Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 12 de decembro de 2017 Páx. 56050

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

DECRETO 124/2017, do 30 de novembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

De acordo co disposto no artigo 19 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, no presente exercicio unicamente se incorporará no sector público autonómico novo persoal con suxeición ás limitacións e requisitos establecidos nela.

Na mesma norma fíxanse diferentes taxas de reposición. Dentro do 100 % da taxa de reposición figuran os sectores prioritarios, onde a lei inclúe o control e a loita contra a fraude fiscal, laboral, subvencións públicas e control da asignación eficiente dos recursos públicos, asesoramento xurídico e a xestión dos recursos públicos, así como tamén as prazas correspondentes ao persoal dos servizos de prevención e extinción de incendios e de salvamento, as prazas do persoal que presta asistencia directa aos usuarios dos servizos sociais e do persoal que realiza a xestión de prestacións e políticas activas en materia de emprego, prazas de seguridade e emerxencia, prazas de persoal que realiza unha prestación directa aos usuarios do servizo de transporte público e persoal de atención á cidadanía nos servizos públicos.

Así mesmo, noutros sectores a taxa de reposición fíxase ata un máximo do 50 %.

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no seu artigo 48 establece os criterios xerais en que se debe enmarcar a oferta de emprego público, sen prexuízo das especificidades que se poidan establecer nas convocatorias respectivas. Esta oferta concíbese como un instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ao servizo das administracións públicas, nos cales deben primar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

A oferta para o ano 2017 inclúe prazas por acceso libre que figuran no anexo I. Para determinar a taxa de reposición tívose en conta o número de xubilacións, falecementos, renuncias, excedencias, baixas definitivas, así como altas e baixas producidas polos concursos de traslados a outras administracións e reingresos producidos durante o ano 2016.

Non computarán dentro do límite máximo de prazas derivado da taxa de reposición as prazas que se convoquen para a súa provisión mediante procesos de promoción interna, as correspondentes a persoal declarado indefinido non fixo mediante sentenza xudicial, así como as prazas derivadas da taxa adicional para a estabilización de emprego temporal que estean ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2016.

Así mesmo, prevese un plan de promoción interna para o persoal funcionario dos corpos xerais, que consiste nunha promoción interna independente das convocatorias ordinarias, do cal o número de prazas se especifica no anexo IV.

Nos procesos de promoción interna que se realicen tamén poderá participar o persoal laboral fixo que no momento da entrada en vigor do Estatuto básico do empregado público estivese ocupando un posto de traballo que figure na relación de postos de traballo clasificado para persoal funcionario.

Así mesmo, nesta oferta recóllense medidas de redución da temporalidade no emprego público a través dun plan de consolidación de prazas de carácter estrutural relativas ás escalas da Administración xeral e especial de seguridade e saúde laboral que están desempeñadas interinamente con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005, de conformidade co previsto na disposición transitoria cuarta do texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e na disposición transitoria décimo cuarta do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que continúa en vigor de acordo coa disposición derrogatoria primeira da Lei 2/2015, do 20 de abril, do emprego público de Galicia.

Para dar cumprimento ao disposto na disposición transitoria décima do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, esta oferta inclúe prazas de persoal laboral indefinido non fixo derivado de sentenzas xudiciais, así como prazas ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2016.

As disposicións indicadas nos dous parágrafos anteriores permiten a apertura de procesos de consolidación a través de distintas medidas, todas elas orientadas a resolver a situación laboral daqueles colectivos de persoal que veñen desempeñando o seu traballo con carácter temporal, con relacións de emprego de longa duración, co fin de adquirir a condición de fixeza a través dos correspondentes procesos selectivos, que deberán garantir, en todo caso, a aplicación dos principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, así como respectar a libre concorrencia. Estas prazas figuran incluídas nos anexos II e III da presente oferta.

Con respecto á reserva da cota para persoas con discapacidade, nesta oferta resérvase unha porcentaxe do 8,61 % das vacantes, que se distribuirá segundo se establece nos anexos de prazas obxecto desta oferta.

A reserva do 8,61 % indicado realizarase de xeito que o 2,28 % das prazas ofertadas sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual e o 6,33 % das prazas ofertadas sexa para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

Conforme os artigos 13.2.g) e 14.2.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia aprobar a oferta de emprego público por proposta da consellería competente en materia de función pública. Así mesmo, o artigo 12 da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, exixe o informe favorable da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

Neste marco e tendo en conta os postos de traballo vacantes en distintos corpos e escalas da Administración xeral e especial, así como en diversas categorías de persoal laboral desta comunidade autónoma, cómpre aprobar a oferta de emprego público para o ano 2017 relativa ao persoal funcionario de corpos e escalas da Administración xeral, especial e categorías de persoal laboral, e establécense os criterios en que se debe enmarcar esta oferta, de conformidade co previsto nos parágrafos un e dous do artigo 12 da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, así como o artigo 19 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, logo de informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e da Comisión de Persoal, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, por proposta do conselleiro de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta de novembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

De conformidade co disposto no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; no artigo 70 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro; no artigo 19 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017; así como nos parágrafos un e dous do artigo 12 da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, nos termos que se establecen neste decreto.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

1. A oferta de emprego público 2017 inclúe as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso, e especifícanse as prazas no anexo I deste decreto. As prazas de novo ingreso son con cargo á taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2017.

2. No anexo II recóllense as prazas relativas ao proceso de consolidación de conformidade co previsto na disposición transitoria cuarta do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e na disposición transitoria décimo cuarta do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo. Estas prazas son con cargo á taxa de reposición de efectivos.

3. No anexo III figuran prazas de persoal laboral indefinido non fixo derivado de sentenzas xudiciais, de conformidade co disposto na disposición transitoria décima do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia. Estas prazas inclúense ao abeiro do disposto no artigo 19.Un.4 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017.

Así mesmo, inclúense prazas ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2016, de conformidade co disposto no artigo 19.Un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017.

Estas prazas non computan na taxa de reposición.

4. No anexo IV inclúense as prazas de promoción interna, cuxos procesos selectivos se realizarán en convocatorias independentes das ordinarias de novo ingreso e, segundo o disposto no artigo 19.Un.4 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, non computan na taxa de reposición.

Artigo 3. Procesos de consolidación

1. Dentro das medidas de redución da temporalidade, convocarase un proceso de consolidación das escalas da Administración xeral e especial da Seguridade e Saúde Laboral para o persoal funcionario interino que se encontra desempeñando unha praza de carácter estrutural con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005, nos termos establecidos na disposición transitoria cuarta do texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e na disposición transitoria décimo cuarta do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

2. Así mesmo, convocarase un proceso de consolidación, nas categorías de persoal laboral, para o persoal laboral temporal que adquiriu a condición de persoal indefinido non fixo de acordo co disposto na disposición transitoria décima do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

3. As prazas que figuran nos anexos II e III cubriranse polo sistema de concurso-oposición mediante convocatorias extraordinarias de selección, con suxeición aos principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e concorrencia competitiva.

Ao persoal que supere estes procesos selectivos adxudicaráselle destino en postos correspondentes ás ditas escalas e categorías, de natureza estrutural, que estean desempeñadas por persoal con vinculación temporal.

Artigo 4. Promoción interna independente

1. Co obxecto de fomentar a promoción interna, convocaranse as prazas que se detallan no anexo IV para persoal funcionario de carreira. Estes procesos selectivos de promoción interna levaranse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso e será de aplicación para o persoal funcionario o previsto no artigo 80 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

2. Para os corpos da Administración xeral realizarase unha promoción interna separada para permitir que os/as funcionarios/as da Administración xeral, excluídas as escalas, poidan promocionar ao grupo inmediato superior sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a no corpo do grupo de titulación inmediatamente inferior ao do corpo a que pretenden acceder, reúnan os requisitos exixidos na convocatoria e superen as probas que para cada caso estableza a consellería competente en materia de función pública.

3. Non obstante, no proceso de promoción interna para o acceso ao corpo superior da Administración xeral (subgrupo A1), tamén poderá participar o persoal funcionario de carreira do corpo de xestión da Administración xeral, da escala de inspectores/as de consumo (subgrupo A2) e da escala de inspección turística (subgrupo A2).

4. Aos aspirantes dos corpos da Administración xeral que superen o proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñan desempeñando con carácter definitivo sempre que estivese aberto ao corpo do grupo de titulación a que se acceda e figure na relación de postos de traballo aberto á Administración xeral, e queda excluídos, expresamente, os postos que só estean abertos a escalas.

5. O persoal laboral fixo poderá tamén participar nos procesos de promoción interna, tanto os realizados de forma independente como os realizados de forma conxunta cos procesos selectivos de libre concorrencia, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e na disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Para estes procesos será de aplicación o disposto no artigo 80 da normativa de función pública.

Artigo 5. Criterios xerais de aplicación nos procesos selectivos

1. De acordo co Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e coa Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, sinálanse os seguintes principios reitores para o acceso ao emprego público e a adquisición da relación de servizo:

A) Na selección do seu persoal, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia garantirá, ademais dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, os principios de:

– Publicidade das convocatorias e das súas bases.

– Transparencia.

– Imparcialidade e profesionalidade dos membros dos órganos de selección.

– Independencia e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.

– Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e tarefas que se van desenvolver.

– Axilidade, sen prexuízo da obxectividade, nos procesos de selección.

B) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste decreto.

C) A composición dos tribunais de selección do persoal da Administración pública galega será paritaria para o conxunto da oferta pública de emprego, tanto se se trata de acceso ao emprego público como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 48 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, aprobado polo Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro.

Os órganos de selección aplicarán na súa actuación principios de austeridade e axilidade á hora de ordenar o desenvolvemento dos procesos selectivos, sen prexuízo do cumprimento dos principios de actuación de conformidade co establecido no Estatuto básico do empregado público.

D) Nas convocatorias dos procesos selectivos en que se estableza a realización de probas con respostas alternativas, faranse públicos os cadros de respostas na páxina da Xunta de Galicia (www.xunta.es/funcion-publica), ademais de nos lugares que se estipulen na convocatoria.

E) O funcionamento e a actuación dos tribunais de selección axustaranse ás instrucións ditadas para o efecto polo órgano competente.

2. Se nun determinado corpo, escala, subgrupo ou categoría da Administración pública galega se verificase a infrarrepresentación do sexo feminino, entendendo por infrarrepresentación cando exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes, de existir méritos iguais entre dous ou máis candidatos ao finalizar o proceso selectivo e antes da proposta de nomeamento dos candidatos aprobados, deberase aplicar como primeiro criterio de desempate a preferencia das mulleres, salvo se considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nos candidatos de ambos os sexos existen motivos non discriminatorios para preferir o home, de acordo co artigo 49 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, aprobado polo Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro.

Artigo 6. Persoas con discapacidade

1. O artigo 59 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, prevé que se reservará unha cota non inferior ao sete por cento das vacantes ofertadas para seren cubertas por persoas con discapacidade. Considéranse como tales as definidas no número 2 do artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións.

2. A reserva do mínimo do 7 % indicado realizarase de maneira que polo menos o 2 % das prazas ofertadas o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual e o resto das prazas ofertadas o sexa para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

3. Para dar cumprimento ao establecido no puntos dous, nesta oferta resérvase unha porcentaxe do 8,61 % para ser cuberta por persoas que acrediten discapacidade, de xeito que o 2,28 % será para as persoas que acrediten discapacidade intelectual e o 6,33 % para aquelas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

Nos anexos do presente decreto figura a reserva de prazas nos corpos, escalas ou categorías en que as actividades ou funcións son compatibles en maior medida coa posible existencia dunha discapacidade. O número de prazas reservadas quedará recollido nas correspondentes bases das convocatorias.

