Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 30 de setembro de 2016 Páx. 44891

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 6 de setembro de 2016 pola que se modifica a Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostelaría de Galicia.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, crea a Axencia Turismo de Galicia, entidade co obxectivo básico de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo. Entre o seu obxecto está o impulso á innovación, investigación, formación e cualificación das empresas e profesionais do sector turístico. Dentro da Axencia Turismo de Galicia está o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), que entre as súas funcións ten o desenvolvemento da docencia e a investigación conforme as exixencias metodolóxicas e substantivas propias de toda institución do ámbito universitario.

O CSHG dispón de dúas titulacións:

O Diploma Superior en Xestión Hoteleira: dura 4 anos e capacita o alumno para ocupar postos directivos ou de responsabilidade en calquera departamento dun hotel ou establecemento turístico. O curso ten unha duración de once meses, oito meses no centro e tres de prácticas en hoteis ou outros establecementos hostaleiros de España ou doutros países (o último ano as prácticas duran seis meses).

O Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña: dura dous anos e capacita o alumno para xestionar un restaurante ou empresa de restauración. En cada curso, os alumnos desenvolven materias de administración de empresas e cociña durante oito meses e fan prácticas en establecementos durante outros tres meses. É un título propio do CSHG.

Mediante a Orde do 4 de xullo de 2014 (DOG núm. 128, do 8 de xullo) fixáronse os prezos privados correspondente a ambas as dúas titulacións.

Para os efectos da dignificación da titulación de Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña, a Axencia Turismo de Galicia acordou o seu cambio de denominación, polo que pasou a denominarse Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña, de maneira que:

– Se mantén o paralelismo coa outra titulación, coa única diferencia que esta non é superior por ter unha duración de dous anos.

– Se inclúe o termo de gastronomía, máis amplo, xa que abrangue non só a elaboración senón outros aspectos como o produto e outras ramas de coñecemento relacionadas.

– Se mantén a mención Xestión en Cociña, ao ser unha das ramas do saber que caracteriza a titulación, fronte a outras impartidas noutros centros.

Na súa virtude, unha vez acordado pola Axencia Turismo de Galicia o cambio de denominación da titulación Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña impartida no CSHG, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Modificar a Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (DOG núm. 128, do 8 de xullo), no relativo á modificación da denominación da titulación Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña, que pasa a denominarse Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña, permanecendo igual o seu contido e o prezo establecido na Orde do 4 de xullo de 2014.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza