Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 21 de novembro de 2017 Páx. 53364

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 113/2017, do 9 de novembro, polo que se resolve o expediente de deslindamento entre os termos municipais dos concellos do Corgo e Láncara.

Con data do 7.3.2013 o pleno do Concello do Corgo acordou incoar expediente de deslindamento entre este e o termo municipal de Láncara nos tramos Monte de Silva (Carboeiro) Veiga de Anzuelos e Veiga de Anzuelos-Santalla do Alto, seguindo o procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Os concellos non chegan a un acordo sobre o deslindamento, polo que se procedeu ao levantamento da acta por separado, remitindo esta xunto con outra documentación xustificativa das súas propostas á Dirección Xeral da Administración Local, con data do 21.6.2013 o concello do Corgo, e con data do 8.7.2013 o concello de Láncara.

Con data do 8.4.2014 reúnense os representantes dos concellos de Láncara, O Corgo e Baralla para levantar acta de común acordo sobre o marco de tres termos, común aos ditos concellos, que se toma como punto de inicio de referencia para resolver o conflito (marco 1C-92L).

Con data do 17.6.2015, recíbese o oficio do IXN no que interesa informe da Dirección Xeral de Administración Local sobre o emprego subsidiario da acta de 1946 para interpretar a acta de deslindamento de 1890. A Dirección Xeral de Administración Local emite informe con data do 30.7.2015.

A Deputación Provincial de Lugo emite o correspondente informe no que manifesta a súa conformidade coa proposta do IXN.

O Concello do Corgo fundamenta a súa proposta na interpretación da acta de deslindamento levantada do 21 de abril ao 2 de maio de 1890 polo secretario do Corgo, que se concreta no informe técnico asinado por José A. González Gómez, técnico superior proxectista, colexiado número 100 e noutros documentos técnicos e xurídicos. A proposta deste concello queda reflectida na acta do 8 de outubro de 2014 na que se detalla a proposta de liña límite da Comisión de Deslindamento.

O Concello de Láncara fundamenta a súa proposta na interpretación da acta de deslindamento levantada do 21 de abril ao 2 de maio de 1890 polo secretario de Láncara do 21 de abril ao 2 de maio de 1890, que se concreta no informe técnico do enxeñeiro agrónomo Ramón Martínez Gómez. A proposta deste concello queda reflectida nas actas por separado que levantou esta Comisión o 26 de novembro de 2013 (marcos 1C=92L ao 11C=102L) e o 2 de abril de 2014 (marcos 12C=103L ao 25C=116L) que conteñen a proposta de liña límite desta Comisión.

A interpretación das actas de deslindamento de ambos os dous concellos poden dividirse en tres categorías: marcos nos que existe un acordo entre os concellos e a proposta do Instituto, os marcos nos que as interpretacións dos concellos difiren da proposta do Instituto, e marcos nos que un só dos concellos difire da proposta do Instituto.

En primeiro lugar, respecto dos marcos sobre os que existe un acordo sobre a súa situación actual entre os concellos implicados e o Instituto Xeográfico Nacional son os seguintes: 1C=92L, 2C=93L, 3C=94L, 10C=101L, 16C=107L, 17C=108L, 18C=109L, 23C=114L, 24C=115L . Nestes casos a proposta do Instituto coincide no esencial coas propostas dos concellos. As referencias das actas de 1890 sobre o marco 6C=97L sitúano na actualidade nun complexo industrial de propiedade privada polo que as coordenadas propostas foron obtidas analiticamente.

