Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 2017 Páx. 14019

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANUNCIO do 15 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, polo que se comunica a apertura do prazo para solicitar prazas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de música e artes escénicas, especialidades Canto (594403), Clarinete (594404) e Percusión (594422).

Primeiro

Comunícase que está aberto o prazo para solicitar prazas de posibles interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de música e artes escénicas, especialidades Canto (594403), Clarinete (594404) e Percusión (594422).

Segundo. Requisitos

1. Titulacións.

A titulación de profesor superior terá preferencia sobre o título de profesor do plan do ano 1966 ou dos declarados equivalentes aínda que a puntuación do baremo sexa inferior.

Disciplina

Titulacións*

594403-Canto

a) Profesor superior de canto, segundo o plan de estudos regulado polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro.

b) Superior de canto, segundo o plan de estudos regulado polo Real decreto 617/1995, do 21 de abril.

c) Superior de música, especialidade interpretación, itinerario canto, segundo o plan de estudos regulado polo Real decreto 631/2010, do 14 de maio.

d) Profesor de canto, segundo o plan de estudos regulado polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro*.

594404-Clarinete

a) Profesor superior de clarinete, segundo o plan de estudos regulado polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro.

b) Superior de clarinete, segundo o plan de estudos regulado polo Real decreto 617/1995, do 21 de abril.

c) Superior de música, especialidade interpretación, itinerario clarinete, segundo o plan de estudos regulado polo Real decreto 631/2010, do 14 de maio.

d) Profesor de clarinete, segundo o plan de estudos regulado polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro*.

594422-Percusión

a) Profesor superior de percusión, segundo o plan de estudos regulado polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro.

b) Superior de percusión, segundo o plan de estudos regulado polo Real decreto 617/1995, do 21 de abril.

c) Superior de música, especialidade interpretación, itinerario percusión, segundo o plan de estudos regulado polo Real decreto 631/2010, do 14 de maio.

d) Profesor de percusión, segundo o plan de estudos regulado polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro*.

No caso de que as ditas titulacións se obtivesen no estranxeiro, deberá terse concedida a correspondente credencial de homologación, segundo o Real decreto 285/2004, do 20 de febreiro (Boletín Oficial del Estado do 4 de marzo), e o Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español a Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de setembro, e a Directiva 2006/100/CE do Consello, do 20 de novembro, relativas ao recoñecemento de cualificacións profesionais, ben como a determinados aspectos da profesión de avogado (Boletín Oficial del Estado do 20 de novembro).

2. Ser español ou ter a nacionalidade doutro país membro da Unión Europea ou de calquera outro dos Estados a que, en virtude dos tratados internacionais realizados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores e traballadoras.

Tamén poderán participar o cónxuxe, os descendentes e os descendentes do cónxuxe, tanto dos cidadáns españois como dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea ou de Estados en que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados polo Estado español, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores cando así o prevexa o correspondente tratado, sexa cal sexa a súa nacionalidade, sempre que os cónxuxes non estean separados de dereito e, con respecto aos descendentes, sexan menores de vinte e un anos ou maiores desta idade pero vivan a cargo dos seus proxenitores.

3. Ter feitos os dezaseis anos e non ter alcanzado a idade establecida, con carácter xeral, para a xubilación.

4. Acreditación do coñecemento de lingua galega.

A acreditación do coñecemento da lingua galega realizarase coa presentación do certificado de coñecemento da lingua galega (Celga 4), ou da súa validación, do curso de perfeccionamento en lingua galega ou a súa validación, feita polo órgano competente, o título de licenciado en filoloxía galego-portuguesa, o certificado do nivel avanzado da escola oficial de idiomas ou certificado de ter o curso de especialización en lingua galega.

Non obstante o anterior, poderán presentar solicitudes aquelas persoas que, posuíndo as titulacións sinaladas no número un, non posúan o curso de Celga 4 de lingua galega ou equivalente. Estes candidatos poderán ser seleccionados na falta de candidatos que si o acrediten. Neste caso, de seren seleccionados, os candidatos deberán superar, no prazo máximo de dous anos desde que sexan nomeados, o curso de Celga 4 de lingua galega ou equivalente. A superación do dito curso deberá ser comunicada á Subdirección Xeral de Recursos Humanos da Consellería de Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. Solicitudes e prazo de solicitude

Deberá facerse unha instancia de solicitude e un aboamento de taxas por cada unha das especialidades nas que se desexe inscribir.

