Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2018 Páx. 11247

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Reforzo da Coruña

EDICTO de notificación do auto de aclaración de sentenza (DSP 552/2017).

Eu, Marta Yanguas del Valle, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de reforzo da Coruña, fago saber que no procedemento despedimento/cesamentos en xeral 552/2017 deste xulgado do social, seguido por instancia de Adrián Lorenzo Oliart Farfan contra Taberna El Gallinero, S.L., Fogasa, sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

Xuíz: Javier López Cotelo.

Procedemento: despedimento número 552/2017.

Demandante: Adrián Lorenzo Oliart Farfan.

Letrado: Felipe Carlos Martínez Ramonde.

Demandada: Taberna el Gallinero, S.L.

Letrado: Fogasa.

Auto.

A Coruña, 25 de xaneiro de 2017.

Único. Nos presentes autos ditouse sentenza o 11 de xaneiro de 2018. A parte demandante presenta escrito co fin de que se aclare e complemente a sentenza.

Fundamentos de dereito.

Único. Efectivamente, ao abeiro dos artigos 214 e 215 da LAC, débese dar cumprimento ao solicitado pola parte, xa que este xulgador omitiu involuntariamente, por esquecemento, a resolución da acción de reclamación de cantidade acumulada á de impugnación de despedimento. Así se desprende da demanda –que demostra que se exerce tal acción de reclamación de cantidade–, así como da declaración de feitos probados que constan na sentenza que determina que este xulgador si analizou a proba tendente a valorar se existía esa débeda que se reclamaba ou non. Porén, na fundamentación xurídica e decisión omitiuse involuntariamente a análise e resolución de tal pretensión, omisión de pretensión exercida, por tanto, que determina e xustifica o complemento da sentenza nos seguintes termos:

É por isto que se debe completar a sentenza, na súa fundamentación xurídica, ao final do último fundamento de dereito debe sinalarse que “en canto á acción de reclamación de cantidade acumulada esta debe estimarse ao non acreditar a demandada o aboamento das cantidades reclamadas cando tiña a carga probatoria de facelo conforme o artigo 217 da LAC, polo que debe ser condenada ao seu aboamento á parte demandante”.

E na decisión, onde se debe completar cun número 3º que diga “3º. Estimo a acción de reclamación de cantidade promovida polo demandante fronte á demandada e condeno esta a aboarlle ao primeiro a suma de 696,01 euros en concepto de salarios e vacacións non desfrutadas”.

Parte dispositiva.

Procede o complemento da sentenza ditada no presente procedemento nos termos recollidos neste auto.

Contra esta resolución non cabe ningún recurso.

Así o pronuncio, mando e asino».

Para que sirva de notificación en legal forma a Taberna El Gallinero, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 25 de xaneiro de 2018

A letrada da Administración de xustiza