Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2018 Páx. 8118

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións agrarias de toda a Comunidade Autónoma de Galicia afectadas pola seca do ano 2017, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito coas entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 30 de novembro de 2017, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións agrarias de toda a Comunidade Autónoma de Galicia afectadas pola seca do ano 2017, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca (SGR).

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións agrarias de toda a Comunidade Autónoma de Galicia afectadas pola seca do ano 2017, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca (SGR).

Segundo. Convocatoria e prazo de presentación de solicitudes

Convócase o dito réxime de axudas en concorrencia non competitiva. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2018. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado no Igape comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 28 de marzo de 2018. As entidades financeiras deberán comunicar ao Igape a súa decisión sobre a concesión da operación financeira ata o 25 de abril de 2018. As axudas concederanse de conformidade co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de esgotamento do crédito, o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 31.4 da citada Lei de subvencións de Galicia.

Terceiro. Dotación orzamentaria

Os créditos dispoñibles para concesións de subvención nesta convocatoria faranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

2018

09.A1.741A.7700

500.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo da declaración da súa dispoñibilidade nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar axudas por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e á adecuación do
financiamento das explotacións agrarias de toda a Comunidade Autónoma de Galicia afectadas pola seca do ano 2017, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca (SGR)

O Igape, en cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da Comunidade Autónoma galega.

No mes de setembro do ano 2016 activouse en Galicia, en concreto na demarcación hidrográfica Galicia Costa, o protocolo ante situacións de seca, de xeito que se activou o nivel de prealerta en tres sistemas de explotación desta demarcación.

O ano 2016 destacou por ser moi seco e, sobre todo, polo escaso número de días de chuvia, que en moitas localidades acadou o valor mínimo histórico da serie. Isto debeuse á persistencia dos períodos anticiclónicos, que impediron, día tras día, a chegada a Galicia de borrascas e sistemas frontais. O mes de decembro dese ano caracterízase, dependendo das zonas, como cálido ou moi cálido. A porcentaxe de precipitación foi un 78 % por debaixo do normal, co que tivemos o decembro máis seco desde 2001.

Ante esta situación apréciase unha diminución progresiva do caudal dos ríos en toda a demarcación hidrográfica, detectando valores por debaixo dos valores medios para esta época do ano, aínda que as reservas de auga nos encoros de abastecemento estaban en valores de normalidade.

Por este motivo, no mes de xaneiro de 2017 decrétase a situación de prealerta hidrolóxica ante situacións de seca en todos os sistemas de explotación da demarcación hidrográfica de Galicia Costa e tamén na demarcación hidrográfica do Miño-Sil.

Por outra banda, mediante o Real decreto 684/2017, do 30 de xuño, declárase a situación de seca na parte española da demarcación hidrográfica do Douro, onde se atopan os concellos de Verín, Laza, Monterrei, Riós, Oímbra, Castrelo do Val, Vilardevós, A Mezquita e A Gudiña.

Despois dun inicio de ano en que as precipitacións tiveron valores próximos á normalidade para esta época do ano, a primavera pode cualificarse como seca, cun 17 % de precipitacións inferiores aos valores agardados para esa época do ano. As precipitacións dos meses de marzo e maio non lograron compensar a escaseza das do mes de abril, no cal as precipitacións foron un 83 % inferiores á media, polo que foi este mes o máis seco da serie histórica. Na provincia de Ourense e no sur da de Lugo é onde se deron os valores máis baixos de precipitacións.

As condicións que se deron no verán non fixeron máis que complicar a situación; así pódese cualificar esta como seca ou moi seca, cunhas precipitacións dun 27 % por debaixo dos valores agardados para esta época do ano, ademais localizadas en puntos concretos da nosa xeografía e asociadas a tormentas que non conseguiron compensar a escaseza de precipitacións.

Os valores máis baixos en canto a precipitacións rexistráronse principalmente nas comarcas de Verín e Viana e en moitas zonas do litoral atlántico, destacando a península do Morrazo e as rías de Arousa e Vigo, onde non se chegaron aos 40 L/m2.

Con esta situación, o día 1 de outubro de 2017 chégase a unha situación en que se produciu un empeoramento da situación do caudal dos ríos; a medida que nos situamos máis preto do sur de Galicia, tanto nas provincias de Pontevedra como na de Ourense, a repercusión da anomalía de precipitación é máis elevada, tendo un empeoramento progresivo.

