto tradicional ou en polgar. A condución será en espaller ou con titores.

b) Rendementos máximos.

A produción máxima por hectárea será de:

– 13.000 kg e 96,2 hl para as variedades brancas preferentes.

– 12.000 kg e 88,80 hl para as variedades tintas preferentes.

– 19.000 kg e 140,60 hl para as variedades autorizadas.

5. Zona delimitada.

A zona de delimitada está formada pola totalidade dos termos municipais de: Ribadavia, Arnoia, Castrelo de Miño, Carballeda de Avia, Leiro, Cenlle, Beade, Punxín e Cortegada; e parte dos termos municipais do Carballiño, Boborás, Ourense, Toén e San Amaro. Todos estes termos municipais están na provincia de Ourense, na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Principais uvas de vinificación.

Brancellao, albariño, treixadura, torrontés, sousón, mencía, loureiro branco (loureira), godello, ferrón, lado, caíño tinto, caíño longo, caíño bravo e caíño branco.

7. Descrición do/dos vínculo/s.

– Viños.

A comarca sitúase na denominada zona de transición de Galicia, xerada en conxunto pola orografía protectora da contorna e a proximidade do Océano Atlántico. Presenta un clima temperado de influencia atlántica con importantes diferenciais térmicos entre día e noite, unha escasa pluviometría desde a calladura e solos agrestes de baixa capacidade de campo e orografía accidentada. A súa natural vocación vitícola determinou a explotación agraria desde sempre e propiciou a obtención de variedades autóctonas perfectamente adaptadas á contorna mediante selección e hibridación. O resultado son viños frescos e equilibrados, nos cales destacan os aromas primarios.

– Viños espumosos de calidade.

A principios dos anos oitenta do século pasado empezáronse a facer as primeiras elaboracións de viños espumosos na denominación de orixe Ribeiro mediante o «método tradicional». A utilización en exclusiva de variedades preferentes, todas elas variedades autóctonas adaptadas ao clima da comarca, temperado de influencia atlántica con importantes diferenciais térmicos entre o día e a noite e unha escasa pluviometría desde a calladura, e aos seus solos, de baixa capacidade de campo e enmarcados nunha orografía accidentada, dan lugar a viños espumosos de características singulares.

– Viños de uva pasificada (tostados).

O tostado do Ribeiro é un viño naturalmente doce que debe as súas características particulares tanto á materia prima con que se elabora, uvas todas elas autóctonas da zona adaptadas ás particulares condicións do medio –cun clima temperado de influencia atlántica con importantes diferenciais térmicos entre o día e a noite, unha escasa pluviometría desde o callado e solos agrestes de baixa capacidade de campo e orografía accidentada–, como ás específicas técnicas de elaboración –entre as que destaca a maneira en que se realiza a pasificación das uvas en locais cubertos– que foron desenvolvidas ao longo dos anos polos produtores locais.

8. Outras condicións esenciais.

a) Envasado na zona delimitada.

O envasado terá lugar na zona xeográfica delimitada.

b) Disposicións adicionais relativas á etiquetaxe.

Nas etiquetas dos viños embotellados figurará o logotipo e o nome da denominación de orixe.

Os diferentes tipos de viños elaborados poderán levar ademais na etiquetaxe as mencións «castes», «barrica», «espumoso» e «tostado», segundo corresponda, se cumpren os requisitos establecidos no prego de condicións para o uso destes termos.

As marcas e etiquetas que se empreguen para os viños das tipoloxías baseadas no uso das variedades preferentes non se poderán usar no resto dos viños da denominación.

Na etiquetaxe dos viños das categorías «castes» e «barrica» deberá figurar o ano de colleita.

Os envases irán provistos de precintas de garantía ou contraetiquetas numeradas, expedidas polo Consello Regulador, que deberán ser colocadas na propia adega.

Referencia á publicación do prego de condicións:

http://mediorural.xunta.gal/uploads/media/DOP_RIBEIRO_Pliego_Condiciones_2016_CCC.pdf

ANEXO II
Denominación de orixe protexida (DOP) Ribeiro

Xustificación dos cambios do prego de condicións

Descrición dos viños.

