Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 21 de novembro de 2017 Páx. 53357

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 112/2017, do 9 de novembro, polo que se resolve o expediente de deslindamento entre os termos municipais dos concellos de Curtis e Sobrado.

Con data do 13.2.2013 o pleno do Concello do Curtis acordou incoar expediente de deslindamento entre este e o termo municipal de Sobrado, no lugar de Castro, na zona da parroquia de Santa María de Foxado, seguindo o procedemento establecido na Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Con data do 28.5.2013, recíbese na Dirección Xeral da Administración Local acta de deslindamento e documentación xustificativa da súa proposta do Concello de Curtis.

Con data do 12.5.2016, ten lugar, na Casa do Concello de Curtis, a reunión entre as comisións municipais de deslindamento, os representantes da Xunta de Galicia e os técnicos do Instituto Xeográfico Nacional. A esta reunión non asisten os representantes do Concello de Sobrado, pese a estar convocados en tempo e forma.

O IXN solicita informe da Dirección Xeral de Administración Local sobre o procedemento a seguir ante a incomparecencia da comisión de deslindamento de Sobrado. A Dirección Xeral da Administración Local sinala que por analoxía o procedemento debe seguir segundo o artigo 4 do Real decreto 3426/2000, do 15 de decembro, polo que se regula o procedemento de deslindamento de termos municipais pertencentes a distintas comunidades autónomas.

O concello de Curtis fundamenta a súa proposta na «Acta de la operación practicada para reconocer la línea de término y señalar los mojones comunes a los términos municipales de Sobrado de los Monjes y de Curtis, pertenecientes ambos a la provincia La Coruña.», levantada polo Servizo Xeográfico do Exército o día 26 de xullo de 1945. Achega a súa proposta gráfica concretada sobre cartografía catastral e tamén sitúa a súa interpretación do marco 12 da Acta de 1945, sobre unha ortofotografía a escala 1:1.000 do Sigpac (Sistema de Identificación de Parcelas Agrícolas). Este concello detalla a proposta de liña límite da súa Comisión de Deslinde na acta do 12 de maio de 2016.

O Concello de Sobrado non realiza unha proposta en tempo e forma, non obstante, en fase de alegacións ao informe do IXN do 15 de novembro de 2016, sinala o marco 12 sobre unha fotografía do AMS de 1956-1957, con base nas vivendas existentes nos padróns municipais de habitantes de Sobrado dos anos 1930 e 1950, pero non realiza unha proposta de liña límite na zona litixiosa. Alega que a posición do marco 12 é incorrecta e que debe estar situada na casa situada máis ao norte da aldea. Alega como fundamento que nos padróns de habitantes de 1930 e 1950 xa constaban 5 e 4 casas como pertencentes a ese concello de Sobrado. Así mesmo, no libro do Catastro da riqueza rústica, baseado nas fotografías obtidas nos anos 1956 e 1957 polo voo do AMS, figuran no municipio de Sobrado unha serie de parcelas do núcleo de Castro, da parroquia de Grixalba. A proposta de liña recta entre os marcos 11 e 12 proposta polo IXN supón que a maioría das casas e leiras rústicas estarían mal situadas no concello de Sobrado desde 1930 ou 1950, tan só uns poucos anos despois de levantada a Acta de deslindamento do 26.7.1945.