En segundo lugar, están os marcos onde a proposta do Instituto coincide con só un dos concellos:

1. Así o Concello do Corgo difire coa proposta do Instituto Xeográfico Nacional nos seguintes puntos:

a) No caso dos marcos 4C=95L, 9C=100L, 11C=102L, 12C=103L, 13C=104L , 14C=105L, as diferenzas son de poucos metros e coincide na xeometría do trazado.

b) Marco 5C=96L, o Instituto Xeográfico Nacional fundamenta no seu informe a desestimación da interpretación do Concello do Corgo en relación á situación do marco sobre a base de tres razóns. A primeira é a falta de concreción do ángulo que debe seguir os marcos na Acta de 1890 levantada polo dito concello. Así, aínda que a interpretación deste concello respecte as distancias entre marcos, estas non son determinantes se non existe unha certeza sobre o ángulo que forman cada un dos tramos sucesivos desde o primeiro marco. En segundo lugar, porque a situación do sumidoiro chamado de Tres Ollos é máis probable que sexa a que sinala o Instituto ao coincidir cun sumidoiro soterrado na actualidade, non habendo evidencias da existencia de dous sumidoiros ou do traslado do que se toma como referencia no ano 1890. En terceiro lugar, a interpretación da propia acta de 1890 levantada polo concello do Corgo non é clara, xa que non permite dilucidar se é o marco o que está ao oeste do sumidoiro ou é o sumidoiro o que está ao oeste do marco. Pola contra, na acta de 1890 do concello de Láncara, asinada por ambos os dous concellos, si que se recolle con claridade que é o marco o que está 6 metros máis ao oeste do ollo máis occidental do sumidoiro.

c) Marco 25C=116L. O Instituto Xeográfico Nacional fundamenta a súa proposta na acta de 1890 na que se menciona que a liña discorre de leste a oeste e que o ángulo no marco anterior é obtuso, polo que se descartou a posición proposta polo Corgo que continuaría a liña na mesma dirección que viña, e tomouse o proposto por Láncara por adaptarse mellor ao descrito na acta.

2. Así, o Concello de Láncara difire coa proposta do Instituto Xeográfico Nacional no seguinte punto:

• Marco 15C=106L o Instituto sitúa este marco nun carballo xunto ao camiño de Vigo a Seoane e desde o que se ve próxima a zona máis rala do prado do outro lado do camiño, debaixo da cal debe estar parcialmente soterrada a pena que citan as actas.

En terceiro lugar, os marcos, que na actualidade non é posible localizalos e xeorreferencialos cos datos existentes nas actas de 1890 e na acta de 1946, son os marcos 7C=98L, 8C=99L da acta de 1890, e o tramo entre os marcos 19C=110L e 22C=113L. O Instituto Xeográfico Nacional non lles asigna coordenadas, ao non haber nas citadas actas descricións precisas, nin aparentemente, indicios sobre o terreo que permitan precisar a súa situación. Substitúense estes marcos pola aliñación recta entre os marcos desde o 6C=97L ao 9C=100L e 19C=110L e 22C=113L. A opción pola aliñación recta é por ser a máis neutra nestes casos.

No caso dos marcos 19C=110L e 22C=113L. A proposta da Comisión do Corgo cumpre co que din as actas sobre as distancias, pero non cumpre no referente aos ángulos ou direccións que se marcan. A proposta da Comisión de Láncara cumpre cos ángulos ou direccións, pero non coas distancias.

O Instituto Xeográfico Nacional fundamenta a súa proposta de xeito independente a calquera das interpretacións realizadas polos concellos. A imposibilidade de definirse cun mínimo de garantías por unha ou outra proposta, o Instituto opta por expor a posición do marco número 10 do acta de 1946, que aínda que non define a mesma pedra que as actas de 1890, si é unha posición reflectida nunha acta de deslindamento cuxa posición segue sendo recuperable grazas ao caderno topográfico asociado a esta acta. Para a forma de unión entre marcos, proponse a liña recta entre o M18C=M109L (1890) e o M10(1946) e entre o M10(1946) e o M23C=M114L(1890), por ser a forma máis neutra de unir estas posicións, unión que non se corresponde, por tanto, con ningún documento xurídico, aínda que se tentou respectar no máximo posible, o acordado polas partes nas actas de 1890, procurando non incorrer na arbitrariedade.

O IXN emite informe preceptivo previsto no artigo 44 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, con data do 8 de febreiro de 2016, que foi remitido aos respectivos concellos para alegacións.