A principal modificación que se expón no prego de condicións da DOP Ribeiro afecta esta epígrafe. O prego de condicións vixente recolle a protección de produtos da categoría 1 (viños brancos e tintos) e da categoría 15 (viño de uvas pasificadas).

• Viños espumosos de calidade.

Coa modificación preténdese, entre outras cuestións, incluír unha nova categoría, a 5, correspondente aos viños espumosos de calidade, que deberán ser elaborados polo «método tradicional» exclusivamente con uvas brancas ou tintas de variedades cualificadas como preferentes, de acordo co que máis adiante se expón.

Xa nos anos 20 do século pasado se empezaron a facer elaboracións de espumosos no Ribeiro, tradición que continuou con distintos elaboradores ata finais do século. Co tempo e en gran parte debido a momentos difíciles para a denominación de orixe, a práctica quedou moi reducida, unicamente con pequenas elaboracións anecdóticas, curiosidades principalmente dedicadas a obsequios ou deleite de ilustres visitantes. Pero nos últimos anos está a rexurdir de novo esta elaboración, debido ás positivas experiencias pasadas e a un mercado de consumidores cada vez máis exixente, ávido de novidades e disposto a pagar por un produto exclusivo e relativamente custoso, todo iso intensificado polas iniciativas de denominacións de orixe próximas e limítrofes, que xa teñen amparados pola súa regulamentación viños espumosos. Púidose comprobar, polas experiencias realizadas, que as variedades preferentes da denominación de orixe elaboradas mediante o «método tradicional de espumosos» proporcionan uns viños de alta calidade. Esta alta calidade obtense principalmente coas variedades que achegan maior estrutura á vez que presentan unha boa conservación da acidez e o pH, nunhas ocasións soas e noutras mesturadas con variedades tamén preferentes aínda que menos propicias individualmente, pero que contribúen achegando interesantes equilibrios e complexidades ao conxunto.

• Ribeiro castes.

Por outra banda, dentro da categoría 1 (viños), no novo prego de condicións establécese unha diferenciación con base nas variedades utilizadas na elaboración, de maneira que os viños brancos e tintos que se elaboren exclusivamente con determinadas variedades consideradas preferentes –todas elas variedades autóctonas, moi adaptadas ás condicións naturais do territorio– levarán a mención «castes». De acordo con isto, realízase a descrición analítica e organoléptica destes viños, que son os máis característicos e representativos da denominación de orixe. A utilización da mención «castes» na etiquetaxe facilitará ao consumidor a identificación destes viños no mercado.

• Ribeiro barrica.

Tamén dentro da categoría 1 se establece outra tipoloxía de viños, aplicable a aqueles brancos e tintos que sufriron algún proceso de envellecemento en barricas de madeira, que se identificarán no mercado coa mención «barrica». No novo prego de condicións establécense os parámetros analíticos e organolépticos que identificarán estes viños, que deberán ser elaborados exclusivamente con variedades preferentes.

Na elaboración dos viños do Ribeiro as madeiras inicialmente utilizáronse como un mero continente, en adega e para facilitar o transporte do viño, pero posteriormente tamén se observaron as súas calidades como coadxuvante tecnolóxico. Ao longo da historia fóronse utilizando distintas madeiras como castiñeiro, carballo ou cerdeira segundo se reflicte na documentación histórica, pero actualmente o carballo é a madeira máis utilizada para a elaboración de viños tranquilos e faise frecuentemente referencias na etiquetaxe a esta particularidade xa desde hai varias décadas. Por iso, viuse a necesidade de establecer uns criterios en canto ao sistema de elaboración e etiquetaxe co obxecto de evitar un mal uso da mención ante o consumidor. Desta maneira, os viños que leven esta mención teñen que estar elaborados exclusivamente con variedades preferentes e deberán permanecer en barricas de madeira dun máximo de 600 litros, conforme o establecido no anexo III do Real decreto 1363/2011.

• Axustes nas categorías xa existentes.