O Instituto Xeográfico Nacional fundamenta na súa proposta a desestimación do Concello de Sobrado en relación á situación do marco 12, baseándose nas condicións que debe reunir o dito marco segundo a acta de 1945, isto é, que sexa unha pedra de forma prismática que, encaixada no ángulo dunha casa, presenta ao exterior unha cara de forma rectangular e que mide sesenta centímetros de base e un metro trinta e dous centímetros de altura; que o marco estea situado no ángulo N.O. da casa propiedade de María Rico Seijas; que sexa no centro do lugar de Castro, parroquia de Foxado; e que a liña que une os marcos 12 e 13 sexa o eixe do camiño. Da observación do bosquexo de campo e do plano a escala 1:20.000, dedúcese que a casa aludida na acta ten que estar situada ao sur do camiño de Castro á estrada de Teixeiro, e da análise da configuración de camiños que figuran nos ditos documentos, despréndese que, o máis probable, é que a casa en cuxa esquina N.O. se atopaba o marco 12 cando se levantou a acta, fora a casa actualmente situada uns dez metros ao S.O. dunha anterior derruída. Esta casa, ao sur do camiño, que é a que o IXN considera que hai que tomar en conta para situar o marco 12 por ser a aludida na acta, é a que tamén considera o concello de Curtis na súa proposta.

O IXN dá verosimilitude ás explicacións dadas polo Concello de Curtis e estima que a posición máis probable do marco 12 da acta de 1945 se corresponde co punto situado a 0,60 metros da actual esquina N.O. da dita casa, medidos sobre o normal ao eixe do camiño de Castro á estrada de Teixeiro a Sobrado.

O IXN emite informe con data do 15.11.2016, que foi remitido aos respectivos concellos para alegacións. O Concello de Sobrado presenta alegacións que son remitidas ao IXN para que emita o informe sinalado no artigo 44 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Con data do 24.2.2017, o IXN emite o informe preceptivo previsto no artigo 44 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Con data do 17.4.2017, a Dirección Xeral de Administración Local remitiu copia do expediente de deslindamento para o trámite de informe á Deputación Provincial da Coruña, que emite informe favorable con data do 19.5.2017.

Con data do 13.7.2017, a Comisión Galega de Delimitación Territorial aproba por unanimidade o informe proposta da Dirección Xeral de Administración Local.

O expediente de deslindamento tramitouse de conformidade co procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais, aplicando por analoxía o Real decreto 3426/2000, do 15 de decembro, polo que se regula o procedemento de deslindamento de termos municipais pertencentes a distintas comunidades autónomas no relativo ás consecuencias da incomparecencia do Concello de Sobrado.

A motivación da resolución deste expediente reside nos seguintes fundamentos xurídicos:

1. De conformidade co disposto nos artigos 41 e 44.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, os conflitos que se poidan suscitar entre municipios en relación co deslindamento dos seus termos serán resoltos polo Consello da Xunta de Galicia, logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da deputación provincial respectiva, da Comisión Galega de Delimitación Territorial e do ditame do Consello Consultivo.

No expediente de deslindamento dos termos municipais de Curtis e Sobrado obsérvase que existe un claro desacordo entre os ambos os dous municipios ao respecto. Este suposto de feito está comprendido dentro da definición que o Consello Consultivo de Galicia, seguindo a doutrina do Consello de Estado, realizou no seu ditame número 35 do 17 de marzo de 2000 onde sinala que deslindar é identificar e distinguir os lindeiros reais que separan dous ou máis termos municipais, por non mediar acordo e existiren discrepancias ou contradicións sobre os lindeiros sinalados nunha acta de deslindamento anterior ou entre os declarados por actas precedentes e sucesivas no tempo.

En consecuencia, é necesaria a intervención do Consello da Xunta de Galicia para resolver o conflito, ao abeiro do artigo 44.3 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. A resolución deste expediente polo Consello da Xunta de Galicia non menoscaba os dereitos dos concellos afectados, pois estes conservan o dereito a obter un pronunciamento xurisdicional sobre a controversia relativa á liña límite entre os seus termos municipais.

3. Entre a documentación que consta neste expediente de deslindamento unicamente figura un documento que recolle acordo entre as partes respecto dos seus límites de xurisdición:

– «Acta de la operación practicada para reconocer la línea de término y señalar los mojones comunes a los términos municipales de Sobrado de los Monjes y de Curtis, pertenecientes ambos a la provincia La Coruña.», levantada polo Servizo Xeográfico do Exército o día 26 de xullo de 1945, co seu respectivo caderno de campo da mesma data.