4. As prazas reservadas para persoas con discapacidade xeral poderanse convocar conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes á dos procesos libres garantíndose, en todo caso, o carácter individual dos procesos. Para as prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual realizarase convocatoria independente.

5. Os sistemas de selección que se convoquen para persoas con discapacidade desenvolveranse de acordo co establecido no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.

6. Nas probas selectivas, incluíndo os cursos selectivos ou o período de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade.

7. No suposto de que algún dos aspirantes con discapacidade que se presente polo cota de reserva supere os exercicios e non obteña praza na citada cota, se a súa puntuación é superior á obtida polos outros aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

8. As prazas reservadas para as persoas con discapacidade que queden desertas nos procesos selectivos no se poderán acumular á quenda xeral.

Disposición adicional. Acumulación de prazas correspondentes á oferta de emprego público dos anos anteriores

Poderanse convocar nun único proceso selectivo as prazas de persoal funcionario correspondentes aos corpos e escalas de Administración xeral e especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, relacionadas nos anexos da presente oferta, xunto coas derivadas da oferta de emprego público correspondente aos anos 2015 e 2016 que aínda están pendentes de convocar.

Todas as prazas publicadas en ofertas anteriores que aínda están sen convocar de categorías de persoal laboral e que, segundo o disposto na Lei de emprego público, teñen unha equivalencia nos corpos e escalas de carácter funcionarial, convocaranse nun proceso selectivo único acumuladas á escala que lle corresponda de persoal funcionario.

Por outra banda, as prazas que figuran polo sistema de acceso libre correspondentes a corpos e escalas da Administración xeral e especial de seguridade e saúde laboral acumularanse ás prazas pendentes de convocar da oferta do ano 2016. O sistema de selección será o concurso-oposición.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento do decreto

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de novembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I
Acceso libre

Administración xeral

Quenda xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Corpo superior (subgrupo A1)

7

1

 

8

Escala superior de seguridade e saúde no traballo
(subgrupo A1)

 

 

 

 

     Especialidade de seguridade no traballo

5

 

 

5

     Especialidade de hixiene industrial

3

 

 

3

     Especialidade de ergonomía e psicosocioloxía aplicada

1

 

 

1

Escala superior de estatísticos (subgrupo A1)

5

 

 

5

Escala técnica de seguridade e saúde no traballo
(subgrupo A2)

 

 

 

 

     Especialidade de seguridade no traballo

7

 

 

7

Corpo de xestión (subgrupo A2)

12

3

 

15

Corpo auxiliar (subgrupo C2)

30

5

6

41

Agrupación profesional do persoal funcionario subalterno

 

 

12

12

Administración especial

Quenda xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Corpo facultativo superior (subgrupo A1)

 

     Escala superior de saúde laboral

3

 

 

3

     Escala de veterinarios

23

2

 

25

     Escala de enxeñeiros

 

 

 

 

             Especialidade de enxeñaría de camiños, canais e portos

1

 

 

1

Corpo facultativo grao medio (subgrupo A2)

 

 

 

 

     Escala técnica de saúde laboral

1

 

 

1

     Escala de enxeñeiros técnicos

 

 

 

 

             Especialidade de enxeñaría técnica de obras públicas

2

 

 

2

     Escala de técnicos facultativos de servizos sociais

 

 

 

 

             Especialidade de enfermaría

33

2

 

35

             Especialidade de educadores

33

2

 

35

             Especialidade de traballo social

21

4

 

25

             Especialidade de terapia ocupacional

11

4

 

15

Corpo auxiliar de carácter técnico (subgrupo C2)

 

 

 

 

     Escala de auxiliares de clínica

60

10

 

70

     Escala de bombeiro forestal

 

 

 

 

             Especialidade de emisorista/vixilante fixo

50

5

 

55

             Especialidade de persoal condutor

50

 

 

50

ANEXO II
Prazas consolidación persoal funcionario

Administración xeral

Quenda xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Corpo superior (subgrupo A1)

 

 

 

 

     Escala superior de seguridade e saúde no traballo

 

 

 

 

             Especialidade de seguridade no traballo

1

 

 

1

             Especialidade de hixiene industrial

2

 

 

2

             Especialidade ergonomía e psicosocioloxía aplicada

1

 

 

1

Corpo de xestión (subgrupo A2)

 

 

 

 

     Escala técnica de seguridade e saúde no traballo

 

 

 

 

             Especialidade de seguridade no traballo

3

 

 

3

Administración especial

Quenda xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Corpo facultativo superior (subgrupo A1)

 

 

 

 

     Escala superior de saúde laboral

3

 

 

3

Corpo facultativo de grao medio (subgrupo A2)

 

 

 

 

     Escala técnica de saúde laboral

2

 

 

2

Total xeral

370

38

18

426

ANEXO III
Prazas consolidación persoal laboral

D. transitoria
V Convenio (2ª parte)

Total prazas

Xeral

Discap.

 

Grupo I. Categoría 002. Titulado/a superior médico/a

2

 

2

Grupo I. Categoría 004. Titulado/a superior

49

1

50

Grupo I. Categoría 005. Titulado/a superior veterinario/a

46

1

47

Grupo I. Categoría 006. Titulado/a superior psicólogo/a

6

 

6

Grupo I. Categoría 011. Titulado/a superior pedagogo/a

1

 

1

Grupo I. Categoría 014. Titulado/a superior sociólogo/a

1

 

1

Grupo I. Categoría 017. Bibliotecario/a

1

 

1

Grupo I. Categoría 018. Licenciado/a informático/a

4

 

4

Grupo I. Categoría 032. Titulado/a superior en centros de arte

7

 

7

Grupo II. Categoría 007. Titulado/a grao medio

27

 

27

Grupo II. Categoría 017. Asistente/a social

4

 

4

Grupo II. Categoría 020. Terapeuta ocupacional

2

 

2

Grupo II. Categoría 027. Técnico/a superior diplomado/a en informática

4

 

4

Grupo III. Categoría 002. Xefatura administración

1

 

1

Grupo III. Categoría 015. Experto/a en exposicións

2

 

2

Grupo III. Categoría 017. Analista de laboratorio

9

 

9

Grupo III. Categoría 029. Delineante

2

 

2

Grupo III. Categoría 030. Programador/a

1

1

2

Grupo III. Categoría 062. Oficial/a 1ª administrativo/a

5

 

5

Grupo III. Categoría 091. Técnico/a especialista en informática

8

 

8

Grupo IV. Categoría 001. Auxiliar administrativo/a

15

 

15

Grupo IV. Categoría 001. Técnico/a auxiliar en informática

6

 

6

Grupo IV. Categoría 001. Técnico/a auxiliar en informática cancro de mama

1

 

1

Grupo IV. Categoría 011. Auxiliar de laboratorio

1

 

1

Grupo IV. Categoría 016. Condutor/a

1

 

1

Grupo IV. Mergullador/a

1

 

1

Grupo V. Categoría 003. Ordenanza

3

 

3

Total xeral

210

3

213

ANEXO IV
Promoción interna

Administración xeral

Quenda
xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Corpo superior (subgrupo A1)

9

1

 

10

Corpo de xestión (subgrupo A2)

48

2

 

50

Corpo administrativo (subgrupo C1)

66

4

 

70

Corpo auxiliar (subgrupo C2)

18

2

 

20

Total xeral

141

9

 

150

Administración xeral

Quenda
xeral

Persoas con discapacidade xeral

Persoas con discapacidade intelectual

Total prazas

Total oferta

721

50

18

789