Por último, dentro deste punto do prego de condicións faise algún pequeno axuste na descrición organoléptica e nos valores analíticos dos viños brancos e tintos e do tostado, froito dos datos obtidos e da experiencia adquirida nos últimos anos. Así, elévase o grao alcohólico mínimo (total e adquirido) tanto nos brancos como nos tintos, increméntase a acidez total máxima nos viños brancos, redúcese a acidez total mínima nos tintos e, no caso do tostado, increméntanse o grao alcohólico total natural e o contido mínimo en azucres totais.

Prácticas vitivinícolas.

• Prácticas culturais.

– Densidade de plantación:

No novo prego de condicións establécese unha densidade de plantación mínima de 3.000 cepas/ha, en substitución do requisito que se prevé no prego de condicións vixente, no cal se recolle unha densidade máxima de 7.000 cepas/ha. Este novo requisito establécese para ser coherentes coa realidade actual e consecuentes coa tradición da denominación de orixe. As altas densidades identificaron historicamente a denominación de orixe Ribeiro, con plantacións que roldaban as 10.000 cepas/ha. Pero en determinadas épocas considerouse que este factor era contraproducente para lograr producións de calidade e a posibilidade de mecanización das explotacións, o que ocasionou que na normativa da denominación de 1976 se recollese un máximo de 7.000 cepas/ha, limitación que non existía na normativa anterior, de 1957.

– Poda e sistemas de condución:

Na nova versión do prego de condicións faise unha descrición máis detallada dos sistemas de poda e de condución admitidos, e recóllense referencias á poda en cordón, en vaso alto tradicional e guyot.

A poda en cordón non é tradicionalmente característica da denominación de orixe Ribeiro, pero este sistema está a implantarse con firmeza na zona, por varias razóns contrastadas: pola súa gran comodidade á hora de realizar a operación, polos beneficios en viticultura que a disposición de acios e follaxe proporcionan, pola súa capacidade sobre o control dos rendementos produtivos e pola boa calidade das uvas obtidas. Por estas razóns considerouse a idoneidade de incluír este sistema de poda dentro dos permitidos na denominación de orixe.

A poda en vaso alto é a máis antiga das que hai constancia no Ribeiro e aínda está presente nalgunhas viñas. Nela déixanse o número conveniente de polgares e algunha vara, con titores que soportan os brazos e o tronco nas cepas de pouca idade. Cando se introducen na viña os sistemas de condución mediante arames, comézase a implantar o sistema de daga e espada, que vén sendo o guyot, agora citado no prego de condicións modificado.

• Prácticas enolóxicas específicas.

– Rendemento na elaboración:

O prego de condicións vixente establece un rendemento máximo na elaboración de 70 litros de viño por cada 100 kg de uva. Con todo, a moderna tecnoloxía empregada na elaboración permite rendementos de extracción máis elevados sen detrimento da calidade. Por iso, preténdese incrementar lixeiramente este rendemento, tomando en consideración o tipo de uva e a clase de viño. Desta maneira, elevaríase este rendemento ata os 72 litros de viño por cada 100 kg de uva no caso das variedades preferentes cando vaian ser empregadas para a elaboración de viños das categorías castes, barrica, espumoso ou tostado, e 74 litros por cada 100 kg de uva para o resto dos viños.

– Contido mínimo en azucres do mosto para a elaboración do tostado:

A experiencia adquirida nos últimos anos e os resultados observados na elaboración de Ribeiro tostado aconsellan elevar o contido mínimo en azucres do mosto procedente das uvas pasificadas dos 300 g/l actuais a 350 g/l.

– Rendementos por hectárea:

Os rendementos recollidos no prego de condicións vixente, 30.000 kg/ha, son os que recollía a normativa reguladora desta denominación de orixe aprobada en 1976. Correspóndense con outros tempos e outra visión da vitivinicultura que xa non é a de hoxe. Para unha maior calidade da materia prima e, por tanto, dos viños amparados pola denominación de orixe, preténdese unha importante redución dos devanditos rendementos por hectárea, que quedarían do seguinte modo:

– 13.000 kg de uva e 96,2 hl de viño para as variedades brancas preferentes.