Os indicadores de reserva nos encoros de abastecemento dos grandes sistemas manteñen a tendencia á baixa identificada nos meses anteriores cunha curva de descenso acusado no mes de setembro, quedando 90 días de reserva de auga no caso de que o nivel de entrada sexa nulo e se manteñan os niveis de desencoro mínimo establecidos.

Con esta situación, e decretada xa no mes de xuño a situación de seca prolongada na parte española da demarcación hidrográfica do Douro e na parte galega da demarcación hidrográfica do Cantábrico Occidental, procédese á declaración da alerta por seca en toda a demarcación da bacía hidrográfica do Miño-Sil e en seis sistemas da bacía hidrográfica de Galicia Costa: río Verdugo e ría de Vigo; río Lérez e ría de Pontevedra; río Xallas, costa da Coruña e ría de Corcubión; río Castro; ría da Coruña; e río Mandeo e ría de Betanzos.

Tendo en conta os danos apreciados, enténdese que se producirá un importante descenso na produción deste ano e unhas necesidades financeiras de carácter conxuntural e estrutural.

Nesta liña, convócanse as axudas do Igape, por proposta da Consellería do Medio Rural, ás explotacións agrarias de toda a Comunidade Autónoma de Galicia afectadas pola seca do ano 2017, co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura financeira.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán bonificables todas as operacións financeiras que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito. Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto de investimento que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, poidan levar adiante as empresas.

Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que as solicitudes de axuda financeira poidan ser atendidas coa debida dilixencia e en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan o contido e procedemento de tramitación de dúas liñas de financiamento bonificado dirixido ás explotacións agrarias de toda a Comunidade Autónoma de Galicia afectadas pola seca do ano 2017, co obxecto de adecuar e reforzar a súa estrutura financeira (procedemento IG110A).

Os apoios poderán materializarse a través de dúas liñas:

Liña 1: refinanciamento de pasivos.

Liña 2: apoio ao circulante.

Artigo 2. Beneficiarias

1. Poderán acceder ás liñas de financiamento previstas nestas bases as pequenas e medianas empresas, incluídos os autónomos, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño) da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, que desenvolvan unha actividade económica agraria.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as comunidades de bens, sociedades civís ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se encontren na situación que motiva a concesión da axuda. Neste caso deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberase nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle correspondan á agrupación. Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Neste caso, o préstamo deberá estar formalizado a nome da entidade e deberá ser asinado por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

2. Ademais do establecido no punto anterior, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Agrarias de Galicia (en diante, Reaga), con anterioridade á data da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

b) Ter localizada a explotación principal nunha zona declarada de alerta ou prealerta pola seca no ano 2017 nas demarcacións hidrográficas de Galicia Costa, Miño-Sil, Cantábrico Occidental e do Douro no momento da publicación desta convocatoria, o que se corresponde con todo o territorio de Galicia.

3. No caso que a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 recolla esta posibilidade, os solicitantes poderán acreditar o cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou non ser debedores por resolución de procedencia de reintegro mediante unha declaración responsable que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude.

Noutro caso a dita condición será acreditada mediante certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT e de pagamento coa Seguridade Social e coa Consellería de Facenda.

4. Ademais, deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cumprir coas obrigas do artigo 11 da citada lei de subvencións e non seren consideradas empresas en crise, de acordo coa definición de empresa en crise establecida no número 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da UE.

Artigo 3. Condicións das liñas de financiamento

1. Refinanciamento de pasivos.

Poderanse acoller a esta liña aquelas explotacións que formalicen un préstamo a longo prazo que se destine á cancelación, en todo ou en parte, de pasivos financeiros formalizados con entidades de crédito e con vencemento a curto ou medio prazo, co obxecto de alcanzar o equilibrio financeiro e acomodar os fluxos monetarios de entrada e saída e evitar, deste xeito, problemas de liquidez.

Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, entenderanse por pasivos financeiros refinanciables os seguintes:

a) Pólizas de préstamo ou contratos de leasing, con vencemento non superior a 3 anos a partir da data de solicitude da axuda do interesado.

b) Pólizas de crédito, con vencemento non superior a 3 anos a partir da data de solicitude da axuda do interesado.

c) Posicións bancarias debedoras, sempre que sexan consecuencia de non atender os vencementos de operacións financeiras das modalidades descritas nas alíneas a) e b) anteriores.

Non se considerarán pasivos refinanciables aqueles que tivesen calquera tipo de subvención encamiñada a mellorar as condicións financeiras respecto das normais de mercado.

2. Apoio ao circulante.

Poderanse acoller a este programa de apoio aquelas explotacións que formalicen un préstamo que se destine ao financiamento do seu activo corrente, entendendo como tal o pagamento de nóminas dos traballadores, tributos, Seguridade Social, alugamento, provedores, acredores por prestación de servizos e cotas de débedas bancarias a longo prazo e cotas de leasing que venzan durante o período de disposición do préstamo formalizado ao abeiro desta liña. En ningún caso se poderán aplicar a financiar investimentos en inmobilizado ou activos financeiros, nin á cancelación anticipada de pasivos bancarios.

Artigo 4. Características das operacións de préstamo

1. Liña de refinanciamento de pasivos.

a) Modalidade:

Préstamos.

b) Importe:

O importe mínimo atendible será de 3.000 €. O préstamo con dereito a subsidiación constituirao, como máximo, a suma do importe do capital vivo, na data de solicitude da axuda, dos préstamos e/ou contratos de leasing que se van cancelar e do importe nominal das pólizas de crédito.

c) Prazo:

Serán atendibles, para os efectos das axudas establecidas nestas bases, os préstamos formalizados a un prazo igual ou superior a 5 anos. Non se establece prazo máximo. Non obstante, a subsidiación calcularase para un préstamo teórico a 7 anos, incluída unha carencia dun máximo de 2 anos.

2. Liña de apoio ao circulante.

a) Modalidade:

Préstamos.

b) Importe:

O importe mínimo atendible será de 3.000 €. O préstamo con dereito a subsidicación constituirao, como máximo, a suma das débedas de circulante existentes na data da solicitude da axuda e daquelas que se xeren ata a data límite de disposición do préstamo segundo o establecido no artigo 13.

c) Prazo:

Serán atendibles, para os efectos das axudas establecidas nestas bases, os préstamos formalizados a un prazo igual ou superior a 3 anos e un máximo de 7 anos, incluída unha carencia dun máximo de 2 anos.

3. Os beneficiarios poderán solicitar unha das liñas ou as dúas, en función do límite máximo de axudas en réxime de minimis, de acordo co Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), que establece un límite máximo de 15.000 € a unha única empresa nun período de tres anos.

Artigo 5. Tipos de xuro e comisións

1. O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases poderá ser fixo ou variable.

No caso de tipo de xuro fixo, este será o que libremente pacten as partes, sen que en ningún caso poida exceder o 4 %. No caso de contar con aval dunha SGR, non poderá superar o 3 %.

No caso de tipo de xuro variable, o tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadir ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes, e o seu sistema de variación establécese do seguinte xeito:

Tipo de referencia: será o euríbor ao prazo de 6 meses. As revisións faranse semestralmente.

Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes, sen que en ningún caso poida exceder 3 puntos porcentuais sen aval de SGR e 2 puntos porcentuais, no caso de contar co aval da SGR.

O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadir ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes.

2. Se o euríbor ao prazo establecido deixase de determinarse, aplicarase o que legalmente o substitúa.

3. As comisións máximas que a entidade financeira poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

4. No caso de operacións avaladas por unha SGR, estas poderanlle cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de estudo, ata o 1 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e ata o 4 % do importe do financiamento avalado en concepto de cota social mutualista, que se aboará ao inicio da operación. Este importe será reembolsado ao cliente unha vez que remate a súa relación coa SGR.

5. A garantía a favor das entidades financeiras será a achegada pola prestameira ou, se é o caso, o aval da SGR adherida ao convenio, polo 100 % do risco.

