Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 30 de novembro de 2017 Páx. 54658

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2017 relativa á publicación das puntuacións definitivas e finalización da fase de oposición do proceso selectivo para cubrir postos de traballo desta axencia, mediante contratación laboral fixa, convocado pola Resolución do 20 de xaneiro de 2015.

A base oitava da Resolución desta axencia do 20 de xaneiro de 2015 pola que se convocou un proceso selectivo para cubrir postos de traballo de diversas categorías e se nomearon os membros dos tribunais, dispón que, tras a publicación das puntuacións provisionais dos exercicios, os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal, no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da citada publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola cal se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Á vista das reclamacións presentadas e dos acordos adoptados sobre estas polos respectivos tribunais de selección e elevados ao órgano convocante, este centro directivo, de conformidade coa dita base,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar e darlles publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ás puntuacións definitivas obtidas polos/as aspirantes presentados/as en cada un dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de médico especialista en Hematoloxía e Hemoterapia, médico xeral, técnico superior, responsable de comunicación, enfermeiro/a, técnico especialista de laboratorio, promotor da doazón, auxiliar administrativo, auxiliar de informática, auxiliar clínica/laboratorio, e condutor/celador, convocado pola Resolución do 20 de xaneiro de 2015.

Segundo. Declarar finalizada a fase de oposición do referido proceso selectivo en todas as categorías.

Terceiro. Esta resolución poderá ser impugnada polas persoas interesadas nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2017

María Luisa López García
Directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos