Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2018 Páx. 11223

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2018 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, na categoría de técnico especialista de servizos xerais, grupo III.

De acordo co disposto na Resolución reitoral do 7 de decembro de 2016 (DOG núm. 238, do 15 de decembro), pola que se aproba a oferta pública de emprego para o ano 2016 do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo,

Esta reitoría, en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e polos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro (DOG núm. 21, do 2 de febreiro), do Goberno da Xunta de Galicia, resolveu convocar proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, na categoría de técnico especialista de servizos xerais, con suxeición ás seguintes

Bases

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir, mediante contrato en réxime laboral de natureza fixa, catro prazas de técnico/a especialista de servizos xerais, do grupo III, polo sistema de promoción interna.

1.2. O procedemento de selección será o de concurso oposición e constará das fases, probas e cualificacións que se especifican no anexo I. O programa que rexerá a fase de oposición é o que se relaciona no anexo II.

1.3. Este proceso selectivo axustarase ao disposto no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido do Estatuto básico do empregado público; na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e demais normas concordantes, así como ao disposto no II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo e o disposto nesta convocatoria.

2. Requisitos de participación.

Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír todos os requisitos exixidos nesta base na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata a sinatura do correspondente contrato:

a) Ter a condición de persoal laboral fixo da Universidade de Vigo, estar nela prestando servizos ou en excedencia por coidado de fillo ou familiares e pertencer a unha categoría profesional distinta á da praza obxecto da presente convocatoria.

b) Ter cumpridos os 16 anos.

c) Estar en posesión do título de bacharel, ciclo formativo de grao medio ou equivalente. As titulacións obtidas no estranxeiro deberanse acreditar mediante homologación do correspondente título.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado/a ou estar suspendido/a do servizo de calquera Administración pública nin inhabilitado/a para o desempeño da función pública por sentenza firme.

3. Solicitudes.

3.1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ben nos rexistros da Universidade de Vigo, ben consonte o previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3.2. Para tomar parte nestas probas selectivas deberase presentar unha instancia no modelo oficial que deberá ser cuberta, a través da páxina electrónica, no seguinte enderezo: http://persoal.uvigo.es/persoal_gl/PAS/emprego/convocatorias/Solicitude de admisión en probas selectivas. Haberá que cubrila seguindo as indicacións que figuran nesta mesma base, cubrindo todos os campos obrigatorios, validándoos e confirmándoos. A aplicación informática asignará a cada instancia un número de referencia identificativo único.

Unha vez cuberta a instancia, imprimiranse dous exemplares que deberán ser asinados polo/a solicitante e presentados perante o/a reitor/a da Universidade de Vigo, consonte se regula no número 3.1.

3.3. Ata a data de remate do prazo de reclamacións contra a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, pero referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, poderanse acreditar os méritos alegados do seguinte xeito:

a) Os servizos prestados na Universidade de Vigo acreditaranse mediante certificación expedida de oficio polo Servizo de Persoal de Administración e Servizos.

b) A formación acreditarase mediante a presentación de copia dos títulos e diplomas correspondentes, ou certificación do órgano competente de estar en condicións de obtelos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Deberán indicar a duración e o programa.

3.4. Ao cubrir a solicitude deberá indicar:

a) O sistema de ingreso polo cal solicita acceder: promoción interna.

b) Se padece algunha discapacidade, poderá solicitar as adaptacións de tempos e medios que considere necesarias para a realización das probas; para este fin, o ditame médico deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas.

c) O interese en formar parte dunha lista de espera para futuras necesidades de contratación temporal en prazas desta categoría. De non indicalo expresamente, considerarase que non desexa figurar nela.

3.5. Os erros de feito que se poidan advertir poderanse emendar, en calquera momento, de oficio ou por pedimento do/a interesado. Os/as aspirantes quedan vinculados/as aos datos que fixesen constar nas súas solicitudes e poderán unicamente demandar a súa modificación, mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4. Transcorrido este prazo, non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola Universidade.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes, o/a reitor/a da Universidade de Vigo ditará resolución que se publicará na páxina electrónica http://persoal.uvigo.es/persoal_gl/PAS/emprego/convocatorias/index.html e no taboleiro de anuncios do Rexistro Xeral (Edificio da Xerencia), en que se declara aprobada a relación provisional de aspirantes admitidos/as e excluídos/as, con expresión das causas que motivaron a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

4.2. A estimación ou desestimación das ditas peticións de corrección entenderanse implícitas nunha nova resolución que se publicará nos mesmos lugares, aprobando a relación definitiva de aspirantes admitidas/os e excluídas/os.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño) e a seguinte composición:

– Titular.

Presidente: Manuel Fernández Jauregui, xerente da Universidade de Vigo.

Vogais:

Miguel Iglesias van der Woude, técnico especialista de servizos xerais da Universidade de Vigo.

José Manuel González Piñeiro, técnico especialista de servizos xerais da Universidade de Vigo.

Lucrecia Mª López Rubianes, técnica especialista de servizos xerais da Universidade de Vigo.

Secretaria: Margarita Cabaleiro Soto, escala de xestión da Universidade de Vigo.

– Suplente.

Presidenta: María Dolores Ojea Troncoso, escala técnica de xestión da Universidade de Vigo.

Vogais:

Guillermo de Oca Cancela, técnico especialista de servizos xerais da Universidade de Vigo.

Marcos Estévez Orge, técnico especialista de bibliotecas da Universidade de Vigo.

Manuel López Iglesias, Técnico Especialista de Servizos Xerais da Universidade de Vigo.

Secretario: José Antonio Rodiño Lores, técnico especialista de servizos xerais da Universidade de Vigo.

5.2. Os/as membros do tribunal deberanse abster de intervir, e deberanllo notificar ao/á reitor/a da universidade, cando concorran neles/as circunstancias das previstas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se participasen en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria. Neste sentido, a Presidencia solicitaralles aos/ás integrantes declaración expresa de non estar incursos/as nas circunstancias previstas na lei. Pola súa parte, os/as aspirantes poderán recusalos/as cando concorran as circunstancias citadas.

5.3. Logo da convocatoria da Presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia do/a presidente/a e do/a secretario/a ou, de ser o caso, de quen os/as substitúa, e a metade, polo menos, dos/das membros. Nesta sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. Para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopcións de acordos, requirirase a asistencia dos/as membros do tribunal especificados/as no punto anterior.

5.5. O tribunal resolverá as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ao disposto na Lei 40/2015.

5.6. O tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas, cuxo labor se limitará a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación correspóndelle ao/á reitor/a, que a publicará, e seralles de aplicación o previsto na base 5.2. Deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida aos/ás candidatos/as.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os/as aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ao resto dos/as aspirantes. Para as persoas con discapacidades que soliciten na forma prevista na base 3.4, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios. Para tal efecto, o tribunal poderá solicitar xustificación documental dos/as aspirantes e os informes sanitarios ou técnicos correspondentes.

5.8. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes e excluirá aqueles/as opositores/as que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.9. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da Universidade de Vigo, Campus Universitario. Teléfono 986 81 35 79 (Servizo de Persoal de Administración e Servizos. Edificio da Xerencia).

5.10. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superrou o concurso-oposición un número superior de aspirantes aos das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados/as que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra G, de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 17 de xaneiro de 2018 (DOG do 26 de xaneiro).

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento o tribunal poderá requirirlles que acrediten a súa identidade.

6.3. O primeiro exercicio realizarase a partir da segunda quincena de maio de 2018 e publicarase a data exacta coa resolución que aprobe a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se realizase o anterior e nos lugares indicados na base 4.1, con 48 horas de antelación, polo menos, á data sinalada para o seu inicio.

6.4. Tras cada exercicio os/as aspirantes poderán levar os cuestionarios e nas probas tipo test o tribunal publicará as respostas correctas no enderezo electrónico antes sinalado.

6.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algún/unha dos/as aspirantes carece dos requisitos exixidos nesta convocatoria, logo da audiencia ao/á interesado/a, deberá propoñer a súa exclusión ao/á reitor/a da Universidade de Vigo e comunicarlle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

7. Relación de aprobados/as.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares da súa realización e nos indicados na base 4.1 a relación de aspirantes que os superasen con indicación da puntuación obtida e do nome.

7.2. Os/as aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da realización do primeiro exercicio, para presentaren reclamacións contra as preguntas. Así mesmo, disporán de cinco (5) días hábiles para reclamaren contra as puntuacións do exercicio correspondente, contados a partir do seguinte ao da respectiva publicación.

7.3. Rematada a fase de oposición, e para os/as aspirantes que a superen, o tribunal fará públicos os puntos obtidos na fase de concurso, que en ningún caso se poderán sumar para os efectos de superar os exercicios da oposición. Disporase dun prazo de tres (3) días hábiles, contados desde a súa publicación, para reclamar contra as puntuacións da fase de concurso.

A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e de concurso. Os empates resolveranse consonte os seguintes criterios: terá preferencia o/a candidato/a con maior puntuación no conxunto da fase de oposición; a continuación, o/a que obteña a maior puntuación no segundo exercicio da fase de oposición, no primeiro, no conxunto da fase de concurso, e en cada unha das súas epígrafes na orde en que se relacionen; finalmente, resolverase por sorteo entre os/as aspirantes igualados/as.

