Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 23 de xuño de 2017 Páx. 31034

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 15 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a programación de accións formativas realizadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2017.

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española e no Estatuto de autonomía, na forma establecida no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Á Dirección Xeral de Ordenación Forestal correspóndelle o exercicio das competencias inherentes á ordenación, fomento e mellora da produción forestal, as medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais. Correspóndenlle tamén, no ámbito do sector agrícola, gandeiro, forestal e agroalimentario, as funcións de programación, coordinación e impulso da innovación e investigación e da innovación tecnolóxica, en coordinación co departamento desta Administración competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, a formación, a transferencia e a adopción dos resultados da investigación; a realización de programas formativos dirixidos ao persoal dependente da consellería que melloren a súa capacitación e o seu coñecemento técnico no eido agroforestal, sen prexuízo das competencias en materia de formación doutros departamentos desta Administración.

Máis concretamente, correspóndelle a formación das persoas agricultoras, gandeiras e silvicultoras, así como das súas asociacións e agrupacións, empresas de servizos agrarios e industrias agropecuarias, agroalimentarias e forestais, do persoal dependente da consellería en materias técnicas en colaboración, de ser o caso, con outros departamentos ou entidades da Administración con competencias en materia de formación de persoal e sen menoscabo das competencias atribuídas a estas entidades.

De acordo co Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e co Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) para o período de programación 2014-2020, aprobado pola Unión Europea (UE) mediante a Decisión comunitaria, do 18 de novembro de 2015; C (2015) 8144, dentro da Medida M01: accións de transferencia de coñecementos e información (artigo 14), promoverá actividades de formación profesional e adquisición de competencias, orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, da gandaría, da industria agroalimentaria e da cadea forestal-madeira dirixidas, en especial, a mozas, mozos e mulleres do medio rural.

O Regulamento delegado (UE) núm. 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e da Comisión, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias, e o Regulamento de execución (UE) núm. 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, que establece disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que foi modificado polo Regulamento de execución (UE) 669/2016, do 28 de abril de 2016, da Comisión.

O Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agraria común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) núm. 352/78, (CE) núm. 164/94, (CE) núm. 2799/98, (CE) 814/2000, (CE) núm. 1290/2005 e (CE) núm. 485/2008 do Consello, e as normativas que o detallan en maior profundidade: o Regulamento delegado (UE) núm. 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e o Regulamento de execución (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, que establece disposicións de aplicación do Regulamento (UE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

En particular, esta medida de transferencia de coñecementos e actividades de información debe afondar na promoción de sistemas de formación profesional en materia agropecuaria e forestal, con especial orientación a mozas e mozos agricultores e silvicultores. Así mesmo, deberá contribuír a fomentar o coñecemento e a mellora da formación técnico-económica destinada a elevar a formación empresarial asociativa e/ou comercial, fomentando a organización da cadea agroalimentaria, a transformación e a comercialización dos productos agrogandeiros e da silvicultura. Deberá tamén contribuír á consecución dos obxectivos transversais do PDR mediante o fomento da formación agroambiental; uso de fertilización orgánica e outras medidas para a xestión e boas prácticas agrícolas.

As actividades e o contido da formación incidirán, entre outros, en aspectos como a mellora da competitividade, a incorporación de tecnoloxías e prácticas innovadoras, a xestión económica e comercial, a calidade dos produtos, a xestión sustentable dos recursos naturais, incluídos os aspectos da condicionalidade, protección do ambiente e conservación da paisaxe, Rede Natura 2000 e a mitigación e adaptación ao cambio climático.

A Consellería do Medio Rural, co fin de complementar a oferta formativa que se facilita a través da estrutura da consellería, considera necesario contar coa colaboración doutras entidades nas actividades de formación continua que permitan unha capacitación integral das persoas que traballan no sector agroalimentario galego.

A inscrición no rexistro de entidades e o procedemento de homologación dos cursos das entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua e transferencia tecnolóxica en materia agraria regúlase na Orde do 17 de marzo de 2009. Pola experiencia nas actuacións formativas desenvoltas ata o de agora e pola evolución das titulacións académicas que se veu producindo, faise necesario actualizar a dita norma derrogando os números 2 e 3 do artigo 12.

