Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 7 de xullo de 2017 Páx. 33011

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de xuño de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido da prevención na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria.

A evidencia científica dispoñible indica que a estratexia más axeitada para diminuír o impacto sanitario e social do uso de substancias adictivas no contexto actual é actuar mediante unha combinación de medidas que interveñan de xeito simultáneo nos ámbitos da exposición e a accesibilidade ás substancias psicoactivas, do seu consumo e da redución do dano asociado.

A Xunta de Galicia é unha Administración sensible a este problema xerado polo consumo de substancias adictivas e vén traballando neste tema desde hai máis de 30 anos. No ano 1986 nace o Plan autonómico sobre drogodependencias, froito da necesidade de reordenar e vertebrar a loita contra as substancias psicoactivas que ata aquel momento se desenvolvía en Galicia. Este plan intentaba reunir todas as accións que se estaban a desenvolver para abordar e reducir os problemas derivados do consumo destas substancias. Desde o seu inicio buscaba dirixir os esforzos da Administración autonómica en tres direccións: a organización, a planificación xeral e a coordinación das actuacións das diversas administracións, institucións e organismos implicados na loita contra as adiccións.

No ano 1996 apróbase a Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, que establece no seu capítulo II que a planificación dos obxectivos, prioridades e estratexias de actuación que en materia de drogodependencias se realicen na nosa Comunidade Autónoma, se preverán nun Plan de Galicia sobre drogas. Esta lei indica ademais cales son as accións que se levarán a cabo nas áreas de prevención, asistencia, incorporación social, formación, investigación, coordinación e outras que consideren oportunas as distintas administracións públicas, asociacións e organizacións non gobernamentais.

A planificación estratéxica vixente en Galicia en materia de trastornos adictivos segue ademais as prioridades e liñas de actuación definidas tanto pola Estratexia nacional sobre drogas como pola Estratexia da Unión Europea en materia de loita contra a droga. Esta última, na súa planificación para os anos 2013 a 2020, proporciona o marco xeral e as prioridades de intervención para os Estados membros.

Unha destas liñas de actuación prioritaria no ámbito da redución da demanda refírese á implantación de medidas dirixidas a mellorar a dispoñibilidade e eficacia dos programas de prevención e fomentar a sensibilización da poboación respecto do risco que supón o consumo de substancias adictivas legais e ilegais e das súas consecuencias. Con este fin, as medidas de prevención deben incluír a detección e intervención temperás, o fomento de estilos de vida saudables e a prevención específica (selectiva e indicada) dirixida tamén a familias e comunidades.

Outra liña incide no esforzo que se debe realizar na elaboración e implantación de medidas de redución da demanda eficaces e diferenciadas, e que sexan apropiadas para as necesidades específicas de determinados grupos, patróns ou modalidades de consumo específicos, con atención especial aos grupos máis vulnerables e marxinados.

Por último, esta estratexia anima tamén a fomentar a participación e implicación activa e significativa da sociedade civil (incluídas as organizacións non gobernamentais, os consumidores de substancias adictivas e os usuarios dos servizos relacionados co consumo destas substancias) na loita contra este problema de saúde pública.

Os sistemas de información dispoñibles amosan a realidade actual dos consumos de substancias adictivas no noso contorno. Segundo a última edición publicada da Enquisa sobre alcohol e drogas en España (Edades 2013-14) sinala que o alcohol é a substancia psicoactiva máis xeneralizada na poboación galega de 15 a 64 anos, na medida en que o 95,5 % refire que tomou bebidas alcohólicas nalgunha ocasión na súa vida; o 79,8 %, nos últimos 12 meses, e o 66,3 %, nos últimos 30 días. O tabaco segue sendo a segunda substancia de maior consumo en Galicia, onde o 34,2 % da poboación fumou nos últimos 30 días, e o cánnabis consolídase como a terceira substancia máis consumida (a primeira das substancias ilegais). Con respecto ao resto de substancias analizadas, o 8,3 % refire ter consumido cánnabis nos últimos 12 meses; o 1,7 %, cocaína; o 1,3 %, hipnosedantes (sen prescrición médica); o 0,3 %, heroína, e o 0,3 %, éxtase.

De maneira similar ao acontecido coa enquisa Edades, a enquisa sobre uso de drogas en ensinanzas secundarias en España (Estudes 2014-15) indica que as substancias consumidas por unha maior porcentaxe de estudantes de 14 a 18 anos son o alcohol, o tabaco e o cánnabis: o 73,6 % refire ter consumido alcohol nos últimos 12 meses; o 29,6 %, tabaco, e o 20,7 %, cánnabis. No caso do alcohol, as cifras de prevalencia de consumo aumentaron nestes últimos anos de xeito leve, un dato que contrasta coa evolución positiva dos patróns de consumo de risco (borracheiras e binge drinking), cara a prevalencias máis baixas. No caso do tabaco e do cánnabis, os datos reflicten unha tendencia de consumo claramente descendente.

Tendo en consideración todo o anterior e resaltando a importancia de promover a participación social e a cooperación institucional entre os diferentes organismos e institucións que levan a cabo accións neste tema, esta orde pretende fomentar e dar continuidade ás políticas de prevención do consumo de substancias psicoactivas levadas a cabo polas entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor en Galicia.

A orde conta cun total de 29 artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras. Ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva de subvencións a proxectos de prevención de condutas adictivas, e poderán concorrer á concesión destas axudas todas aquelas entidades da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan desenvolver un proxecto obxecto da presente orde.

En consecuencia e no uso das facultades que me foron conferidas,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de prevención de condutas adictivas que se desenvolvan en Galicia nos anos 2017, 2018 e 2019, en consonancia coas áreas de actuación prioritarias establecidas pola Dirección Xeral de Saúde Pública. Esta orde regula o procedemento recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia con código SA463F.

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e a resolución axustaranse ao previsto nesta orde.

Aos aspectos non contidos nesta orde aplicaráselles o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán concorrer á concesión destas subvencións todas aquelas entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia que desenvolvan o seu labor no eido da prevención das condutas adictivas que pretendan desenvolver, individualmente ou agrupadas, un proxecto de prevención obxecto da presente orde.

A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada entidade privada, agás no caso das agrupacións de entidades, en que se asignará unha única subvención para realizar un proxecto común. Nestes casos, as entidades privadas integrantes da agrupación nomearán unha representante única do proxecto conxunto, que actuará como coordinadora e interlocutora ante a Consellería de Sanidade.

Ningunha entidade privada poderá figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual. De darse o caso, prevalecerá a solicitude realizada de forma conxunta.

Artigo 4. Requisitos

1. A creación ou existencia dunha unidade ou servizo de prevención de condutas adictivas. Este requisito non será de aplicación no caso das entidades privadas que pretendan desenvolver programas e actividades de diminución de riscos e redución de danos na rúa e espazos abertos, aos cales se refire o artigo 5.3.

2. Esa unidade ou servizo estará constituída, polo menos, por un/unha profesional con titulación universitaria e formación específica en condutas adictivas, que actuará como representante técnico/a do proxecto ante a Consellería de Sanidade.

3. Contar coa infraestrutura física e de medios axeitada para o desenvolvemento das funcións, os programas e as actividades que deberá levar a cabo.

4. A presentación dun proxecto de actuación para os anos 2017, 2018 e 2019 orientado á prevención das condutas adictivas.

5. O proxecto de prevención incluirá os seguintes programas:

a) Clases 1, 3 e 4: os programas definidos nos números 1 e 2 do artigo 5 que a entidade solicitante considere oportunos (ata un máximo de 12), dentro dos cales necesariamente se incluirá como mínimo un do ámbito escolar, outro do familiar e outro do xuvenil.

b) Clase 2: os 4 programas enumerados no artigo 5.3.

6. Estar inscrita, no momento da solicitude de subvención, no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas regulado no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro. No caso das solicitudes presentadas por agrupacións de entidades será suficiente con que este requisito sexa cumprido por unha das entidades privadas.

7. O proxecto presentado deberá abranguer unha área de actuación mínima de 10.001 habitantes, podendo ser de carácter municipal ou abarcar varios concellos para os cales se presenta un proxecto común. As entidades pertencentes ás clases 1 e 2 quedarán exentas de cumprir este requisito. A acreditación da poboación destinataria dos proxectos da clase 3 farase mediante certificado municipal da poboación que abrangan. Para a acreditación da clase 4 revisarase o padrón municipal que figure no Instituto Galego de Estatística na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8. A entidade solicitante deberá manifestar de xeito expreso a clase a que opta, segundo o indicado no artigo 9. Se unha entidade privada se asocia con outra co fin de desenvolver un proxecto común nun mesmo ámbito territorial de actuación, deberán determinar cal delas será a interlocutora coa Consellería de Sanidade e receptora da subvención.

9. As intervencións que se desenvolverán neste proxecto preventivo non poderán dirixirse á poboación que xa sexa beneficiaria de intervencións similares desenvoltas por outras institucións ou entidades, de carácter público ou privado, ao mesmo tempo.

10. Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

11. Presentar a solicitude no prazo e forma que establece o artigo 12.

12. Todos os materiais e publicacións (en formatos físicos ou electrónicos) que se elaboren no contexto das axudas reguladas por esta orde deberán ser revisados e aprobados polo Servizo de Prevención de Condutas Adictivas. Os materiais que utilicen a imaxe corporativa da Consellería de Sanidade deberán cumprir, ademais, cos criterios oficiais de identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Contidos dos proxectos

De acordo co establecido na carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas:

1. Serán programas básicos os seguintes:

a) Ámbito escolar: «PPCDE/Saúde na escola» e «Non pasa nada, pasa algo?».

b) Familiar: «Máis que un teito», «En familia todos contan» e «Entre todos».

c) Xuvenil: «Activa» e «Cambio de sentido».

2. Serán programas complementarios:

a) Os seguintes programas da carteira de servizos: «Ao alcance», «Cine e saúde», «Odisea», «Creative», «Acais», «Información-sensibilización» e «Formación de mediadores».

b) Calquera outro que a entidade solicitante considere oportuno desenvolver.

Poderanse presentar ata un máximo de 5 programas complementarios.

Os programas da carteira de servizos «Alternativa», «Itínere» e «Penélope» non serán valorados nesta convocatoria de axudas. O programa «Sísifo» soamente será valorado para as entidades que opten á clase 2.

3. Serán programas e actividades de diminución de riscos e redución de danos dirixidos a drogodependentes en situación de emerxencia social (programa Sísifo), os seguintes:

a) Programa de captación activa e intervención en medio aberto.

b) Programa de centro de encontro e acollida.

c) Programa de intercambio de material de inxección, dispensa e distribución de kits hixiénicos, preservativos, etc.

d) Programa de información-formación ás persoas destinatarias do proxecto.

4. Todos os programas e actividades que se planifiquen deberán prever necesariamente a perspectiva de xénero.

Artigo 6. Funcións da unidade ou servizo de prevención de condutas adictivas

1. Atender e canalizar as demandas de información, asesoramento e formación en relación coas drogas no seu ámbito territorial de actuación.

2. Planificar, executar e avaliar programas de prevención de condutas adictivas nos diferentes ámbitos de intervención: educativo, familiar, xuvenil, laboral, muller, poboacións vulnerables e outras actividades transversais de información-sensibilización, así como a formación de mediadores/as sociais e sanitarios/as.

3. Rexistrar todos os programas preventivos realizados na aplicación informática Xesapi (xestión do Sistema de avaliación de programas de prevención).

4. Ser un nexo de unión e coordinación entre a Dirección Xeral de Saúde Pública e aquelas entidades que poidan estar implicadas co proxecto de prevención, tales como outras entidades privadas sen ánimo de lucro, centros escolares, sociais, sanitarios, entidades locais ou veciñais ou de calquera outro tipo.

5. Difundir á sociedade por todos os medios ao seu alcance as actividades preventivas que se estean realizando no seu territorio, así como os resultados alcanzados con elas.

6. Detectar no seu ámbito posibles incumprimentos da normativa sobre promoción, publicidade, venda, subministración e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco.

7. Atender ás indicacións da Dirección Xeral de Saúde Pública derivadas dos principios e directrices do plan de trastornos adictivos vixente.

8. Elaborar os informes que permitan o seguimento e a avaliación dos proxectos preventivos segundo os procedementos que determine a Dirección Xeral de Saúde Pública.

9. Colaborar coas organizacións e institucións que a Dirección Xeral de Saúde Pública designe para monitorizar e avaliar as actividades e os programas preventivos desenvoltos.

Artigo 7. Dispoñibilidade orzamentaria

1. A contía total das subvencións concedidas ao abeiro da presente orde ascende a 1.156.000,00 euros, e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 1102.413A.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este orzamento distribuirase en tres anualidades do seguinte xeito:

a) Ano 2017: 289.000,00 €.

b) Ano 2018: 578.000,00 €.

c) Ano 2019: 289.000,00 €.

2. Estas contías poderíanse ver incrementadas, se for o caso, a través das oportunas modificacións orzamentarias por maior dispoñibilidade de crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias expostas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, incluíndo a dispoñibilidade de fondos procedentes do Estado, e en todo o demais aplicarase o disposto no mencionado artigo.

3. No caso de que se producise este incremento de crédito a Consellería de Sanidade repartiríao do seguinte xeito:

a) Faríase unha repartición unicamente entre as entidades beneficiarias que non recibise o 100 % solicitado na asignación ordinaria de subvencións.

b) Esta nova repartición faríase de xeito proporcional, tendo en conta a puntuación acadada por cada unha delas no artigo 10 e seguindo o mecanismo de asignación establecido no artigo 11.3.

c) A xustificación deste novo crédito dispoñible faríase do mesmo xeito que o crédito inicialmente outorgado a cada entidade.

4. En calquera caso, a concesión das subvencións reguladas nesta orde limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no momento da súa resolución. As subvencións que se concedan e as contribucións que se conveñan terán carácter ocasional, estarán suxeitas a limitación orzamentaria e non xerarán ningún dereito de continuidade na asignación de financiamento ás entidades destinatarias para exercicios sucesivos.

5. O ritmo de execución das actividades ao longo do período subvencionable deberá axustarse á dispoñibilidade orzamentaria de cada anualidade, tal e como se detalla no artigo 27.

Artigo 8. Normas xerais sobre as subvencións

1. A contía solicitada será, como máximo, o 95 % do orzamento do proxecto, e corresponderalle á entidade solicitante a achega mínima con fondos propios do 5 % restante en concepto de cofinanciamento. En ningún caso, a contía da subvención solicitada poderá ser superior ao crédito orzamentario dispoñible na súa clase.

2. A subvención en ningún caso superará a contía solicitada nin o 95 % do orzamento do proxecto. Ademais, o importe máximo desta subvención non poderá superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

3. A entidade solicitante poderá establecer un esforzo de cofinanciamento superior ao mínimo establecido no número 1 deste artigo. A porcentaxe de cofinanciamento sinalada no anexo I de solicitude será vinculante e establecerá o límite máximo da contía dos pagamentos regulados no artigo 27 desta orde. Deste xeito, na solicitude deberá especificarse a contía total do proxecto que se desenvolverá, resultado de sumar a subvención que se solicita, a contía do cofinanciamento que a entidade solicitante achega ao proxecto e, se for o caso, outras axudas recibidas para este mesmo fin.

4. Os proxectos presentados de forma agrupada serán inadmitidos ou excluídos se se detecta que non hai unha realización conxunta das actividades e que, polo tanto, supoñan actuacións independentes en cada integrante da agrupación.

5. Subvencionaranse os programas e as actividades recollidos no proxecto e desenvolvidos entre o 1.7.2017 e o 30.6.2019.

6. Só se subvencionará un proxecto, presentado individualmente ou por unha agrupación de entidades privadas. Por iso, só se poderá concorrer a unha das clases especificadas no artigo 9. No caso de entidades cuxa área de actuación se enmarque en varios concellos, asignarase unha única subvención para realizar un proxecto común.

7. Dentro de cada clase os proxectos serán seleccionados segundo a puntuación que acaden en aplicación dos criterios de baremación especificados no artigo 10.

8. Só serán seleccionados para a adxudicación da subvención aqueles proxectos que acaden unha puntuación mínima de 45 puntos da puntuación máxima teórica de 100 puntos que se pode acadar na fase de baremación.

9. Para o procedemento de selección de proxectos e asignación de contías aplicarase o procedemento especificado nos puntos 5 e 6 do artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e o previsto nas presentes bases.

10. Se dous ou máis proxectos acadasen a mesma puntuación na fase de baremación, o desempate resolverase seguindo os seguintes criterios:

a) O que empregue a lingua galega tanto na redacción como no desenvolvemento das actividades propostas.

b) O que obteña maior valoración no número 1 do artigo 10.

c) O que obteña maior valoración no número 7 do artigo 10.

d) O que obteña maior valoración no número 9 do artigo 10.

e) De persistir o empate resolveríase por sorteo simple.

11. A subvención que se concederá para cada proxecto será aboada de conformidade co establecido no artigo 27 relativo ao pagamento e á xestión económica.

Artigo 9. Clases e contías das subvencións

1. Clase 1.

Proxectos de prevención de drogodependencias dirixidos a comunidades étnicas con especial risco.

Destínase a esta clase o 4,00 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 7.1 (46.240,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 2 proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase a subvención mínima que se solicitará será de 25.000,00 euros.

2. Clase 2.

Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva nun programa de intervención precoz con drogodependentes en situación de emerxencia social con carácter, cando menos, supraprovincial.

Destínase a esta clase o 26,00 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 7.1 (300.560,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 2 proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase a subvención mínima que se solicitará será de 156.000,00 euros.

3. Clase 3.

Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos nos cales as entidades solicitantes pretendan desenvolver plans comunitarios de prevención das drogodependencias.

Destínase a esta clase o 24,00 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 7.1 (277.440,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 5 proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase a subvención mínima que se solicitará será de 57.000,00 euros.

4. Clase 4.

Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva nun ou en varios concellos.

Destínase a esta clase o 46,00 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 7.1 (531.760,00 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 9 proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase a subvención mínima que se solicitará será de 61.000,00 euros.

Artigo 10. Criterios de baremación

Os criterios de baremación que se aplicarán á hora de seleccionar os proxectos presentados son os seguintes:

1. Calidade técnica do proxecto de prevención de condutas adictivas: ata 56 puntos.

a) Para as clases 1, 3 e 4, os proxectos especificados nos artigos 5.1 e 5.2 valoraranse da forma seguinte:

1º. Ata 5,5 puntos por cada programa básico.

2º. Ata 3,5 puntos por cada programa complementario.

b) Para a clase 2, os proxectos especificados no artigo 5.3 valoraranse da forma seguinte:

1º. Ata 16 puntos polo programa de captación de persoas drogodependentes e intervención na rúa.

2º. Ata 16 puntos polo programa de centro de encontro e acollida.

3º. Ata 13 puntos polo programa de diminución de riscos e redución de danos propiamente dito: intercambio de material de inxección, dispensa e distribución de kits hixiénicos, preservativos, etc.

4º. Ata 11 puntos polo programa de información-formación ás persoas destinatarias do proxecto.

Para a avaliación dos programas individuais e o cálculo da súa puntuación, cada un deles computará nun índice base de 100 unidades, equivalente ao máximo alcanzable por cada programa. Este cálculo farase convertendo as unidades en puntos mediante regra de tres simple.

2. Grao de interacción da entidade cos recursos do seu contorno (Administración local, recursos escolares, sociais e sanitarios), definido na memoria explicativa e acreditado coas xustificacións oportunas dos organismos referidos: ata 7 puntos.

3. Co fin de fomentar a agrupación de entidades, incentivaranse aqueles proxectos que promovan o asociacionismo e a xestión compartida de recursos presentando un proxecto común. Así, ao proxecto que agrupe dúas ou máis entidades daranselle 5 puntos.

4. Experiencia no desenvolvemento de programas de prevención de condutas adictivas, expresada en anos de colaboración coa Consellería de Sanidade ou co Servizo Galego de Saúde:

a) Tempo de colaboración igual ou superior a 15 anos: 7 puntos.

b) Tempo de colaboración entre 10 e 14 anos: 5 puntos.

c) Tempo de colaboración entre 5 e 9 anos: 3 puntos.

d) Tempo de colaboración entre 1 e 4 anos: 1 punto.

No caso das agrupacións de entidades, a puntuación que se lle asignará será a da entidade con maior tempo de colaboración.

5. Segundo o índice de risco epidemiolóxico (IRE) do espazo xeográfico en que desenvolve o proxecto:

a) Se está definido como alto: 3 puntos.

b) Se está definido como medio-alto: 2 puntos.

c) Se está definido como baixo: 1 punto.

No caso das solicitudes presentadas conxuntamente só se valorará esta epígrafe unha vez e asignaránselle os puntos da entidade co IRE máis alto.

6. Formación profesional e xornada laboral do persoal con que vaia contar a entidade beneficiaria para levar a cabo o proxecto (tomando como referencia o convenio único para o persoal laboral da Xunta de Galicia). Valorarase con ata 10 puntos do seguinte xeito:

a) Persoal contratado a xornada completa:

Por cada titulado/a superior, 2 puntos; por cada titulado/a de grao medio, 1 punto, e por especialistas e persoas encargadas, 0,5 puntos. Ata un máximo de 7,5 puntos.

b) Persoal colaborador a xornada completa:

Por cada titulado/a superior, 1 punto, e por cada titulado/a de grado medio, 0,5 puntos. Ata un máximo de 2,5 puntos.

Para os efectos da valoración das xornadas laborais definidas neste punto, considerarase xornada completa a de 7,5 horas diarias ou de 37,5 horas semanais. A valoración das xornadas parciais calcularase de forma proporcional en función da xornada declarada para cada un dos niveis profesionais, segundo as puntuacións expresadas nos apartados anteriores e arredondando a puntuación a dous decimais.

7. Porcentaxe de cofinanciamento do proxecto asumido pola entidade solicitante:

a) >27 %: 7 puntos.

b) >20 % e ≤27 %: 5 puntos.

c) >13 % e ≤20 %: 3 puntos.

d) >6 % e ≤13 %: 1 punto.

8. Número de concellos en que se desenvolve o proxecto presentado. Este criterio só se aplicará ás clases 1 e 4. A valoración farase do seguinte xeito:

a) Se abranguen 5 ou máis concellos: 5 puntos.

b) Se abranguen entre 3 e 4 concellos: 2 puntos.

c) Se abranguen só 2 concellos: 1 punto.

9. Experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de diminución de riscos e redución de danos no consumo de drogas, e de prevención no eido das enfermidades transmisibles como o VIH/sida ou a hepatite. Este criterio só se aplicará á clase 2. Esta experiencia valorarase con 5 puntos.

10. Poboación que abrangue o proxecto presentado. Este criterio só se aplicará á clase 3. A valoración farase do seguinte xeito:

a) Se abranguen máis de 40.000 habitantes: 5 puntos.

b) Se abranguen entre 30.001 e 40.000 habitantes: 2 puntos.

c) Se abranguen entre 20.001 e 30.000 habitantes: 1 punto.

Artigo 11. Cálculo das contías das subvencións

1. Os posibles excedentes derivados da non selección de ningún proxecto nunha ou en varias clases redistribuiranse entre as demais do seguinte xeito:

a) No caso de non resultar seleccionado ningún proxecto nas clases 1 e/ou 2, o orzamento global destinado a esa ou esas clases repartirase entre as clases 3 e 4 nunha proporción de 30 % e 70 %, respectivamente.

b) De ser a clase 3 a que non teña seleccionado ningún proxecto, o excedente pasaría integramente á clase 4. Do mesmo xeito, se a clase que non ten ningún proxecto seleccionado é a 4, o excedente pasaría integramente á clase 3.

c) De quedaren vacantes ambas as clases 3 e 4, o excedente repartiríase a partes iguais entre as clases 1 e 2.

2. Para realizar a asignación económica descrita neste artigo realizarase en primeiro lugar o cálculo das contías da clase 1 e, cando esta estea rematada, procederase co das clases 2, 3 e 4 sucesivamente.

3. O mecanismo de asignación dentro de cada clase farase do seguinte xeito:

a) Dividirase o crédito orzamentario dispoñible na clase entre o total de puntos dos proxectos seleccionados, así obterase o valor en euros de cada punto. A contía que se asignará a cada proxecto obterase de multiplicar o valor en euros de cada punto polos puntos obtidos por cada proxecto.

b) Se, despois destes cálculos, a contía resultante é superior á solicitada, asignaráselle esta última de acordo co establecido no artigo 8.2, xerándose en consecuencia un resto orzamentario coa diferencia entre ambas as cantidades.

c) Os posibles restos que poidan ter xurdido en aplicación do exposto no punto anterior reasignaranse entre os proxectos que aínda non teñan acadado o 100 % da cantidade solicitada. Esta reasignación faríase calculando un novo euro/punto con base na suma das puntuacións destes proxectos que aínda non acadaron o 100 % da contía solicitada e o resto orzamentario dispoñible. Se, finalizadas estas operacións, segue existindo algún resto orzamentario, volvería repartirse de acordo coa metodoloxía expresada neste parágrafo ata que este resto se esgote ou que todos os proxectos teñan asignado o 100 % solicitado.

4. De darse o caso de que todos os proxectos dunha clase acaden o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este sumaríase integramente á cantidade que se repartira na seguinte.

5. De darse o caso de que todos os proxectos da clase 4 acaden o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este quedará sen asignar.

Artigo 12. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 13. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto, que se axustará ás características definidas no artigo 14 desta orde.

b) Anexo II de declaración de axudas e consentimento. Este anexo presentarase unicamente no caso de solicitudes conxuntas. Achegarase un exemplar por cada unha das entidades acompañantes á solicitante da subvención, no cal se dará o consentimento para que a entidade que asina o anexo I actúe como representante.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Memoria explicativa do proxecto de prevención

A memoria explicativa do proxecto seguirá as seguintes directrices:

1. Características técnicas.

a) O formato do arquivo será de texto ou PDF.

b) O documento estará formateado con marxes de 2 cm, letra tipo arial, tamaño 11 puntos e interlineado sinxelo.

2. Estrutura.

A memoria contará con dúas epígrafes:

a) Descrición xeral do proxecto. Esta epígrafe contará cun encabezamento co nome da entidade solicitante e a denominación do proxecto. A continuación incluirá, nun espazo máximo de 5 páxinas, os seguintes ordinais:

1º. Descrición detallada da unidade ou servizo de prevención: localización, infraestrutura física e de medios técnicos dispoñibles e descrición de todo o persoal que a compón (con toda a información sobre o número, a vinculación contractual, a titulación e a xornada laboral necesaria para calcular a puntuación definida no artigo 10).

2º. Orzamento detallado do proxecto.

3º. Descrición do grao de interacción da unidade con outras entidades, recursos ou grupos de interese do seu contorno implicados na prevención das condutas adictivas.

b) Descrición de cada programa. A continuación incluirase unha epígrafe individual para cada un dos programas que compoñen o proxecto preventivo que incluirá, nun espazo máximo de 3 páxinas por programa, os seguintes ordinais:

1º. Nome do programa.

2º. Xustificación da necesidade da intervención.

3º. Poboación obxectivo detallada.

4º. Modelo teórico de referencia.

5º. Finalidade, metas e obxectivos.

6º. Descrición detallada das actividades que se desenvolverán.

7º. Cronograma detallado das intervencións.

8º. Equipo que desenvolverá a intervención.

9º. Materiais que se utilizarán.

10º. Monitorización e avaliación.

Os ordinais 2º, 4º e 5º desta alínea b) só se cubrirán se o programa non está incluido na carteira de servizos.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da/s entidade/s solicitante/s.

b) DNI da/s persoa/s representante/s da/s entidade/s solicitante/s.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado nos anexos I e II, segundo corresponda, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Emendas da solicitude

As unidades administrativas da Dirección Xeral de Saúde Pública responsables da tramitación dos procedementos de concesión das subvencións reguladas nesta orde comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se unha solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, requirirase a entidade interesada para que, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos nun prazo máximo de 10 días con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude e procederase conforme o establecido no citado artigo.

Artigo 17. Instrución e comisión de valoración

1. Órganos competentes.

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión será a Dirección Xeral de Saúde Pública. A Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, a través do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.

2. Comisión de valoración.

Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que terá como función controlar e validar o proceso de revisión das solicitudes presentadas; a avaliación técnica dos proxectos preventivos e a asignación de puntuacións; a selección das entidades que recibirán subvención e o cálculo das contías correspondentes. Unha vez finalizado este proceso, a comisión elaborará un informe que remitirá ao órgano instrutor.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan o/a presidente/a, ou persoa en quen delegue, a persoa que exerza de secretario/a e, polo menos, a metade dos seus membros. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación examine as solicitudes, algún dos membros que a compoñen non pode asistir, será substituído na forma en que se establece máis adiante neste mesmo artigo.

Para o seu funcionamento a comisión rexerase polo establecido nos artigos 14 ao 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, relativos aos órganos colexiados.

A comisión de valoración, facendo a motivación oportuna, poderá requirir ás entidades solicitantes das axudas a información ou a documentación adicional que, non estando en poder da Administración, sexa relevante para unha avaliación correcta das solicitudes.

A comisión de valoración estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

1º. A persoa titular da xefatura do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, ou persoa en quen delegue de igual rango.

2º. Un/unha técnico/a do devandito servizo, que actuará como secretario/a.

3º. O persoal técnico da Dirección Xeral de Saúde Pública que, para o efecto, designe o/a presidente/a da comisión como avaliadores, se é o caso.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha composición equilibrada de homes e mulleres.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes e á vista do informe da comisión de valoración, a Dirección Xeral de Saúde Pública formulará a proposta de resolución debidamente motivada.

4. A proposta de resolución non crea ningún dereito a favor da entidade beneficiaria proposta mentres non se lle notifique a resolución de concesión.

Artigo 18. Resolución

1. A proposta de resolución será remitida polo órgano instrutor á persoa titular da Consellería de Sanidade que, de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ditará a resolución definitiva, que deberá ser motivada. A dita resolución deberá conter, de maneira expresa, a relación das entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes, se é o caso.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución das axudas será de cinco meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes.

3. Todo incumprimento ou alteración das condicións en que se basea a concesión da subvención e, se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Poderán existir circunstancias que, como consecuencia da alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, dean lugar á modificación da resolución de concesión.

5. Infórmanse as entidades interesadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións, regulado no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

2. A aceptación ou renuncia da subvención farase mediante a presentación do formulario normalizado proposto no anexo III, ou por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a Consellería de Sanidade ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 21. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Recursos

1. A resolución do procedemento pon fin á vía administrativa, e contra ela as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución á entidade.

2. Igualmente, procederá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación se a resolución é expresa; se non é así, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non se poderá acudir á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

4. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 44 da referida Lei 29/1998, do 13 de xuño, poderase requirir previamente ao órgano que ditou a resolución para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderíase rexeitado se non fose contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 24. Subcontratación

Enténdese que unha entidade subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto desta subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En ningún caso a entidade beneficiaria concertará a execución parcial ou total das actividades subvencionadas con persoas ou entidades que tivesen recibido outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

As entidades beneficiarias poderán subcontratar ata o 75 % da contía total concedida.

Artigo 25. Conceptos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido no artigo 8.5. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

En particular, subvencionaranse os seguintes conceptos de gasto:

a) Gastos de persoal. Ás retribucións en nómina sumaranse os gastos de seguridade social correspondentes á empresa e o seu total constituirá o gasto subvencionable por custos de persoal.

b) Axudas de custo, sempre que garden relación co proxecto e sexan debidamente xustificadas.

c) Gastos materiais. Neste sentido admitiranse gastos derivados da difusión e visualización do proxecto, así como gastos de material preventivo ou divulgativo.

d) Gastos xerais derivados do mantemento do servizo tales como os correspondentes aos alugamentos dos locais, asesoría, electricidade, gas, auga, telefonía, lixo ou comunidade.

e) Custos indirectos, sempre que sexan imputados á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda.

f) Gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e gastos periciais se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a súa preparación ou execución.

g) Os tributos consideraranse gastos subvencionables cando a/s entidade/s beneficiaria/s desta axuda os aboe/n efectivamente e sempre que, no caso dos impostos indirectos, non sexan pola súa parte susceptible de recuperación ou compensación.

h) En ningún caso terán a consideración de gastos subvencionables os xuros debedores de contas bancarias, así como os xuros, recargas ou sancións administrativas ou os gastos de procedementos xudiciais.

2. Considerarase gasto realizado o que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación correspondente. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no cal se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

Artigo 26. Xustificación

1. As entidades beneficiarias remitirán nas datas sinaladas no artigo 27 á Dirección Xeral de Saúde Pública a seguinte documentación, co fin de realizar as propostas de pagamento da subvención concedida:

a) Declaración/s da/s entidade/s peticionaria/s da subvención na/s que figure o conxunto das subvencións e axudas solicitadas para a mesma finalidade, procedentes das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Nesta declaración farase referencia tanto ás axudas efectivamente percibidas como ás aprobadas ou concedidas e ás pendentes de resolución, así como calquera outro ingreso ou recurso financeiro que teña como finalidade o financiamento das actuacións obxecto da subvención. Esta declaración farase mediante a presentación do formulario normalizado do anexo IV.

b) Informe das actividades realizadas:

1º. Nas xustificacións dos pagamentos á conta achegarase unha memoria intermedia de actividades. Este informe incluirá unha relación detallada dos programas realizados no período de tempo obxecto de xustificación.

2º. Na xustificación do pagamento final achegarase a memoria dos programas e actividades realizados no período obxecto da subvención. Esta será presentada segundo o sistema de información e avaliación de programas de prevención de condutas adictivas con que conta a Dirección Xeral de Saúde Pública (Xesapi).

c) Resumo de gastos, en que figurará a suma de cada concepto derivado do desenvolvemento do proxecto, debidamente asinado polo/a tesoureiro/a da entidade e co visto e prace do/da presidente/a desta; gastos que terán que ser iguais ou superiores ao importe do proxecto subvencionado. En todo caso, a forma de xustificación deberá atender ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e comprender a totalidade dos gastos dos programas e actividades desenvolvidas, debendo acreditar os gastos da subvención outorgada. Ademais, observarase o previsto no artigo 29.2 desa mesma lei con relación ao concepto de gasto realizado.

2. Segundo o artigo 8.5, as actuacións que se subvencionan deberán efectuarse desde o 1.7.2017 e, consecuentemente, os xustificantes de pagamento que soporten as ditas actuacións poderán referirse unicamente a gastos xerados a partir desa data. A entidade beneficiaria presentará a documentación xustificativa dos gastos e pagamentos na forma que se especifica no artigo 27, coa finalidade de que a Comunidade Autónoma realice o recoñecemento da obriga do pagamento.

3. A xustificación acreditará expresamente o destino e o importe dos gastos efectivamente realizados con cargo a cada programa ou axuda. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, acreditarase na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades.

4. Para poder efectuar os pagamentos previstos deberanse acreditar os gastos efectuados mediante as xustificacións orixinais ou copias compulsadas das facturas ou documentos con valor probatorio equivalente, nóminas ou boletíns de cotización á Seguridade Social.

5. As facturas deberán estar debidamente cubertas de acordo coa normativa vixente, e nelas constará:

a) Número de factura.

b) Nome e apelidos ou razón social, número de identificación fiscal e enderezo, tanto do/da expedidor/a como do/da destinatario/a.

c) Descrición da operación e a súa contraprestación total, indicando o tipo impositivo aplicado.

d) Lugar e data da súa emisión.

6. A estas xustificacións deberá xuntárselles unha relación en listaxe simple consecutiva, ordenada segundo os conceptos de gasto a que se atribúen (persoal, materiais, ou gastos xerais de mantemento e xestión) e, dentro destes, correlativas segundo a súa data de emisión. Nesta relación figurará para cada un dos conceptos o número de orde da factura, o número de factura, a data de emisión, o/a provedor/a, a descrición do gasto, o programa a que se atribúe e o importe da factura.

7. A presentación das facturas, da documentación xustificativa dos gastos e da relación ordenada é un requisito imprescindible para a tramitación do mencionado pagamento e devolveranse todas as xustificacións que non o cumpran.

8. O pagamento final da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa que acredite o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu, nos termos e na forma que estableza a resolución da concesión.

9. Ao remate do proxecto, xunto coa memoria dos programas e actividades obxecto do período correspondente, achegarase unha copia de todos os materiais divulgativos xerados, se for o caso.

10. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total do proxecto que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 27. Pagamento e xestión económica

1. O cálculo dos pagamentos definidos neste artigo farase tomando como referencia:

a) A contía dos gastos declarados pola entidade solicitante en cada unha das xustificacións presentadas.

b) A porcentaxe de cofinanciamento comprometida no anexo I de solicitude, que marcará as contías que deben asumir a entidade beneficiaria e a Consellería de Sanidade.

2. Os pagamentos reduciranse proporcionalmente con respecto á contía inicialmente concedida (sempre que estea garantida a consecución do obxecto da subvención):

a) Se o gasto xustificado é inferior á contía que resulta de sumarlle a cada un dos pagamentos a parte correspondente do cofinanciamento comprometido no anexo I.

b) Se se produce a concorrencia con outras subvencións ou axudas.

3. O recoñecemento da obriga e o pagamento posterior da subvención á entidade beneficiaria farase sempre que esta xustifique, de acordo coa normativa aplicable, a realización do obxecto da subvención e o cumprimento das condicións e as súas finalidades.

4. Todo pagamento da subvención outorgada exixe a acreditación de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida realizaranse de conformidade co previsto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e farase efectiva do seguinte xeito:

a) Anualidade de 2017.

Primeiro pagamento anticipado, por importe equivalente ao 25,00 % da contía total da subvención outorgada. Efectuarase unha vez ditada a resolución de concesión, tras a aceptación da subvención concedida e a remisión do anexo IV de declaración doutras axudas debidamente cuberto. Este pagamento deberá ser xustificado posteriormente na xustificación do primeiro pagamento á conta.

b) Anualidade de 2018.

Primeiro pagamento á conta, por importe de ata o 16,50 % da contía total da subvención outorgada. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 26.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.7.2017 e o 30.4.2018. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.5.2018.

A presentación desta xustificación é optativa. No caso de non presentala, o crédito reservado para este pagamento uniríase ao do segundo pagamento á conta e o seu aboamento quedaría supeditado á xustificación que se achegue antes deste segundo pagamento á conta. Do mesmo xeito, se a entidade beneficiaria presenta unha xustificación de gastos insuficiente para recibir este primeiro pagamento á conta completo, o crédito non aboado uniríase ao reservado para o segundo pagamento á conta. Igualmente, o seu aboamento quedaría supeditado á xustificación que se presente no seu momento.

Segundo pagamento á conta, por importe de ata o 16,50 % da contía total da subvención outorgada (máis o remanente procedente do primeiro pagamento á conta, se for o caso). Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 26.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas ata o 31.8.2018. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.9.2018.

A presentación desta xustificación é obrigatoria. Se non se presenta, a entidade beneficiaria perdería o dereito a percibir o crédito comprometido restante para o ano 2018, sen prexuízo de que a ausencia desta xustificación podería derivar adicionalmente nun reintegro parcial ou total da contía aboada en concepto de primeiro anticipo. Do mesmo xeito, se a entidade beneficiaria presenta unha xustificación de gastos insuficiente para recibir este segundo pagamento á conta completo, o crédito non aboado sería anulado.

Segundo pagamento anticipado, por importe equivalente ao 17,00 % da contía total da subvención outorgada. Efectuarase a partir do 1.9.2018, unha vez remitido o anexo IV de declaración doutras axudas debidamente cuberto. Este anticipo deberá ser xustificado posteriormente na xustificación do terceiro pagamento á conta, se é o caso, ou do pagamento final.

b) Anualidade de 2019.

Terceiro pagamento á conta, por importe de ata o 12,50 % da contía total da subvención outorgada. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 26.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.9.2018 e o 31.3.2019. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.4.2019.

A presentación desta xustificación é optativa. No caso de non presentala, o crédito reservado para este pagamento uniríase ao do pagamento final e o seu aboamento quedaría supeditado á xustificación que se achegue antes deste pagamento final. Do mesmo xeito, se a entidade beneficiaria presenta unha xustificación de gastos insuficiente para recibir este terceiro pagamento á conta completo, o crédito non aboado uniríase ao reservado para o pagamento final. Igualmente o seu aboamento quedaría supeditado á xustificación que se presente no seu momento.

Pagamento final, por importe de ata o 12,50 % da contía total da subvención outorgada. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 26.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas ata o 30.6.2019. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.7.2019.

A presentación desta xustificación final é obligatoria. Se non se presenta, a entidade beneficiaria perdería o dereito a percibir o crédito comprometido restante para o ano 2019, sen prexuízo de que a ausencia desta xustificación podería derivar adicionalmente nun reintegro parcial ou total da contía aboada en concepto de segundo anticipo. Do mesmo xeito, se a entidade beneficiaria presenta unha xustificación de gastos insuficiente para recibir este segundo pagamento á conta completo, o crédito non aboado sería anulado.

Artigo 28. Obrigas dos beneficiarios, compatibilidade e reintegro

1. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Sanidade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. As subvencións serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 29. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia rexerá o disposto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional única. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións comerciais e económicas con terceiros» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Sanidade-Servizo Galego de Saúde. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Sanidade, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira. Órgano responsable

A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, a avaliación, a difusión e a execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2017

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file