Artigo 6. Axuda do Igape, compatibilidade e límite

1. A axuda financeira do Igape poderá consistir nos seguintes apoios:

a) Bonificación do tipo de xuro nominal das operacións de préstamo acollidas a estas bases, de tal xeito que o tipo de xuro sexa cero para o beneficiario. No caso de préstamos a tipo de xuro fixo, a bonificación corresponderase co tipo de xuro establecido para toda a vida do préstamo. No caso de préstamos a tipo de xuro variable, a bonificación corresponderase co tipo de xuro establecido para o primeiro período semestral.

b) Axudas en forma de garantía: no caso de contar co aval dunha SGR, o Igape compensará o custo da comisión do aval financeiro prestado pola SGR.

2. A axuda financeira que se conceda, tanto a bonificación ao tipo de xuro como, se é o caso, a compensación da comisión de aval da SGR, calcularase do seguinte xeito:

a) Calcularanse os valores absolutos das bonificacións que se percibirán durante o período teórico de vixencia do préstamo, incluído, se é o caso, o período de carencia. Tomarase como base para o cálculo o 100 % da operación formalizada e como base da liquidación o ano comercial (360 días).

b) Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da formalización da operación financeira.

c) No caso de que a operación fose formalizada a un prazo superior a 7 anos, a bonificación e compensación da comisión de aval da SGR calcularase de xeito teórico, como se fose a 7 anos, incluída a carencia.

3. Compatibilidade.

A concesión das axudas destas bases queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, a da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberáselle comunicar ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda e no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

4. Límites.

As axudas financeiras que se concedan ao abeiro destas bases terán a consideración de axuda de minimis. O importe da axuda financeira determinarase aplicando os criterios establecidos nos puntos anteriores. Non obstante, o dito importe limitarase, se for o caso, en función do límite máximo de axudas en réxime de minimis, de acordo co Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), que establece un límite máximo de 15.000 € a unha única empresa nun período de tres anos.

Artigo 7. Tramitación das solicitudes

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo dos requisitos para ser beneficiario, dos danos causados polas secas e da súa cuantificación, así como da operación financeira a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE), que identificará univocamente a solicitude de axuda. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Unha vez xerada a solicitude, deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Considérase que todos os solicitantes, ao exercer unha actividade económica, dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, con indicación dos 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación con que se actúa.

b) No caso de persoas xurídicas, escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se encontre en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderalle requirir ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

De conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados neste artigo. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberase xerar con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

3. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente.

4. Unha vez rexistrada a solicitude, o Igape remitiralla á entidade financeira e, de ser o caso, á SGR, a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es).

Para estes efectos, as entidades colaboradoras terán que acreditar a súa solvencia técnica para acceder e xestionar a extranet de entidades colaboradoras, de acordo co establecido no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (DOG núm. 241, do 17 de decembro).

5. As solicitudes de comunicación sobre a concesión da operación polas entidades de crédito ao Igape presentaranse a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). Esta vía electrónica será obrigatoria. O Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio asinado para o efecto.

A autorización de acceso á extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as entidades financeiras teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a notificación do anexo II, que se deberá presentar a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, xunto coa copia do poder da persoa representante da entidade.

6. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os datos exixidos nestas bases, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento se emende a falta, con indicación de que, no caso contrario, se dará por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

7. Dentro dos 5 días hábiles seguintes á comunicación de concesión da operación ao Igape, por parte da entidade financeira, a SGR deberá manifestar, se é o caso, a súa posición a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). Posteriormente, o Igape comunicará, a través desta mesma canle á SGR correspondente e á entidade financeira, a validación dos requisitos da solicitude da axuda financeira. A dita comunicación autoriza a formalización da operación financeira, sen que a dita remisión supoña recoñecemento do dereito do solicitante a percibir finalmente a axuda.

No caso de non recibir resposta da entidade financeira ou, se é o caso, da SGR nos prazos establecidos, ordenarase o arquivamento do expediente.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante. 

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Resolución

1. Unha vez recibida a solicitude e, se é o caso, que a SGR formule a súa posición, a solicitude será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á operación declarados no formulario anexo a ela e solicitará informe á Consellería do Medio Rural respecto do cumprimento dos requisitos de beneficiario, establecidos no artigo 2.2 das presentes bases. Unha vez avaliada a solicitude e logo de informe favorable da Consellería do Medio Rural, a persoa titular da Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección.

2. Na resolución de concesión farase constar o importe do préstamo e os seus destinos concretos, a entidade financeira prestamista, o prazo de vixencia e carencia, o importe da axuda financeira e, se é o caso, a SGR avalista.

3. Na resolución denegatoria farase constar o motivo da denegación. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia.

4. De acordo coas características do programa, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape e ata esgotarse a dispoñibilidade orzamentaria aprobada, circunstancia que se publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia e páxina web do Igape www.igape.es. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de posteriores solicitudes.

Artigo 10. Notificación, silencio administrativo e recursos

1. O Igape notificaralle ao solicitante e comunicaralles á entidade financeira e á SGR, se é o caso, a concesión ou denegación da operación, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. A notificación efectuarase só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace de tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o Igape efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de dous meses desde a data de presentación da solicitude de axuda no Igape. O dito prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Transcorrido tal prazo sen que se notifique a resolución expresa, poderase entender rexeitada.

3. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Potestativamente, poderase interpor recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, se fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Será causa de denegación da operación a desestimación por parte da SGR, se é o caso, da súa posición respecto á aprobación da operación, sen prexuízo da posibilidade do solicitante de reiterar a súa solicitude.

Artigo 11. Publicación

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas se puidesen impor, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades financeiras e ás SGR para os efectos da formalización da operación, e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as axudas concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia, expresando a norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da axuda, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das axudas concedidas na páxina web do Igape.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

4. Segundo o establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, os beneficiarios están obrigados a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da lei. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da dita lei.

Artigo 12. Formalización da operación financeira

1. Unha vez recibida a solicitude no Igape, este poderá autorizar a formalización da operación financeira, previamente á resolución de concesión. A dita autorización comunicaráselle á entidade financeira e á SGR, se é o caso, a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es), de acordo co establecido no artigo 9 das presentes bases.

a) A formalización do préstamo antes da resolución de concesión non implica o recoñecemento de ningún dereito ou cualificación do expediente respecto á axuda solicitada.

b) No contrato de préstamo formalizado anticipadamente de acordo co previsto na alínea anterior deberanse mencionar, polo menos, os seguintes aspectos: que se presentou a solicitude de axuda financeira no Igape, con indicación da data de rexistro de entrada neste instituto, e que o préstamo quedará acollido ás axudas establecidas nas presentes bases nos termos e condicións establecidos na resolución de concesión que, no seu día, se dite. Ademais, o contrato deberá indicar as condicións financeiras, non suxeitas a estas bases, para o caso de que o Igape resolva denegatoriamente.

c) No suposto de que a resolución de concesión que, se é o caso, se dite recolla unhas condicións diferentes das indicadas na autorización de formalización anticipada, deberase incluír un anexo ao documento de préstamo, intervido por fedatario público, en que se fagan constar as características establecidas na dita resolución.

2. Se o préstamo se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, deberá recoller a mención de estar acollido ás axudas previstas nestas bases.

3. O prazo máximo para formalizar do préstamo ou, se é o caso, adaptación da póliza ás condicións da resolución de concesión do Igape será de dous meses, contados desde o día seguinte á data de notificación da concesión ao beneficiario.

Finalizado o dito prazo sen que se formalizase ou adaptase, considerarase que o solicitante renuncia á axuda concedida e ordenarase o arquivamento do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste, presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape autorice a dita prórroga.

Artigo 13. Disposicións

Disporase dos fondos do préstamo para os destinos previstos no artigo 3 das presentes bases e especificados na resolución de concesión.

A disposición dos fondos do préstamo deberase efectuarse desde a data de formalización da operación e sempre con anterioridade ao 31 de agosto de 2018 ou á data da primeira amortización do préstamo subsidiado, se fose anterior.

Se existisen fondos pendentes de utilizar unha vez transcorrido o dito período, deberanse destinar a amortizar o principal do préstamo.

As amortizacións que se fagan por este motivo non se penalizarán, aínda que suporán un recálculo da subvención inicialmente concedida. Neste caso, a entidade financeira non poderá cobrar comisión ningunha pola amortización anticipada do principal do préstamo.

Artigo 14. Pagamento da axuda financeira

1. Para facer efectivo o pagamento da axuda, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento, no prazo máximo de 15 días hábiles desde a disposición total do préstamo.

2. Para iso deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación informática establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL), que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente.

3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo III a estas bases, no cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento realizado para o efecto.

