Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 12 de decembro de 2017 Páx. 56072

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2017 pola que se dá publicidade do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 13 de novembro de 2017 polo que se aproba o Código ético institucional deste consello.

O Pleno do Consello de Contas, na súa reunión do día 13 de novembro de 2017, adoptou o acordo polo que se aproba o seu Código ético institucional.

Para o seu coñecemento xeral, o Código ético institucional do Consello de Contas prevé a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Dando cumprimento á dita previsión e ao abeiro das competencias que me corresponden conforme o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas,

RESOLVO:

Dispoñer a publicación do Código ético institucional do Consello de Contas de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2017

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO
Código ético institucional do Consello de Contas

Introdución

As institucións de control externo xeran altas expectativas e deben gañarse a confianza da cidadanía, órganos lexislativos e executivos, auditados e outros. Polo tanto, teñen que actuar como organizacións modelo e inspirar confianza e credibilidade. Así como o comportamento ético é unha compoñente clave no establecemento e no mantemento da confianza e a reputación necesaria, a existencia dun código de ética é un requisito esencial para o funcionamento dunha institución de control externo.

O artigo 18 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas, aprobado pola Comisión permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas na reunión do día 23 de febreiro de 2017, establece que os/as conselleiros/as axustarán a súa actuación ao código ético institucional que corresponde aprobar ao Pleno. De igual xeito, o artigo 78.2 establece que o persoal funcionario ao servizo do Consello desenvolverán as súas tarefas conforme o código de conduta previsto na Lei do emprego público de Galicia e, así mesmo, con observancia do código ético institucional que aprobe o Pleno, e precisa que no ámbito da fiscalización se prestará especial atención aos principios ou normas de conduta emanados das normas ISSAI-ES. O Pleno do Consello de Contas de Galicia aprobou na súa reunión do día 22 de decembro de 2014 a adaptación das normas internacionais de auditoría do sector público (ISSAI-ES), nos termos que se fixeron públicos no DOG núm. 24, do 5 de febreiro de 2015, para a súa aplicación na realización dos informes de fiscalización.

Este código está dirixido a todos/as aqueles/as que traballan para o Consello de Contas. Isto inclúe os seus membros, os altos cargos, e todas as persoas empregadas directamente ou contratadas para realizar traballos en nome da institución. Todo este colectivo, en diante denominado «o persoal», debe adherirse aos principios e valores aquí establecidos na súa actividade profesional e, se corresponde, tamén na súa vida privada.

O Código estrutúrase en catro partes.

A parte I, seguindo a sistemática da ISSAI 30, comprende unha descrición das responsabilidades da propia institución e do seu persoal para cada un dos valores esenciais que guían a conduta ética, así como a descrición dos comportamentos esperados e algúns exemplos concretos de dilemas éticos e situacións sensibles.

A parte II asume, coas modulacións precisas, as pautas establecidas no Código ético institucional da Xunta de Galicia, atendendo a invitación establecida nel.

A parte III regula as competencias do órgano encargado de velar polo cumprimento do código ético, así como as medidas para garantir a confidencialidade e a indemnidade de quen denuncie os seus incumprimentos.

Por último, a parte IV refírese á difusión do código.

I. Principios e valores do Código ético institucional

1. Como unha responsabilidade xeral, o Consello de Contas asume a adopción e aplicación deste código ético e o compromiso de enfatizar e promover unha cultura ética na institución, establecendo pautas a través das súas accións e do seu exemplo e exixindo a todo o persoal o compromiso dunha cultura coherente cos valores deste código, implementando sistemas de control para identificar riscos de incumprimento e procedementos para abordar os conflitos de ética.

2. Os valores que deben impulsar as decisións do Consello de Contas e do seu persoal e os respectivos principios reitores son os que se resumen a continuación:

Integridade. Actuar con honestidade, de forma confiable, de boa fe e a favor do interese público.

Independencia e obxectividade. Estar libre de influencias ou circunstancias que comprometan ou poidan ser vistas como comprometedoras do xuízo profesional, e actuar de maneira imparcial e obxectiva.

Competencia profesional. Adquirir e manter coñecementos e habilidades apropiadas para o rol, actuar de conformidade coas normas aplicables e co debido coidado.

Comportamento profesional. Cumprir coas leis, regulacións e convencións, e evitar calquera conduta que poida desacreditar a institución.

Confidencialidade e transparencia. Protexer a información de forma adecuada, equilibrando esta protección coa necesidade de transparencia e rendición de contas.

– Integridade.

No nivel da institución.

3. O Consello de Contas apoiará e promoverá a integridade, garantirá que o ambiente interno sexa propicio para que o persoal expoña as infraccións á ética e responderá ás infraccións á integridade no momento oportuno e adecuado.

No nivel do persoal.

4. O persoal deberá dar un bo exemplo mediante un proceder honesto, fiable, de boa fe e a favor do interese público. No curso do seu traballo deberá ser digno de confianza e axustarse ás políticas e normas establecidas pola institución.

5. O persoal coidará de exercer as responsabilidades e usar das potestades, a información e os recursos á súa disposición unicamente en beneficio do interese público. Non poderá utilizar a súa posición para obter favores ou beneficios persoais para eles ou para terceiros.

6. O persoal deberá estar ao tanto das vulnerabilidades de integridade e das formas para mitigala e actuará en consecuencia. A nivel individual, o persoal necesita estar alerta ante circunstancias que poidan expoñelo ás vulnerabilidades de integridade, como intereses ou relacións persoais, financeiras ou doutro tipo que entren en conflito cos intereses do Consello; aceptación de agasallos ou incentivos económicos; abuso de poder en beneficio persoal; participación en actividades políticas, en grupos de presión ou lobbys; acceso a información sensible e/ou confidencial; ou acceso e uso de recursos valiosos da Institución.

– Independencia e obxectividade.

No nivel da institución.

7. Os membros do Consello serán independentes no que incumbe á súa condición, mandato, presentación de informes e autonomía de xestión e terán plena discreción no desempeño das súas funcións, tal e como está establecido no seu marco legal e regulamentario, e adoptarán políticas concretas para o seu funcionamento independente e obxectivo. As súas relacións con organismos e grupos de interese enmarcaranse no respecto a estes principios.

8. O plan de prevención de riscos de corrupción que aprobe o Consello de Contas conterá a identificación de ameazas significativas á independencia e á obxectividade e os controis específicos para mitigalas, e proporcionará orientación e dirección para o persoal neste sentido.

9. O Consello adoptará políticas para asegurar que o persoal de auditoría non desenvolva relacións coas entidades fiscalizadas que poidan poñer en risco a súa independencia ou obxectividade.

10. O Consello non proporcionará asesoría ou outros servizos distintos da auditoría a unha entidade auditada cando estes servizos impliquen responsabilidades de xestión, como a asistencia polo seu persoal a mesas de contratación, órganos de selección de persoal ou outros comités consultivos ou de asesoramento.

No nivel do persoal.

11. O persoal deberá estar libre de impedimentos que afecten a súa independencia e obxectividade, xa sexa real ou aparente, que resulten de tendencias políticas, participación na xestión, interese financeiro ou persoal, ou relacións con outros ou a indebida influencia daqueles. Para este propósito, deberá:

• Manter independencia da influencia política e estar libre de nesgo político no que atinxe á actividade profesional1.

• Non estar involucrado na toma de decisións do ente auditado2.

• Non auditar o propio traballo3.

• Evitar auditar entidades nas cales foi empregado recentemente, sen as salvagardas adecuadas.

• Evitar circunstancias nas cales os intereses persoais poidan afectar a toma de decisións4.

• Evitar circunstancias onde as relacións coa dirección ou co persoal da entidade auditada poidan afectar a toma de decisións5.

• Rexeitar agasallos, doazóns ou trato preferente que poidan prexudicar a súa independencia ou obxectividade.

12. O persoal deberá identificar as posibles ameazas e situacións nas cales a súa independencia ou obxectividade poida verse afectada, e deberá informar o respectivo conselleiro sobre as relacións preexistentes relevantes e aquelas que poidan representar un risco para a súa independencia ou obxectividade.

No suposto en que dubide da existencia dun conflito de intereses, deberá absterse de intervir no traballo ou asunto de que se trate e comunicalo ao conselleiro ou conselleira responsable. Este/a poderá solicitar a intervención do Comité de Ética, que resolverá respecto da abstención.

Entenderase que hai conflito de intereses cando o persoal intervén en decisións relacionadas con asuntos en que conflúen á vez intereses do seu posto e intereses persoais nos termos definidos na normativa de transparencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Competencia profesional.

No nivel da institución.

13. O Consello de Contas adoptará políticas para asegurar que as tarefas definidas polo seu mandato sexan executadas polo persoal que teña os coñecementos e as habilidades apropiadas para completalas con éxito. Isto inclúe:

• Establecer políticas de contratación e de recursos humanos baseadas nas competencias.

• Asignar equipos de traballo que posúan colectivamente a experiencia necesaria para cada traballo.

• Proporcionarlle ao persoal a formación, o apoio e a supervisión adecuados e un ambiente de aprendizaxe continua que apoie o persoal na aplicación e o desenvolvemento das súas competencias.

• Proporcionarlle ferramentas para mellorar o coñecemento e o intercambio de información, e instalo a utilizar estas ferramentas.

• Abordar os desafíos derivados dos cambios no ámbito do sector público.

No nivel do persoal.

14. O persoal deberá realizar o seu traballo de conformidade coas normas aplicables e coa dilixencia debida, e:

• Actuar de conformidade cos requisitos necesarios para cumprir coa asignación do seu traballo, de maneira coidadosa, minuciosa e oportuna.

• Desenvolver os seus coñecementos e habilidades para manterse ao día nos cambios no seu ambiente profesional, a fin de realizar o seu traballo de maneira óptima.

15. No caso de que a experiencia do persoal non sexa adecuada ou suficiente para realizar unha tarefa específica, exporalle este tema aos/ás seus/súas superiores.

– Comportamento profesional.

No nivel da institución.

16. O Consello de Contas debe ser consciente dos estándares de comportamento e exemplaridade que as entidades fiscalizadas e a propia sociedade esperan del, en liña coas súas funcións, tal como se define nas leis, regulamentos e demais normas. E debe asistir o persoal na adhesión a estas normas.

No nivel do persoal.

17. O persoal deberá cumprir coas leis, regulamentos e estándares da sociedade, así como coas restantes normas establecidas polo Consello de Contas.

18. O persoal non debe involucrarse nunha conduta que poida desacreditar a institución. Deberá aplicar a prudencia e o debido coidado co fin de que as súas accións ou opinións non comprometan ou desacrediten a institución no seu traballo, por exemplo ao usar as redes sociais.

19. O persoal deberá informar os seus superiores sobre calquera conflito que xurda entre os requisitos éticos da institución e o seu traballo.

20. O persoal ten que cooperar mediante o intercambio de coñecementos e información pertinente dentro da institución.

– Confidencialidade e transparencia.

No nivel da institución.

21. O Consello deberá equilibrar a confidencialidade da información relacionada coa auditoría ou doutra índole coa necesidade de transparencia e rendición de contas.

22. O Consello deberá establecer un sistema adecuado para manter a confidencialidade segundo sexa necesario, sobre todo no que respecta a datos sensibles, e poñerá en práctica políticas para eliminar ou reducir os potenciais riscos de incumprimento do deber de confidencialidade a un nivel aceptable6.

23. O Consello adoptará os acordos de confidencialidade apropiados coas persoas contratadas para realizar traballos para a institución a fin de asegurar o cumprimento deste principio.

24. O Consello establecerá políticas para a comunicación coas partes interesadas, así como cos medios de comunicación. As relacións con estes últimos canalizaranse a través do conselleiro ou conselleira maior e do auditor/a-director/a técnico de gabinete.

No nivel do persoal.

25. O persoal deberá estar ao tanto das obrigas legais e das políticas e directrices da institución relativas á confidencialidade e á transparencia. Ademais:

• Non revelará ningunha información obtida como resultado do seu traballo sen a debida e específica autorización, a menos que exista un dereito ou deber legal ou profesional para facelo.

• Non poderá utilizar información confidencial para beneficio persoal ou para o beneficio de terceiros.

• Deberá estar alerta ante a posibilidade de revelación involuntaria de información confidencial a terceiros7.

• Deberá manter confidencialidade profesional durante e despois do cesamento do emprego.

II. Código de conduta do persoal do Consello de Contas

26. Todo o persoal do Consello está suxeito aos principios recollidos no artigo 73 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e aos deberes enunciados no artigo 74 da mesma norma. Os membros do Consello suxeitaranse ademais ás mesmas obrigas en materia de transparencia que a normativa exixe aos conselleiros/as da Xunta de Galicia.

– Prohibición de regalos e dádivas.

27. O persoal do Consello de Contas non poderá aceptar, recibir ou solicitar, directamente ou a través de terceiras persoas, e en consideración ao seu cargo ou posto, ningún regalo, dádiva, beneficio ou favor, calquera que sexa a súa natureza, nin para si mesmo nin para o seu círculo familiar inmediato, que comprenderá ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

28. Os obsequios en metálico, calquera que sexa o seu importe, terán sempre a consideración de regalo.

29. Os regalos devolveranse á persoa ou entidade oferente, acompañados dunha notificación por escrito na cal se invoque o presente código ético, conforme un formulario tipo que determine a institución.

En caso de resultar imposible ou antieconómica a súa devolución, deberase proceder á súa oportuna notificación ao Comité de Ética para que xestione o seu destino, de conformidade cun formulario que determine a institución.

– Réxime aplicable ás mostras de cortesía e atencións protocolarias.

30. Serán consideradas mostras ou atencións de cortesía social e institucional unicamente as seguintes:

1) As atencións enmarcadas nos usos habituais e costumes sociais de cortesía. Entenderase que se supera a dita consideración cando se exceda o importe máximo de 90 euros. Este tope máximo será de aplicación a todo o persoal.

No caso de superalo, observarase o disposto para o réxime de devolución. En caso de dúbida manifesta sobre o importe, a persoa receptora deberá efectuar consulta, segundo o modelo tipo que determine a institución, ao Comité de Ética, que será o encargado de avaliar se o dito obsequio supera ou non o límite establecido. A resolución deste órgano terá carácter vinculante.

A regularidade ou reiteración deste tipo de atencións por parte da mesma persoa física ou xurídica a un mesmo destinatario/a significará a perda do carácter de cortesía cando o importe das gratificacións –de xeito illado ou acumulado– durante o período dun ano supere o límite económico anteriormente referido.

2) Os obsequios oficiais ou de carácter protocolario que se poidan intercambiar ou recibir en exercicio das relacións institucionais, así como as atencións enmarcadas en actos públicos ou promocionais. En caso de excederen os 90 euros, deberán ser oportunamente notificados ao Comité de Ética para que xestione o seu destino, de conformidade cun modelo tipo que determine a institución.

3) As comidas ou hospedaxes ligadas á función do cargo ou posto nas cales a dita persoa participe e as enmarcadas na programación dun acto público ou visita oficial.

4) Os artigos de propaganda ou publicidade que pola súa escasa entidade resulte sinxelo discernir sen necesidade de efectuar un xuízo de valor (como axendas, calendarios ou bolígrafos).

5) Os gastos e atencións derivadas da participación ou presenza en comisións relatoras, congresos, seminarios ou actos similares de carácter científico, técnico ou cultural.

6) Convites a actos de contido cultural ou a espectáculos públicos cando sexan por razón do cargo ou función que se exerza.

– Mecanismos de prevención ante posibles abusos de poder, situacións de vantaxe ou tratamento de privilexio.

31. O persoal ao servizo do Consello absterase de toda acción arbitraria que implique utilizar facultades non amparadas por fundamentos legais ou non motivadas por un interese público.