Por todo o exposto, en consecuencia co establecido no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, e posteriores modificacións,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e das condicións polas cales se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas para a programación de accións formativas realizadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua profesional, orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, da gandaría, da industria agroalimentaria e da cadea forestal-madeireira na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao ano 2017.

O código do procedemento regulado nesta orde e que facilitará a identificación da sede electrónica da Xunta é o MR204A.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades colaboradoras, públicas ou privadas, inscritas no Rexistro Administrativo de Entidades Colaboradoras da Consellería do Medio Rural, que deberán cumprir co establecido na Orde do 17 de marzo de 2009 pola que se ditan normas relativas á inscrición no rexistro de entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua e transferencia de tecnoloxía en materia agraria e sobre o procedemento de homologación dos cursos realizados por estas entidades e a expedición de certificados e diplomas oficiais por parte da Administración pública, así como no Rexistro de Entidades de Formación en Materia de Benestar Animal reguladas polo Decreto 60/2007, do 22 de marzo, e demais normas que se desenvolvesen ao abeiro da súa normativa.

2. Non poderán ser beneficiarias das axudas as entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, non poderán ser beneficiarias das axudas:

a) As entidades que se beneficiasen dunha axuda anterior declarada incompatible por unha decisión da Comisión, ata que esa entidade reembolse o ingresado ilegalmente cos correspondentes xuros de recuperación.

b) As empresas en crise definidas no punto 35.15 das directrices da Unión Europea aplicables ás axudas estatais nos sectores agrícolas e forestais nas zonas rurais do período 2014 a 2020.

Artigo 3. Organización das accións formativas

1. As accións formativas que se executen serán actividades de formación continua profesional e exixible, tanto na modalidade presencial como semipresencial, orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, da gandaría, da industria agroalimentaria e da cadea forestal-madeira dirixidas, en especial, a mozas, mozos e mulleres do medio rural.

2. As actividades e o contido da formación seguirán o establecido nas normativas que desenvolvan e regulen os contidos e requisitos para cada un dos cursos ou modalidades de formación:

– Cursos de manipulador/aplicador de produtos fitosanitarios.

– Cursos de benestar animal.

– Cursos modulares de incorporación á empresa agraria.

3. O cadro mínimo de profesorado para a impartición das accións formativas estará constituído por un docente coa titulación universitaria exixida na regulación específica de cada acción formativa. Poderá participar tamén como profesorado de prácticas persoal con titulación de formación profesional dos ciclos medio e superior da familia agraria.

Para os cursos de Incorporación á empresa agraria será preciso contar cun profesor titulado/a universitario en materia agronómica, veterinaria, forestal, tecnoloxía dos alimentos, enoloxía, bioloxía, química, ciencias ambientais e outras titulacións afíns a estas. A titulación deberá ser acorde coa orientación técnico-produtiva do curso.

4. As entidades colaboradoras desenvolverán as distintas accións formativas ofertando un horario que permita a realización de todas as actividades, tanto teóricas como prácticas, en cumprimento do establecido nos diferentes programas oficiais vixentes. Estes horarios poderán ser distintos para os diferentes niveis ou destinatarios, co fin de que, cando sexa necesario, se facilite unha mellor organización da optatividade, así como un maior rendemento dos alumnos segundo a súa idade, situación laboral, colectivo, etc. A xornada diaria poderase repartir en sesións de mañá e tarde, sen que en ningún caso o número máximo de horas diarias que se imparta sexa superior a seis horas por acción formativa.

5. Deberá levarse control de asistencia diariamente, que será asinado polos alumnos á hora de entrada e saída, así como polo profesor ou profesores que impartan as clases e co visto e prace da persoa representante da entidade de formación (anexo VI).