4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá presentar a solicitude por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo III), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.5 destas bases. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo beneficiario, para o cal poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

5. Coa dita solicitude deberá presentar a seguinte documentación:

a) Para calquera das liñas:

Póliza ou escritura de préstamo.

b) Para o programa de refinanciamento de pasivos:

1º. Pólizas, contratos ou escrituras correspondentes ás operacións canceladas.

2º. Certificación bancaria da cancelación total ou parcial destas e, se é o caso, da amortización anticipada do importe correspondente á diferenza entre o préstamo formalizado e o importe das cancelacións, como consecuencia do desfasamento temporal entre a solicitude e a formalización ou respecto do saldo vivo das pólizas de crédito.

No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

c) Para o programa de apoio ao circulante, o sistema de xustificación será a conta xustificativa simplificada establecida no artigo 51 do Decreto 11/2009, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia (por tratarse de axudas por importe inferior a 30.000 €). No formulario de liquidación solicitaranse os datos e a información necesarios para a súa composición, establecidos no citado artigo, que son:

1º. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como a acreditación, de ser o caso, do disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

2º. Unha relación clasificada das partidas de circulante ás cales se destinou o préstamo, con identificación do acredor e do documento, do seu importe, da data de emisión e da data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue de acordo cun orzamento estimado, indicaranse as desviacións producidas.

3º. Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

4º. Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

O Igape poderá requirirlle ao beneficiario a remisión dos xustificantes das finalidades do préstamo bonificado seleccionados con base en técnicas de mostraxe. Para estes efectos, o Igape comprobará un mínimo do 10 % dos expedientes con subvención bruta equivalente aprobados por importe ata 6.000 € e un mínimo do 20 % dos expedientes con axudas aprobadas por importe superior a 6.000 € e ata 15.000 €.

Porén, cando das comprobacións realizadas non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, o Igape procederá a requirirlles aos beneficiarios a totalidade dos documentos xustificativos.

6. O Igape revisará a documentación xustificativa e poderalle solicitar ao beneficiario, á entidade de crédito ou, se é o caso, á SGR calquera documentación e información adicional que considere oportuna para os efectos dunha correcta análise da xustificación da realización do proxecto.

7. Unha vez verificada a documentación achegada, o Igape procederá ao pagamento da axuda financeira na conta designada polo beneficiario no formulario de solicitude da axuda. A axuda terá que destinarse á amortización anticipada do principal da operación financeira, polo que, unha vez aplicada, a entidade financeira ou o titular deberá presentar no Igape, no prazo de 30 días, certificación acreditativa da amortización do principal na contía aboada.

En calquera caso, o réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Cando o beneficiario da axuda poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da axuda, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 16 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da axuda poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Información periódica e custodia da documentación

1. As SGR remitirán mensualmente ao Igape unha relación dos avais en vigor outorgados ao abeiro destas bases reguladoras e detallarán polo menos, para cada un deles, os seguintes datos: beneficiario, importe formalizado, risco en vigor, risco avalado por CERSA e, se é o caso, risco avalado por outras entidades, importe incurso en morosidade, provisións dotadas e, de ser o caso, importe considerado falido.

2. As SGR terán que custodiar e ter á disposición do Igape toda a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos necesarios para a concesión da axuda, a que reflicta as incidencias sobrevidas nas operacións bonificadas e a especialmente establecida nestas bases, durante un período de cinco anos desde a súa cancelación.

Artigo 16. Modificacións

1. O beneficiario queda obrigado a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

2. O beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución, con carácter previo á formalización da operación. Unha vez formalizada a operación, só se admitirán solicitudes relativas ao troco de titularidade. No caso de que a modificación afecte os datos declarados no formulario, deberá cubrir previamente un novo formulario na aplicación informática e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación, que se dirixirá á persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

3. A persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección, poderá acordar as modificacións da resolución relativas ao importe e características do préstamo atendible e á titularidade, tidas en conta para a concesión da axuda, sempre que a modificación non prexudique terceiros e os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

O cambio de beneficiario deberase acreditar documentalmente, así como a subrogación na totalidade dos dereitos e obrigas derivados do proxecto subvencionado e especificamente da operación subsidiada. Presentarase a solicitude asinada polo novo titular, xunto co consentimento do anterior beneficiario.

En ningún caso a resolución de modificación implicará aumentar a contía da subvención inicialmente aprobada.

4. No caso de modificacións da operación financeira, unha vez formalizada e que supoñan unha mellora solicitada pola empresa (carencia intermedia, diferencial, etc.), poderase levar a cabo sen autorización previa do Igape. Non obstante, a entidade financeira deberá comunicala. As ditas modificacións non suporán, en ningún caso, a revisión á alza das axudas concedidas.

5. A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou á súa revogación, no caso de que os ditos cambios supoñan o incumprimento dos requisitos establecidos para os proxectos ou beneficiario.

6. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 17. Reintegros, incumprimentos e sancións

1. Procederá o reintegro por parte do beneficiario das axudas financeiras xunto cos xuros de demora xerados desde o pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento parcial:

Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e debe resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

1º. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base de cálculo da axuda, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados inicialmente. Se for o caso, deberaranse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % do proxecto financiado, entenderase que o dito incumprimento é total e deben reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

2º. Non manter a vixencia do préstamo bonificado durante o período inicialmente establecido na escritura de formalización suporá o reintegro do importe correspondente á seguinte gradación:

Se se amortizase totalmente o préstamo durante o primeiro cuarto da vida do préstamo, suporía a devolución do 90 % da axuda.

Se se amortizase totalmente o préstamo durante o segundo cuarto da vida do préstamo, suporía a devolución do 40 % da axuda.

Se se amortizase totalmente o préstamo durante o terceiro cuarto da vida do préstamo, suporía a devolución do 20 % da axuda.

b) Incumprimento total:

1º. Con carácter xeral, se o incumprimento nos destinos do préstamo supón un importe de préstamo atendible inferior ao mínimo establecido nestas bases reguladoras, deberanse reintegrar todas as cantidades aboadas en concepto de compoñente de axuda financeira e os seus xuros de demora.

2º. Obter a axuda sen reunir as condicións requiridas nas bases reguladoras.

3º. Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou Consello de Contas.

2. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e será competente para a súa resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

3. Sen prexuízo do establecido nos números anteriores, os beneficiarios e entidades financeiras e SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño) e no título VI do seu regulamento.

Artigo 18. Modificación das condicións financeiras e comisións de aval en caso de incumprimento

As entidades financeiras e as SGR poderán pactar nas correspondentes pólizas e contratos de garantía que sexan de aplicación diferentes condicións ás estipuladas nestas bases, no suposto de que o Igape resolva o incumprimento de condicións do prestameiro.

Artigo 19. Control

Tanto as entidades financeiras como as SGR adheridas e os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúe o Igape ou os órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 20. Adhesión mediante convenio de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca colaboradoras

1. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración no cal se regulen os compromisos das partes a todas aquelas entidades financeiras e SGR que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se prestaron servizos financeiros ás pequenas e medianas empresas durante os últimos tres anos e se comprometen a desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, por todos os medios dispoñibles, humanos e técnicos, para facilitarlle o acceso a esta liña de financiamento), colaborasen co Instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión todas aquelas entidades financeiras e SGR acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio asinado para o efecto, nestas bases e nos seus anexos.

As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, asumindo as obrigas do artigo 12 do citado texto legal.

2. A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades suficientes, da declaración que se xunta como anexo IV a estas bases, que se deberá presentar a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. O Igape dará conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

3. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo V a estas bases.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Beneficiarios-terceiros, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, que, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poida ser necesario achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V
Relación de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca adheridas

Liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións agrarias de toda a Comunidade Autónoma de Galicia afectadas pola seca do ano 2017

Caixas

Bancos

SGR

– Caixa Rural Galega, Sociedade Cooperativa de Crédito Limitada Galega

– Abanca Corporación Bancaria, S.A.

– Bando de Sabadell, S.A.

– Bankinter, S.A.

– Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.

– Banco Pastor, S.A.U.

– Banco Popular, S.A.

– Banco Caixa Geral, S.A.

– Afianzamientos de Galicia, Sociedad de Garantía Recíproca (Afigal, SGR)

– Sociedad de Garantía Recíproca de la Pequeña y Mediana Empresa de Pontevedra y Ourense (Sogarpo, SGR)