32. Sen prexuízo do deber xeral de acadar unha Administración áxil e eficaz na tramitación dos procedementos administrativos, non caberá influír na axilización do curso dun trámite ou procedemento administrativo, ou na liberación de cargas e sancións a particulares ou empresas sen xusta causa e cando isto comporte un privilexio en beneficio do seu contorno familiar e social inmediato.

33. O persoal do Consello non se poderá valer da súa posición para obter vantaxes profesionais, laborais ou materiais, nin para si mesmos nin para o seu círculo familiar ou social inmediato, sen prexuízo das prestacións de acción social a que poidan ter acceso os/as empregados/as públicos. En concreto, non poderá aceptar ningún tratamento de privilexio concedido en virtude do cargo ou responsabilidade desempeñada por parte de entidades públicas ou privadas que manteñan relacións coa Administración, en particular a condonación de débedas bancarias, préstamos a xuro cero, ou o uso habitual gratuíto dos seus servizos ou instalacións cando exista réxime habitual de cobramento.

34. En materia fiscal, o persoal ao servizo do Consello non poderá empregar para beneficio propio calquera dato, información ou documento obtido en razón do posto. En ningún suposto poderá obter lucro persoal pola utilización de información privilexiada de carácter financeiro, bolsista ou fiscal á cal teña acceso.

– En relación cos procesos selectivos de persoal.

35. Nos procesos selectivos de persoal ou de provisión de postos de traballo, non se poderá proporcionar ningunha información que poida supoñer vantaxe ou privilexio a calquera aspirante. A este respecto, o Consello adoptará de forma homologada normas de funcionamento e garantías reforzadas de transparencia. En particular:

• Consideraranse sempre causas de abstención para formar parte dun tribunal de selección ou comisión de valoración a realización de tarefas de preparación de aspirantes nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria ou a colaboración durante ese período con centros de preparación de opositores/as.

• Introduciranse garantías de confidencialidade que obrigarán as persoas ou, cando for o caso, as empresas encargadas da impresión e custodia dos exames.

• Establecerase un mecanismo para a selección aleatoria das preguntas, sempre que sexa posible en función da tipoloxía da proba.

– Nos procedementos de contratación.

36. O Consello establecerá políticas de rotación de persoal que impidan unha relación profesional continuada das mesmas persoas funcionarias cos provedores ou medidas equivalentes cando a rotación non sexa posible.

37. As resolucións das peticións de aclaracións técnicas deberán ser sempre publicadas na Plataforma de contratos de Galicia para que estean ao dispor de todas as persoas concorrentes por igual.

38. En desenvolvemento da normativa sobre unha contratación pública ecolóxica e socialmente responsable, o Consello asumirá as guías de cláusulas sociais e ambientais na contratación que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia.

39. O persoal que participe en procedementos de contratación evitará calquera actuación ou actividade que poida poñer en risco o interese público ou a boa imaxe do órgano de contratación, particularmente aquelas accións ou prácticas que poidan ser sospeitosas de favoritismo. Absterase de realizar calquera negocio ou actividade privada que poida poñer en cuestión a debida obxectividade ou que poida afectar negativamente o interese público.

40. Nos pregos que rexen as contratacións incorporarase un modelo de declaración, que subscribirán os licitadores, no cal se manifeste o coñecemento do contido e alcance deste código ético.

41. As persoas implicadas nas distintas fases dos procedementos de contratación cuxas funcións poidan ter influencia nas decisións de adxudicación deberán asinar unha declaración de ausencia de conflito de intereses.

– Uso responsable dos medios e recursos públicos.

42. O persoal incluído no ámbito de aplicación deste código deberá facer un uso responsable dos medios e recursos da institución.

Por medios e recursos públicos enténdense, entre outros, as instalacións oficiais e as dependencias administrativas; o material de oficina e os artigos de escritorio; a maquinaria e os vehículos do parque móbil; os teléfonos, ordenadores e todo tipo de compoñentes tecnolóxicos, como fotocopiadoras, software, internet, intranet e correo electrónico corporativo; os selos e os servizos postais; así como as credenciais e tarxetas de identificación concedidas para o cumprimento das funcións asignadas ao cargo ou posto.

43. O material que o Consello poña ao dispor do persoal para o exercicio do seu cargo ou posto será obxecto dun uso responsable e devolverase cando finalice a vinculación co dito cargo ou posto.

44. Queda expresamente prohibida a utilización de fotocopiadoras ou mecanismos de impresión para fins alleos ás necesidades ou funcións do posto.

45. Os distintivos, credenciais ou tarxetas de identificación e control horario consideraranse de uso persoal e intransferible e utilizaranse unicamente para as funcións autorizadas.

46. O material bibliográfico e as publicacións en calquera tipo de soporte (papel, cd-rom, etc.) que se encontre nas oficinas ou despachos das dependencias administrativas consideraranse patrimonio do Consello e material documental para uso e servizo do seu persoal no desenvolvemento do seu traballo e formación, e deberán servirse deles con responsabilidade respectando a integridade dos fondos e facendo un uso razoable dos recursos.

47. O uso do parque móbil debe inspirarse en principios éticos básicos; entre outros: a) a prohibición de utilizar os vehículos do parque móbil para desprazamentos distintos dos de carácter laboral e oficial; b) os altos cargos e membros do Consello en ningún caso poderán utilizar o parque móbil para efectuar desprazamentos coa exclusiva finalidade de acudir a actos ou reunións relacionados coas actividades dun partido político.

– Condutas específicas para os altos cargos.

48. Alén das previsións aplicables a todo o persoal, e das legais incluídas na normativa vixente en materia de incompatibilidades de altos cargos, e como compromiso reforzado, establécese que:

• Os membros do Consello de Contas absteranse de levar a cabo calquera tipo de actividades que, directa o indirectamente, poidan colidir con intereses públicos ou cuestionar a súa obxectividade no proceso de toma de decisións ou no funcionamento da institución. Deberán facer pública e informar o Pleno do Consello cando en calquera actuación se poida producir esta colisión.

• Os membros do Consello e altos cargos non poderán ser titulares de contas en países ou territorios con cualificación de paraíso fiscal segundo a regulación estatal de aplicación.

• Os membros do Consello e altos cargos publicarán os contidos das súas declaracións de bens patrimoniais nos termos aprobados no acordo do Pleno que regule esta materia.

• Asemade, os membros do Consello e altos cargos farán constar na súa declaración de actividades e intereses as renuncias ou alleamentos de participacións en empresas que teñan que realizar para cumprir a normativa autonómica sobre incompatibilidades de altos cargos. Para evitar calquera risco potencial de conflito de intereses, nesta declaración tamén figurarán as actividades profesionais do cónxuxe ou parella de feito.

• Os membros do Consello de Contas non poderán percibir ningunha retribución pola asistencia ocasional como relator en congresos, seminarios, xornadas de traballo ou cursos de carácter profesional, como conduta ética obrigatoria.

• A programación e realización de viaxes institucionais ao exterior por parte dos membros do Consello rexerase polos criterios de interese público e proporcionalidade tanto nos custos de desprazamento como de estadía. Os voos con destino nacional ou a calquera dos restantes países da Unión Europea realizaranse en liñas regulares e en clase turista, agás circunstancias excepcionais que o impidan.

• Quedarán reducidos ao estritamente necesario os gastos en materia de protocolo.

• Os membros do Consello absteranse de realizar fóra do Consello calquera comentario que poida prexudicar a reputación deste ou que se poida interpretar como unha toma de posición da institución en debates alleos á súa función institucional ou sobre os cales o Consello non se pronunciase. Igualmente, absteranse de formular publicamente calquera observación que poida levar ao Consello a un posible conflito mesmo despois de ter cesado nas súas funcións.