6. Cada curso deberá contar cun número mínimo de 10 alumnos pertencentes ao colectivo para o cal se solicitou o curso durante o desenvolvemento de todo o curso; ademais, sobre o total do alumnado, non poderá ser inferior a un 60 % ao longo do desenvolvemento do curso e ata o seu remate.

7. Os contidos prácticos correspondentes ás accións formativas impartidas deberán ofertarse exclusivamente na modalidade presencial.

8. O exame de cada curso poderá ser realizado por persoal técnico da Consellería do Medio Rural. Para estes efectos, a entidade proporá un rango de datas para a realización do exame cando realice a comunicación previa do curso e esta consellería comunicaralle á entidade a data e a hora para a realización do exame, así como o lugar. Tamén se indicará quen será o examinador designado pola consellería.

Artigo 4. Definicións

Para os efectos previstos pola presente orde serán de aplicación as seguintes definicións:

1. Agricultor activo: calquera persoa que cumpra o disposto no artigo 8 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e o control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural ou norma que a substitúa.

2. Mozas e mozos agricultores: persoa que, no momento de presentar a solicitude, non ten máis de corenta anos, conta coa capacitación e a competencia profesional adecuada e se estableza nunha explotación agraria por primeira vez como titular desa explotación.

3. Pemes: as definidas como tales no anexo I do Regulamento (CE) núm. 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Artigo 5. Contía das axudas

A contía das axudas por curso axustarase ás seguintes premisas:

1. Máximos subvencionables:

– Máximo 150 € por alumno para os primeiros 10 alumnos (número de alumnos mínimo exixido).

– Máximo 100 € por alumno suplementario, ata un máximo de 10 alumnos (máximo financiable).

2. Ademais, a contía das axuda segundo a duración da acción formativa será a seguinte:

a) Cursos de ata 25 horas: máximo de 1.750 €.

b) Cursos ou módulos de máis de 26 horas: máximo de 2.500 €.

3. En todo caso, o máximo da prima por curso de formación será de 2.500 €.

4. Non se financiará ningún curso que remate con menos de 10 alumnos, nin serán financiables máis de 20 alumnos por curso.

5. No caso de ser autorizada unha visita dentro do programa do curso, financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo, unha vez xustificadas debidamente a oportunidade e a necesidade do uso dese transporte concreto.

6. O límite máximo anual da axuda será de 20.000 € por entidade de formación, incluídas as visitas.

Artigo 6. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas para a programación das accións formativas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 2017.13.02.422L.770.0 e proxecto orzamentario 2016 00213, por un valor total de 366.515,87 euros.

2. Poderanse utilizar outros remanentes que poidan existir na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente nun 2,5 %.

Artigo 7. Aplicación da normativa comunitaria sobre axudas públicas

Ás axudas reguladas nesta orde seranlles de aplicación os artigos 14 e 81 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Igualmente, aplicaránselles os artigos 42, 107, 108 e 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE).

As axudas de formación profesional e adquisición de competencias no sector forestal están comunicadas polo Estado español e concedidas de conformidade co artigo 38 do Regulamento (UE) núm. 702/2014 da Comisión, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do TFUE; o número de axuda é SA.43478 (2015/XA) e a base xurídica son as convocatorias públicas das autoridades de xestión baseadas nos programas de desenvolvemento rural Feader 2014-2020, e cunha porcentaxe de axuda do 100 %.

Artigo 8. Compatibilidade das axudas

As axudas reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra axuda que, co mesmo fin, concedan outras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sen prexuízo de que en ningún caso o importe das axudas acumuladas poida superar o orzamento solicitado nin a intensidade máxima da axuda.

Artigo 9. Gastos subvencionables

Só serán subvencionables os custos reais, efectivamente realizados, pagados e xustificados mediante facturas ou documentos contables de valor probatorio e que respondan á natureza da actividade subvencionada.

1. As axudas previstas nesta orde destinaranse a cubrir os gastos, efectuados posteriormente á presentación da solicitude da axuda, que estean directamente relacionados coa realización das accións formativas propostas, e poderán aplicarse aos conceptos que a continuación se detallan, e sempre que non se superen as contías máximas establecidas no artigo 5:

a) Gastos de profesorado incluirá a impartición das ensinanzas das distintas accións formativas, tanto das horas teóricas como das horas prácticas presenciais: máximo 60 €/hora presencial e máximo 1 €/hora semipresencial e alumno.

O cálculo de gastos de profesorado realizarase sobre o número de horas mínimo exixido na normativa reguladora correspondente.

No caso de subcontratación de docentes, en ningún caso se poderá exceder o 50 % do importe de cada acción formativa xustificada.

b) Material didáctico (incluído material de prácticas): 0,50 € por alumno e hora de actividade formativa, ata un máximo dun 25 % do importe total dos gastos subvencionables do curso.

O cálculo de gastos de material didáctico realizarase sobre o número de horas mínimo exixido na normativa reguladora correspondente e un máximo de 20 alumnos.

c) No suposto de que a acción formativa implique a organización de visitas, sempre e cando sexan autorizadas segundo o artigo 5.5, a maiores financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo, unha vez xustificadas debidamente a oportunidade e a necesidade do uso dese transporte concreto.

2. A formación será totalmente gratuíta para todo o alumnado das accións formativas derivadas desta orde.

Artigo 10. Gastos non subvencionables

Non será subvencionable ningún gasto correspondente a actuacións ou actividades anteriores á data de presentación da solicitude, nin os derivados dos requisitos que teñen que cumprir os solicitantes para poder concorrer a esta convocatoria.

Artigo 11. Requisitos dos solicitantes

1. A persoa física ou xurídica solicitante deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscrita nos dous rexistros administrativos correspondentes segundo o tipo de formación solicitada e indicados no artigo 2.1 desta orde.

b) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

c) Cumprir coas súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

d) Dispoñer dunha póliza de seguros de responsabilidade civil referente ás instalacións onde se realizarán as actividades e da póliza do seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente e do alumnado.

e) No caso de persoa xurídica solicitante, posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar. No caso de persoa física ou xurídica solicitante, non estar inhabilitada para a obtención da subvención pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.

f) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Cualificacións mínimas do persoal docente.

a) Titulación universitaria de grao superior ou medio en materias agrarias e afíns.

b) O persoal docente de prácticas poderá contar coa titulación de formación profesional dos ciclos medio e superior da familia profesional agraria ou asimilados.

c) Poderán ser docentes de accións de formación práctica os titulares de explotacións agrarias, titulares forestais ou da empresa agroalimentaria e forestal, que acrediten una experiencia no sector mínima de 5 anos.

Artigo 12. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes estarán dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación Forestal e presentaraas a entidade solicitante, que debe cumprir o disposto nos artigos 2 e 11 da presente orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as entidades colaboradoras referenciadas no artigo 2 que teñan a condición de persoa xurídica.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Se a documentación presentada estivese incompleta, requirirase ao solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, que comenzará a contar o día seguinte ao de recepción do requirimento, subsane a falta ou aporte os documentos preceptivos, coa advertencia de que, si non o fixese, se terá por desistido da súa petición, e se procederá ao arquivo das actuacións logo da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 21 e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

b) Memoria descritiva das accións formativas que se van desenvolver (anexo II), coa indicación dos seguintes contidos: tipo de acción ou accións formativas solicitadas, obxectivos, colectivo a que van dirixidas, orzamento e, se é o caso, descrición da viaxe formativa programada asociada a un curso ou cursos concretos.

c) Copia auténtica da póliza de seguros de responsabilidade civil referente ás instalacións onde se realizarán as actividades e da póliza do seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente e do alumnado ou, na súa falta, o compromiso de achegala con anterioridade ao comezo da actividade lectiva. Esta documentación deberá estar sempre actualizada e á disposición da Administración para a súa comprobación.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Cando se trate dun empresario individual, deberá achegar a copia do DNI ou NIE, só no caso de denegar expresamente a súa consulta. Se se trata dunha persoa xurídica deberá achegar a copia do NIF só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

b) Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Cando o solicitante denegue expresamente o seu consentimento,deberá presentar a certificación nos termos previstos no artigo 20.3 da Lei de subvencións.

c) Documentación que acredite a cualificación profesional do persoal docente (titulación académica e, se é preciso, acreditación da experiencia), só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Órgano responsable da tramitación

A unidade responsable da instrución dos expedientes das axudas recollidas nesta orde será a Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal da Dirección Xeral de Ordenación Forestal.

