Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 16 de novembro de 2017 Páx. 52607

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 2 de novembro de 2017 pola que se declaran, de xeito provisional, como espazo privado de interese natural Os Lagos de Lousada, no concello de Xermade.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, regulan a figura de espazo privado de interese natural (en diante, EPIN) establecendo a posibilidade de que as institucións e os propietarios particulares dos terreos en que existan formacións naturais, especies ou hábitats de flora e fauna silvestres dos que se considere de interese a súa protección poidan propoñerlle á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a súa declaración como EPIN. A declaración como espazo protexido supón o compromiso formal de poñer en práctica as medidas precisas para a conservación dos valores naturais que a motivaron, e os promotores da iniciativa serán os responsables da súa xestión.

Fernando Lías Rodríguez e María Lires Blanco, persoas propietarias acreditadas dos predios do ámbito proposto como EPIN, consideran que o espazo Os Lagos de Lousada reúne as condicións adecuadas polo que o 10 de agosto de 2016 propuxeron a súa declaración como EPIN. A proposta contén a solicitude normalizada e unha memoria que cumpre e se axusta ao establecido no artigo 3.3 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural.

O ámbito do EPIN Os Lagos de Lousada está constituído pola parcela con referencia catastral 27021A020001740000QQ, localizada no polígono 20, parcela 174 do concello de Xermade (Lugo), na parroquia de Lousada, lugar do Muíño Novo. Esta parcela catastral foi obxecto dun acordo de alteración catastral da Xerencia Territorial do Catastro de Lugo (expediente 00113864.27/13) o que motivou a interposición de varios recursos de reclamación económico-administrativa en que solicitan a ampliación do perímetro da parcela e que aínda están por resolver. En consecuencia, o ámbito de protección cinxirase ao formalmente definido polo acordo de alteración catastral, actualmente vixente.

A parcela posúe uns valores singulares respecto á hidroloxía, derivados da presenza de antigas explotacións mineiras que deron lugar á creación de dous lagos e unha lagoa permanentes. Os Lagos contan cunha superficie de arredor de 15.000 m2 e a lagoa cunha superficie aproximada de 1.500 m2 e son os principais elementos de interese da zona. O leito permanente do rego Millarramos, afluente de cabeceira do río Miño, atravesa a parcela e nutre as lagoas polo que parte do ámbito proposto forma parte do dominio público hidráulico xestionado pola Demarcación Hidrográfica Miño-Sil.

Estes lagos poden considerarse como un dos principais valores deste espazo, mesmo lle dan nome (Os Lagos de Lousada). Constitúen importantes puntos de auga (bebedeiros) para a fauna do contorno próximo, con notables poboacións de insectos e anfibios, formando parte do Inventario Galego de Humidais. O EPIN tamén garda relación coa reserva da biosfera Terras do Miño ao estar integrado no seu ámbito territorial.

Consultada a base de datos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, comprobouse que o hábitat principal fórmano queirogais higrófilos de Erica ciliaris e Erica tetralix (4020*), en cobertura densa (75-100 %), presentando no perímetro dOs Lagos vexetación turfófila asociada aos hábitats 3160 e 7110*, tamén en cobertura densa. No rego e nOs Lagos obsérvanse formacións herbáceas con Nardus (6230*). En consecuencia, rexistra presenza de valores naturais suficientes como para xustificar a declaración do espazo natural protexido baixo a categoría de EPIN. Logo de visita de inspección do 23 de novembro de 2016, en data do 4 de xaneiro de 2017, o Servizo de Conservación da Natureza de Lugo emitiu informe favorable á súa declaración.

Na tramitación do expediente observáronse as normas establecidas no artigo 18 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural. O 9 de decembro de 2016 as persoas interesadas solicitaron a estimación por silencio administrativo positivo da súa solicitude de declaración por aplicación do previsto no artigo 3.6 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo vencemento do prazo máximo de tres meses sen que fose notificada a resolución expresa.

Mediante a publicación da Resolución do 20 de marzo (DOG número 68, do 6 de abril de 2017) o expediente e a proposta de declaración foron sometidos a información pública durante 20 días, e recibíronse dúas alegacións:

a) Nunha delas, veciños estremeiros manifestan a súa oposición a que as parcelas 58, 59, 60, 76, 84, 86, 87, 91 e 92, do polígono 20 do catastro de rústica de Xermade figuren incluídas ou mencionadas na proposta de declaración do EPIN. Alegan, en segundo termo, contra a posibilidade de que, logo da resolución dos recursos economico-administrativos, estas puidesen pasar a formar parte da parcela 174 e do EPIN.

Localizados os predios, todos eles se sitúan fóra da proposta de declaración deste EPIN. A resolución do recurso económico-administrativo non levaría implícita a modificación dos límites aprobados nin, polo tanto, a aplicación do réxime xurídico do espazo natural protexido nas ditas parcelas. Conforme ao artigo 8 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, este réxime tan só se pode aplicar aos espazos que sexan declarados como tales, neste caso, por orde da consellería. Por último, a declaración do EPIN Os Lagos de Lousada non outorga presunción posesoria ningunha sobre as parcelas dos asinantes ou sobre a propiedade destas.

b) O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) valorou negativamente a calidade da información contida na memoria técnica solicitando a denegación da solicitude. Ao respecto sinalamos que a memoria presentada cumpre e se axusta aos contidos mínimos requiridos polo artigo 3.3 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, e resulta suficiente para valorar tecnicamente a solicitude e a oportunidade da declaración. A información xeolóxica do Instituto Xeolóxico e Mineiro Español provén dunha fonte oficial, vixente e válida así como a información relativa a hábitats naturais e seminaturais, que se obtivo do Inventario nacional de hábitats do actual Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, sendo tamén oficial, adecuada e suficiente para acreditar a existencia de valores naturais. Neste sentido, as posibles carencias de información apuntadas non se consideraron determinantes para a declaración do EPIN.

No referente á declaración, faise uso do previsto no artigo 4 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural para declarar o EPIN de maneira provisional por un prazo non superior a dous anos. A partir desa declaración provisional a responsabilidade e competencia para a xestión será das persoas propietarias. A declaración non implicará a inclusión do espazo na Rede galega de espazos naturais protexidos.

Considerando o exposto e no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Proposta de declaración provisional

Declárase, provisionalmente e por un prazo máximo de dous anos, como espazo privado de interese natural o lugar Os Lagos de Lousada, no termo municipal de Xermade, por proposta das persoas propietarias.

Artigo 2. Plan de conservación

Durante o prazo da declaración provisional do EPIN Os Lagos de Lousada e como requisito imprescindible para que se produza a súa declaración definitiva como espazo natural protexido, o propietario e a propietaria deberán de achegar á consellería con competencia en materia de conservación da natureza unha proposta de plan de conservación para o espazo.

No caso de que as persoas propietarias non acheguen o plan de conservación no prazo sinalado, considerarase que desistiron da súa solicitude de declaración, e producirase, desde ese momento, a extinción dos efectos da declaración provisional como EPIN.

Artigo 3. Límites

O ámbito do EPIN Os Lagos de Lousada está constituído pola parcela con referencia catastral 27021A020001740000QQ, localizada no polígono 20, parcela 174 do concello de Xermade (Lugo), na parroquia de Lousada, lugar do Muíño Novo e cinxirase ao formalmente definido polo acordo de alteración catastral do procedemento de emenda de discrepancias, expediente 00113864.27/13, documento 01558046.

A extensión e límites do EPIN son os sinalados no anexo I desta orde. Os límites (en letra) serían os seguintes:

Sur e leste: polígono 20 parcela 9014 (CP 22-6 de Roupar a Vilapedre. Base cartográfica PNOA2014-cedido polo © Instituto Geográfico Nacional-Xunta de Galicia).

Norte: polígono 20, parcelas 175, 199 e 9002.

Oeste: polígono 20, parcelas 114, 196, 104, 89, 91, 92, 90, 87, 76, 9510, 9001, 75, 74, 72, 71, 70, 69, 68, 67, 60, 59, 58 e 57.

Artigo 4. Réxime de protección preventiva

A declaración provisional do EPIN levará a aplicación do réxime de protección preventiva recollido no artigo 25 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos dentro do EPIN levaranse a cabo de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración.

Artigo 5. Xestión

Será responsabilidade e competencia os propietarios, Fernando Lías Rodríguez e María Lires Blanco, a xestión do espazo natural Os Lagos de Lousada. Estes comprométense a consignar as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e acometer as medidas de xestión necesarias.

Artigo 6. Efectos

1. A declaración provisional de Os Lagos de Lousada como EPIN non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos naturais protexidos.

2. A declaración provisional non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

3. Unha vez aprobado o EPIN, figura incluída dentro das categorías de espazos naturais protexidos do artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, o réxime do solo rústico de especial de protección de espazos naturais será de aplicación a todo o ámbito, de acordo co artigo 34.2.f) e 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

4. A zona obxecto desa declaración contén terreos clasificados como dominio público hidráulico. A declaración como EPIN non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais do Estado.

5. Na planificación que se elabore e na xestión do espazo natural terase en conta a planificación hidrolóxica da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil existente na bacía a que pertence o rego Millarramo. Así mesmo, á hora de establecer as directrices de xestión para os recursos naturais de Os Lagos de Lousada terase en consideración que:

– En calquera caso, o réxime de autorizacións e concesións será o recollido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, e no Regulamento do dominio público hidráulico (DPH).

– A apertura de camiños e movemento de terras, incluso as vías de saca no DPH e a súa zona de policía, requirirá de autorización previa do organismo de bacía.

– Respecto das normas de uso do solo rústico de protección de augas, en relación coas actividades de tempo libre, se observará o disposto no artigo 82 do Regulamento do DPH cando se trate de acampadas colectivas.

– O peche ou valado de predios non poderá afectar a zona de servidume para o uso público.

Artigo 7. Extinción

1. Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza poderase poñer fin aos efectos da declaración provisional de Os Lagos de Lousada como EPIN se desaparecen as causas que motivaron a súa protección e non son susceptibles de recuperación ou restauración.

2. Tamén se producirá a extinción dos efectos da declaración provisional como EPIN no suposto recollido no artigo segundo desta orde.

Disposición derradeira única

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANEXO
Límites do espazo natural protexido

missing image file