Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 24 de agosto de 2017 Páx. 40383

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO do 1 de agosto de 2017, da Mesa do Parlamento, polo que se convocan probas selectivas para o ingreso por promoción interna nunha praza do corpo administrativo do Parlamento de Galicia e polo que se aproban as bases reguladoras do procedemento de selección.

De conformidade coas medidas de planificación dos recursos humanos para o ano 2017, adoptadas pola Mesa do Parlamento de Galicia e acordadas na Mesa de Negociación, entre as que se inclúe proceder á convocatoria dunha praza do corpo administrativo do Parlamento de Galicia, mediante promoción interna, ao abeiro do disposto nos artigos 30.1.2 e 60.3 do Regulamento do Parlamento de Galicia e 16 do seu Estatuto de persoal, a Mesa do Parlamento de Galicia aprobou as seguintes bases, que rexerán as probas selectivas para a provisión da devandita praza.

Bases

1. Normas xerais.

1.1. Características da praza.

Convócase proceso selectivo para cubrir, mediante promoción interna, unha praza do corpo administrativo, grupo C, incluída na relación de postos de traballo do Parlamento de Galicia.

A praza está dotada coas súas retribucións correspondentes, consignadas nos orzamentos do Parlamento de Galicia para o ano 2017 (co incremento do 1 %).

A este proceso selectivo seralle aplicable o Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia e o disposto nesta convocatoria.

1.2. Procedemento de selección.

Ao abeiro do establecido no artigo 35 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, o sistema de selección será, mediante promoción interna, o de concurso-oposición.

1.3. Incompatibilidades.

O posto de traballo está sometido ao réxime xeral de incompatibilidades establecido no Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

2. Requisitos dos aspirantes.

2.1. Xerais.

Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Pertencer como funcionario de carreira ao corpo auxiliar do Parlamento de Galicia (grupo D) e ter unha antigüidade nese corpo de, polo menos, dous anos.

b) Non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Titulación: estar en posesión, ou en condicións de o obter, do título de bacharelato (LOE), bacharelato (LOXSE), bacharelato unificado polivalente (Lei 14/1970, do 4 de agosto, xeral de educación), bacharelato superior (plan 1957), técnico (LOE), técnico (LOXSE), técnico especialista da Lei 14/1970 ou equivalente, ou ter aprobadas as probas de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase posuír o documento acreditativo da súa homologación.

d) Non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións correspondentes.

e) Non ter sido obxecto dunha separación de servizo de calquera Administración pública mediante expediente disciplinario nin dunha inhabilitación con carácter firme para o exercicio de funcións públicas.

2.2. Concorrencia.

Os requisitos establecidos no apartado anterior deberán cumprirse no último día de prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento de toma de posesión da praza resultante deste proceso selectivo.

3. Solicitudes.

3.1. Forma.

Quen desexe tomar parte nas probas selectivas deberá formular a súa solicitude no modelo do anexo 1, que tamén estará dispoñible na páxina web do Parlamento de Galicia. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame ou, no seu defecto, de ser o caso, documentación acreditativa de encontrarse nalgunha das situacións ás que fai referencia esta convocatoria susceptibles da exención do pagamento.

b) Declaración de non estar separado a través de expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas, e de non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das correspondentes funcións (anexo 3).

c) Documento xustificativo orixinal ou fotocopia debidamente compulsada de estar en posesión do curso de Celga 4 ou perfeccionamento de galego, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no segundo exercicio.

d) Documentación acreditativa dos méritos alegados na fase de concurso.

3.2. Destinatario, prazo e lugar de presentación.

As solicitudes dirixiranse á Presidencia do Parlamento de Galicia. O prazo de presentación será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación de solicitudes farase no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, sito na rúa do Hórreo, en Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3.3. Dereitos de exame.

O seu importe, de 30,87 euros, acreditarase xuntando á solicitude para participar nas probas selectivas o xustificante do ingreso mediante transferencia bancaria na conta corrente Abanca ES502080-0388-21-3110000502, e indicarase nela o concepto «Taxas selección CAP», o nome e o DNI do aspirante.

Aos aspirantes excluídos devolveráselles o importe ingresado, sempre que o soliciten no prazo dun mes, contado desde a publicación da relación definitiva de admitidos e excluídos no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Non obstante, estarán exentos do pagamento da taxa dos dereitos de exame os que estean incursos nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.4. Os aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente, e deberán solicitar as posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Relación de admitidos e excluídos.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia ditará unha resolución na que declarará aprobada a relación provisional de admitidos e excluídos, con indicación de apelidos, nome e número de documento nacional de identidade, xunto coa motivación da exclusión, se é o caso. Esta resolución publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es).

Os aspirantes excluídos dispoñerán dun prazo de dez (10) días, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivase a exclusión. Para tal efecto, a estimación ou desestimación destas peticións de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se determine a relación definitiva de admitidos e excluídos.

Transcorrido o dito prazo, a Presidencia ditará a resolución definitiva, contra a cal se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante este órgano no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, ou poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A resolución definitiva será obxecto da mesma publicidade que a provisional.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza aos interesados a posesión dos requisitos exixidos nestas bases. Cando da documentación que deba presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúe algún dos requisitos, o interesado decaerá en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación neste procedemento.

A dita resolución definitiva determinará o lugar, a data e a hora do comezo do primeiro exercicio.

5. Tribunal cualificador.

5.1. Composición.

O tribunal cualificador das probas selectivas será designado pola Presidencia da Cámara, de acordo coa normativa reguladora da función pública aplicable nesta materia, e non poderá estar composto maioritariamente por persoal do corpo ou escala de que se trate. Ningunha persoa integrante terá titulación inferior á exixida para a admisión ás probas. Na súa composición debe atenderse aos principios de imparcialidade e profesionalidade e ao disposto na normativa de igualdade.

O tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide necesario. Estes asesores limitaranse a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicárselle á Presidencia do Parlamento de Galicia.

5.2. Abstención e recusación.

Os membros do tribunal deberán absterse, ou poderán ser recusados por calquera interesado e, particularmente, polos aspirantes, cando concorra algún dos supostos previstos nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizaron tarefas de preparación de aspirantes relativas a procesos selectivos de acceso ao corpo e escala ao que corresponde a praza obxecto desta convocatoria nos cinco anos anteriores ao da publicación desta convocatoria, caso en que llo deberán comunicar á Presidencia do Parlamento. Cando se produza esta situación, e consecuentemente a vacante dun membro do tribunal titular, o seu suplente cubrirá o devandito posto e a Presidencia designará un novo suplente.

A presidenta ou o presidente, na sesión de constitución do tribunal, solicitará dos membros do tribunal unha declaración expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou nas previstas nestas bases.

5.3. Constitución e actuación.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de polo menos tres dos seus membros.

As decisións adoptaranse por maioría dos presentes.

Por cada sesión do tribunal levantarase acta, coa sinatura do secretario ou secretaria e o visto e prace do presidente ou presidenta.

5.4. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao da praza convocada. Será nula de pleno dereito calquera proposta de aprobados que o contraveña.

6. Proceso de selección.

6.1. Fase de oposición.

Os programas que rexerán as probas selectivas serán os publicados como anexo 2 ás presentes bases.

6.1.1. Exercicios. Constará de dous exercicios de carácter obrigatorio e eliminatorio.

a) Primeiro exercicio. Constará de dúas probas:

– Primeira proba: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cincuenta preguntas tipo test sobre o contido do temario (agás os temas 23, 24 e 25), con tres respostas alternativas propostas polo tribunal, das que só unha será a correcta. No test poderanse poñer ata cinco preguntas máis de reserva para o caso de que se anule algunha das mencionadas anteriormente.

Por cada resposta incorrecta non se descontará ningunha resposta correcta.

O tempo máximo de duración desta proba será de sesenta minutos.

– Segunda proba: consistirá na resolución dun suposto práctico relacionado cos contidos do temario, para o que será requisito o manexo das ferramentas informáticas a que se refiren os temas 23, 24 e 25. Polo tanto, esta segunda proba deberá realizarse nun ordenador que se lle facilitará a cada opositor.

O tempo máximo de duración desta proba será de dúas horas. O tribunal poderá determinar a realización das dúas probas na mesma sesión, sen prexuízo de que poida dispoñer a realización dunha pequena pausa entre unha e outra proba.

Cada proba cualificarase de 0 a 15 puntos. A cualificación total do exercicio será o resultado da suma das puntuacións da primeira e da segunda proba. Para poder superar este primeiro exercicio e poder realizar o segundo, será necesario acadar unha puntuación mínima de 15 puntos.

b) Segundo exercicio, de carácter obrigatorio. Consistirá na realización de dúas traducións, unha do castelán para o galego e outra do galego para o castelán, durante o prazo máximo dunha (1) hora.

Este exercicio cualificarase como apto ou non apto e para superalo cumprirá obter o resultado de apto.

Estarán exentos da realización deste exercicio os aspirantes que acrediten posuír, no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, o curso Celga 4 ou perfeccionamento de galego, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no segundo exercicio.

6.1.2. Unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, a puntuación da fase de oposición publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e mais na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es). Concederase a partir de entón un prazo de dez (10) días para que os aspirantes efectúen ante o tribunal as alegacións que consideren oportunas.

6.1.3. Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán levar bolígrafo azul ou negro.

6.1.4. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos opositores, a dos membros do tribunal e os colaboradores designados por este.

6.1.5. Os aspirantes non poderán acudir ao recinto do exame provistos de teléfono móbil, obxectos ou demais dispositivos de carácter electrónico.

6.2. Fase de concurso.

A fase de concurso consistirá na valoración, aos aspirantes que superen a fase de oposición, dos seguintes méritos:

a) Antigüidade, ata un máximo de 6 puntos:

1. Por servizos prestados como funcionario de carreira no extinto grupo E ou no actual grupo D do Parlamento de Galicia: 0,019 puntos/mes. Para estes efectos, considéranse servizos prestados o tempo de gozo da excedencia para o coidado de fillos e familiares.

2. Por servizos prestados como funcionario de carreira nos distintos corpos doutras administracións públicas nos grupos a que fai referencia o número anterior: 0,010 puntos/mes. Para estes efectos, considéranse servizos prestados o tempo de gozo da excedencia por coidado de fillos e familiares.

b) Traballo desenvolvido na Administración parlamentaria en anteriores postos, en materias relacionadas co posto ao que se opta, ata un máximo de 3 puntos: 0,010 puntos/mes.

c) Grao persoal consolidado, ata un máximo de 4 puntos, do seguinte xeito:

– Nivel 13: 3 puntos.

– Nivel 14: 3,5 puntos.

– Nivel 17: 4 puntos.

d) Formación, ata un máximo de 2,5 puntos:

Pola realización de cursos de formación impartidos por escolas oficiais de formación das comunidades autónomas, universidades, administracións públicas ou por outras entidades, sempre que neste último caso os cursos conten cunha homologación oficial.

Para estes efectos valoraranse os cursos realizados sobre procedemento administrativo, arquivo, atención ao cidadán, seguranza e saúde laboral, contratación administrativa, xestión administrativa, persoal, igualdade, dereito sancionador, responsabilidade patrimonial, linguaxe administrativa, informática, idiomas oficiais da Unión Europea e calquera outra materia relacionada coas funcións propias deste tipo de postos de traballo.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

– Por cada curso igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 39 horas lectivas: 0,30 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 40 horas lectivas e ata 74 horas lectivas: 0,50 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 75 horas lectivas: 1 punto por curso.

Non se valorarán os cursos que non acrediten as horas de duración, nin os cursos inferiores a 12 horas lectivas, nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

d) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata un máximo de 0,5 puntos:

– Licenza de maternidade: 0,20 puntos/licenza.

– Permiso de paternidade: 0,20 puntos/permiso.

– Redución de xornada prevista no artigo 59.1.f) do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia: 0,20 puntos. Para estes efectos, só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para coidado de fillos e familiares: 0,04 puntos/mes.

6.2.1. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá superar os 12 puntos, sumados todos os méritos a que se refire a base 6.2.

6.2.2. A experiencia alegada nos puntos anteriores deberase referir á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

6.2.3. As puntuacións obtidas na fase de concurso faranse públicas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e mais na páxina web do Parlamento de Galicia, con posterioridade á terminación do prazo para presentar alegacións ás puntuacións da fase de oposición da base 6.1.2.

Os aspirantes disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para efectuar ante o tribunal as alegacións que coiden oportunas respecto da puntuación outorgada na fase de concurso.

6.2.4. Os méritos aos que se refire o punto 6.2.a) deberán manifestarse na solicitude e acreditarse coa seguinte documentación, segundo o modelo do anexo 4:

a) No caso de servizos prestados no Parlamento de Galicia, mediante certificación da unidade administrativa do Parlamento de Galicia competente en materia de recursos humanos.

b) No caso de servizos prestados noutras administracións públicas, mediante certificación da unidade de persoal do organismo correspondente. No suposto de que tales servizos xa consten na Administración parlamentaria, poderán acreditarse coa certificación da unidade administrativa do Parlamento de Galicia competente en materia de recursos humanos.

Xunto co certificado achegarase documentación acreditativa, debidamente compulsada, dos méritos nel reflectidos, entre a cal se atopará o nomeamento como persoal funcionario, como interino, contratado administrativo ou contratado laboral.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido nestes puntos, ou que, en calquera caso, non xunten a documentación acreditativa dos méritos reflectidos na certificación.

6.2.5 Os méritos a que se refire o punto 6.2.b) deberán manifestarse na solicitude e acreditaranse mediante certificación expedida pola xefatura da unidade administrativa correspondente.

6.2.6. Os méritos a que se refire o punto 6.2.c) e d) deberán manifestarse na solicitude e acreditaranse mediante certificación expedida pola unidade administrativa competente en materia de recursos humanos do Parlamento de Galicia.

7. Desenvolvemento dos exercicios.

7.1. Os exercicios distribuiranse en galego. Non obstante, tamén se lles distribuirán en castelán aos aspirantes que así o soliciten.

7.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa personalidade.

7.3. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, logo da audiencia do interesado, deberá acordar a súa exclusión, se procede.

7.4. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, e será excluído da oposición quen non compareza.

7.5. A publicación do anuncio de realización do segundo exercicio será efectuada polo tribunal na páxina web do Parlamento de Galicia, con corenta e oito horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación.

8. Lista de aprobados.

Rematadas as probas, o tribunal sumará os resultados obtidos por cada aspirante nas fases de concurso e oposición, o que será publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, e elevaralle á Mesa do Parlamento proposta en favor do aspirante que obtivese a maior puntuación.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, aquel resolverase a favor do aspirante que obtivese a puntuación máis alta na primeira proba do primeiro exercicio. De continuar o empate, resolverase acudindo á puntuación obtida na fase de concurso. De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante do sorteo I (i latino), de conformidade coa Resolución da Presidencia do Parlamento de Galicia do 21 de xullo de 2017.

9. Presentación de documentos.

9.1. O aspirante que supere o proceso selectivo deberá presentar, ante a Presidencia do Parlamento, no prazo de vinte días naturais desde que se faga público o acordo de aprobación pola Mesa do Parlamento de Galicia e para o caso de que non conste na Administración parlamentaria, a fotocopia compulsada do título exixido na base 2.1.c) ou certificación académica, co xustificante do aboamento dos dereitos de expedición do título.

9.2. Se dentro do prazo fixado e agás os casos de forza maior libremente apreciados polo letrado oficial maior, non presenta a documentación, ou do exame dela se deduce que carece dalgún dos requisitos sinalados na base segunda, non poderá ser promocionado e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento.

Unha vez presentados os documentos aos que fai referencia a base anterior, logo de transcorrer o prazo de presentación daqueles, a Presidenta procederá ao nomeamento do aspirante que superase o proceso selectivo como persoal funcionario do corpo administrativo do Parlamento de Galicia, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia. Deberá prestar xuramento ou promesa de cumprir fielmente as obrigas do posto de traballo e cumprir e facer cumprir a Constitución e o Estatuto de autonomía de Galicia e tomar posesión do seu posto dentro do prazo dun mes desde a notificación do nomeamento.

11. Cláusula derradeira.

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante a Mesa do Parlamento de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo o artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Os actos administrativos que deriven desta convocatoria e da actuación dos tribunais poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2017

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia

ANEXO 1
Solicitude de admisión a proceso selectivo

Selo do Rexistro

CORPO ADMINISTRATIVO DO PARLAMENTO DE GALICIA

Datos persoais:

1º APELIDO

2º APELIDO

NOME

DNI

ENDEREZO (rúa, praza, número)

LOCALIDADE

CÓDIGO POSTAL

PROVINCIA

TELÉFONO 1

TELÉFONO 2

CORREO ELECTRÓNICO: (o/a aspirante acepta recibir as comunicacións a través deste medio):

DISCAPACIDADE (%):

ADAPTACIÓN:

Antigüidade e traballo desenvolvido:

DENOMINACIÓN POSTO

ADMINISTRACIÓN PÚBLICA/unidade administrativa

GRUPO

NIVEL

DESDE

ATA

Formación:

DENOMINACIÓN

HORAS

CENTRO DE EXPEDICIÓN

Exercicio de dereitos de conciliación:

TIPO DE LICENZA, PERMISO, REDUCIÓN OU EXCEDENCIA

DESDE

ATA

A persoa que asina SOLICITA ser admitida no proceso selectivo ao que fai referencia esta solicitude e DECLARA que son certos os datos consignados nela, que reúne as condicións exixidas para o ingreso no corpo administrativo do Parlamento de Galicia e as especialmente sinaladas na convocatoria e comprométese a probar documentalmente todos os datos que figuran nesta solicitude.