Artigo 16. Tramitación

1. A avaliación das solicitudes será realizada por unha comisión que aplicará os criterios expostos no artigo 17. A dita comisión actuará como órgano colexiado constituído polos seguintes membros:

a) Presidente: a subdirectora xeral de Formación e Innovación Agroforestal, ou a persoa en que delegue.

b) Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Forestal, designado polo director xeral, que actuará con voz e voto.

c) Vogais: tres funcionarios designados polo mesmo director xeral de Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural.

2. A comisión de avaliación poderá solicitar a colaboración de avaliadores externos, de recoñecida experiencia nas áreas correspondentes ás propostas presentadas, co fin de emitir informe sobre os proxectos solicitados.

Artigo 17. Criterios de valoración

Para a avaliación e ordenación en orde decrecente das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios de puntuación:

1. En función da tipoloxía das accións e dos beneficiarios das accións de formación (máximo 60 puntos):

a) Accións formativas segundo a actividade económica:

– Accións dirixidas a agricultores activos: 20 puntos.

– Accións dirixidas ao persoal de empresas agrarias, alimentarias e entidades asociativas agrarias: 10 puntos.

– Accións dirixidas ao persoal das entidades asociativas profesionais agrarias: 10 puntos.

– Accións dirixidas a persoas emprendedoras no sector primario para desenvolver no medio rural: 10 puntos.

–Accións dirixidas a persoas emprendedoras en sectores económicos para desenvolver no medio rural: 5 puntos.

– Accións dirixidas ao persoal de pemes que operen nas zonas rurais: 5 puntos.

– Accións dirixidas a agricultores non activos pero con intereses na agricultura: 5 puntos.

b) Accións dirixidas, preferentemente, a mozos, mozas e mulleres do medio rural:

– Mozos agricultores: 20 puntos.

– Mozas agricultoras : 30 puntos.

– Mozas e mozos con expectativas de incorporación á actividade agraria: 30 puntos.

– Mulleres agricultoras maiores de 41 anos: 20 puntos.

– Mulleres maiores de 41 años con expectativas de incorporación: 20 puntos.

– Maiores de 41 anos con expectativas de incorporación: 10 puntos.

– Persoa con situación acreditada de estar en risco de pobreza e/ou exclusión social: 20 puntos.

2. En función da temática das accións (máximo 100 puntos):

a) Accións formativas exixibles e/ou habilitantes para o exercicio profesional:

– Uso sustentable de produtos fitosanitarios: 75 puntos.

– Incorporación a empresa agraria: 50 puntos.

– Benestar animal: 40 puntos.

– Outras accións necesarias para a habilitación profesional dos agricultores ou silvicultores: 30 puntos.

b) Accións formativas para a incorporación das TIC aos procesos produtivos e/ou de xestión:

– Accións dirixidas á incorporación das TIC en procesos produtivos: 20 puntos.

– Accións dirixidas á incorporación das TIC en procesos de xestión: 20 puntos.

c) Actividades formativas destinadas á adquisición de novas competencias profesionais ligadas á innovación en procesos e tecnoloxías e novos produtos:

– Actividades formativas relacionadas coa innovación en procesos agrarios: 10 puntos.

– Xestión empresarial. Emprendemento. Xestión comercial. Comercio exterior: 10 puntos.

– Reestruturación de explotacións: 5 puntos.

– Seguridade alimentaria, calidade, prevención e riscos e ambiente na industria agroalimentaria: 5 puntos.

– Sistemas de calidade: 5 puntos.

– Actividades formativas de innovación en tecnoloxías: 15 puntos.