– 12.000 kg de uva e 88,80 hl de viño para as variedades tintas preferentes.

– 19.000 kg de uva e 140,60 hl de viño para as variedades autorizadas.

Variedades de uva.

• Clasificación de variedades.

En relación con este tema, unha das principais novidades da modificación do prego de condicións consiste na división das variedades de uva que se poden utilizar para a elaboración do viño da denominación de orixe Ribeiro en dúas categorías: variedades preferentes (ou principais) e variedades autorizadas. A división realízase principalmente en función da calidade que proporcionan aos viños da denominación de orixe, calidade que se establece mediante dous criterios principais, por unha banda a calidade puramente técnica e por outra banda a capacidade de diferenciación que proporcionan ao produto as variedades preferentes. As variedades preferentes na súa maioría son autóctonas da denominación de orixe ou, cando menos, as máis características e, en todo caso, as recomendadas segundo a clasificación de variedades establecida pola Comunidade Autónoma de Galicia. A clasificación quedaría do seguinte modo:

– Variedades preferentes:

Tintas: caíño tinto, caíño bravo, caíño longo, ferrón, sousón, mencía e brancellao.

Brancas: treixadura, torrontés, godello, lado, caíño branco, loureira e albariño.

– Variedades autorizadas:

Tintas: garnacha tintureira e tempranillo.

Brancas: palomino e albillo.

Os viños, tanto os da categoría castes como os que leven o termo barrica, ademais dos viños espumosos de calidade e dos viños naturalmente doces, teñen que estar elaborados exclusivamente con variedades preferentes.

• Inclusión e exclusión de variedades.

No novo prego de condicións proponse incluír as variedades brancas lado e caíño branco, ambas como preferentes, e eliminar a variedade branca macabeo. A seguir, recollemos unha explicación destes cambios.

– Lado (inclusión):

Lado é unha variedade recomendada para a Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coa normativa española e autóctona da zona xeográfica que comprende a denominación de orixe Ribeiro. Pódese afirmar que esta xorde e utilízase nesta contorna antes que en calquera outra zona de elaboración. No seu momento, no primeiro regulamento da denominación de orixe de 1957 non foi protexida, por razóns que a día de hoxe non coñecemos con certeza, quizais porque nesas épocas o seu cultivo era pouco representativo. Con todo, xa en abril de 1988, o Pleno do Consello Regulador aprobou, logo de analizar os ensaios realizados na súa adega experimental, solicitar á Administración a súa utilización e inclusión no regulamento da denominación de orixe, tal e como consta na correspondente acta.

É unha variedade que, como é lóxico segundo o anteriormente exposto, está perfectamente adaptada ás condicións agroclimáticas da contorna e aos sistemas de cultivo tradicionais da comarca, que achega calidade e carácter diferenciado aos viños da zona, polo que se observa a necesidade de aprobar a súa utilización.

– Caíño branco (inclusión):

Trátase tamén dunha variedade recomendada para Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coa normativa española e na zona do Ribeiro foise introducindo aos poucos desde hai varias décadas, principalmente a partir das zonas limítrofes coa denominación de orixe Rías Baixas, que xa a ten regulada. Inicialmente a súa repercusión así como a demanda por parte dos viticultores e elaboradores foi escasa, polo que non se viu a necesidade de incluíla na regulamentación da denominación de orixe, pero pouco a pouco, debido á súa boa adaptación á contorna agroclimática e aos sistemas de cultivo tradicionais da zona, xunto coa positiva achega de calidade nos viños en que intervén, provocou a demanda do sector para a súa inclusión na regulamentación para poder elaborar viños con esta variedade acollidos á denominación de orixe Ribeiro.

– Macabeo (exclusión):

Esta variedade, a pesar de constar na regulamentación da denominación de orixe Ribeiro desde o seu primeiro regulamento de 1957, observouse que actualmente non é representativa da zona, tanto desde o punto de vista produtivo como de achega de calidade e diferenciación dos viños acollidos á denominación de orixe. Por iso, por demanda do sector, proponse prescindir desta variedade para a elaboración de viños con denominación de orixe Ribeiro.