7.4. Resoltas as reclamacións, o/a presidente do tribunal elevará ao reitor/a a relación definitiva cos/coas aspirantes aprobados/as, na cal constarán as cualificacións da fase de concurso e de cada un dos exercicios da fase de oposición e a suma total. Esta relación non poderá conter un número de candidatos/as superior ao das prazas convocadas. Non obstante o anterior, co obxectivo de asegurar a cobertura das prazas, o órgano que convoca poderá requirirlle ao órgano de selección unha relación cos/as candidatos/as que sigan o/a proposto/a.

7.5. Coa finalidade de configurar a correspondente lista de espera, unha vez rematado o proceso selectivo e para os/as candidatos/as que así o indicasen na súa solicitude de participación, o tribunal valorará os méritos da fase de concurso de todos os/as aspirantes que superasen, polo menos, un dos exercicios obrigatorios da fase de oposición, elaborando e remitindo á Xerencia unha relación con todos eles/as, ordenados/as segundo a puntuación final obtida da suma de ambas as fases.

8. Incorporación.

8.1. Quen alegue unha discapacidade para os efectos previstos nestas bases disporá de vinte (20) días naturais, a partir do día seguinte ao de publicación da resolución final, para presentar un certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectada por limitación física ou psíquica que sexa incompatible coas funcións da categoría.

8.2. A elección de destinos realizarase considerando o pedimento dos/as aspirantes e a súa orde na proposta de adxudicación.

8.3. Os/as aspirantes seleccionados/as deberán superar satisfactoriamente un período de proba dun mes, de conformidade co previsto no II Convenio colectivo para o persoal laboral da Universidade de Vigo e no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro (BOE do 24 de outubro), polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

9. Norma derradeira.

9.1. Con independencia dos lugares en que regulamentariamente se deban publicar, tanto a convocatoria como os actos e acordos que integren este proceso selectivo se publicarán na páxina electrónica do Servizo de PAS da Universidade de Vigo: http://persoal.uvigo.es/persoal_gl/PAS/emprego/convocatorias/. Telefonicamente poderase obter información e realizar consultas a través do negociado (986 81 35 79).

9.2. De acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD), os datos indicados na solicitude pasarán a formar parte do ficheiro de persoal, modificado mediante a Resolución reitoral do 9 de febreiro de 2009 (DOG do 6 e do 12 de marzo), que ten por finalidade a xestión do persoal da Universidade de Vigo. O ficheiro está baixo a responsabilidade da Xerencia. Coa súa participación neste proceso selectivo as persoas interesadas autorizan a Universidade de Vigo para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza deste procedemento de concorrencia competitiva. Así mesmo, poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, en cumprimento do que establece a LOPD, ante a Secretaría Xeral da Universidade de Vigo (Campus das Lagoas-Marcosende, 36310 Vigo).

9.3. Esta convocatoria e as súas bases vinculan a Administración, o tribunal encargado de xulgar as probas e os/as que participen nelas.

A convocatoria e cantos actos administrativos deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas. Ademais, a Universidade de Vigo poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 14 de febreiro de 2018

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I
Exercicios e valoración

A) Fase de oposición.

A fase de oposición estará constituída polos seguintes exercicios:

Primeiro. Consistirá na realización por escrito dun cuestionario tipo test, constituído por 80 preguntas e con catro respostas alternativas, das cales só unha será correcta. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. O tribunal incluirá 5 preguntas de reserva. O tempo máximo de realización será de 100 minutos. Terá carácter obrigatorio e eliminatorio. Cualificarase cun máximo de 35 puntos e será necesario obter 17,5 puntos para superalo.

Segundo. Tratarase dun exercicio práctico consistente, ben en desenvolver por escrito un ou varios supostos prácticos para o cal se disporá de 90 minutos, ou ben en responder un cuestionario tipo test no cal cada resposta errónea deste descontará o 25 % do valor da resposta correcta e para o cal se disporá de 90 minutos. Terá carácter obrigatorio e eliminatorio. Cualificarase cun máximo de 50 puntos e será necesario obter 25 puntos para superalo.

B) Fase de concurso.

1. Antigüidade na Universidade de Vigo: ata un máximo de 10 puntos, a razón de 0,105 por mes completo traballado. Valoraranse os servizos prestados en calquera categoría de persoal laboral incluída na clasificación do II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, ou categorías extinguidas por transformación e/ou promoción.

2. Formación: ata un máximo de 5 puntos. Valorarase a formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais superiores ao exixido pola convocatoria ou afíns.

Duración

Puntuación

De 30 horas a 99 horas

1 punto

De 100 horas a 249 horas

2 puntos

De 250 horas a 499 horas

3 puntos

Igual ou superior a 500 horas

4 puntos

Os cursos cunha duración menor de 30 horas non se tomarán en consideración agás que a suma deles sexa igual ou superior a 30 horas, recibindo polo conxunto un máximo de 1 punto.

Considerarase que a formación está directamente relacionada coa categoría se o seu contido se refire directamente aos temas que configuran o programa (anexo II). Esta mesma consideración recibirán os cursos de galego.

ANEXO II
Programa

1. Funcións dos técnicos especialistas en servizos xerais e dos auxiliares técnicos en servizos xerais.

2. Instalacións básicas. Accións básicas sobre instalacións especiais: instalación de iluminación, carpintaría, fontanaría, calefacción e albanelaría. Ferramentas manuais: aparellos de medición, unidades de medida, terminoloxía e simboloxía usadas nas instalacións de: electricidade, fontanaría, iluminación, albanelaría e carpintaría. Manexo e conservación das ferramentas.

3. Mantemento de edificios I. Instalacións eléctricas. Elementos. Guía técnica de aplicación do Regulamento electrotécnico para baixa tensión (RD 842/2002, do 2 de agosto). Instalacións de enlace, aspectos xerais: caixa xeral de protección: localización e instalación, tipos e características; liña xeral de alimentación: definición e instalación; derivacións individuais: definición e instalación; dispositivos xerais e individuais de mando e protección, interruptor de control e potencia: situación, composición e características dos cadros, características principais dos dispositivos de protección. Instalacións interiores ou receptoras: campo de aplicación; prescricións de carácter xeral; instalacións interiores en locais que conteñen bañeira ou ducha; instalacións en locais de pública concorrencia.

4. Mantemento de edificios II.

– Instalacións de fontanaría e saneamento: elementos; código técnico de edificación (RD 314/2006, do 17 de marzo); documento básico de salubridade: HS 4-subministración de auga (agás número 5, referido a construción e execución de obra) e HS5-evacuación de agua (agás número 5, relativo a construción).

– Calefacción: salas de caldeiras, compoñentes e a súa función; a presión manométrica da instalación; comprobación de valores adecuados e de niveis de combustible; purgadores automáticos; comprobación dos termóstatos das caldeiras; identificación dos bloqueos dos queimadores e procedemento para desbloquealos; control de funcionamento de bombas; radiadores: funcionamento segundo a posición de entrada e saída da auga e formas de purga.

– Mantemento de edificios: pavimentos e pisos, paramentos (paredes e teitos), cubertas e terrazas, e pintura.

5. Control e seguridade de edificios. Control de edificios públicos: protección e control contra intrusos; sistemas de alarma; recepción e saída de paquetes e correspondencia, servizos de correo interno e externo. Evacuación de edificios de acceso público: medidas de protección contra incendios e de evacuación; Regulamento de instalacións de protección contra incendios (RD 513/2017, do 22 maio). Conceptos básicos de socorrismo e primeiros auxilios. Mantemento de caixas de primeiros auxilios.

6. Seguridade e saúde laboral. Disposicións mínimas en materia de sinalización de seguridade e saúde no traballo (RD 485/1997, do 14 de abril). Disposicións de seguridade e saúde nos lugares de traballo (RD 486/1997, do 14 de abril). Disposicións mínimas de seguridade e saúde no traballo relativas á utilización polos traballadores de equipamentos de protección individual (RD 773/1997, do 30 de maio). Normativa propia da Universidade de Vigo en materia de manexo manual de cargas, de actuación en caso de accidente e de xestión de caixas de urxencias.

7. Atención e información ao público. Información oral, presencial e escrita. Os dereitos dos cidadáns á información. Información da Universidade de Vigo na súa web. A comunicación: elementos; comunicación eficaz e obstáculos; obxectivos da comunicación.

8. Organización do traballo. Traballo en equipo. Planificación e organización do traballo. A xestión do tempo. Comunicación no equipo. Conflitos e resolución. Organización de reunións. Regulación e xestión, na Universidade de Vigo, da xornada, control de asistencia, vacacións e permisos por asuntos particulares.

9. Operacións básicas co procesador de textos Word (Office 2013): crear, abrir, imprimir, gardar os datos, escribir e desprazarse polo documento, seleccionar texto, formatos de texto, modificar e ordenar texto, revisar ortografía, aspecto da páxina, táboas. Coñecementos básicos sobre o uso e mantemento de medios audiovisuais e tipos de novas tecnoloxías nos centros e servizos. Tipos de cables e conexións.

10. A igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na Universidade de Vigo: o segundo Plan de igualdade e o Protocolo marco de actuación para a prevención e sanción do acoso sexual e por razón de sexo.

11. A Lei de protección de datos de carácter persoal: obxecto e ámbito. Principios e dereitos de acceso.