– Actividades formativas de innovación en novos produtos: 15 puntos.

d) Actividades formativas para a xestión sustentable dos recursos naturais, incluídos os aspectos da condicionalidade, a protección do medio ambiente e conservación da paisaxe. Xestión sustentable de recursos naturais:

– Agricultura ecolóxica: 10 puntos.

– Control integrado de pragas: 10 puntos.

– Eficiencia na xestión e no uso de recursos naturais: 10 puntos.

– Restauración, preservación e mellora de ecosistemas: 10 puntos.

– Xestión do solo. Conservación do solo: 10 puntos.

– Uso eficiente de maquinaria agrícola: 10 puntos.

– Uso eficiente da auga na agricultura: 10 puntos.

– Enerxías renovables: 10 puntos.

e) Accións formativas relacionadas coa mitigación e a adaptación ao cambio climático e coa Rede Natura 2000:

– Adaptación ao cambio climático: 10 puntos.

– Medidas agroambientais: 10 puntos.

– Biodiversidade Rede Natura 2000: 10 puntos.

3. A solicitude de axuda deberá acadar un limiar mínimo de puntuación que se corresponderá co 30 % da puntuación máxima total que se poida acadar (160 puntos × 30 %=48 puntos) no procedemento de selección en función dos criterios de selección aplicados. De non acadar esta puntuación, quedará excluída.

4. Seleccionaranse aquelas actuacións que obteñan unha maior puntuación como resultado de aplicar os criterios de valoración. En caso de empate, resolverase segundo as solicitudes obtivesen maior puntuación nos criterios e na orde seguintes:

– Accións formativas exixibles e/ou habilitantes para a incorporación ao exercicio profesional.

– Actividades formativas destinadas á adquisión de novas competencias profesionais.

– Actividades formativas para a xestión sustentable.

Artigo 18. Resolución e notificación

1. A resolución de concesión das axudas corresponderalle ao director xeral de Ordenación Forestal, por delegación da conselleira do Medio Rural, logo da avaliación das solicitudes pola comisión. A dita avaliación conterá unha relación dos cursos priorizados que se propoñen para ser financiados co seu correspondente orzamento, acompañada dunha relación dos cursos avaliados positivamente, a relación dos cursos que se consideran non financiables así como unha de reserva de posibles beneficiarios respecto ás contías liberadas por renuncias ou outras circunstancias. Na dita lista incluirán, por orde de prelación segundo o resultado da avaliación efectuada, aqueles solicitantes que, cumprindo as exixencias requiridas para adquirir a condición de beneficiarios, non foron seleccionados como tales en aplicación do proceso de valoración por esgotamento da dotación orzamentaria.

Conforme o artigo 21.3 e 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o informe de avaliación debe incluír o resultado da avaliación das solicitudes efectuada, de conformidade cos criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras e convocatoria.

A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada. A dita notificación deberá informar os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e se enmarca dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, medida 1, submedida 1.1, prioridade 1.C, e tamén da obriga do beneficiario en cuestión de publicidade, establecidas no anexo III do Regulamento (UE) 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro da presente convocatoria será de tres meses contados a partir da publicación da presente convocatoria.De non mediar resolución expresa no devandito prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

8. A Dirección Xeral de Ordenación Forestal poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

9. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Cando o solicitante denegue expresamente o seu consentimento, deberá presentar a certificación nos termos previstos no artigo 20.3 da Lei de subvencións.

10. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

11. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería do Medio Rural.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da concesión por instancia do beneficiario, sempre que se presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación das accións obxecto de subvención, que nestas axudas coincide co prazo para a súa realización, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a acción proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo director xeral de Ordenación Forestal por delegación da conselleira do Medio Rural logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, a persoa interesada comunicará expresamente a súa renuncia ou aceptación á subvención no prazo de dez días desde a súa notificación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tácitamente aceptada.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao disposto no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo,o director xeral de Ordenación Forestal, por delegación da conselleira, ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Facer constar en todos os documentos e publicidade das actividades formativas o anagrama de Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), o emblema da UE e unha referencia á axuda do Feader. Así mesmo, no desenvolvemento da dita actividade, infórmase os participantes de que está financiada pola Consellería do Medio Rural, polo MAPAMA e polo Feader.

Nos locais de impartición das accións formativas deberán figurar, sempre en lugar visible, a publicidade da actividade e o cartel do cofinanciamento (anexo VII) e permanecer expostos ao longo da realización da dita actividade. Deberase presentar algunha proba documental da súa exposición.

En todas as actividades de información e comunicacion que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

a) O emblema da Unión.

b) Unha referencia á axuda do Feader.

Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web, e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

Os carteis, paneis ou placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación e os elementos descritos anteriormente. Esta información ocupará, como mínimo, o 25 % do cartel, da placa ou da páxina web.

2. Comunicarlle á Dirección Xeral de Ordenación Forestal calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar o desenvolvemento da actividade.

3. Reintegrar as cantidades percibidas coa subvención, xunto cos xuros de demora calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días entre a data de reembolso ou dedución.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas co fondo Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento (UE) núm. 809/2014.

5. Conforme o disposto no artigo 66.1.c) do Regulamento (UE) núm. 1305/2013, os beneficiarios da axuda deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á acción de formación subvencionada.

6. Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes da Dirección Xeral de Ordenación Forestal, tanto no relativo ao desenvolvemento da actividade como á súa xestión e tramitación administrativa.

7. O Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, establece no artigo 71 o compromiso por parte dos beneficiarios de axudas no marco das medidas de desenvolvemento rural de proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.

8. Ficha de cada alumno, segundo o modelo que se xunta como anexo VIII.

9. Documentación solicitada no anexo IX: comunicación previa ao inicio do curso.

Artigo 22. Pagamento das subvencións

1. A entidade solicitante xustificará a subvención, coa data límite do 30 de novembro de 2017, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor, de acordo co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, logo da petición do beneficiario.

2. As solicitudes de pagamentos (anexo III) presentaranse en calquera dos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, antes da data límite que se indique na notificación da resolución de concesión, xunto cos seguintes documentos:

a) Anexo IV, memoria cos datos das accións formativas que se desenvolveron, cuberta en todos os seus puntos, acompañada de documentación fotográfica de todas as súas fases, teórica, práctica e, se é o caso, das visitas correspondentes.

b) Enquisa de satisfacción (anexo V) cuberta por todos os alumnos asistentes á acción formativa, que terá carácter obrigatorio para o acceso ao exame correspondente.

c) Partes de asistencia diarios (anexo VI) de cada unha das accións formativas realizadas. Deberase asinar obrigatoriamente á entrada e á saída cunha marxe de 10 minutos sobre o horario establecido. No caso de que algún alumno non asista nesta franxa horaria, deberá indicar a hora exacta de entrada/saída.

Os partes de asistencia deberán estar asinados polos alumnos e polo/s docente/s correspondente/s, coa indicación do número de horas impartidas por cada un deles.

d) Documentación acreditativa de realización dos gastos correspondentes ás actividades subvencionadas, que consistirá nun orixinal e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes de pagamento mediante transferencia bancaria ou, na súa falta, copia do extracto bancario acreditativo do cargo. As facturas orixinais deberán reunir os requisitos sinalados no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento das obrigas de facturación, e marcaranse cun selo, indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención. Neste último caso, indicarase a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

No caso dos gastos de profesorado propio da entidade, deberá presentar contrato de traballo, nómina, xustificante de pagamento mediante transferencia bancario, o sistema de cálculo do coste/hora de impartición do curso do profesorado, así como unha certificación asinada polo representante da entidade que indique que as horas de impartición do docente na acción aprobada non están financiadas por ningunha outra axuda.

No caso dos gastos de material didáctico, deberán presentar proba documental da súa entrega aos alumnos, que consistirá nun xustificante de recepción detallado e asinado polo alumnado.

e) No caso de gastos de viaxes relacionados coa execución da acción formativa deberá achegarse unha certificación das viaxes realizadas, xunto coa documentación acreditativa da realización do gasto.

f) Cumprir coas súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

g) Certificación en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas para este mesmo proxecto e conceptos para os cales se solicita o pagamento da subvención.

h) Certificación asinada polo representante da entidade de que os alumnos cumpren cos criterios de valoración para o colectivo do curso aprobado.

3. Segundo o recollido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente, para os efectos previstos neste capítulo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan.

Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección, de acordo co artigo 46.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Segundo o recollido nos artigos 31.5, 33.2 e 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos coa aceptación da axuda, a cantidade desta que finalmente teña que percibir o beneficiario ou, se é o caso, o importe que vai reintegrar, virá determinada pola aplicación de criterios de graduación que deberán responder ao principio de proporcionalidade.

Artigo 23. Controis administrativos

1. A Consellería do Medio Rural poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das accións subvencionadas. Ademais do seguimento baseado nos informes finais recibidos, a Dirección Xeral de Ordenación Forestal poderá facer un seguimento técnico da acción formativa mediante a presenza in situ do persoal técnico designado para este fin. O seguimento poderá avaliar o grao de cumprimento das accións formativas propostas.

2. A entidade beneficiaria someterase aos procedementos de comprobación e control financeiro das accións de formación subvencionadas por parte da Consellería do Medio Rural, do órgano pagador do Feader, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Consello de Contas, o Tribunal de Contas e das instancias comunitarias de control.

3. Seralles de aplicación ás axudas recollidas nesta orde o referido ao réxime de controis, reducións e exclusións regulados no Regulamento (UE) núm. 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) núm. 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

Artigo 24. Recursos

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non fose expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

Artigo 25. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde ou dos obxectivos da acción subvencionada, a non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención, a obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen, o incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado ou de calquera outra Administración pública, así como as demais circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, constituirán causas determinantes de reintegro da subvención polo beneficiario, xunto cos xuros de demora.

2. Aos beneficiarios das subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previstas na citada Lei 9/2007. Así mesmo, seralles aplicable o procedemento de reintegro, de acordo co Regulamento de execución (UE) 809/2014, da Comisión.

3. En caso de pagamento indebido, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se lle engadirán, de ser o caso, os xuros calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de sesenta días, e a data de reembolso ou dedución.

4. Para a aplicación de controis, reducións, sancións e exclusións nas medidas de desenvolvemento rural non establecidas no sistema integrado do período 2014-2020, ditou o Fondo Español de Garantía Agraria ditou a Circular de coordinación 23/2015. Recórdase tamén a aplicación neste ámbito da Circular de coordinación 22/2015, relativa ao Plan nacional de controis das medidas de desenvolvemento rural non establecidos no ámbito do sistema integrado do período 2014-2020.

Artigo 26. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requerida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 27. Lexislación de aplicación

En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) núm. 1305/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1698/2005 do Consello, e Regulamento delegado (UE) núm. 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), Regulamento de execución (UE) núm. 808/2014 da Comisión, e nos regulamentos (UE) núm. 809/2014, (CE) núm. 1303/2013 e (UE) núm. 807/2014.

Artigo 28. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela(A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal.

Disposición adicional primeira. Marco programático da orde

As axudas reguladas na presente orde forman parte do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014–2020 aprobado pola Decisión de execución da Comisión C(2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, polo que a presente convocatoria e as súas bases deben axustarse ao contido do programa.

Disposición adicional segunda. Formularios

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional terceira. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogados os números 2 e 3 do artigo 12 da Orde do 17 de marzo de 2009 pola que se ditan normas relativas á inscrición no rexistro de entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a realización de actividades de formación continua e transferencia de tecnoloxía en materia agraria e sobre o procedemento de homologación dos cursos realizados por estas entidades e a expedición de certificacións e diplomas oficiais por parte da Administración pública (DOG núm. 60, do 27 de marzo).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Autorízase o director xeral de Ordenación Forestal para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file