A xurisprudencia consolidada do Tribunal Supremo remite ao primeiro deslindamento de mutuo acordo fixación dos límites entre concellos. Neste caso concreto, os concellos aceptan a basearse no deslindamento de 1945 que dispón de datos xeométricos no caderno topográfico asociado a este.

Para a identificación destes puntos, utilizáronse tamén os fotogramas aéreos ortorrectificados do voo americano do Army Map Service (AMS) dos anos 1956-1957 da zona, que é a representación continua do terreo máis próxima no tempo á data da acta.

Todos os traballos de campo se calcularon en coordenadas UTM, fuso 29 e sistema xeodésico de referencia ETRS89.

De acordo co disposto no artigo 46 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia: «nos expedientes de sinalamento da liña de deslindamento, a incomparecencia da representación dalgún dos concellos, sempre que fosen convocados de forma fidedigna, nas operacións de campo que se deban realizar levará implícito o decaemento do seu dereito para impugnar a liña que se fixe, coa presencia do concello ou dos concellos comparecentes».

O Concello de Sobrado foi notificado en tempo e forma da reunión entre concellos, representantes da Xunta de Galicia e técnicos do Instituto Xeográfico Nacional do 12 de maio de 2016.

4. O Instituto Xeográfico Nacional decidiu, no seu informe preceptivo, e a Comisión Galega de Delimitación Territorial da Xunta de Galicia aprobou por unanimidade, que a liña límite xurisdicional entre os termos municipais de Curtis e Sobrado na zona litixiosa sexa a que se materializa na colocación dos marcos 11 a 14 inclusive, seguindo a acta do Servizo Xeográfico do Exército do 26 de xullo de 1945, coas coordenadas UTM, no sistema de referencia ETRS89, fuso 29, que figuran no anexo I deste decreto.

Coa motivación exposta nos parágrafos anteriores, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de novembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Resolver a cuestión suscitada entre os concellos de Curtis e Sobrado sobre o deslindamento dos seus termos municipais no sentido de establecer que a liña límite xurisdicional entre os ditos termos municipais na zona litixiosa sexa a que se recolle na acta levantada por ambos os concellos o día 26 de xullo de 1945, segundo a proposta realizada polo Instituto Xeográfico Nacional e definida polas coordenadas que constan como anexo I a este decreto e tal e como se representa no ortofotomapa E: 1:5.000 do Instituto Xeográfico Nacional, que figura como anexo II deste decreto.

Contra este decreto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou calquera outro recurso que consideren oportuno.

Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

A seguir relaciónanse as coordenadas UTM, nos sistemas xeodésicos de referencia ETRS89, proxección UTM, fuso 29, dos marcos que concretan xeometricamente a liña límite proposta polo Instituto Xeográfico Nacional:

Marco

X-ETRS89

Y-ETRS89

L.L. marco/punto anterior

M.11

581048,1

4771662,5

M.12

580340,1

4771352,7

Recta

M12-01

580328

4771343

Eixe camiño

M12-02

580316

4771333

Eixe camiño

M12-03

580277

4771319

Eixe camiño

M12-04

580249

4771308

Eixe camiño

M12-05

580234

4771292

Eixe camiño

M12-06

580220

4771277

Eixe camiño

M12-07

580207

4771272

Eixe camiño

M12-08

580196

4771274

Eixe camiño

M12-09

580173

4771297

Eixe camiño

M12-10

580144

4771319

Eixe camiño

M12-11

580093

4771349

Eixe camiño

M12-12

580050

4771379

Eixe camiño

M12-13

580025

4771385

Eixe camiño

M12-14

579988

4771385

Eixe camiño

M.13

579972,9

4771387,7

Eixe camiño

M.14

579459,4

4772028,6

Recta

missing image file