O prazo para presentar a instancia ou as instancias de solicitude, así como a documentación xustificativa dos requisitos mínimos exixidos e dos méritos alegados para a súa baremación, será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e poderanse presentar en calquera rexistro oficial ou en calquera das dependencias a que alude o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que se opte por presentar a solicitude nunha oficina de Correos, farase en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario antes de ser certificada.

Cuarto. Importe e pagamento dos dereitos de inscrición nas listas

(Códigos: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, código 07; Delegación de Servizos Centrais, código 13; Servizo de Secretaría, código 01; taxa denominación, solicitude de inclusión nas listas de interinos substitutos: código 300301).

Os dereitos de inscrición nas listas serán de 17,15 euros.

Estarán exentos do pagamento, logo de xustificación documental:

a) Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Aplicarase unha bonificación do 50 % á inscrición solicitada por:

a) Persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral.

b) Persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data da convocatoria de probas selectivas nas cales soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

O pagamento da taxa poderase efectuar de dous xeitos diferentes:

– A través do impreso de autoliquidación –A ou AI–, en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

– De forma telemática, no enderezo:http://www.atriga.gal/a-axencia-tributaria-de-galicia/servizos/pagamentos/taxas-e-prezos, podendo optar por un pagamento telemático puro que xeraría un modelo 730 directamente ou un pagamento telemático presencial que xeraría un modelo 739, irían ao banco e logo teríase que retomar a operación na oficina tributaria virtual (OTV) para xerar o modelo 730.

Os modelos válidos que se deberán presentar como xustificante de pagamento de taxas nas fases correspondentes son os modelos A, AI e 730.

A non presentación deste anexo, dentro de prazo, en que figure o selo da entidade bancaria determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso a súa presentación suporá substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude.

Quinto. Modelo de solicitude

O modelo de solicitude está á disposición das persoas interesadas na páxina web da consellería, no enderezo http://www.edu.xunta.es (profesorado-xestión de profesorado).

Sexto. Comisión baremadora

A asignación da puntuación que lles corresponde aos concursantes será levada a cabo por unha comisión constituída por funcionarios destinados na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta comisión estará cualificada na categoría primeira para os efectos do previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (Diario Oficial de Galicia do 25 de xuño).

Poderá asistir ás reunións da comisión, con voz e sen voto, un representante por cada unha das organizacións sindicais con presenza na Mesa Sectorial Docente non Universitaria.

Sétimo. Baremo provisional, relación provisional de admitidos e prazo de reclamacións

A valoración dos méritos realizaraa a comisión baremadora tendo en conta o disposto no anexo II da Orde do 4 de abril de 2016 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso a corpos docentes da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 19 de abril).

A través dun anuncio no Diario Oficial de Galicia, comunicarase o baremo provisional e por epígrafes e a relación provisional de excluídos na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no enderezo da internet http://www.edu.xunta.es. Contra ese baremo e relación de excluídos provisionais, poderá presentarse reclamación mediante escrito dirixido ao director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Baremo definitivo e lista definitiva de excluídos

Resoltas as reclamacións contra as puntuacións provisionais e a relación definitiva de excluídos, logo da publicación dun anuncio no Diario Oficial de Galicia, publicarase a puntuación definitiva e a relación definitiva no enderezo da internet http://www.edu.xunta.es. Contra este baremo definitivo poderase interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Noveno. Orde

Os candidatos seleccionados terán un número de orde posterior ao do persoal interino/substituto da mesma especialidade que foi seleccionado en convocatorias anteriores.

Décimo. Baremo

O baremo, de acordo coa adenda asinada cos sindicatos da Mesa Sectorial Docente o 11 de xullo de 2006 (texto refundido publicado na Resolución do 31 de xullo de 2013, Diario Oficial de Galicia do 12 de agosto), será o publicado na fase de concurso da Orde do 4 de abril de 2016 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de inspectores de Educación, ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, ao corpo de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 19 de abril).

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2017

José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos