Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 27 de outubro de 2017 Páx. 50012

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2017 pola que se convoca o IV Curso de actualidade xurídica de réxime local para persoal ao servizo das entidades locais de Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito o 4 de maio de 2017, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra (Cosital Pontevedra), para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso para empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia,

RESOLVO:

Convocar o IV Curso de actualidade xurídica de réxime local, que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter nacional de Galicia, empregados/as públicos/as e persoal directivo da Deputación Provincial de Pontevedra e funcionarios/as pertencentes aos corpos ou escalas dos grupos A1 e A2 e persoal laboral equivalente das administracións locais de Galicia.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación na actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Pagamento de matrícula

O importe da matrícula é de cento cincuenta euros (150 euros) para todos os solicitantes salvo o disposto no punto seguinte:

Estará exento de pagamento da matrícula o persoal colexiado no Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local de Pontevedra (Cosital Pontevedra) que teñan esta condición ao finalizar o prazo de presentación das solicitudes.

Farase unha transferencia bancaria polo importe correspondente á conta titularidade do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local de Pontevedra ES45 0182 6246 3602 0150 0211 e enviarase o xustificante da operación a <cosital@sitalpontevedra.com > antes de que remate o prazo de matrícula.

As dúbidas ou peticións de información referentes ao pagamento da matrícula serán atendidas a través do enderezo de correo electrónico indicado no parágrafo anterior.

Quinta. Criterios de selección

Criterios xerais da EGAP, segundo a Resolución do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro) tendo en conta a preferencia do persoal funcionario con habilitación de carácter nacional colexiado no Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local de Pontevedra (Cosital Pontevedra) e dos grupos A1 e A2 que teñan responsabilidades en materias de tramitación e instrución relacionadas coas materias do curso.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. As faltas de asistencia na actividade presencial:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de aproveitamento na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais, pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Realización de probas

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final da actividade.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP e Cosital Pontevedra poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Cosital Pontevedra reservou para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Cosital Pontevedra garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV17034.

Área de coñecemento: réxime xurídico e xestión das entidades locais.

Nome do curso: IV curso de actualidade xurídica de réxime local.

1. Obxectivos.

Análise e reflexión sobre as últimas reformas normativas que introduciron modificacións de enorme relevancia no ámbito local para posibilitar un adecuado coñecemento do seu alcance.

2. Destinatarios/as.

Funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter nacional, empregados/as públicos/as e persoal directivo da Deputación de Pontevedra, funcionarios/as pertencentes aos corpos ou escalas dos grupos A1 e A2 e persoal laboral equivalente das administracións locais.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 20 h.

Edicións: unha.

Lugar: Pontevedra, Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, avda. Fernández Ladreda, núm. 43.

Datas: os días 27 e 28 de novembro das 9.00 ás 14.00, e das 16.00 ás 18.30, e o día 29 de novembro das 9.00 ás 14.00 horas.

Proba final presencial: o día 29 de novembro ás 13.30 horas.

Prazas: 75.

4. Contido.

1. Aspectos máis destacados da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Especial referencia ao procedemento administrativo, revisión de actos, iniciativa lexislativa, potestade normativa, responsabilidade patrimonial e potestade sancionadora na lexislación de procedemento administrativo.

2. Aspectos prácticos da Administración electrónica.

3. Principais novidades do dereito urbanístico galego.

4. O urbanismo desde a perspectiva da fiscalización.

5. A responsabilidade penal dos/das funcionarios/as.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, e corrección de erros, DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.