Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 29 de decembro de 2016 Páx. 56458

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 21 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 326774.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán presentar solicitudes para acollerse ao financiamento das medidas de promoción en terceiros países as seguintes figuras xurídicas con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Empresas vinícolas, considerando como tales as persoas físicas ou xurídicas privadas que operen principalmente na produción e/ou comercialicen os produtos do sector do viño mencionados no anexo IV da orde.

b) As organizacións de produtores, asociacións de organizacións de produtores e organizacións interprofesionais definidas nos artigos 152, 156 e 157 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, recoñecidas polo Estado membro, así como as organizacións profesionais e os grupos definidos no artigo 3, número 2, do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, e as asociacións temporais ou permanentes de dous ou máis produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño.

c) Así mesmo, e no caso de existir suficiente dispoñibilidade de orzamento, tras a aprobación dos programas correspondentes aos tipos de beneficiarios antes indicados, poderán considerarse tamén beneficiarios os organismos públicos con competencia legalmente establecida para desenvolver actuacións de promoción de viños españois en mercados en terceiros países.

Non obstante, conforme o disposto no número 2 do artigo 8 do Real decreto 597/2016, non serán admisibles as solicitudes de axuda de organismos públicos de ámbito nacional que, en todo caso, deberán ser presentadas ante o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e realizar a convocatoria para o ano 2017.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión das axudas convocadas destinarase un crédito máximo total de 3.500.000 euros dos orzamentos de 2017 e 2018. Este importe poderase incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2016

María del Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural