Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 8 de setembro de 2016 Páx. 39498

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de redes de distribución de enerxía térmica con equipamentos de xeración con biomasa, para o ano 2016, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) é un ente de dereito público creado especificamente mediante a Lei 3/1999, do 11 de marzo, que presta soporte á consellería competente en materia enerxética, e entre cuxas funcións destacan a de incidir na utilización racional da enerxía, así como diversificar as fontes enerxéticas e reducir, na medida do posible, a dependencia exterior.

O Inega establece este sistema de subvencións co obxectivo de fomentar a utilización de fontes de enerxía renovables. Máis concretamente, preténdese fomentar a utilización da biomasa forestal con fins enerxéticos, o que implica toda unha serie de vantaxes tanto sociais coma ambientais, económicas e enerxéticas. Non se debe esquecer que a biomasa é unha enerxía renovable cun reducido impacto ambiental que, polo seu carácter de recurso autóctono, favorece, dentro do campo enerxético, a redución de emisións de CO2, o autoabastecemento e a seguridade da subministración a prezos competitivos.

Trátase de actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia encadradas no obxectivo temático 4: favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores, na prioridade de investimento 1: fomento da produción e distribución da enerxía derivada de fontes renovables, e no obxectivo específico 2: aumentar a participación e distribución das enerxías renovables para usos térmicos, en particular a biomasa, biogás e biocombustibles para o transporte, en consonancia co Plan de enerxías renovables 2011-2020, referido a medidas de fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento da biomasa térmica. O financiamento da convocatoria realízase con fondos comunitarios derivados do programa Galicia 2014-2020 Feder nun 80 % e co financiamento privado nun 20 %.

O uso térmico da biomasa pode representar para Galicia un gran xacemento de nova actividade, por iso, a Xunta de Galicia entende que é preciso facer unha aposta firme e realista de cara ao futuro, materializando esta a través da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva. Por outra banda, o uso da biomasa en redes de distribución de enerxía térmica ofrece vantaxes adicionais aos usos tradicionais, polo que é importante promovelas de forma específica.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de rede de distribución de enerxía térmica con equipamentos de xeración con biomasa e convocar a todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas bases reguladoras:

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. O obxecto destas bases é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións de equipamentos térmicos que utilicen biomasa como combustible cun esquema de funcionamento baseado nunha xeración térmica centralizada e unha distribución desta enerxía aos puntos de consumo mediante redes.

2. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG 20, do 29 de xaneiro); Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE 285, do 27 de novembro); Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes (DOG 241, do 17 de decembro).

3. As axudas recollidas nesta bases reguladoras, a excepción daquelas en que os beneficiarios sexan administracións públicas ou entidades xurídicas sen ánimo de lucro que non poidan emprender actividades económicas que repercutan en terceiros, están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño.

As entidades xurídicas sen ánimo de lucro, cando realicen actividades económicas de forma regular, estarán suxeitas ás condicións que se establecen no citado capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

A presente convocatoria refírese ás que aparecen definidas dentro da sección 7 do capítulo III como axudas ao investimento para a promoción da enerxía procedente de fontes renovables (artigo 41.a).

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

1. Poderán obter dereito á subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 5 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 22 destas bases. Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan imputaranse ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Medida: fomento das actividades asociadas
ao ciclo de aproveitamento de biomasa

Beneficiarias

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2016

Anualidade 2017

Total

Total

Total

Administración pública autonómica

09.A2.733A.714.2

1.500.000

100.000

1.600.000

Administración pública local

09.A2.733A.760.5

1.650.000

115.000

1.765.000

Empresas

09.A2.733A.770.5

1.000.000

70.000

1.070.000

Institucións sen ánimo de lucro

09.A2.733A.781.1

59.658

5.342

65.000

Total

4.209.658

290.342

4.500.000

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 15 destas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web do Inega (www.inega.es), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de beneficiarias das presentes subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades delas dependentes.

b) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais dela dependentes.

c) As universidades do Sistema universitario galego.

d) As entidades sen ánimo de lucro.

e) Empresas legalmente constituídas.

