Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 12 de decembro de 2017 Páx. 56063

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 125/2017, do 30 de novembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2017.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, prevén a convocatoria periódica de procedementos de selección de persoal estatutario fixo que garantan os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade no seu acceso.

As necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso serán obxecto da oferta de emprego público, que será aprobada polos órganos de goberno das administracións públicas e que, como instrumento de xestión da provisión das necesidades de persoal poderá conter ademais medidas derivadas da planificación de recursos humanos, tal e como así se dispón no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

Constitúe un dos obxectivos e compromisos do Servizo Galego de Saúde continuar apostando pola estabilidade no emprego con medidas de estabilización de persoal temporal e a convocatoria periódica de procedementos selectivos para a adquisición da condición de persoal fixo, nos cales se garantan os principios que rexen o acceso ao emprego público.

Con tal finalidade, o 4 de maio de 2017, publicouse a Resolución do 25 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se dispón a publicación do Plan de estabilidade do emprego e provisión de prazas do persoal estatutario, pactado entre a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CESM, O’Mega, CSIF e Satse, co que, logo da súa execución, se considere que se incrementará en 6 puntos a porcentaxe que representa o persoal fixo sobre o total do persoal, ao tempo que se reducirá do 8 % ata o 5 % a porcentaxe de persoal eventual.

Co mesmo obxectivo, o 18 de outubro de 2017 asinouse un acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO., CSIF e UGT, coa adhesión de CESM, O’Mega e Satse para o desenvolvemento dun Plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos.

O artigo 12 da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, dispón que durante este ano só se poderá proceder á incorporación de novo persoal no sector público con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto e, en particular, no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando, en todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.

A normativa básica, Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, fixa no seu artigo 19.Un.2 unha taxa de reposición ordinaria do cen por cento nas administracións públicas con competencias sanitarias respecto das prazas de persoal estatutario dos servizos de saúde do Sistema nacional de saúde.

Así mesmo, no seu número 6, dispón que as anteditas administracións poderán dispoñer dunha taxa adicional para estabilización de emprego temporal que incluirá ata o noventa por cento das prazas que, estando dotadas orzamentariamente, estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente como mínimo nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2016.

As ofertas de emprego que articulen estes procesos de estabilización deberán aprobarse e publicarse nos respectivos diarios oficiais nos exercicios 2017 a 2019.

Co obxecto, pois, de avanzar na estabilización de emprego temporal e resultando prioritaria a incorporación de novos/as profesionais ás institucións sanitarias, dada a condición de servizo público esencial da actividade que realizan, cómpre iniciar un novo procedemento de selección de persoal estatutario fixo, coa aprobación do previo e preceptivo decreto de oferta de emprego público.

Para o cómputo de prazas tívose en consideración a aplicación da porcentaxe de taxa ordinaria e taxa adicional para estabilización de emprego temporal previstas no artigo 19.Un.2.B) e 6) da Lei 3/2017, do 27 de xuño.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da consellería con competencia en materia de sanidade, tras a negociación coa representación sindical no ámbito da mesa sectorial de negociación do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de novembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación e cuantificación da oferta de emprego público

1. Apróbase a oferta de emprego público das categorías de licenciado/a sanitario, diplomado/a sanitario e de formación profesional e de xestión de servizos de persoal estatutario das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde para o ano 2017.

2. O número total de prazas que integran esta oferta ascende a un total de 1.616, delas 820 corresponden á taxa ordinaria de reposición de efectivos e 796 á taxa adicional para estabilización de emprego temporal, segundo o establecido no artigo 19.Un.2.B) e 6) da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017.

A distribución por categorías/especialidades e sistemas de acceso realizarase de conformidade co disposto no articulado e no anexo.

Artigo 2. Sistema de selección

1. De conformidade co establecido no artigo 6.1 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, o sistema de selección será o de concurso-oposición.

2. Sen prexuízo do disposto no artigo 5, a execución dos procesos selectivos derivados da presente oferta efectuarase, en cada categoría/especialidade, a través dunha única convocatoria na cal se incluirán o total de prazas que se indican no anexo.

Artigo 3. Órganos de selección

1. A composición dos órganos de selección será paritaria para o conxunto da oferta de emprego público do Servizo Galego de Saúde, tanto se se trata do acceso ao emprego como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

2. De conformidade co establecido no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, a pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual e non se poderá ter esta en representación ou por conta de ninguén.

3. O persoal de elección ou designación política, o persoal funcionario interino e o persoal eventual non poderán formar parte dos órganos de selección.

4. Os órganos de selección aplicarán os principios de austeridade e axilidade na ordenación do desenvolvemento dos procesos selectivos, sen prexuízo do cumprimento dos demais principios de actuación establecidos pola normativa de selección e as instrucións sobre funcionamento e actuación dos tribunais que dite para o efecto o órgano competente.

Artigo 4. Promoción interna

1. Con carácter xeral, reservarase un cincuenta por cento do total das prazas que se convoquen en cada categoría para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

2. Non obstante o anterior, poderase establecer unha reserva inferior cando así veña xustificado pola planificación eficiente das necesidades, polas características específicas da categoría ou pola propia titulación requirida para o acceso.

3. Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas, computarase como unha praza, que se incluirá nesta reserva.

4. O número de prazas reservadas á quenda de promoción interna por categoría especificarase nas respectivas resolucións de convocatoria.

5. As prazas que non se provexan polo sistema de promoción interna acumularanse ás convocadas polo sistema xeral de acceso libre.

Artigo 5. Persoas con discapacidade

1. Nos procesos selectivos para o ingreso nas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co establecido no artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, do total de prazas que se ofertan reservarase unha porcentaxe non inferior ao sete por cento para seren cubertas entre persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade, e da súa inclusión social, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

3. Esta reserva efectuarase de forma que o dous por cento das prazas ofertadas o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual e o cinco por cento restante o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade xeral e poderá concentrarse naquelas categorías profesionais ou especialidades que se adapten mellor ás peculiaridades das persoas con discapacidade.

Cando da aplicación das porcentaxes resulten fraccións decimais redondearase por exceso para o seu cómputo.

4. A reserva de prazas de discapacidade xeral efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e farase efectiva, de conformidade co artigo 8 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, naquelas convocatorias que oferten un mínimo de dez prazas da correspondente categoría ou especialidade, segundo a distribución que se recolle no anexo.

5. A reserva de prazas de discapacidade intelectual efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e concentrarase naquelas categorías profesionais que se adapten mellor ás peculiaridades das persoas con este tipo de discapacidade, segundo a distribución que se recolle no anexo.

6. As prazas reservadas para persoas con discapacidade poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes, e garantirase, en todo caso, o carácter individual dos procesos selectivos.

7. A opción a prazas reservadas a discapacidade terá que formularse na solicitude de participación no proceso selectivo con declaración expresa das persoas interesadas de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará mediante certificación dos órganos competentes na forma e prazos que se determinen en cada convocatoria.

8. No desenvolvemento das probas selectivas estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e axustes razoables necesarios de tempo e de medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que as persoas interesadas deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

9. Con anterioridade ao nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo o Servizo Galego de Saúde requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade da persoa candidata para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste.

10. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se presentase pola cota de reserva supere o proceso selectivo e non obteña praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

11. As persoas aspirantes que superen o proceso selectivo pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade poderán solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

Artigo 6. Acreditación do coñecemento da lingua galega

1. Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das persoas usuarias dos distintos servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, nas probas selectivas que se convoquen en desenvolvemento desta oferta incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas aspirantes que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente.

2. As bases das convocatorias dos procesos selectivos establecerán o carácter deste exame, así como a valoración da dita proba e da equivalente acreditación do coñecemento da lingua galega.

Artigo 7. Criterios xerais de xestión e publicidade dos procesos selectivos

1. A xestión das actuacións para o desenvolvemento dos procesos selectivos realizarase conforme o que determinen as bases das respectivas convocatorias do concurso-oposición.

2. Encoméndase á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde a xestión dos procesos selectivos correspondentes. A dita encomenda incluirá a convocatoria do proceso, a aprobación das súas bases reitoras, a designación dos tribunais cualificadores, así como a resolución e adxudicación de destinos.

3. Co obxecto de axilizar a súa tramitación e reducir as cargas administrativas, a xestión dos procesos de selección e provisión de prazas efectuarase a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides), punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e as/os profesionais e persoas aspirantes que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo.

De conformidade co artigo 10 da Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia, a inscrición das persoas participantes en tales procesos efectuarase por medio do sistema informático expedient-e, a través da web corporativa do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es.

4. Co fin de facilitar e simplificar as relacións entre a Administración e as persoas aspirantes, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e) e da páxina web do organismo (www.sergas.es) facilitarase toda a información que afecte o desenvolvemento dos procesos selectivos e que resulte de interese para as persoas aspirantes, sen prexuízo da preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia das resolucións que se determinen nas respectivas convocatorias.

Disposición adicional primeira. Planificación dos recursos humanos

1. A planificación dos recursos humanos no Servizo Galego de Saúde orientarase ao cumprimento dos seguintes obxectivos da política de emprego: a atención aos ámbitos e sectores da actividade sanitaria con necesidades específicas de efectivos, o adecuado dimensionamento do volume de efectivos segundo as necesidades, a eficiencia das políticas de recursos humanos, a eficacia na distribución territorial, así como a redución da temporalidade no sector público.

2. Ao abeiro da facultade conferida polo artigo 70.3 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e como medida de planificación e ordenación dos recursos humanos no Servizo Galego de Saúde, os procesos de provisión de prazas básicas de persoal estatutario orientaranse á cobertura das categorías e ámbitos prioritarios e con necesidades específicas de dotación permanente de efectivos, non poderán afectar a continuidade asistencial nin incluír prazas afectadas por procesos de reordenación organizativa ou asistencial e deberán ter en conta as especificidades dos centros e unidades de referencia.

3. Dentro do límite determinado polo número de prazas ofertadas neste decreto para cada categoría e conforme os criterios de planificación e ordenación dos recursos humanos anteriormente indicados, os postos convocados no último concurso de traslados correspondente ás categorías incluídas nesta oferta que non resulten adxudicados, así como os que deixe vacantes o persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde que resulte adxudicatario de destino no dito procedemento de mobilidade, incluiranse nos respectivos procesos de selección para a adquisición da condición de persoal estatutario fixo que se convoquen en execución desta oferta.

Disposición adicional segunda. Igualdade en relación coas condicións de emprego da Administración pública

As convocatorias adaptaranse ás previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, en relación coas condicións de emprego da Administración pública e demais normativa de aplicación en materia de igualdade.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da consellería con competencia en materia de sanidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de novembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO
Relación de prazas ofertadas

Licenciado/a sanitario

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Reserva discapacidade intelectual

Médico/a de familia de atención primaria

158

8

Total prazas licenciado/a sanitario

158

8

Diplomado/a sanitario e de formación profesional

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Reserva discapacidade intelectual

Enfermeiro/a

690

35

Enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria

10

1

Enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica

4

Enfermeiro/a especialista en enfermaría de saúde mental

20

2

Enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo

2

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

366

18

20

Técnico/a superior en documentación sanitaria

7

Total prazas diplomado/a sanitario e de formación profesional

1.099

56

20

Xestión e servizos

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Reserva discapacidade intelectual

Celador/a

222

11

13

Enxeñeiro/a técnico/a

3

Grupo auxiliar da función administrativa

124

6

Grupo de xestión da función administrativa

8

Grupo técnico da función administrativa

2

Total prazas xestión e servizos

359

17

13

Total prazas

1.616

81

33