Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 30 de setembro de 2016 Páx. 44884

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 19 de setembro de 2016 pola que se crea e regula a carpeta persoal de saúde.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, recoñécelle á cidadanía diversos dereitos sanitarios, entre eles, o dereito á información no seu proceso asistencial, o cal se concreta, pola súa vez, no dereito a coñecer toda a información dispoñible sobre a súa saúde ou no dereito a coñecer os requisitos de uso das prestacións e dos servizos de saúde en relación co seu proceso asistencial. Asemade, o artigo 9.6 da citada lei, proclama o dereito á utilización de novas tecnoloxías da información e a comunicación para potenciar a interacción electrónica entre a cidadanía e o Sistema público de saúde de Galicia.

Nesta liña, un dos eixes de actuación na Administración autonómica é o de impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica, co obxecto de potenciar e mellorar a calidade dos servizos ofrecidos á cidadanía, e como tal vén recoñecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, no cal, ademais, se recollen diversas medidas que teñen como fin contribuír ao desenvolvemento da sociedade da información e facilitar á cidadanía o acceso á información por medios electrónicos, entre outros.

Así, por exemplo, o Servizo Galego de Saúde acaba de poñer en marcha a plataforma dixital É-Saúde, xestionada polo citado organismo autónomo e dirixida a pacientes e á cidadanía, coa que se pretenden prover, de xeito ergonómico e accesible desde calquera dispositivo conectado á internet, unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados de saúde en función do perfil da persoa usuaria e do seu estilo de vida. Esta plataforma constitúe ademais un punto de encontro virtual entre a cidadanía, os/as profesionais e o Sistema público de saúde de Galicia, que proporciona a todos estes unha serie de ferramentas dixitais que axudan a xestionar a información en saúde das persoas usuarias.

Ademais da citada plataforma existen no ámbito sanitario outros proxectos de innovación e tecnoloxías (tales como o Telea ou Fogar Dixital), creadas para seren empregadas polas propias persoas usuarias, coas que se posibilita a autoxestión polo/a paciente dos seus procesos de saúde.

A través desta orde trátase de dar sustento normativo a unha nova figura no eido das tecnoloxías da información como é a carpeta persoal de saúde, que nace como un espazo de almacenamento persoal de información de saúde incorporada pola propia persoa usuaria, ademais da xerada por dispositivos e aplicativos relacionados coa saúde, de autocontrol do estado físico, en ocasións proposta ou xerada por iniciativa dos propios servizos ou profesionais da saúde.

Préstase unha especial atención nela a determinados colectivos como son as persoas menores de idade, respecto dos/das que serán os/as seus/súas proxenitores/as ou titores/as legais, as persoas responsables de realizar todas aquelas xestións relacionadas coa súa saúde; e as persoas incapaces e maiores, colectivo este último de especial interese nunha poboación netamente envellecida como é a galega. Respecto destas últimas, esta orde habilita mecanismos que lles permitirán xestionar a carpeta de saúde a aquelas terceiras persoas vinculadas con elas que sexan debidamente autorizadas.

Por todo o anterior e de acordo co disposto no artigo 33.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto da presente orde é a creación e regulación da carpeta persoal de saúde, así como os requisitos e as condicións para a súa xestión, tanto por parte da persoa usuaria como por parte de persoas autorizadas distintas da persoa interesada.

2. Ademais da carpeta persoal de saúde, o Servizo Galego de Saúde poderá poñer á disposición das súas persoas usuarias, a través do seu portal web, outros servizos telemáticos sanitarios, de acordo coas condicións e cos requisitos que en cada momento se determinen.

Artigo 2. Carpeta persoal de saúde

1. A carpeta persoal de saúde constitúe un espazo de almacenamento persoal de información, creado por petición da persoa usuaria, que se manterá activo baixo a súa responsabilidade ou a da persoa por ela autorizada. Trátase dun soporte dixital independente e completamente diferenciado da historia clínica electrónica, integrada por información identificativa da persoa usuaria e pola que esta achegue, por dispositivos e aplicativos relacionados coa saúde, autocontrol do estado físico, adestramento, dietas, exercicio físico, monitorización de constantes ou rexistro de tratamentos. Pode incluírse tamén a xerada por iniciativa de profesionais ou centros sanitarios.

A información contida na citada carpeta persoal terá unicamente carácter informativo non instrumental para o persoal facultativo que interveña na atención e no seguimento do/da paciente.

2. As solicitudes de creación da carpeta persoal de saúde deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel. Utilizarase o anexo, no cal, ademais de recoller os seus datos identificativos e o número de tarxeta sanitaria, deberán indicar o sistema de autenticación elixido e os métodos de acceso a aquela, consonte o disposto no artigo 6.

A solicitude formalizarase por vía electrónica mediante o citado anexo accesible desde a páxina web www.sergas.es ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co establecido na normativa vixente en materia de Administración electrónica.

Para formalizar a solicitude de maneira presencial, deberá dirixirse a calquera centro sanitario do Sistema público de saúde de Galicia nos cales se realizarán as funcións de rexistro de usuarios da plataforma É-Saúde e presentar o anexo. Neste caso, a persoa interesada deberá acudir persoalmente e achegar a documentación acreditativa da súa identidade e a acreditación como usuaria do Servizo Galego de Saúde a través da súa tarxeta sanitaria.

3. O acceso á carpeta persoal de saúde efectuarase a través de portais web e medios ou dispositivos electrónicos xestionados ou autorizados polo Servizo Galego de Saúde, cuxa validez se poderá consultar no portal web do Servizo Galego de Saúde. En función do perfil escollido pola persoa usuaria, poderá realizarse mediante o DNI electrónico, certificado dixital, Chave 365 ou outros mecanismos de autenticación que poidan ser aplicables segundo a normativa vixente de administración electrónica no momento do acceso.

Artigo 3. Inclusión de contidos na carpeta persoal de saúde

1. A carpeta persoal de saúde estará integrada tanto por documentos e información incorporada pola persoa usuaria (incluíndo anotacións e comentarios) a través de dispositivos electrónicos, así como por información xerada por dispositivos e aplicativos sobre saúde, consonte o sinalado no número 1 do artigo anterior.

A responsabilidade sobre a inclusión, ou non, de datos na carpeta persoal de saúde será da persoa usuaria.

2. Poderán incorporarse ademais os informes e as analíticas que formen parte da historia clínica electrónica do/da paciente ou os datos obtidos a través de sistemas de monitorización e sistemas de información de seguimento de pacientes.

Artigo 4. Persoas autorizadas para acceder á carpeta persoal de saúde

Poderá acceder á carpeta persoal de saúde a propia persoa usuaria, así como as persoas autorizadas expresamente para o efecto por aquela nos termos que se indican a seguir:

a) Cando se trate de persoas menores de 18 anos, poderán acceder á súa carpeta persoal o seu pai, nai ou titor/a legal.

b) Cando se trate de persoas incapacitadas, poderá acceder á súa carpeta o seu representante legal ou a persoa autorizada por este expresamente para os efectos desta orde.

c) Cando se trate de persoas maiores de idade que, non estando incapacitadas xudicialmente, sexan pacientes crónicos/as e debido ás limitacións propias da idade ou da enfermidade, poderá acceder á súa carpeta a persoa autorizada expresamente pola persoa interesada para os efectos desta orde.

Artigo 5. Autorización para o acceso á carpeta persoal de saúde por terceiras persoas

1. A persoa que queira acceder á carpeta persoal de saúde dunha terceira persoa deberá presentar, en calquera centro sanitario do Sistema público de saúde de Galicia, un documento asinado pola persoa outorgante en que a autorice expresamente para o acceso, de xeito que sirva como acreditación da súa representación para os efectos desta orde. No caso de que se trate de persoas menores de idade, o dito documento irá asinado unicamente polo pai, nai ou titor/a legal.

Esta autorización incorporarase ao rexistro electrónico de apoderamento correspondente.

2. Xunto co anterior deberán presentar ademais a seguinte documentación:

a) Copia do DNI da persoa outorgante.

b) Copia do DNI da persoa representante legal, pai, nai ou titor/a da persoa menor de idade ou incapacitada.

c) Copia do libro de familia, no caso de que exista unha vinculación familiar acreditable entre a persoa outorgante e a persoa autorizada expresamente por aquela.

d) Copia do contrato de traballo ou declaración xurada de prestación de servizos laborais, no caso de que exista unha vinculación de carácter laboral entre a persoa outorgante e a persoa representante ou a persoa expresamente autorizada.

e) Copia da sentenza de incapacitación, de ser o caso.

f) Copia do convenio regulador de custodia ou sentenza de divorcio, de ser o caso.

3. Cando se trate de persoas menores de idade, o acceso á carpeta persoal do paciente facilitado ao seu pai, nai ou titor/a legal caducará automaticamente no momento de cumprir os 14 anos, agás que manifeste expresamente a súa vontade de que os seus proxenitores/as ou titor/a continúen accedendo á súa carpeta persoal.

Artigo 6. Sistemas e métodos de acceso

1. O acceso á carpeta persoal de saúde poderá levarse a cabo mediante o emprego de apps, aplicacións e demais sistemas integrados autorizados polo Servizo Galego de Saúde, en función do/dos método/s de acceso elixidos ou autorizados pola persoa usuaria, os cales poderán ser empregados tanto por esta como pola persoa que expresamente autorice.

2. A información existente na carpeta persoal de saúde poderá comunicarse ao sistema IANUS, onde será accesible segundo o indicado no Decreto 29/2009, do 5 de febreiro, polo que se regula o uso e acceso á historia clínica electrónica. A información só se comunicará en caso de dispoñelo a persoa usuaria ou persoa expresamente autorizada para o efecto.

3. A persoa usuaria ou persoa expresamente autorizada para o efecto poderá acceder á carpeta persoal de saúde a través do DNI electrónico. Ademais deste, a persoa usuaria poderá elixir empregar o certificado dixital ou o Chave 365, ou outros mecanismos de autenticación que poidan ser aplicables segundo a normativa vixente de administración electrónica no momento do acceso.

4. Para poder acceder á carpeta persoal de saúde, a persoa usuaria deberá aceptar expresamente os termos e as condicións particulares de uso desta.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

1. Os datos contidos na carpeta persoal de saúde non forman parte da historia clínica electrónica, polo que non serán, en ningún caso, responsabilidade do Sistema público de saúde de Galicia, o cal actuará unicamente como encargado do tratamento daqueles, coas obrigas que comporta.

2. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos de carácter persoal que se faciliten quedarán rexistrados nun ficheiro, denominado Usuarios e profesionais do sistema sanitario, de titularidade da Consellería de Sanidade/Servizo Galego de Saúde, co obxecto de xestionar o presente servizo. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade como responsable do ficheiro, e solicitar por escrito e acreditar fidedignamente a súa identidade ou a representación que posúa, de conformidade coa normativa vixente.

Disposición adicional única. Modificación do formulario

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes, será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición transitoria única. Acceso vía internet

A consellería competente en materia de sanidade disporá dun prazo de seis meses, contados a partir da entrada en vigor desta orde, para habilitar os mecanismos tecnolóxicos necesarios para facer efectivo o acceso e uso da carpeta persoal de saúde por parte da cidadanía.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería competente en materia de sanidade para ditar cantas instrucións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2016

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

missing image file