A Deputación Provincial de Lugo emite o correspondente informe no que se mostra de acordo coa proposta realizada polo Instituto Xeográfico Nacional.

Con data do 13 de xullo de 2017, a Comisión Galega de Delimitación Territorial aproba por unanimidade o informe-proposta da Dirección Xeral de Administración Local.

O expediente de deslindamento tramitouse de conformidade co procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais.

A motivación da resolución deste expediente reside nos seguintes fundamentos xurídicos:

1. De conformidade co disposto nos artigo 41 e 44.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, os conflitos que poidan suscitarse entre municipios en relación co deslindamento dos seus termos serán resoltos polo Consello da Xunta de Galicia, logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da deputación provincial respectiva, da Comisión Galega de Delimitación Territorial e do ditame do Consello Consultivo.

No expediente de deslindamento dos termos municipais do Corgo e Láncara, obsérvase que existe un claro desacordo entre os ambos municipios ao respecto. Este suposto de feito está comprendido dentro da definición que o Consello Consultivo de Galicia, seguindo a doutrina do Consello de Estado, realizou no seu ditame número 35 do 17 de marzo de 2000, onde sinala que deslindar é identificar e distinguir os lindeiros reais que separan dous ou máis termos municipais, por non mediar acordo e existiren discrepancias ou contradicións sobre os lindeiros sinalados nunha acta de deslindamento anterior ou entre os declarados por actas precedentes e sucesivas no tempo.

En consecuencia, é necesaria a intervención do Consello da Xunta de Galicia para resolver o conflito, ao abeiro do artigo 44.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A xurisprudencia consolidada do Tribunal Supremo, remite ao primeiro deslindamento de mutuo acordo a fixación dos límites entre concellos. No caso de non existir acordo previo, haberá que acudir a calquera outro documento que poida servir para determinar a dita liña. Cabe incluír, desde logo, entre estes documentos, deslindamentos ou planos levantados por entidades alleas aos devanditos concellos. Así, naqueles puntos onde a acta de 1890 non resulte clara ou non se poidan identificar os puntos sobre o terreo, pode tomarse como base ou fundamento para a fixación do punto ou puntos en conflito calquera outro documento do expediente (incluída a acta do Servizo Xeográfico do Exército do 16 de setembro de 1946) a condición de que non supoña alteración do establecido de común acordo por ambos os dous concellos nas actas de 1890.

2. A resolución deste expediente polo Consello da Xunta de Galicia non menoscaba os dereitos dos concellos afectados, pois estes conservan o dereito a obter un pronunciamento xurisdicional sobre a controversia relativa á liña límite entre os seus termos municipais.

3. Entre a documentación que consta neste expediente de deslindamento figuran os seguintes documentos respecto dos seus límites de xurisdición:

• Acta da operación practicada para recoñecer a liña e sinalar os marcos comúns aos termos do Corgo e de Láncara levantada polo Servizo Xeográfico do Exército o 19 de setembro de 1946 e o seu caderno topográfico de campo asociado, con data xuño de 1948, que define xeometricamente, a situación sobre o terreo dos marcos descritos nesa acta.

• Acta primeira de deslindamento e amolloamento do termo municipal do Corgo, partido e provincia de Lugo, con data do 19 de novembro de 1889 na que se recoñece o marco 1, no monte do Castro de Silva, marco común aos termos do Corgo, Láncara e Neira de Jusá (actualmente Baralla). Neste mesmo documento, nas páxinas 9 e seguintes unha segunda acta denominada: «Acta de deslindamento co termo municipal de Láncara» con datas do 21 ao 28 de abril de 1890, levantada polo secretario do Corgo e que comeza no marco 2. A copia achegada só chega ata o marco 38, a acta completa remata de levantarse o 2 de maio de 1890.

• Acta décima levantada polo secretario de Láncara o 19 de novembro de 1889 recoñecendo o marco de tres termos entre O Corgo, Láncara e Neira de Jusá (actualmente Baralla) como o número noventa e dous desta acta. E a acta décimo primeira de deslindamento e primeira de amolloamento co Concello do Corgo levantada polo secretario de Láncara do 21 de abril ao 2 de maio de 1890 que continúa cos marcos 93 a 167 (marcos 2 ao 76 da acta do Corgo levantada eses mesmos días).

Para a identificación destes puntos, utilizáronse tamén os fotogramas aéreos ortorrectificados do voo americano do Army Map Service (AMS) dos anos 1956-1957 da zona, que é a representación continua do terreo máis próxima no tempo á data da acta.

Todos os traballos de campo se calcularon en coordenadas UTM, fuso 29 e sistema xeodésico de referencia ETRS89.

4. O Instituto Xeográfico Nacional decidiu no seu informe preceptivo, asumido pola Deputación Provincial de Lugo, e a Comisión Galega de Delimitación Territorial da Xunta de Galicia informou favorablemente por unanimidade, que a liña límite xurisdicional entre os termos municipais do Corgo e Láncara na zona litixiosa sexa a que se materializa na colocación dos marcos 2C=93L a 25C=116L, seguindo as actas de 1890 de deslindamento entre os termos municipais do Corgo e Láncara, subscritas polos concellos, coa representación gráfica que se deriva das coordenadas UTM, no sistema xeodésico de referencia ETRS89, proxección UTM, fuso 29, que figuran no anexo I deste decreto.

Os marcos da citada relación que non teñen coordenada asignada por non haber nas citadas actas descricións precisas, nin indicios aparentes sobre o terreo que permitan precisar a súa situación, son substituídos pola aliñación recta entre marcos que si teñen sinaladas as súas coordenadas.

Coa motivación exposta nos parágrafos anteriores, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de novembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Resolver a cuestión suscitada entre os concellos do Corgo e Láncara sobre o deslindamento dos seus termos municipais no sentido de establecer que a liña límite xurisdicional entre os ditos termos municipais na zona litixiosa sexa a que se recolle na acta levantada por ambos os dous concellos o día 19 de novembro de 1889, segundo a proposta realizada polo Instituto Xeográfico Nacional e definida polas coordenadas que constan como anexo I a este decreto e tal e como se representa no ortofotomapa E: 1:5.000 do Instituto Xeográfico Nacional, que figura como anexo II deste decreto.

Contra este decreto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou calquera outro recurso que consideren oportuno.

Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Adminstracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

A seguir relaciónanse as coordenadas UTM, no sistema xeodésico de referencia ETRS89, proxección UTM, fuso 29, dos marcos que concretan xeometricamente a liña límite proposta polo Instituto Xeográfico Nacional:

Marco

X_ETRS89

Y_ETRS89

H (ortométrica)

Liña límite ao punto anterior

1C=92L

634691.7

4753484.7

584.2

2C=93L

634445.3

4753554.1

558.8

Recta

3C=94L

633864.8

4753630.1

529.4

Recta

4C=95L

633411.8

4753775.8

503.9

Recta

5C=96L

633152.3

4753705.8

495.9

Recta

6C=97L

632940.7

4753489.5

Recta

9C=100L

632337.1

4753002.9

484.4

Recta

10C=101L

631997.3

4752852.4

463.4

Recta

11C=102L

631873.8

4752519.8

445.2

Recta

12C=103L

631872.7

4752411.2

434.0

Recta

13C=104L

631697.6

4752391.2

436.3

Recta

14C=105L

631669.4

4752323.4

448.2

Recta

15C=106L

631864.0

4752197.4

445.6

Recta

16C=107L

631924.5

4752102.6

457.1

Recta

17C=108L

632146.0

4751931.0

478.2

Recta

18C=109L

632758.8

4751824.5

523.7

Recta

M10(1946)

632846.4

4751526.8

580.6

Recta

23C=114L

632637.0

4751234.9

600.7

Recta

24C=115L

632451.1

4751120.2

600.8

Recta

25C=116L

632331.6

4751116.5

599.6

Recta

missing image file