Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 4 de maio de 2017 Páx. 21913

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 24 de abril de 2017 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2016/17.

A Orde EDU/2058/2010, do 13 de xullo, pola que se regulan os premios nacionais de bacharelato establecidos pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón no artigo 3 que poderá concorrer a estes premios, logo de inscrición, o alumnado que obtivese premio extraordinario de bacharelato na súa comunidade autónoma, e no artigo 4.1, que as administracións educativas competentes poderán convocar e conceder premios extraordinarios de bacharelato nos seus respectivos ámbitos de competencias.

En consecuencia, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, facendo uso do disposto no artigo 4.1 da citada Orde EDU/2058/2010, do 13 de xullo, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de bacharelato (procedemento ED311A) para o alumnado que finalizase os estudos de bacharelato no curso 2016/17 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderase conceder un máximo de 20 premios extraordinarios.

2. Cada premio estará dotado con 1.000 €, con cargo á partida orzamentaria 10.50.423A.480.1 do ano 2017 cunha dotación global de 20.000 €.

3. Estes premios extraordinarios de bacharelato son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de bacharelato.

4. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais da contía económica, un diploma acreditativo, e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotaralle nel a distinción.

5. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de bacharelato poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

6. O alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público, segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2017/18.

Artigo 3. Requisitos de participación

Poderá optar ao premio extraordinario de bacharelato o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter rematado os estudos de bacharelato no curso 2016/17 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso.

2. Ter obtido unha nota media do bacharelato igual ou superior a 8,75. A nota media calcularase de acordo co establecido na disposición adicional quinta do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de de Galicia (DOG do 29 de xuño).

3. Non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos relacionados neste artigo se deberán posuír no día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Prazo e forma de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais dos/as solicitantes. A mera presentación da solicitude leva implícita a aceptación plena de todas as bases desta convocatoria e constitúe unha manifestación expresa de que a persoa solicitante reúne os requisitos exixidos para participar no procedemento, así como de que son veraces os datos que consigne nela.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED311A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento de identidade, DNI ou NIE do/a solicitante

b) Expediente dos estudos de bacharelato cursados polo/a solicitante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento á Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas estean obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou ao teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo/a interesado/a, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén os poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Procedemento dos centros educativos

Os centros públicos de educación dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en que está o expediente académico do alumnado enviarán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo; Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela, os documentos que a seguir se relacionan:

1. Certificación académica de bacharelato do alumnado (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de bacharelato recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media a que se refire o artigo 3.2, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro público en que se atope o expediente académico.

2. Documento xustificativo da transferencia de datos, que se descargará da aplicación informática https://www.edu.xunta.es/premiosbac, asinado por parte da dirección do centro público en que está o expediente académico do alumno ou da alumna solicitante.

Artigo 9. Emenda e mellora da solicitude

A publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 16 desta orde.

De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez publicadas as listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as, requiriranse os/as interesados/as para que, nun prazo de dez (10) días, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. De non o faceren, consideraranse desistidos/as da súa petición e arquivarase esta logo de resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da citada lei.

O prazo máximo para publicar a relación definitiva será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 16 desta orde.

Artigo 10. Realización da proba para a obtención do premio

1. O alumnado deberá realizar unha proba que se estruturará en dúas partes:

1.1. Primeira parte, para desenvolver en dúas horas:

1.1.1. Análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario.

1.1.2. Resposta a cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do bacharelato. O exercicio realizarase sen dicionario no idioma correspondente.

1.2. Segunda parte, para desenvolver nunha hora:

Desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado para elixir entre as seguintes: Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II, Fundamentos da Arte II.

2. Os exercicios da proba cualificaranse entre 0 e 10 puntos cun decimal.

3. A puntuación de cada parte da proba obterase mediante a suma das puntuacións das materias que a compoñen.

4. A puntuación total será a suma das puntuacións obtidas en cada parte da proba. Para aspirar ao premio extraordinario, o alumnado deberá obter, como mínimo, 5 puntos en cada unha das materias da proba e 21 puntos ou máis na puntuación total.

5. O número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2 desta orde, polo que, no caso de empate entre candidatos e candidatas, se dará preferencia á mellor nota media a que se refire o artigo 3.2 desta orde; despois, á cualificación da primeira parte da proba e, finalmente, á cualificación da segunda parte desta. De persistir o empate, o tribunal realizará un sorteo.

6. As probas realizaranse nos lugares e nas datas que se darán a coñecer mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria https:// www.edu.xunta.gal

Artigo 11. Tribunal

1. Para elaborar, supervisar e avaliar a proba constituirase un tribunal formado por:

Presidente/a:

A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

Vogais:

Ata un máximo de seis, coa categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou inspectores e inspectoras de Educación, todos eles designados pola persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. Para os efectos de colaboración, ao abeiro do disposto no punto anterior, poderanse constituír comisións delegadas integradas por membros do tribunal e/ou funcionarios e funcionarias dos corpos de inspectores de Educación, de catedráticos de ensino secundario e/ou de profesores de ensino secundario, especialistas nas distintas materias que compoñen as probas.

3. A percepción de asistencias deste tribunal aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 12. Puntuacións provisionais

1. O tribunal fará públicas as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas nos lugares relacionados no artigo 16 desta orde.

2. O alumnado examinado, ou os seus pais/nais ou representantes legais, poderá presentar reclamación contra a puntuación obtida no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación.

A reclamación presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do anexo II dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, a reclamación poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación da reclamación poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Ademais, poderase adiantar o envío ao fax nº 981 54 65 50 ou por correo electrónico ao enderezo premios@edu.xunta.es

3. As probas sobre as cales se solicitase esta reclamación serán revisadas por un profesor ou profesora especialista distinto/a ao/á que realizou a primeira corrección.

4. A puntuación final resultará da media aritmética das puntuacións obtidas nas dúas correccións. No suposto de que exista unha diferenza de 2 ou máis puntos entre elas, o tribunal efectuará, de oficio, unha terceira corrección e a puntuación final será a media aritmética das tres.

Artigo 13. Resolución

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos aspirantes publicaranse nos lugares relacionados no artigo 16 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo tribunal á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A relación do alumnado premiado comunicarase á Dirección Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

3. O prazo máximo para resolver este procedemento será de cinco meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, o/a interesado/a poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 14. Recurso

A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Obriga dos/as gañadores/as

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado gañador debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta, en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio segundo o modelo de anexo III. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. A persoa beneficiaria ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Publicación e información

A relación do alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premiosbac; ademais, poderase solicitar información nos teléfonos 981 54 02 05 e 881 99 73 83.

Artigo 17. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da adxudicación do premio concedido, conforme o artigo 17.4 da Lei 9/2007.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da lei a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. A participación no procedemento require o consentimento para o tratamento e a publicidade dos devanditos datos de carácter persoal, que se considerará convenientemente prestado polas persoas interesadas mediante a presentación da súa solicitude de participación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Secretaría Xeral Técnica; Edificio Administrativo San Caetano. San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e as medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Impugnación

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file