Poderá existir unha diferenciación entre o titular da instalación solicitada e a titularidade dos centros consumidores de enerxía. Nestes casos, se o solicitante forma parte do sector público deberá xustificarse o desenvolvemento do proxecto con convenios ou acordos asinados cos titulares dos centros consumidores de enerxía, acadando o 50 % do consumo enerxético previsto na súa solicitude. Por outra banda, o solicitante tamén poderá ser unha empresa de servizos enerxéticos que subministre enerxía térmica a distintos consumidores (sector público, empresas, residencial, entidades sen ánimo de lucro,…), sempre que se documente o servizo que se vai realizar, para o cal se terá en conta a documentación que se establece no punto 9.f), e se xustifiquen acordos cos centros consumidores con que se acaden un 50 % do consumo enerxético previsto na solicitude.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas dos sectores excluídos do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño, no seu artigo 1.2, entre as cales figuran:

a) As empresas do sector da pesca e da acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (UE) núm. 1379/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro.

b) As empresas que operan na produción primaria de produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.

c) Aquelas que operan na transformación e comercialización dos produtos agrícolas:

1º. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

2º. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a súa totalidade repercuta nos produtos primarios.

3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Se as empresas non tivesen o domicilio social en Galicia, deberán acreditar, cando menos, a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma.

5. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

6. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

7. As empresas en crise, agás cando se trate de réximes de axudas destinados a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.

8. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das causas de exclusión previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

9. As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Gastos que se subvencionan

1. Serán subvencionables:

a) O custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).

b) Resto de accesorios da instalación de xeración para o correcto funcionamento do sistema.

c) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

d) O custo do sistema de alimentación do combustible.

e) O custo da rede de distribución de enerxía térmica (ata a sala de caldeira existente, se se conecta a ela ou, no caso contrario, ao punto de entrada ao edificio) e, se for o caso, o custo dos sistemas para a conexión coas salas de caldeiras existentes.

f) Obra civil necesaria para a instalación das caldeiras.

g) O custo de montaxe e conexión.

h) O custo do proxecto de execución.

2. Non son subvencionables:

a) O IVE (imposto sobre o valor engadido), agás cando non sexa recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1 da Directiva 2006/112/CE, do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.

En todo caso, aquelas persoas xurídicas que gocen da exención do IVE, ou dun réxime de pro rata, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria ou documentación acreditativa da pro rata do último exercicio.

b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

c) Os gastos anteriores á presentación da solicitude. Por exixencia do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014, non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da presentación da solicitude de axuda, de forma que se algún dos gastos para os cales se solicita axuda foi iniciado con anterioridade, o proxecto na súa totalidade non se considerará subvencionable.

d) As obras de mantemento.

e) As conducións de distribución interior da calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

f) Os gastos de legalización.

g) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa foran obxecto de axuda en anos anteriores.

i) Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 6. Normas específicas

Para o efecto desta convocatoria consideraranse redes de distribución de enerxía térmica cando desde unha mesma sala de caldeiras, con potencia total das caldeiras de biomasa de máis de 200 kW, se distribúa enerxía térmica a máis de dous (2) edificios ou, no caso de que sexan dous (2) edificios, que a distancia entre ambos supere os 80 metros.

Exixirase que o rendemento dos equipamentos xeradores sexa superior ao 80 %, para o cal o solicitante presentará unha xustificación técnica asinada por técnico competente na cal se especifique que o rendemento dos equipamentos xeradores que se presentan é superior a ese valor.

Para os conceptos subvencionables, o importe de cada un dos puntos poderá ser corrixido unha vez valorado o orzamento presentado.

Artigo 7. Contía da axuda

1. A intensidade máxima da axuda, segundo o tipo de beneficiario, será a seguinte:

Beneficiarios

Porcentaxe máxima de axuda

Entidades locais.

75 %

Sector público autonómico e universidades do Sistema universitario galego.

75 %

Entidades xurídicas sen ánimo de lucro (que non realicen actividade económica).

75 %

Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas, a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais e, no caso de medianas empresas, en 10 puntos porcentuais. Aplicaranse incrementos similares ás entidades sen ánimo de lucro que teñan actividade económica, tendo en conta, para definir o seu tamaño, criterios similares aos que se aplican ás empresas.

45 %

2. A contía máxima da axuda por proxecto ou por solicitante será de 1.000.000 de euros.

Artigo 8. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o seguinte a aquel en que se publiquen as presentes bases no DOG.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

4. A documentación complementaria indicada no artigo 9 destas bases presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

5. Na páxina web do Inega disporán de instrucións de axuda para a consulta dos solicitantes. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, o Inega pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 012 ou do enderezo de correo electrónico inega.info@xunta.gal

Artigo 9. Documentación complementaria da solicitude

Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da documentación complementaria que se describe a seguir:

a) Documentación técnica.

