Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 16 de novembro de 2017 Páx. 52599

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 2 de novembro de 2017 pola que se declaran, de xeito provisional, como espazo natural de interese local as Illas de San Pedro, no Concello da Coruña.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, regulan a figura de espazo natural de interese local (ENIL en diante) establecendo que, por petición dun concello e despois do informe da consellería con competencias en política territorial e urbanismo, a consellería con competencias en materia de conservación da natureza poderá declarar como tales aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecentes dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. O Concello da Coruña considera que a paraxe Illas de San Pedro reúne as condicións adecuadas, polo que o 12.12.2016 solicitou a súa declaración como ENIL.

En canto á calidade ambiental, os valores máis salientables son de tipo paisaxístico e ecolóxico. Os illotes son de natureza granítica, cuxos baixos poden emerxer na baixamar, e forman parte da rasa costeira duns 8 km de largo que percorre a provincia de NE a SW. A superficie máis alta da Illa do Vendaval está dominada por Matricaria marítima subsp. marítima e nas zonas rochosas atópamos Armeria pubigera, endemismo de interese pola súa limitada distribución no noroeste ibérico, e Rumex acetosa subsp. biformis. Tamén abondan algunhas especies ruderais. Da avifauna destaca o falcón peregrino (Falco peregrinus), o furabochos atlántico (Puffinus puffinus) e o arao dos cons (Uria algee); mención especial merece o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) e a gabita (Haematopus ostralegus). No que se refire aos valores etnográficos, encontramos os restos dunha antiga cetaria abandonada, un pequeno embarcadoiro e os restos dun muro na Illa do Vendaval. Por último, o contorno mariño que rodea as illas tamén é de grande interese pesqueiro e marisqueiro.

Polo que se refire ao réxime urbanístico aplicable, segundo consta no informe emitido polo Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello da Coruña o 15.7.2016, o documento de Revisión e Adaptación do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 25.2.2013 clasifica as Illas de San Pedro como solo rústico de especial protección, incluído nas categorías de costas (SREPd), de interese paisaxístico (SREPe), e de espazos naturais (SREPg), tal e como aparece recollido no plano 0.4 (solo rústico). Ademais, faise constar que as Illas de San Pedro están no ámbito de aplicación do Plan de ordenación do litoral de Galicia (POL), concretamente na área de protección costeira regulada no artigo 11 da Normativa do POL.

Trátase, por tanto, dun plan adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Louga) e, de conformidade co previsto na alínea 1.d) da DT1ª da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, as categorías de solo rústico contidas no plan respectivo manterán a súa vixencia.

Consta na memoria técnica que o réxime de solo rústico de especial protección nas categorías de costas e paisaxístico está parcialmente regulado nos artigos 3.4.1.4 e 3.4.1.5, respectivamente. No entanto, o artigo 3.4.1 do PXOM non entra a regular a categoría de solo rústico de especial protección de espazos naturais (SREPg) e o artigo 4.8.1 do título IV, relativo á protección do patrimonio natural, tampouco establece un réxime de aplicación, normas ou niveis de protección para este tipo de solo. O réxime urbanístico do solo rústico de especial protección de espazos naturais vén establecido na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, de solo de Galicia, e segundo regula o seu artigo 34.2.f) aplicarase o réxime que estableza a lexislación de conservación da natureza ou reguladora dos espazos naturais, a flora e a fauna. Deste modo, débese mellorar a definición do réxime de usos do solo no plan de conservación. En canto ao réxime de usos dentro das áreas de protección costeira, este está regulado no artigo 54 da normativa POL, sen prexuízo das exixencias de utilización para o dominio público marítimo-terrestre.

Na tramitación do expediente observáronse as normas establecidas no artigo 17 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no Decreto 124/2005, do 6 de maio, que regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural. Durante a tramitación recibíronse os informes preceptivos do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama). Tamén emitiron informe a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

O expediente contén unha memoria, planos e o acordo adoptado polo Pleno do 26.10.2016 onde consta o compromiso formal de poñer en práctica as medidas de conservación e de elaborar o plan de conservación.

– O informe preceptivo emitido polo Servizo de Conservación da Natureza da Coruña ratifica a viabilidade da declaración do ENIL solicitado polo Concello da Coruña. O informe do servizo provincial recolle tamén indicacións para a elaboración do plan de conservación do ENIL.

– O informe preceptivo da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo manifesta que non se formulan obxeccións á declaración das Illas de San Pedro como ENIL e subliña que o ámbito pertence ao dominio público marítimo-terrestre.

– A Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Mapama informa de que a totalidade do ámbito pertence ao dominio público marítimo-terrestre. En canto ás medidas de uso e xestión, o informe indica que as medidas de información ambiental se realizarán fóra do dominio público marítimo-terrestre. Deberán terse en conta, ademais, as exixencias do título III da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas e, particularmente, a exixencia de dispoñer dos correspondentes títulos habilitantes para levar a cabo actuacións no dominio público marítimo-terrestre.

As actividades tradicionais de pesca e marisqueo son compatibles co uso do dominio público, e respecto das non tradicionais recordan que non poderá outorgarse autorización municipal para ningunha actuación se non queda acreditado o outorgamento previo da autorización do uso ou ocupación do dominio público, no caso de que sexa preceptivo. Por último, indican a posibilidade de levar a cabo un acordo de cesión da xestión total ou parcial, mediante o convenio previsto no artigo 76 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

– A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro remitiu dous informes indicando os aspectos relacionados coa xestión sustentable dos recursos mariños e cos usos e aproveitamentos tradicionais marisqueiros, pesqueiros e de acuicultura. Estas consideracións serán tidas en conta na planificación e xestión do espazo:

O informe emitido pola Xefatura Territorial do Mar na Coruña considera compatible e procedente a declaración do ENIL e indica que no contorno próximo ás Illas de San Pedro se atopan pesqueiras para a frota de baixura e artesanal procedente dos portos de localidades como Mera, Lorbé, A Coruña, Caión, Camariñas, Malpica, Corme, Laxe e Ferrol. As principais especies capturadas por esta frota, mediante o uso de rascos, volantas, betas, palangre, nasas, trasmallos, miños, liña e palangrillo son abadexo, pescada, linguado, alfóndegas, xurelo, xarda, congro, peixe sapo, faneca, sargo, dourada, robaliza, pinto e maragota, nécora, santiaguiño, polbo, centola e outras.

A actividade pesqueira nesta zona complétase coa explotación de recursos marisqueiros a través de plans de xestión aprobados anualmente para a explotación de distintas especies como o percebe (Polliceps polliceps), ourizo (Paracentrotus lividus), holoturia (Holothuria forskali), algas, anémonas (Anemonia sulcata) e poliquetos (Lumbrineris impatiens, Arenicola marina, Hediste diversicolor e Diopatra neapolitana).

O informe da Subdirección Xeral de Acuicultura indica que, conforme a regulación de usos do artigo 54 do POL, consideraranse permitidos os usos relacionados co marisqueo tradicional e a recollida de algas, así como a construción e instalacións de apoio á acuicultura e ao marisqueo tradicional. Pola contra, son incompatibles os usos relacionados coas construcións e instalacións de acuicultura en terra. O Plan de conservación permitirá nas illas os usos relacionados co marisqueo e a pesca artesanal.

Por outra banda, indícase que os establecementos de acuicultura destinados á produción de mexillón requiren de semente (mexilla) para o inicio dos cultivos nos viveiros. A Orde de 26 de outubro de 2000 que regula a extracción de semente de mexillón en bancos naturais das provincias da Coruña e Pontevedra establece que a extracción poderá realizarse entre o 1 de decembro e o 30 de abril mediante autorización da correspondente xefatura territorial da Consellería do Mar.

No ámbito da Confraría da Coruña, os bancos naturais de mexilla máis importantes son os comprendidos entre punta Herminia e punta Cociñadoiro cunha potencia media de 13,2 m e un recubrimento medio da superficie no ámbito das Illas de San Pedro superior ao 50 %.

Mediante a Resolución do 20 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o expediente estivo aberto á participación pública durante 20 días hábiles contados a partir da súa publicación no DOG o 28 de xuño e non se recibiron alegacións ao respecto. Por outra banda, no que se refire ao impacto de xénero, as medidas de planificación e xestión do ENIL incidirán na necesidade de ter en conta a perspectiva de xénero nas medidas que se adopten e suxire coidar a utilización dunha linguaxe non sexista.

No referente á declaración, faise uso do previsto no artigo 4 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, para declarar o ENIL de maneira provisional por un prazo non superior a dous anos. A partir da declaración provisional, a responsabilidade e competencia para a xestión será municipal e isto non implicará a inclusión do espazo na Rede galega de espazos naturais protexidos.

Considerando o exposto e no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Proposta de declaración provisional

Declárase, provisionalmente e por un prazo máximo de dous anos, como ENIL o espazo Illas de San Pedro, no termo municipal da Coruña, por proposta do Concello da Coruña.

Artigo 2. Plan de conservación

Durante o prazo da declaración provisional do ENIL Illas de San Pedro e como requisito imprescindible para que se produza a súa declaración definitiva como espazo natural protexido, o Concello da Coruña deberá de achegar á consellería con competencia en materia de conservación da natureza o Plan de conservación deste espazo. O plan deberá ter en conta as consideracións feitas e recollidas nos informes sectoriais, aos que se alude na parte expositiva desta orde, e garantir que a xestión que se propoña para o ENIL teña coherencia e sexa compatible coa conservación dos valores existentes.

No caso de que o Concello da Coruña non achegue o Plan de conservación das Illas de San Pedro no prazo sinalado, teraselle por desistido da súa solicitude de declaración e desde ese momento producirase a extinción dos efectos da declaración provisional como ENIL.

Artigo 3. Ámbito e delimitación

O ámbito sobre o que se declaran as Illas de San Pedro localízase na contorna do monte de San Pedro, no concello da Coruña, e abrangue o territorio emerxido do conxunto de illas situadas fronte ao lugar do Portiño, ata o límite da ribeira do mar.

A extensión e límites do ENIL Illas de San Pedro son os sinalados no anexo desta orde.

A denominación que predomina para cada unha delas, tanto na tradición local como nas cartas mariñas é, de esquerda a dereita, Illa do Vendaval, Illa do Pé, As Tres Illas, O Aguillón e os illotes dos Fernandiños, O Rompedeiro e O Merlón.

Artigo 4. Réxime de protección preventiva

A declaración provisional do ENIL Illas de San Pedro levará a aplicación do réxime de protección preventiva recollido no artigo 25 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos dentro do ENIL Illas de San Pedro levaranse a cabo de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores existentes que motivaron a súa declaración.

Artigo 5. Xestión

Será responsabilidade e competencia do Concello da Coruña a xestión do espazo natural Illas de San Pedro.

O concello comprométese a consignar con cargo aos orzamentos xerais municipais de cada ano as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e acometer as medidas de xestión necesarias.

Artigo 6. Efectos

1. A declaración provisional das Illas de San Pedro como ENIL non leva unida a súa inclusión na Rede galega de espazos naturais protexidos.

2. A declaración provisional das Illas de San Pedro como ENIL non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

3. A zona obxecto desta declaración contén terreos clasificados como dominio público marítimo-terrestre. A declaración como ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais do Estado.

4. As medidas de información ambiental realizaranse fóra do dominio público marítimo-terrestre e deberán terse en conta, ademais, as exixencias do título III da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas e, particularmente, a exixencia de dispoñer dos correspondentes títulos habilitantes para levar a cabo actuacións no dominio público marítimo-terrestre.

5. Respecto das actividades non tradicionais, non poderá outorgarse autorización municipal para ningunha actuación se non queda acreditado o outorgamento previo da autorización do uso ou ocupación do dominio público, no caso de que sexa preceptivo.

6. No ámbito do ENIL, figura incluída dentro das categorías de espazos naturais protexidos do artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, será de aplicación o réxime do solo rústico de protección de espazos naturais, de acordo co artigo 34.2.f) e 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Artigo 7. Extinción

1. Mediante orde da consellería con competencias en materia de conservación da natureza poderase poñer fin aos efectos da declaración provisional das Illas de San Pedro como ENIL se desapareceren as causas que motivaron a súa protección e non foren susceptibles de recuperación ou restauración.

2. Tamén se producirá a extinción dos efectos da declaración provisional das Illas de San Pedro como ENIL no suposto recollido no artigo segundo desta orde.

Disposición derradeira única

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

anexo
Límites del espacio natural protegido

missing image file