María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fai saber que por resolución ditada no día da data, no proceso seguido por instancia de Assane Ngom contra Allianz Ras Seguros y Reaseguros, S.A., Construcciones Silne, S.L., en reclamación por ordinario, rexistrado co nº de procedemento ordinario 510/2013, se acordou, en cumprimento do que dispón o artigo 59 da LXS, citar a Construcciones Silne, S.L., en ignorado paradoiro, co fin de que compareza o día 18.7.2016, ás 13.15 horas, na planta baixa, sala 1, edificio rúa Berlín, para a celebración dos actos de conciliación e, de ser o caso, xuízo.
Poderá comparecer persoalmente ou mediante persoa legalmente apoderada e deberán acudir con todos os medios de proba de que se intenten valer, coa advertencia de que é única convocatoria e que estes actos non se suspenderán por falta inxustificada de asistencia.
Faise saber que a parte demandante indicou que acudirá ao acto de xuízo con avogado para a súa defensa e/ou representación, o que se lle comunica para os efectos oportunos.
Advírtese que a parte demandante solicitou como probas:
Procede, conforme o artigo 82.4 da LXS, por petición de parte, a presentación anticipada da documentación seguinte, con cinco días de antelación ao día do xuízo, para o cal se require a Construcciones Silne, S.L.:
– Acta de entrega de EPI’S realizado a Assane Ngom (botas de seguridade, lentes de protección, fundas de traballo, luvas de seguridade, dispositivo esvaradío antiácidos,...) con data de sinatura do 7/2008.
– Modelo de consentimento/renuncia do traballador Assane Ngom para someterse aos exames de vixilancia da saúde, con data de sinatura do 5.12.2008.
– Listaxe de traballadores que recibiron información acerca dos riscos e medidas preventivas do seu posto de traballo, datas 2.6.2008 e 8/2008, data esta última en que resulta incluído Assane Ngom.
Ao terse solicitado o interrogatorio de parte do representante legal de Construcciones Silne, S.L. e ao ser esta persoa xurídica, débense facer as advertencias que se conteñen no artigo 91.3 e 5 da LXS. Conforme dispón tal precepto, o interrogatorio das persoas xurídicas privadas practicarase con quen legalmente as represente e teña facultades para responder a tal interrogatorio. Se o representante en xuízo non interviñese nos feitos, deberá presentar no xuízo a persoa coñecedora directa destes. Con tal fin, a parte interesada poderá propor a persoa que se deba someter ao interrogatorio, xustificando debidamente a necesidade do dito interrogatorio persoal.
A declaración das persoas que actuasen nos feitos litixiosos en nome do empresario, cando sexa persoa xurídica privada, baixo a responsabilidade deste, como administradores, xerentes ou directivos, soamente se poderá acordar dentro do interrogatorio da parte por conta da cal actuasen e en calidade de coñecedores persoais dos feitos, en substitución ou como complemento do interrogatorio do representante legal, salvo que, en función da natureza da súa intervención nos feitos e posición dentro da estrutura empresarial, por non prestar xa servizos na empresa ou para evitar indefensión, o xuíz ou tribunal acorde a súa declaración como testemuñas.
A presentación con cinco días de antelación ao acto do xuízo dos seguintes documentos:
– Comunicación do accidente de traballo á autoridade laboral e parte de accidente de traballo acaecido o 17.12.2008.
– Informe de investigación do accidente de traballo de 17.12.2008.
– Plan de prevención, avaliación de riscos laborais e planificación da actividade preventiva, vixentes na empresa na data do accidente de traballo, 17.12.2008.
– Plan de seguridade e saúde da obra que se realizaba en Ortoño, onde resultou accidentado Assane Ngon con data do 17.12.2008.
– Xustificante de entrega ao traballador Assane Ngom do manual de información.
– Xustificante da formación en materia de seguridade e saúde impartida ao demandante.
– Contratos de traballo formalizado con Assane Ngom e liquidación e quitanza, así como certificado de empresa.
– Boletíns de cotización relativos ao último ano en que o traballador estivo de alta na empresa.
– Recibos de salarios correspondentes ao último ano en que o traballador estivo de alta na empresa.
– Póliza de seguro de responsabilidade civil obrigatoria vixente na data do accidente de traballo sufrido polo demandante.
– Contrato subscrito coa promotora da obra de rehabilitación da vivenda sita en Maguxe-Ortoño (Ames), en que estaba traballando o demandante cando sufriu o accidente de traballo.
Advírtese que se os citados documentos non se presentan no xuízo sen mediar causa xustificada, poderanse considerar probadas as alegacións da parte contraria en relación coa proba acordada (artigo 94.2 LXS).
Advírtese os destinatarios de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, agás no suposto da comunicación das resolucións que sexan autos ou sentenzas, ou cando se trate de emprazamento.
En caso de que pretendan comparecer no acto de xuízo asistidos de avogado ou representados tecnicamente por graduado social colexiado, ou representados por procurador, porán esta circunstancia en coñecemento do xulgado ou tribunal por escrito, dentro dos dous días seguintes ao da súa citación para o xuízo co obxecto de que, unha vez trasladada esta intención ao demandante, poida este estar representado tecnicamente por graduado social colexiado, ou representado por procurador, designar avogado noutro prazo igual ou solicitar a súa designación a través da quenda de oficio. A falta de cumprimento destes requisitos supón a renuncia da parte ao dereito de se valer no acto de xuízo de avogado, procurador ou graduado social colexiado.
E para que sirva de citación a Construcciones Silne, S.L., expídese a presente cédula para a súa publicación no Boletín Oficial da provincia e colocación no taboleiro de anuncios.
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2016
A letrada da Administración de xustiza