1. Memoria técnica da instalación proxectada, asinada por técnico competente, na cal se describirán, de forma detallada, os sistemas da caldeira, os compoñentes principais da instalación de xeración térmica e do sistema de alimentación de combustible. Describiranse as principais características técnicas da rede de distribución de calor, incluíndo os catálogos en que se indique a condutividade térmica do illante das tubaxes preailladas que forman parte da rede de distribución dos sistemas de conexión ás salas de caldeiras existentes, incluíndo os esquemas hidráulicos dos distintos sistemas. Presentarase un orzamento detallado, desagregando as principias partidas, especialmente a rede de distribución de calor en que se incluirán as súas medicións e os seus custos unitarios (tamén desagregado por lonxitude de rede).

2. Xustificación da calor útil demandada. Incluirase unha análise da demanda parcial de cada edificio que se integre na rede, diferenciando a demanda dos edificios con que o solicitante teña acordos asinados (incluíndo nestes os de titularidade propia), así como a demanda dos edificios con previsión de acordo durante 2017. No caso de que sexan edificios para calefactar, nesta xustificación da calor útil demandada achegaranse as principais referencias utilizadas para o seu cálculo (por exemplo: superficies ou volumes que se van calefactar, rateos utilizados de consumos/superficie, rateo de consumo de enerxía primaria para usos térmicos/superficie habitable, se o edificio dispón certificado de cualificación enerxética; coeficientes de transmisión kWh/m2, referencias de consumos históricos dos edificios,…).

3. Planos de situación onde se indique a localización dos equipamentos e a rede. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, catastro, etc.). Bosquexos ou planos nos cales se localicen os equipamentos na edificación.

4. Folla de características da caldeira utilizada e declaración de conformidade da caldeira segundo a normativa vixente. Tamén se presentarán os ensaios de rendemento do equipamento xerador realizados por un laboratorio acreditado e unha xustificación técnica de que o rendemento da caldeira é superior ao 80 %. Nos proxectos solicitados polas administracións públicas en que non se poda especificar a marca e o modelo das caldeiras que se instalarán, achegarase o rendemento mínimo das caldeiras que se especificarán nos pregos de licitación.

5. Memorias do grao de concreción, viabilidade, avance das licenzas e acordos cos consumidores. Adicionalmente, á memoria técnica presentada, o solicitante poderá xuntar documentación técnica adicional que permita determinar o grao de concreción do proxecto (anteproxecto, proxecto de execución, estudos, planimetría específica…), aspectos que sintetizará nun documento específico. Por outra banda, tamén se presentará unha memoria do grao de avance actual do proxecto cunha previsión de obtención das licenzas necesarias para a súa execución e a porcentaxe de acordos cos centros consumidores de enerxía. Por outra banda, tamén se presentará unha análise da viabilidade do proxecto.

b) As administracións públicas, ademais da documentación sinalada nos puntos anteriores, deberán achegar:

1. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases.

3. No caso das administracións locais, certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que a data de sinatura do certificado implicará que a data de remisión das respectivas contas ao Consello de Contas se efectuou, en todo caso, nunha data anterior á emisión do certificado.

c) Sempre que o custo elixible sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 50.000 € (en concepto de execución de obra) ou a 18.000 € (cando se subministran bens ou se prestan servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica), o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega, como mínimo, o contido de tres ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as tres ofertas, pois o que debe achegarse é o orixinal ou copia compulsada do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non será necesario acreditar as tres ofertas no suposto de que polas especiais características dos gastos que se subvencionan non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, neste suposto o beneficiaio deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

No caso das administracións públicas, procederá á tramitación prevista no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, así como na normativa autonómica que resulte de aplicación aos procedementos de contratación pública que tramiten.

d) As empresas, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista na alínea a) deste artigo e ademais:

1. Cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

2. Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que as empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións xeradoras e as redes de distribución de enerxía e cando o obxecto destes contratos sexa a subministración de enerxía, os centros de consumo en que actúen deben estar situados en Galicia.

Cando o servizo enerxético a varios puntos de consumo for desenvolvido por unha empresa de servizos enerxéticos, deberá achegar, ademais:

1. Unha copia dos contratos de servizos enerxéticos, na cal se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda e unha relación de acordos asinados e pendentes tendo en conta a relación de edificios previstos.

2. Salvo redes de calor urbana que subministren ao sector residencial, constancia por escrito do coñecemento por parte do titular ou titulares das instalacións de que se solicita a subvención.

O pagamento dos servizos que prestan ditas empresas baséase, fundamentalmente, na venda de enerxía térmica e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos. Contarase, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se dese lugar a modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016, para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídas na listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.

Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE, do 5 de abril, sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e para os efectos destas bases, entenderase por empresa de servizos enerxéticos aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no parágrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e que afronte certo grao de risco económico ao facelo.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións, incluíndo a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato que deberá levar asociado una venda de enerxía verificable, medible ou estimable.

e) As entidades sen ánimo de lucro, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista na alínea a) deste artigo e, ademais, deberán achegar a documentación que acredite a representación con que se actúa.

f) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

g) A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou, presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvencións por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. Ás solicitudes das persoas interesadas xuntaranse os documentos e as informacións determinadas no artigo 9, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data, o de expediente e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 11. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feder e, polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que para o mesmo proxecto ou finalidade leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros,...).

2. Coa puntualización anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 18 destas bases reguladoras.

Artigo 12. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde á Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De non ser así, de conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); á consellería competente en materia de economía e facenda; ao Rexistro Mercantil e a outros rexistros públicos.

2. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizarase a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 28.3 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 26.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e as entidades delas dependentes. De maneira que, cando exista constancia da posta á disposición da notificación e transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

A notificación do requirimento de emenda realizarase mediante a plataforma Notific@ (https://notifica.xunta.gal).

O sistema Notific@ foi concibido pola Xunta de Galicia para converterse no sistema de notificación electrónica de Galicia, é dicir, un punto único en que recibir as comunicacións das diferentes administracións públicas galegas.

Calquera persoa física ou xurídica poderá dispoñer deste sistema de enderezo electrónico habilitado asociado ao seu NIF, no cal recibirá a notificación dos procedementos a que se subscriba. É un procedemento gratuíto que só require dispoñer de calquera dos certificados dixitais habilitados na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación a que se refire a emenda presentará de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es). Para poder realizala é imprescindible que o solicitante ou o representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

6. Unha vez recibida a acta cos resultados de valoración das solicitudes presentadas emitida pola Comisión de Valoración, elevará a correspondente proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

Artigo 14. Comisión de Valoración

1. Será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidente: o director do Departamento de Enerxías e Planificación Enerxética.

b) O xefe da Área de Enerxías Renovables do Inega.

c) Un técnico do Inega.

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a Comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención e especificará a puntuación que lles corresponde, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan.

4. Exceptuarase o sistema de valoración previsto no artigo seguinte cando os fondos dispoñibles sexan suficientes para que perciban as axudas solicitadas todos os proxectos que foran admitidos a trámite e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Artigo 15. Criterios de valoración

1. Características técnicas dos principais equipamentos (ata 25 puntos).

a) Características técnicas do equipamento xerador (15 puntos).

Nesta epígrafe valorarase o rendemento enerxético do equipamento xerador: no caso de que se presentasen na mesma solicitude equipamentos xeradores con distintos rendementos, para a valoración do expediente, utilizarase o rendemento medio ponderado (considerando a relación entre a potencia de cada equipamento respecto á total).

Puntuación máxima = equipamento térmico cun rendemento igual ou superior ao 95 %.

Puntuación mínima = equipamento térmico cun rendemento do 80 %.

Tendo en conta os rendementos que determinan as puntuacións máximas e mínimas, o resto dos expedientes puntuaranse proporcionalmente en función do seu rendemento, tendo en conta a seguinte fórmula.

Rendemento entre 80 e 85 %, puntuación = 10 * (rendemento equipamento xerador-80 %)/5.

Rendemento superior ao 85 % hasta o 95 % = 10 + 5 * (rendemento equipamento xerador-85 %)/10.

b) Características técnicas da rede de distribución de calor (10 puntos).

Nesta epígrafe valorarase o coeficiente de condutividade térmica (W/mºC) a 50º do illante que forma parte dos tubos preillados da rede. No caso de que se presentasen na mesma solicitude redes con distintas condutividades térmicas, para a valoración do expediente, utilizarase unha condutividade media ponderada (considerando lonxitudes e demandas do edificio) do conxunto da rede.

Puntuación máxima = a da solicitude cun menor coeficiente de condutividade térmica do illante.

Puntuación mínima = condutividade térmica a 50º maior ou igual a 0,03 W/mºC.

Tendo en conta os coeficientes de condutividade térmica do illante que determinan as puntuacións máximas e mínimas, o resto dos expedientes puntuarase proporcionalmente en función destes coeficientes.

2. Grao de utilización da instalación (ata 15 puntos).

Tendo en conta a demanda térmica da instalación, avaliarase o seu grao de utilización considerando a relación entre a enerxía térmica demandada e a potencia da instalación. Por incerteza no consumo enerxético final e para efectos dos cálculos para a puntuación desta epígrafe, para os puntos de consumo asociados á rede en que non se xustifique adecuadamente a existencia de preacordos para a subministración da enerxía, minorarase nun 50 % a demanda xustificada nestes puntos de consumo.

3. Rateo investimento/potencia da instalación (ata 20 puntos).

Avaliaranse os rateos entre o investimento total do proxecto e a potencia total das caldeiras. Outórganse 0 puntos aos proxectos cuxo rateo investimento/potencia sexa igual ou superior aos 700 €/kW e unha máxima puntuación aos que ese rateo sexa igual ou inferior a 300 €/kW. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.

4. Grao de concreción, avance das licenzas e dos acordos cos consumidores (20 puntos).

4.a. Grao de concreción do proxecto (8 puntos).

4.a.1. Documentación técnica (5 puntos):

Memoria técnica: 0 puntos.

Anteproxecto asinado por técnico competente: 3 puntos.

Proxecto técnico asinado por técnico competente: 5 puntos.

4.a.2. Deseño da rede e cálculos da demanda enerxética (3 puntos):

Neste subapartado valorarase a planimetría e os cálculos presentados relativos a rede de distribución. Tamén se valorará as hipóteses e a metodoloxía utilizadas para a estimación da demanda dos distintos edificios.

Calidade media: 1 punto.

Calidade boa: 2 puntos.

Calidade moi boa: 3 puntos.

4.b. Licenza para o desenvolvemento da rede (7 puntos).

– Solicitude de licenza: 3,5 puntos.

– Licenza concedida ou proxectos en que a rede se desenvolve en terreos con titularidade do solicitante ou doutros consumidores con acordos asinados: 7 puntos.

4.c. Porcentaxes de acordos cos centros consumidores (7 puntos).

– Acordos para a subministración do 100 % do consumo enerxético previsto na solicitude: 7 puntos.

– Acordos para a subministración do 50 % do consumo enerxético previsto na solicitude: 0 puntos.

O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente en función da porcentaxe de consumo enerxético que se xustifique na existencia de acordos.

5. Localización xeográfica do proxecto (20 puntos).

En liña co reto de loitar contra a pobreza enerxética, valorarase que os proxectos se desenvolvan en zonas economicamente menos favorecidas, tendo en conta a renda bruta por habitante dos municipios galegos, utilizando os datos máis recentes dispoñibles polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Outórganse 0 puntos aos proxectos situados no concello que teña a máxima renda dispoñible bruta por habitante da Comunidade Autónoma de Galicia, e a puntuación máxima ao de menor. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.

Os empates que, de ser o caso, se produzan dirimiranse aplicando os criterios na orden que a seguir se expón:

1. Maior puntuación obtida na epígrafe «rateo investimento/potencia da instalación».

2. Maior puntuación obtida na epígrafe «características técnicas dos principais equipamentos».

3. Maior puntuación obtida na epígrafe «localización xeográfica do proxecto».

4. Maior puntuación obtida na epígrafe «Grao de utilización da instalación».

5. Maior puntuación obtida na epígrafe «Grao de concreción, avance das licenzas e acordos cos consumidores».

Artigo 16. Resolución e notificación

1. Unha vez elaborada a relación prevista no artigo 14.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de dez (10) días. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde o día seguinte ao da data de publicación da convocatoria destas axudas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Se transcorrese o prazo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, observarase o sinalado no artigo 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. Nas notificacións indicarase de modo expreso a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada e incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, ao seu título e á data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

5. En todo caso, deberá notificarse ao beneficiario cun documento no cal se establecen as condicións da axuda para a operación, nel deben figurar como mínimo os seguintes aspectos:

– Que a axuda está cofinanciada co Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e o Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

– Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución.

– Indicación do método que se debe aplicar para determinar os custos da operación e as condicións para o pagamento da axuda.

– Indicación das obrigas de información e publicidade que deberá cumprir nos termos previstos na sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, e que se especifican no artigo 20.g) destas bases.

– Obriga de manter un sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

– Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase o beneficiario da data de comezo dese prazo.

– Establecer as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos, de ser o caso.

Artigo 17. Notificacións

1. Notificaránselles ás persoas interesadas as resolucións e os actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As notificacións electrónicas só poderán efectuarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produce a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá efectuada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e darase por efectuado o trámite seguindo o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non for posible por motivos técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro do procedemento previsto nestas bases porán fin á vía administrativa e contra elas caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados competentes segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. O prazo de interposición é de dous (2) meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou ben de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Con carácter potestativo, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición ante a Dirección do Instituto Enerxético de Galicia no prazo dun (1) mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza rexeitamento presunto do recurso de reposición interposto.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, deberán cumprirse os requisitos previstos no punto seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. O beneficiario deberá solicitar, por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), a modificación mediante instancia dirixida á Dirección do Inega xunto coa documentación presentada coa solicitude que se vexa afectada, cunha antelación mínima dun (1) mes á data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola Dirección do Inega, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da notificación ou publicación da proposta de resolución definitiva sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e, desde ese momento, adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), en que comunique este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos, a través da plataforma Notific@, de conformidade co procedemento establecido no artigo 13.2 destas bases reguladoras.

3. Aqueles beneficiarios destas axudas que na data máxima de remate e xustificación das actuacións prevista no artigo 23 non renunciaron expresamente a ela e non executaron nin xustificaron o proxecto sen causa debidamente xustificada e comunicada ao Inega, quedarán excluídos das dúas seguintes convocatorias para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuase o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Ademais, e posto que a convocatoria está dotada con fondos comunitarios, todo beneficiario someterase as verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto nos números 4 e 5 do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro) así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

d) Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos unha vez rematado o proxecto, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 71 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro) sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, mantendo o investimento sen modificacións substanciais.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a cinco anos, terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento ata que se cumpra este período.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control, así como facilitar a pista de auditoría. Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo.

g) Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) 1303/2013, o beneficiario deberá:

1º. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, recoñecer o apoio do Inega ao proxecto, da Xunta de Galicia e do Feder, incluíndo a imaxe institucional do Inega e da Xunta de Galicia e amosando o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea e unha referencia ao fondo que dá apoio á operación.

2º. Durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, informará ao público do apoio obtido do Inega, da Xunta de Galicia e do Feder: a) facendo unha breve descrición do proxecto no seu sitio de internet, en caso de que dispoña dun, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Inega, da Xunta de Galicia e da Unión; e b) colocando polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal se mencionará a axuda financeira do Inega, da Xunta de Galicia e da Unión, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada dun edificio.

O Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Os beneficiarios estarán obrigados a manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro deste convenio, de acordo co disposto no artigo 140 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

Artigo 22. Prazo para a execución da instalación

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de outubro de 2017. En todo caso, e como mínimo, deberá presentar o proxecto técnico de execución asinado por técnico competente antes do 1 de decembro de 2016.

2. A documentación xustificativa do investimento realizado presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 23. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.es).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvención de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 13.2 destas bases reguladoras.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado ningunha documentación, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

3. A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei correspondan.

Artigo 24. Documentación xustificativa do investimento

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación do proxecto.

2. Achegaranse copias dixitalizadas da seguinte documentación:

a) Conta xustificativa composta de:

1º. Xustificante do gasto mediante presentación de facturas desagregadas por conceptos ou unidades de obra. Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

Non se admiten os supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención). Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias:

• Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

• Que se obteña a pertinente autorización por parte da Dirección do Inega.

A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario da solicitude.

2º. A subcontratación estará limitada polo disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e deben concorrer as dúas circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

3º. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

• Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria), no cal conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

• Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.), na cal conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor, no cal se especifique o número de factura pagada, o número e a data do cheque e o NIF e o nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como da nota promisoria, para efectos da data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

• Non se admitirán, en ningún caso, como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 21.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos previstos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

b) Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados de que se atopa ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, deberá achegar estas certificacións.

c) No caso da Administración autonómica e das entidades dela dependentes, caso de seren beneficiarias, presentarán unha certificación expedida polo órgano competente, na cal se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública.

Así mesmo, achegarán unha copia completa -preferiblemente escaneada ou ben en soporte papel- da documentación integrante do expediente de contratación, sen prexuízo das comprobacións que puidesen efectuarse sobre a documentación orixinal, que poderá ser requirida para os efectos oportunos.

d) No caso da Administración local, a certificación ten que estar expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, e facer referencia á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, e nela farase constar, como mínimo , de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e as contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na letra c) deste mesmo artigo, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Así mesmo, as administracións públicas achegarán unha copia completa -preferiblemente escaneada ou ben en soporte papel- da documentación integrante do expediente de contratación, sen prexuízo das comprobacións que puidesen efectuarse sobre a documentación orixinal, que poderá ser requirida para os efectos de ulteriores controis.

e) Os concellos, para os proxectos de investimentos promovidos por eles, deberán achegar o acordo do órgano municipal competente de aprobación do proxecto nos termos previstos no artigo 198.5 da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural.

f) Achegaranse fotografías dos principais equipamentos instalados.

g) Xustificación de ter dado cumprimento ás obrigas establecidas no artigo 20.g) en materia de información e comunicación sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

h) Achegarase o correspondente certificado de dirección de obra e o proxecto técnico da instalación executada, ambos asinados por técnico competente. A data deste certificado de dirección de obra estará comprendida dentro do período de execución dos investimentos.

Artigo 25. Pago das axudas

1. O beneficiario da axuda poderá solicitar un anticipo unha vez notificada a resolución de concesión e coa data límite do 1 de decembro de 2016.

2. Os solicitantes das axudas poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida, naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada por parte do órgano concedente da subvención.

3. O importe conxunto dos pagamentos á conta (que deberán xustificarse incluíndo un certificado do director de obra) e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

4. Será exixible aos beneficiarios das axudas a constitución de garantía nos supostos e nas condicións previstos nos artigos 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A presentación da garantía realizarase ante o órgano concédente no prazo de quince (15) días a partir da notificación da resolución de concesión. Este prazo poderá ser ampliado cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización.

5. Cando se prevexa a posibilidade de realizar anticipos e pagamentos á conta, quedan exonerados de constituíren garantía os beneficiarios previstos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, entre os cales figuran:

a) A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e os seus organismos autónomos

b) As administracións públicas, os seus organismos vinculados ou dependentes e as sociedades mercantís estatais e as fundacións do sector público estatal.

c) As entidades non lucrativas, así como as federacións, confederacións ou agrupacións destas que desenvolvan proxectos ou programas de acción social ou cooperación internacional.

d) As entidades que por lei estean exentas de presentación de caución, fianzas ou depósitos ante as administracións públicas ou os seus organismos e entidades vinculadas ou dependentes.

e) Os beneficiarios das subvencións concedidas das cales os pagamentos non superen os 18.000 €. No caso de pagamentos anticipados e/ou pagamentos á conta, o importe anterior enténdese referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.

6. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

7. Previamente á proposta de pagamento, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material na cal certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

8. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 26. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Concesión de subvencións», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Xerencia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Xerencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Avelino Pousa Antelo, 5, Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a inega.info@xunta.gal

A cesión de datos de carácter persoal que se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado, que é o órgano responsable da administración e custodia da Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do afectado.

Así mesmo, os datos serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», creado pola Orde do 31 de marzo de 2016 (DOG núm. 68, do 11 de abril), cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, o seguimento, o control, a coordinación e o estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea. O órgano responsable deste ficheiro é Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dxfondos@conselleriadefacenda.gal

Artigo 27. Perda do dereito a subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido segundo o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial. Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou os obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adoptado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 20.g) destas bases.

Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

Artigo 28. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e de ser o caso, ás da autoridade de xestión e dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro), que xa foron mencionadas na letra c) do artigo 20 das bases.

Artigo 30. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos das operacións, tal e como se define no artigo 140 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro).

2. Procederase en todos os casos á comprobación material do investimento e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

Artigo 31. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións publicarase no DOG a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, do beneficiario, do crédito orzamentario, da contía e da finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no DOG, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

Artigo 32. Remisión normativa

1. Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras están previstas pola UE, rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, de 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE l 187, do 26 de xuño).

b) Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, do Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohexión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello.

c) Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1080/2006, así como a normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file