• Os membros do Consello que teñan previsto realizar unha actividade profesional durante os dous primeiros anos seguintes á finalización do seu mandato deberán notificalo con antelación suficiente ao conselleiro ou conselleira maior, para os efectos de que se traslade e valore esta situación polo Pleno e, se é o caso, polo Comité de ética. De apreciarse un conflito de intereses notificaráselle ao afectado que debe absterse do exercicio desa actividade.

III. Órgano de supervisión e garantías de indemnidade

49. O órgano competente para a supervisión do cumprimento deste código será un comité de ética, que valorará e resolverá as consultas e os incumprimentos que se poidan detectar no seo da institución.

50. O Comité estará integrado polos seguintes membros:

• Dous conselleiros ou conselleiras designados polo Pleno do Consello por un período de catro anos, un dos cales exercerá a presidencia.

• A persoa que exerza a presidencia da Comisión de Prevención da Corrupción do Consello de Contas.

• Dúas persoas de experiencia, competencia e prestixio profesional contrastado en materias relacionadas coa ética, o dereito ou a gobernanza de organizacións tanto do sector público como do privado, que serán designadas polo Pleno do Consello de Contas polo mesmo período de catro anos.

51. As súas funcións serán as seguintes:

• Velar polo cumprimento do Código ético institucional.

• Impulsar a posta en marcha efectiva do código ético a través das accións e medidas que sexan necesarias.

• Propoñer as modificacións que sexan precisas no código ético, elevándoas para a súa toma en consideración polo Pleno do Consello de Contas.

• Atender as posibles denuncias que se formulen consonte coa existencia deste código e o seu posible incumprimento.

• Informar o Pleno do Consello dos posibles incumprimentos detectados.

• Resolver as consultas e dúbidas formuladas respecto da aplicación do código.

• En relación cos obsequios recibidos, acreditar as devolucións realizadas e resolver as consultas sobre o importe das atencións ou obsequios recibidos e xestionar o destino final das atencións para os casos así explicitados anteriormente, que poderá ser, en función da súa natureza, a entrega a organizacións non gobernamentais ou similares ou a integración no patrimonio adscrito ao Consello de Contas. O Comité levará un inventario dos obsequios recibidos e das devolucións realizadas.

• Elaborar un informe anual en que se explique o grao de cumprimento do código e as denuncias recibidas ao longo do ano natural, que se elevará ao Pleno do Consello.

52. Nos supostos de condutas contrarias ao código que poidan ser constitutivas de delito remitiranse as actuacións á Asesoría Xurídica do Consello para os efectos do seu estudo e posterior valoración polo Comité da remisión ao Ministerio Fiscal.

53. A institución garantirá a confidencialidade das queixas ou denuncias sobre posibles incumprimentos dos valores, principios ou condutas recollidos no código ético mentres a manteña o/a informante e o permitan as normas xurídicas de aplicación. O Consello creará un ficheiro para garantir o tratamento destes datos conforme a Lei orgánica de protección de datos de carácter persoal.

54. A denuncia presentarase na caixa de suxestións que para tal efecto habilite o Consello de Contas, que deberá garantir a confidencialidade e, se é o caso, o anonimato do/a denunciante, e dirixirase ao Comité de Ética. O Comité pode comisionar un dos seus membros para realizar unha información reservada que comprenderá a protección da identidade do/da denunciante, do/da investigado/a e dos/das informantes.

55. No caso de comportamento reprobable, se a conduta é sancionable o Comité formulará petición en tal sentido ao órgano administrativo competente. Se aquela fose reprobable eticamente pero non constitutiva de infracción, o Comité apercibirá o/a denunciado/a de que cese nesa conduta. O mesmo apercibimento realizarase ao/á denunciante cando a denuncia sexa notoriamente falsa.

56. No caso de detectarse unha conduta contraria ás previsións contidas neste código en relación cos regalos, dádivas, mostras de cortesía e atencións protocolarias, procederase de inmediato á apertura dunha información reservada, coa finalidade de dilucidar se pode ser constitutiva de infracción disciplinaria, de acordo coa normativa vixente que resulte de aplicación en cada caso.

57. O persoal do Consello de Contas non poderá ser discriminado na súa formación nin na súa promoción económica ou profesional polo exercicio de denuncias sobre incumprimentos deste código. A información reservada non formará parte dos procedementos xurídicos nin disciplinarios nin de ningún outro tipo.

58. As decisións do Comité de Ética non outorgan, modifican, nin restrinxen os dereitos establecidos polo ordenamento xurídico.

IV. Difusión do presente código

59. O presente código publicarase no Diario Oficial de Galicia e no portal web do Consello de Contas.

1 A independencia en aparencia é tan importante como a independencia de feito: a participación en actividades políticas públicas, a expresión pública de opinións políticas ou postularse para a elección a un cargo público, poden ser percibidos polas partes interesadas como elementos que afecten a capacidade da institución para formar xuízos imparciais.

2 Son exemplos de circunstancias relacionadas coa dirección da entidade auditada que prexudican a independencia ou obxectividade do persoal da institución: a) que un membro dun equipo de auditoría sexa ou fose recentemente alto directivo da entidade auditada; b) ser membro con dereito a voto no comité ou na xunta directiva da entidade auditada, desenvolvendo ou aprobando políticas, ou mantendo a custodia dos activos desa entidade; c) recomendar unha persoa para unha posición específica que sexa clave na entidade auditada, ou aparecer influíndo na selección do candidato feita pola dirección; d) preparar un plan de acción correctivo da entidade auditada para abordar as deficiencias detectadas na auditoría.

3 Dáse este suposto no caso de: a) participar persoalmente nalgunha actividade particular que se converta no tema central dunha auditoría; b) ser recentemente un empregado da entidade auditada; c) ter auditado recentemente a mesma temática cando traballou para unha organización de auditoría diferente.

4 Son exemplos de circunstancias nas cales os intereses persoais poden afectar a independencia ou obxectividade: a) entrar en negociacións de emprego coa entidade auditada; b) ser responsable de traballos ou opinións de auditoría cuxo resultado poida ter un impacto nos intereses financeiros ou doutro tipo desa persoa; c) participar en negocios ou algunha actividade distinta da auditoría xunto a unha entidade auditada; d) ter un interese económico directo na entidade auditada.

5 Isto pode ocorrer, por exemplo, cando un membro do persoal do Consello: a) ten unha relación profesional ou persoal próxima ou extensa cos/as directivos/as ou co persoal que exerce unha posición influente nunha entidade auditada; b) ten un parente próximo ou unha persoa amiga que é xerente ou empregado/a cunha posición influente nunha entidade auditada; c) acepta agasallos, doazóns ou trato preferente de directivos/as ou empregados/as dunha entidade auditada.

6 Como exemplos de controis no nivel da institución: a) salientar a importancia da confidencialidade de forma regular; b) realizar informes sobre o cumprimento das regras de confidencialidade por parte do persoal; c) proporcionar orientación sobre que información, documentos e materiais necesitan ser tratados como confidenciais, e a etapa de traballo na que teñen que ser tratados como confidenciais; d) prestar asesoría en relación coa aplicación das regras de confidencialidade e os requisitos legais relativos ás condicións de divulgación; e) proporcionar orientación e asesoramento para os casos en que a obriga profesional de manter a confidencialidade poida ser anulada por outras responsabilidades legais establecidas polas leis nacionais, e definir procedementos específicos para informar en tales casos; f) definir condicións de almacenamento seguro de información en calquera formato (papel, electrónico, audio, etc.); g) ter unha adecuada definición dos dereitos de acceso aos arquivos, sistemas de TI e áreas físicas; h) contar con procedementos para a eliminación de dispositivos de almacenamento de datos.

7 Como exemplos de controis a nivel individual: a) usar o xuízo profesional para respectar a confidencialidade da información; b) ter en conta a confidencialidade da información cando se fala con outros/as empregados/as sobre asuntos relacionados co traballo; c) na vida privada, manter a confidencialidade dentro do contorno familiar, social ou doutro tipo, incluídos os medios ou redes sociais; d) asegurar os soportes de datos electrónicos; e) manter a confidencialidade dos contrasinais.