Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 6 de abril de 2017 Páx. 16478

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se somete a información pública a proposta de declaración de espazo privado de interese natural da zona denominada Os Lagos de Lousada, pertencente ao Concello de Xermade.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define como espazos naturais protexidos aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales. Entre as diferentes categorías de espazo natural protexido establecidas destaca unha prevista para a protección dos valores naturais de institucións e propietarios particulares de terreos nos cales existan formacións naturais que posúan singularidade, os espazos privados de interese natural (EPIN).

O artigo 18 da lei establece que, por petición dos propietarios e tras solicitar os informes preceptivos pertinentes, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio poderá declarar como EPIN aqueles espazos que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. A declaración é competencia da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mentres que a responsabilidade da súa xestión será privada. Así mesmo, a declaración dun EPIN non leva a súa inclusión na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.

A regulación dos espazos naturais de interese local que recolle a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de declarar, de maneira provisional, un EPIN por un prazo non superior a dous anos. O promotor debe presentar dentro deste prazo, como requisito imprescindible para a declaración do EPIN, o plan de conservación deste espazo.

Vista a solicitude presentada por Fernando Lías Rodríguez e María Lires Blanco, propietarios acreditados dos predios, ante a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, para a declaración do lugar denominado Os Lagos de Lousada como espazo privado de interese natural, esta dirección xeral considera que a proposta reúne as condicións adecuadas e establece un período de información pública na tramitación da solicitude con obxecto de cumprir co disposto no artigo 18.2.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co preceptuado pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Polas razóns explicadas,

RESOLVO:

Primeiro. Someter á información pública e á audiencia dos interesados a proposta de declaración do espazo privado de interese natural Os Lagos de Lousada, durante un prazo de vinte (20) días, contando o devandito período desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, coa finalidade de que aqueles interesados que se consideren directamente afectados poidan remitir alegacións mediante escrito dirixido ao enderezo postal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben ao enderezo electrónico planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «EPIN Os Lagos de Lousada».

Segundo. A proposta de declaración do EPIN Os Lagos de Lousada componse da solicitude normalizada, dunha memoria que cumpre e se axusta ao establecido no artigo 3.3 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, e polo compromiso formal de poñer en práctica as medidas de conservación e de elaborar o plan de conservación. Conta ademais co borrador de orde pola que se declaran, de xeito provisional, como espazo privado de interese natural, Os Lagos de Lousada.

Terceiro. Durante o citado prazo, os documentos poderán ser examinados nas seguintes dependencias:

– Subdirección Xeral de Espazos Naturais, San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, rolda da Muralla 70, 27071 Lugo.

– Concello de Xermade, praza do Concello s/n, 27833 Xermade (Lugo).

Do mesmo xeito poderase consultar o texto da memoria da proposta de declaración provisional na na sección de conservación da natureza da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion), entrando na subsección de documentos en información pública.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2017

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural

ANEXO
Límites do espazo natural protexido

missing image file