Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 12 de agosto de 2016 Páx. 36213

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2016, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do II Convenio colectivo da empresa Supervisión y Control, S.A.

Visto o texto do II Convenio colectivo da empresa Supervisión y Control, S.A. (código 82100012012012), que subscribiu o 21 de xuño de 2016 a comisión negociadora conformada polas partes designadas pola dirección da empresa, na súa representación, e pola representación dos traballadores e traballadoras (CIG, CC.OO. e UGT), e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2016

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

II Convenio colectivo de Supervisión y Control, S.A. 2015-2018

Artigo 1. Ámbito territorial

O convenio colectivo será aplicable, dentro do seu ámbito funcional, nos centros de traballo actualmente existentes en Galicia e nos que se poidan crear nun futuro.

Artigo 2. Ámbito persoal e funcional

As condicións reguladas no presente convenio afectarán o persoal de todas as estacións da Comunidade Autónoma de Galicia encadrado nos seguintes postos de traballo: xefe/a de equipo, xefe/a de liña, inspector/a, administrativo/a de estación, inspector/a de entrada e administrativo/a de entrada.

Artigo 3. Xornada

A xornada operativa de traballo de Supervisión y Control, S.A. será de 1.633,5 horas anuais de media durante os 4 anos de vixencia do convenio (2015, 2016, 2017, 2018), incluída a formación obrigatoria (que será de 28 horas anuais cada ano).

Serán días non laborables:

– Sábado santo.

– 24 e 31 de decembro.

Ademais, os/as traballadores/as poderán gozar de 2 días de libre disposición anuais, garantindo as necesidades do servizo, non remunerados ou recuperables ou descontados das vacacións.

Co fin de establecer normas que permitan o desfrute dos días de libre disposición sen prexudicar as necesidades do servizo, ambas as partes chegan aos seguintes acordos:

• Número máximo de persoas que poden desfrutar simultaneamente os días de libre disposición:

– En estacións de 1, 2 e 3 liñas, 1 persoa por estación e día.

– En estacións de 4 liñas en diante, 1 persoa de nave e 1 persoa de oficina por estación e día.

En caso de que as peticións superen os límites indicados, resolveranse atendendo á orde de presentación da solicitude.

• Aviso previo: con carácter xeral solicitaranse os días de libre disposición cun aviso previo de 15 días, salvo motivo xustificado imprevisto.

En caso de que estas normas non sexan suficientes para evitar problemas de organización do traballo, resolverase na comisión mixta.

A xornada de convenio establécese en 1.760 horas anuais ou a que estableza o convenio provincial para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña en cada momento. A diferenza entre a xornada de convenio e a xornada operativa SyC destinarase única e exclusivamente para o tempo investido nos desprazamentos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e o tempo necesario para a realización dos test de coñecementos e recoñecementos médicos, e isto non pode en ningún caso superar a diferenza entre esta xornada e a establecida para o convenio provincial para a industria siderometalúrxica da Coruña (exemplo para o ano 2015: 1.760-1.633,5= 126,5 horas).

Artigo 4. Vacacións

O persoal gozará de 23 días laborables de vacacións retribuídas anuais, que se poden fraccionar nun máximo de tres períodos de 5 días laborables como mínimo. Os ditos períodos comprenderán un máximo de catro sábados.

As vacacións quedarán fixadas a finais do ano anterior ao desfrute. Para a elaboración dos calendarios anuais, a primeira regra será a proposta dos/das traballadores/as de mutuo acordo coa empresa, mantendo as necesidades do servizo. Se non hai acordo entre o/a traballador/a e a empresa, mediaría con ambas as partes o/a delegado/a de persoal ou comité de empresa, segundo corresponda.

Fíxanse como necesidades do servizo, para efectos de determinar o número máximo de traballadores/as que poderán desfrutalas simultaneamente, as establecidas por centro e período na seguinte táboa. Os traballadores agruparanse en dous colectivos, nave e administrativos.

Nave

*0,5= 1 persoa medio mes

Persoal

Vacacións

<=9

1

10>=<12

1,5*

13>=<16

2

17>=<19

2,5*

20>=<23

3

24>=<25

3,5*

26>=<28

4

>=29

5

Persoal administrativo: poderá irse 1 persoa simultaneamente e é necesario que o desfrute das vacacións do persoal do centro se realice de forma sucesiva.

Como excepción á regra xeral:

• En estacións de 4 ou máis administrativos/as poderán desfrutar fóra do período de vacacións sucesivas 5 días consecutivos por persoa (nun único período). Os ditos períodos cubriranse con distribución heteroxénea da xornada.

• Nas estacións de 6 ou máis administrativos/as poderán ir 2 persoas simultaneamente de vacacións.

Non chegando a un acordo segundo o texto anterior, 12 días serán a conveniencia do traballador e 11 da empresa.

Artigo 5. Gratificación de convenio

A empresa distribuirá no primeiro cuadrimestre dos anos 2016, 2017, 2018 e 2019 a seguinte gratificación de convenio:

a) A gratificación devindicada do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2015 aboarase antes do 31 de xullo de 2016, cun importe de 600 euros.

b) A gratificación devindicada do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2016 aboarase no primeiro cuadrimestre de 2017, cun importe de 600 euros máis a porcentaxe que resulte de aplicar o IPC real do ano 2016.

c) A gratificación devindicada do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2017 aboarase no primeiro cuadrimestre de 2018, cun importe equivalente á cantidade aboada en 2017 máis a porcentaxe que resulte de aplicar o IPC real do ano 2017.

d) A gratificación devindicada do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2018 aboarase no primeiro cuadrimestre de 2019, cun importe equivalente á cantidade aboada en 2018 máis a porcentaxe que resulte de aplicar o IPC real do ano 2018.

Terán dereito a esta gratificación de convenio os/as traballadores/as que prestasen os seus servizos de forma ininterrompida durante 12 meses no período de devindicación en proporción á xornada traballada. Ás cantidades das alíneas a, b, c e d aplicaráselles o seguinte baremo de penalización:

1. Procesos de incapacidade temporal derivados de enfermidade común ou de accidente de traballo motivado pola non utilización de equipamentos de protección individual, sempre e cando quede constatada a entrega previa dos EPI e a formación e información, e cando o Servizo de Prevención prevexa a súa necesidade de utilización:

Duración superior a 45 días: -100 %.

Duración entre 45 e 30 días: -50 %.

Duración entre 29 e 15 días: -25 %.

Duración entre 14 e 7 días: -10 %.

Exceptúanse as situacións de maternidade e paternidade.

2. Presenza: as ausencias inferiores a unha xornada sen xustificar acumularanse a razón de 10 euros por cada 8 horas.

Descontaranse 10 euros por cada día de ausencia, excepto por licenzas retribuídas.

As faltas de puntualidade sen xustificar contaranse a razón de 10 euros por hora, acumulando as fraccións inferiores.

3. Formación: restaranse 10 euros por cada hora de ausencia á formación obrigatoria (exceptuando vacacións, maternidade, paternidade e licenzas retribuídas e días de libre disposición regulados no artigo 3, salvo que exista un ofrecemento de acudir noutras datas).

Aptitude para o posto de traballo: faranse dous test por cada posto que demostren os coñecementos correspondentes, que se non se superan restarán 20 euros por exame (exceptuando vacacións, maternidade, paternidade, licenzas retribuídas e días de libre disposición regulados no artigo 3, salvo que exista un ofrecemento de acudir noutras datas).

Artigo 6. Incremento salarial

Ano 2015: 0 %.

Ano 2016: 1 %.

Ano 2017: IPC real (maior ou igual a 0) en 31 de decembro de 2016, incrementado nun 1 %, co tope total do 4 %.

Ano 2018: IPC real (maior ou igual a 0) en 31 de decembro de 2017, incrementado nun 1 %, co tope total do 4 %.

Os incrementos salariais aplicaranse sempre sobre as táboas salariais da empresa do ano anterior e nunca quedarán por debaixo das táboas do convenio da industria siderometalúrxica da provincia da Coruña. Así, do incremento salarial do ano 2015 resultan as seguintes táboas:

Grupo e nivel

Salario 2015

5B xefe/a de equipo

30.931,71

5B xefe/a de liña

Nivel I

28.166,43

Nivel II

25.320,90

5B inspector/a

Nivel I

22.194,28

Nivel II

21.600,38

6 inspector/a entrada

20.286,49

5A administrativo/a

Nivel I

22.194,28

Nivel II

22.176,37

6 administrativo/a entrada

20.286,49

* Non se inclúe nas anteriores táboas salariais:

– O complemento de antigüidade do artigo 50 do convenio de Sideiro A Coruña, que se actualizará, para os/as traballadores/as que o veñen percibindo na actualidade, segundo o dito convenio.

– Os complementos de posto actualizaranse para os anos 2016, 2017 e 2018 no IPC real do ano anterior (complemento de móbil, complemento de foso e complemento de mando).

Artigo 7. Estacións móbiles

Cando un/unha traballador/a preste os seus servizos nunha unidade móbil, o seu lugar de traballo será o da localización da estación en cada momento, e será centro de traballo a estación fixa a que está adscrita a móbil.

Por razón do desprazamento que realizan ás localidades de localización das móbiles 1 a 6 e 10 segundo o calendario anual correspondente, os/as traballadores/as percibirán por día efectivo de traballo na estación móbil unha axuda de custo en compensación aos gastos de desprazamento e manutención, segundo a seguinte escala:

Grupo I …………………………39 euros

Grupo II ………………………...45 euros

Grupo III …….………………….56 euros

Grupo IV ………………………..70 euros

Xúntanse en anexo os grupos e destinos.

Nos casos en que os/as traballadores/as que se desprazan en vehículo de empresa (móbiles 7, 8 e 9), percibirán por día efectivo de traballo unha axuda de custo en compensación aos gastos de manutención segundo a seguinte escala:

Grupo A …………………………20 euros

Grupo B ………………………....25 euros

Xúntanse en anexo os grupos e destinos.

No caso de que temporalmente presten os seus servizos en unidade móbil traballadores/as pertencentes a centros de traballo diferentes ao de adscrición da móbil, as axudas de custo calcularanse atendendo á distancia existente entre o centro de traballo de orixe do/da traballador/a e o lugar de localización da móbil en cada momento.

Artigo 8. Xubilación parcial

Os/as traballadores/as que así o decidan poderán acollerse á xubilación parcial nos termos establecidos no convenio colectivo para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña e na lexislación laboral vixente en cada momento.

Artigo 9. Período de proba

Os contratos temporais terán un período de proba de 2 meses.

Artigo 10. Comisións paritarias

No prazo de 1 mes desde a sinatura do presente convenio formalizaranse as seguintes comisións paritarias:

– Comisión mixta: como órgano de interpretación, conciliación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do pactado neste convenio e todas aquelas que lle reserve a lexislación vixente en cada momento.

As súas funcións específicas serán as seguintes:

1. Interpretación auténtica do convenio.

2. Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidas por ambas as partes de común acordo en asuntos derivados deste convenio.

3. Conciliación facultativa nos problemas colectivos con independencia das atribucións que por norma legal poidan corresponder aos organismos correspondentes.

4. Vixilancia e seguimento do cumprimento do pactado.

5. Estudo da evolución das relacións entre as partes contratantes.

6. Cantas outras cuestións tendan á maior eficacia práctica do convenio.

7. Coñecer e resolver sobre as solicitudes de inaplicación das condicións do convenio que se lle sometan.

8. Todas aquelas atribuídas polo Estatuto dos traballadores e demais normativa vixente.

Os acordos ou resolucións adoptados por unanimidade de todos os membros presentes da comisión mixta terán carácter vinculante.

De non obterse unanimidade, seguiranse, para a resolución das cuestións formuladas, as canles legalmente previstas.

A comisión mixta estará integrada por seis vogais, tres pola empresa e tres polos/as traballadores/as, que serán designados entre as respectivas representacións asinantes do convenio.

Poderán nomearse asesores por cada representación, aínda que non terán dereito ao voto.

A comisión mixta, en primeira convocatoria, non poderá actuar sen a presenza de todos os vogais previamente convocados e, en segunda convocatoria, que terá lugar media hora despois da primeira, actuará cos que asistan, tendo voto unicamente un número paritario dos vogais presentes, sexan titulares ou suplentes.

A comisión mixta reunirase, no prazo máximo de 15 días, por instancia das partes, que se poñerán de acordo sobre o lugar e hora en que deberá celebrarse a reunión.

Ambas as partes conveñen en dar coñecemento á comisión mixta de cantas dúbidas, discrepancias e conflitos poidan producirse como consecuencia da interpretación e aplicación do presente convenio, para que actúe de acordo coas súas funcións.

No suposto de que non se puidese ditar resolución por non existir acordo no seo da comisión mixta, ambas as partes quedarán obrigadas a someterse ao procedemento de mediación establecido no Acordo interprofesional galego (AGA) sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo.

Como domicilio da comisión paritaria fíxase o do centro de traballo do Espírito Santo.

– Comisión de igualdade: seguimento e adaptación de normativa vixente.

– Comisión de formación: consulta previa e aprobación do plan de formación anual. Ademais, asinará a documentación necesaria para as bonificacións correspondentes.

As ditas comisións estarán formadas por un membro por cada sindicato asinante do presente convenio e o mesmo número de membros por parte da empresa.

Artigo 11. Vixencia e condicións para a renovación

O presente convenio colectivo terá unha duración de 4 anos, desde o 1 de xaneiro de 2015 ao 31 de decembro de 2018.

A entrada en vigor producirase o día seguinte ao da sinatura deste convenio, excepto para o incremento salarial das táboas recollidas no artigo 6, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2016 e se fará efectivo na nómina de xullo. Os atrasos correspondentes aboaranse antes do 30 de setembro de 2016.

Calquera das dúas partes poderá realizar a denuncia por escrito do convenio durante o mes de setembro de 2018, e as partes comprométense a iniciar a negociación dun novo convenio tres meses antes da finalización da vixencia deste.

Unha vez denunciado o convenio colectivo e mentres non se alcance un acordo expreso, manterá a súa vixencia até que sexa substituído por un novo convenio colectivo.

Artigo 12. Dereito complementario

No non previsto expresamente neste convenio e que non contradiga o nel disposto observarase o establecido no convenio colectivo para a industria siderometalúrxica da provincia da Coruña, no Estatuto dos traballadores e demais normativa de aplicación.

Artigo 13. Solución de conflitos

Os asinantes deste convenio acordan acollerse, no referente a conflitos colectivos, aos procedementos de conciliación, mediación e arbitraxe recollidos no AGA.

Disposición adicional

Ao asinarse o convenio colectivo antes do día 30 de xuño, dando cumprimento ao acordo previo alcanzado, recoñécese o dereito aos traballadores e traballadoras que estivesen prestando os seus servizos do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2015 de forma continuada ao cobramento dunha gratificación non consolidable de 236 euros brutos, a cal se aboará antes do 30 de xuño de 2016.