Santiago de Compostela, ............ de ................................de 2017

(Sinatura)

PRESIDENTE DO PARLAMENTO DE GALICIA

ANEXO 2
Temario

1. O Regulamento do Parlamento de Galicia: natureza e estrutura.

2. Os órganos parlamentarios: a Presidencia, a Mesa, as comisións, as ponencias, o Pleno, a Deputación Permanente e a Xunta de Portavoces. Os grupos parlamentarios. A xestión administrativa da súa actividade.

3. O funcionamento do Parlamento: a orde do día, as sesións e os debates.

4. O procedemento lexislativo ordinario. Os proxectos e as proposicións de lei. A súa tramitación administrativa.

5. Os procedementos lexislativos especiais. A súa tramitación administrativa.

6. Os diversos procedementos parlamentarios: a investidura, a moción de censura e a cuestión de confianza.

7. As interpelacións e as preguntas. As proposicións non de lei e as mocións. A súa xestión administrativa.

8. Os debates xerais, as comparecencias e as sesións informativas.

9. A lei: concepto e clases. Disposicións do executivo con forza de lei: decretos lei e decretos lexislativos.

10. O regulamento: clases. Fundamento e límites da potestade regulamentaria.

11. O acto administrativo: concepto e clases. Elementos do acto administrativo. Suxeito, obxecto, causa, fin e forma. Eficacia. Executividade e suspensión. Nulidade e anulabilidade. Revogación e revisión de oficio.

12. O procedemento administrativo: concepto e natureza. A Lei de procedemento administrativo común das administracións públicas.

13. Iniciación, ordenación, instrución e finalización do procedemento administrativo.

14. Os recursos administrativos: concepto e clases. Requisitos xerais. Materias impugnables, lexitimación e órganos competentes. Recurso de alzada, de reposición e de revisión.

15. A contratación administrativa na Administración parlamentaria. Elementos e clases dos contratos. Formas de adxudicación.

16. Efectos, cumprimento e extinción dos contratos administrativos.

17. Autonomía administrativa do Parlamento. O Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

18. O persoal ao servizo da Administración parlamentaria. Clases de persoal. Os sistemas de acceso e provisión. Dereitos e deberes. O réxime disciplinario.

19. As situacións administrativas e o réxime de incompatibilidades do persoal da Administración parlamentaria. Extinción da relación funcionarial.

20. A normativa autonómica do traballo en igualdade en Galicia.

21. O sistema retributivo do persoal da Administración parlamentaria. Nóminas: estrutura e normas de confección. Altas e baixas.

22. O procedemento financeiro da execución do orzamento de gasto. Órganos competentes. Fases do procedemento.

23. Utilización das ferramentas ofimáticas Word e Excel.

24. Utilización da ferramenta ofimática Outlook.

25. Utilización da ferramenta ofimática Adobe.

ANEXO 3
Declaración xurada ou promesa

D/Dª ……....…........……………………......................…….....………………………….., con documento nacional de identidade número………………………………………….

Declara baixo xuramento/promete, para os efectos de participar no proceso selectivo dunha praza do corpo administrativo do Parlamento de Galicia, que non foi separado/a do servizo de ningunha das administracións públicas e que non está inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas. Así mesmo, declara que non padece enfermidade ou discapacidade que lle impida o desempeño das correspondentes funcións do posto e que son certos todos os datos achegados respecto deste proceso selectivo.

……………………………, ……..de ………………de 2017

Sinatura

ANEXO 4
Certificación de méritos que se fan constar no proceso selectivo
dunha praza do corpo administrativo

D/Dª……….....………........................................., titular do posto………….......…………

Certifico:

Que, segundo os antecedentes que constan nesta*........................................................ e á vista da documentación achegada:

D/Dª……................................................................................................., participante no proceso selectivo para a cobertura dunha praza do corpo administrativo do Parlamento de Galicia, ten acreditados os seguintes datos:

Experiencia profesional:

Servizos prestados no Parlamento de Galicia:

Denominación do posto: ....................................

Grupo: ................................................................

Tempo: ……………… meses [base 6.2.a).1.]

Servizos prestados na Administración pública de:

Denominación do posto: ....................................

Grupo: ................................................................

Tempo: ……………… meses [base 6.2.a).2.]

E para que conste, para os efectos da participación da persoa interesada no concurso-oposición do persoal funcionario para a cobertura dunha praza do corpo administrativo dentro da relación de postos de traballo do Parlamento de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia o día ..................................................., asino esta certificación
en ..................................................., o día ............... de ............................. de 2017.

Sinatura

(* Denominación da Administración pública de que se trata)